DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 30 de novembro de 2005 Páx. 19.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2005, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Vestas Nacelles Spain, S.A.U. (antes Neg Micón Eólica, S.A.).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Vestas Nacelles Spain, S.A.U. (antes Neg Micón Eólica, S.A.) (código 2700872), da provincia de Lugo, asinado o día 4 de outubro de 2005, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remitir o texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Disponer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 27 de outubro de 2005.

José Miguel Vázquez Calvo

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo Vestas Nacelles Spain, S.A.U. 2005 (código 2700872)

Capítulo I

Ámbitos de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio colectivo regula as relacións e condicións de traballo entre a empresa Vestas Nacelles Spain, S.A.U. antes Neg Micón Eólica, S.A. e o seu persoal do centro de traballo de Chavín (Viveiro).

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afecta este convenio a todos os traballadores da empresa que prestan o seus servizos no centro de traballo de Chavín (Viveiro), así como os que ingresen neste con posterioridade.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio subscríbese desde o día 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2005, con independencia da súa publicación no BOP ou DOG.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 5º.-Convenio siderometal Lugo.

As condicións reflectidas neste convenio nunca poderán ser inferiores ás recollidas no convenio provincial de siderometal de Lugo vixente en cada momento. En caso de pactarse, neste último, algunha mellora que supere as recollidas neste convenio, con indepenccia da vixencia, aplicarase, desde e polo tempo que a mellora subsista e non sexa superada por convenio ou acordo entre as partes.

Artigo 6º.-Garantías persoais.

Respectaranse, a título individual, as condicións económicas que fosen superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual.

Artigo 7º.-Comisión de interpretación e vixilancia.

Co obxecto de velar polo cumprimento do convenio nos termos pactados e dirimir cantas cuestións suscite a súa aplicación créase esta comisión, composta por dous representantes dos/as traballadores/as e dous representantes da empresa.

Artigo 8º.-Denuncia.

O convenio considerarase denunciado automaticamente ao remate da súa vixencia, prorrogándose o actual convenio ata a entrada en vigor do seguinte, acordando as partes xuntarse no prazo de dous meses para iniciar as negociacións.

As partes negociadoras comprométense a recorrer ao AGA cando as negociacións se encontren bloqueadas e transcorresen seis meses desde o seu comezo sen lograr un acordo definitivo. Tamén no referente a conflitos individuais aos procedementos de conciliación, mediación e arbitrase recollidos no AGA.

Capítulo II

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada laboral.

a) A xornada laboral durante a vixencia deste convenio, queda fixada en 1.779 horas anuais de traballo efectivo, distribuíndose de luns a venres, ambos os dous, en todo caso non será maior cá que figure no convenio laboral do sector siderometal da provincia de Lugo.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de corenta horas semanais de traballo efectivo de media, respectando en cómputo anual a xornada máxima antes indicada.

b) A xornada laboral en réxime de quendas e xornada intensiva cunha duración de máis de 6 horas continuadas, gozará dun descanso de 20 minutos, considerado como tempo efectivo de traballo, non recuperable. Aplicarase este mesmo descanso na

xornada partida, considerado como tempo efectivo de traballo, non recuperable.

c) Dadas as peculiaridades actuais desta empresa e vendo a necesidade de cumprir coa produción que se pode acumular en determinados momentos por mor da escasa marxe de entrega por ter que traballar baixo pedido, as partes acordan que, logo de xustificación ao comité de empresa, o horario de traballo poderá ser modificado para dar cumprimendo aos pedidos puntuais que serán especificados ao igual que a duración estimada da mentada modificación horaria. Á finalización do dito periodo volverase á situación anterior.

Os traballadores non contratados en réxime de quendas, percibirán os complementos que correspondan (quendas e nocturnidade), tanto por traballar a quendas rotatorias, como se se lles modifica o horario actual, xornada intensiva das 7.00 ás 15.00 horas. A excepción de cambiar o horario anterior para o das 6.00 ás 14.00 horas, que non levaría consigo compensación ningunha.

Horario produción (de luns a venres).

Xornada intensiva:

7.00 a 15.00 horas.

Quendas:

Mañá: 6.00 a 14.00 horas.

Tarde: 14.00 a 22.00 horas.

Noite: 22.00 a 6.00 horas.

Horario administración, QSE e almacén (de luns a venres).

De luns a venres:

8.00 a 13.00 horas.

14.30 a 17.30 horas.

Dentro da xornada prevista neste artigo os días 24 e 31 de decembro consideraranse como días festivos e retribuídos.

Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas. (ET).

Artigo 10º.-Vacacións.

Para o persoal que permanecese de alta na empresa durante todo o ano, as vacacións serán de 22 días laborais e estarán expostas, para coñecemento dos traballadores, dentro do 1º trimestre de cada ano. Tanto a proposición da empresa como do/s traballador/es, poderase modificar o goce establecido, por acordo das partes interesadas.

O período de goce, preferentemente, será entre xuño e setembro, ambos inclusive. Para traballadores que estean de alta na empresa por un período inferior ao ano, farase un cálculo proporcional aos días naturais que estean de alta na empresa. Nos períodos vacacionais, o salario incluirá: salario base, complemento de compensación, complemento de asistencia e complemento de transporte.

Artigo 11º.-Permisos retribuídos.

Avisando coa debida antelación, o traballador terá dereito a permisos retribuídos polas seguintes causas:

a) Falecemento do cónxuxe, fillos ou pais do traballador, cinco (5) días naturais e seis (6) días se ocorre fóra da provincia.

b) Por falecemento de avós, avós políticos, netos, pais políticos, fillos políticos, irmáns, irmáns políticos, tres (3) días naturais e, cinco (5) días se ocorre fóra da provincia. Prevese a mesma licenza para os casos de parellas de feito.

c) Tres (3) días naturais en caso de enfermidade grave do pai, avó, fillos e cónxuxe, declarada polo médico que o asista. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de cinco (5) días. Prevese a mesma licenza para os casos de parellas de feito.

d) Un (1) día en caso de matrimonio de fillos ou irmáns. Cando fose fóra da provincia, terase dereito a un (1) día máis.

e) Quince (15) días naturais en caso de matrimonio do traballador/a e catro (4) días naturais por nacemento de fillo. Neste último caso cando o traballador necesite facer un desprazamento, o prazo será de cinco (5) días.

f) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo con dereito a remuneración para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, logo de aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada laboral.

g) O tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica de especialista da Seguridade Social cando, coincidindo o horario de consulta co do traballo, se prescriba a dita consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo presentar o traballador ao empresario o volante xustificativo da referida prescrición médica. Nos casos de asistencia a consulta do médico de cabeceira da Seguridade Social, coincidindo o horario de consulta co do traballo, ate un límite de dazaseis (16) horas anuais.

h) Un (1) día laboral polo cambio de domicilio habitual debendo ser este debidamente xustificado.

Estes permisos serán retribuídos sobre salario base da primeira columna da táboa salarial anexa, sobresoldo de asistencia e compensación incrementándose, se é o caso, co complemento de ex antigüedade.

i) En caso de cumprimento de deberes públicos de carácter inescusable e persoal, polo tempo indispensable para o cumprimento de tales deberes, percibindo todos os conceptos incluso o complemento de asistencia.

-En todo caso os traballadores terán dereito ás licenzas e permisos previstos no Estatuto dos traballadores hoxe en vigor.

Artigo 12º.-Permisos non retribuídos, redución da xornada e excedencias.

1. Por asuntos propios, os traballadores poderán coller dous días de permiso non retribuído anualmente; este permiso deberá ser aceptado e comunicado á empresa cunha antelación cando menos de 24 horas.

2. Tamén terán dereito aqueles traballadores que o soliciten, logo de comunicación á empresa, a quince (15) días de licenza sen soldo por enfermidade ou defunción de familiares de liña directa ascendente ou descendente sen limitación ou colaterais ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

1. Redución da xornada por motivos familiares.

a) Permiso por lactación dun fillo menor de nove meses.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia ao traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da súa xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou pai no caso de que ambos os dous traballen.

b) Redución da xornada por garda legal de menores e outros supostos:

Na aplicación do artigo 37.5º do ET quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos ou un eivado físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terán dereito a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un terzio e un máximo da metade da duración daquela.

Terán o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si e que non desempeñe actividade retribuída.

A redución da xornada recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A concreción horaria e a determinación do período de goce do período de lactación e da redución da xornada previstos nos parágrafos anteriores corresponderán ao traballador dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá preavisar ao empresario con 15 días de antelación á data na que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

Nos casos de nacementos de fillos prematuros ou que, por calquera causa, deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora. Así mesmo, terán dereito a reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa

diminución proporcional do salario. Para o goce deste permiso haberá que aterse ao previsto no punto 6 do artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

2. Excedencias. Tamén terán dereito a un período de excedencia non superior a un ano, os traballadores para atender ao coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non puidese valerse por si, e non desempeñe actividade retribuída.

A dita excedencia constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dea dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin ao que, se é o caso, viñese gozando.

O período no que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para estes efectos de antigüidade e o traballador terá dereito a asistencia a cursos de formación profesional e deberá ser convocada a súa participación polo empresario, especialmente coa ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito a reserva do seu posto de traballo.

Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

O reingreso deberá ser solicitado un mes antes de reincorporarse ao seu posto de traballo.

Capítulo III

Percepcións económicas

Concepto e estrutura

Artigo 13º.-Salarios.

1. Os salarios que percibirá o persoal afectado por este convenio son os recollidos nas táboas que se acompañan como anexos. O salario bruto anual mínimo para as categorías aquí reflectidas recollen os conceptos retributivos seguintes:

-Salario base.

-Complemento asistencia.

-Complemento compensación.

2. Considerarase salario a totalidade das percepcións económicas dos traballadores, en diñeiro ou especies, pola prestación profesional dos servizos laborais por conta allea, xa retribúan o traballo efectivo, calquera xeito de remuneración, ou os períodos de descanso computables como de traballo.

3. Non terán consideración de salario as cantidades percibidas polo traballador en concepto de indemnización ou suplidos polos gastos realizados como consecuencia da súa actividade laboral.

Artigo 14º.-Táboas salariais.

Para o ano 2005, e despois de actualizar e aboar as diferenzas dos salarios 2004 das categorías que quedaron por debaixo do convenio provincial de siderometal, o incremento será do 4,83% para oficiais de 1ª e categorías superiores, incremento do 4,28 para os oficiais de 2ª, e un incremento do 3,42% para o resto de categorías.

Artigo 15º.-Revisión salarial.

Durante a vixencia deste convenio, ano 2005, non será de aplicación revisión ningunha, a excepción da que poida haber lugar polos salarios resultantes no convenio provincial de siderometal, isto no caso de que os salarios aquí pactados sexan inferiores aos do convenio provincial.

Artigo 16º.-Pagamento do salario.

Todas as percepcións, agás as de vencemento superior ao mes, aboaranse mensualmente, por períodos vencidos e dentro dos cinco primeiros días naturais do mes seguinte ao seu devengo, aínda que o traballador terá dereito a percibir quincenalmente anticipos; a contía destes anticipos non será superior ao 80 por cento das cantidades devengadas.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio asumen expresamente o criterio de redución das horas extraordinarias ao nivel máis baixo que resulte compatible co adecuado aproveitamento dos recursos industriais da empresa, tendo a consideración de estruturais dentro dos límites que fixa o Estatuto dos traballadores, así como cando resulten necesarias para facer posible o cumprimento de compromisos e necesidades operativas que non puidesen ser planificadas con anterioridade e coa observancia dos requisitos establecidos na lexislación vixente. Por este motivo considérase conveniente substituír as horas extraordinarias por novas contratacións, cando o volume e motivo destas sexa recorrente.

1. Clasificación das horas extraordinarias:

a) Forza maior.-Son as esixidas pola necesidade de previr ou reparar sinistros ou outros análogos que puidesen producir evidentes e graves prexuízos tanto á empresa coma a terceiros, así como para prever os riscos de perda de materias primas.

b) Períodos punta imprevisibles.-Son as necesarias para prever un grave quebranto á actividade cando esta fose imprevisible e a súa constatación sexa evidente, tales como: ausencias imprevistas, posta en marcha ou paradas, cambios de quenda ou outras análogas. Manterase a realización desta modalidade cando non sexa posible, para a súa substitución, a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei.

As horas extraordinarias pola súa natureza son voluntarias, exceptuando aquelas que, polo feito de non se realizaren se cause á empresa graves prexuízos ou impida a continuidade da produción e as dos demais supostos de forza maior.

2. Retribución das horas extraordinarias.

Tomarase como base de cálculo o valor da hora ordinaria, a cal será multiplicada por un coeficiente de maioración en función da clasificación seguinte:

-Horas extraordinarias realizadas en días laborais (as 2 primeiras):

Coeficiente = 1,40 fórmula de cálculo H.E. = V.H.O. x 1,40.

-Horas extraordinarias realizadas en días laborais (as seguintes ás 2 primeiras):

Coeficiente= 1,60 fórmula de cálculo H.E. = V.H.O. x 1,60.

-Horas extraordinarias realizadas en horario nocturno e en días festivos:

Coeficiente= 1,60 fórmula de cálculo H.E. = V.H.O. x 1,60.

-Horas extraordinarias realizadas en nocturnos festivos:

Coeficiente = 1,75 fórmula de cálculo H.E. = V.H.E. x 1,75.

H.E. (Hora extra).

X.L.A. (Xornada laboral anual).

S.B.A.*= salario bruto anual mínimo cos conceptos retributivos seguintes: salario base, complemento asistencia, complemento compensación así como as pagas extraordinarias.

Fórmula de cálculo do valor hora ordinaria (S.B.A./ X.L.A.).

Artigo 18º.-Complemento transporte.

Será de 50 euros/mes.

Artigo 19º.-Complemento de quendas.

De conformidade con canto se regula no artigo 9 o complemento de quendas aboarase exclusivamente aos traballadores non contratados en réxime de traballo a quendas. A estes traballadores aboaráselles o dito complemento, tanto no suposto de que se lles varíe o réxime de xornada ordinaria polo de xornada a quendas rotativas, como no suposto de modificación do horario ordinario. Non devengarán o dito complemento, cando a variación do horario destes traballadores consista unicamente e polo tempo necesario e xustificado, en traballar en horario das 6.00 ás 14.00 horas.

O complemento por traballar a quendas é o resultado de aplicarlle o 20% sobre o salario base, en ningún caso poderá ser inferior a 4,20 euros por día e quenda de mañá, tarde, e/ou noite.

Artigo 19º bis.-Complemento de nocturnidade.

O complemento por traballar en horario nocturno (entre as 22.00 e as 6.00 horas), é tamén o resultado de aplicar o 20% sobre o salario base, e en ningún caso, poderá ser inferior a 4,20 euros por día, aboándose a todos os traballadores que presten servizo no dito horario.

Artigo 20º.-Complemento por IT.

En caso de IT derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, a empresa cubrirá ata o 100% da base reguladora, entendido desde o primeiro día que se dean estes casos de incapacidade.

-En caso de IT derivada de accidente non laboral ou enfermidade común, a paga da base reguladora quedará cuberta como segue:

-Do día 1 ao día 21: 60% da base reguladora.

-Do día 22 ao día 90: 90% da base reguladora.

-Do día 91 en diante: 100% da base reguladora.

No caso de IT derivada de enfermidade común ou accidente non laboral con hospitalización, a empresas aboará o complemento necesario para que, xunto coas prestacións aboadas pola Seguridade Social, o traballador perciba o salario que se establece neste convenio durante o tempo que dure a hospitalización e nos 14 días posteriores á data de finalización da hospitalización.

Artigo 21º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse anualmente dúas gratificacións extraordinarias que se farán efectivas nas primeiras quincenas do mes de xullo e do mes de decembro, consistentes en 30 días de salario base máis o complemento persoal (convenio siderometal Lugo).

Artigo 22º.-Préstamos.

Para préstamos a traballadores, a empresa crea o seguinte marco, aplicable a traballadores con contrato indefinido, logo de solicitude e logo de acordo de concesión entre taballador e empresa:

Contía do préstamo por traballador: un máximo de 3 mensualidades, con base ao soldo bruto anual.

Prazo máximo devolución: 12 mensualidades.

Período sen dereito a préstamo: 6 meses desde a última devolución dun préstamo anterior.

Capítulo IV

Disposicións varias

Artigo 23º.-Seguro colectivo.

A empresa subscribirán en favor dos seus traballadores unha póliza de seguros que cubra, no caso de accidente de traballo ou enfermidade profesional, os riscos de morte e incapacidade permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, nas seguintes contías:

-Invalidez permanente total, 22.260,00 euros.

-Morte, invalidez absoluta e grande invalidez, 30.100,00 euros.

Artigo 24º.-Desprazamentos.

Nos casos de que a empresa desexe realizar algún desprazamento superior a tres meses que obrigue ao traballador a pernoitar fóra do seu domicilio deberá avisar previamente o/s afectado/s con, polo menos, cinco días laborais de antelación. Tamén se lles notificará aos representantes dos traballadores.

En calquera caso, os avisos previos deberán realizarse por escrito.

Nos desprazamentos superiores a tres meses que non lles permitan ao traballador pernoitar no seu domicilio, a empresa e os afectados convirán libremente as fórmulas para que os traballadores poidan regresar aos seus domicilios periodicamente, que poderán consistir na subvención das viaxes de ida e regreso en todas ou parte das fins de semana, adecuación das xornadas de traballo para facilitar periódicas visitas ao seu domicilio, concesións de permisos periódicos, subvención do desprazamento dos seus familiares, etc.

No suposto de non se chegar a acordo nesta materia, os traballadores terán dereito a un mínimo de 4 días laborais de estadía no seu domicilio de orixe por cada tres meses de desprazamento ou tempo proporcional ao desprazamento, sen computar como tales os de viaxe, os gastos correrán por conta do empresario. A compensación destes 4 días ou parte proporcional, facerse efectiva como máis tarde, nun período de 4 meses desde o inicio do desprazamento.

Por acordo individual, poderá pactarse a acumulación destes días, engadíndose, incluso, as vacacións anuais.

Nos supostos de desprazamento xerarase o dereito, ademais da totalidade das retribucións económicas que habitualmente viñesen percibindo, ás axudas de custo e gastos de viaxe que proceda.

Se por necesidade ou comenencia da empresa, o traballador tivese que se desprazar a prestar o seu labor noutros centros de traballo, o tempo investido no desprazamento deberá caer dentro da xornada establecida.

Se como consecuencia do desprazamento tivese que se iniciar a viaxe antes de dar comezo a súa xornada ou se, como consecuencia do regreso ao seu punto de partida, este se producise unha vez superada a hora oficial de remate da xornada, o traballador percibirá o tempo de exceso da xornada como horas extras.

Capítulo V

Seguridade e saúde laboral

Artigo 25º.-Comité de Seguridade e Saúde.

1. O comité de Seguridade e Saúde é o órgano paritario e colexiado de participación destinado á consulta regular e periódica das actuacións da empresa en materia de prevención de riscos.

25.2. O comité estará formado polos delegados de prevención, dunha parte, e polo empresario e/ou os seus representantes en número igual ao de delegados de prevención, da outra.

Nas xuntanzas do comité de seguridade e saúde participarán, con voz pero sen voto, os delegados sindicais e os responsables técnicos da prevención na empresa que non estean incluídos na composición á que se refire o parágrafo anterior. Nas mesmas

condicións poderán participar, traballadores da empresa que conten cunha especial cualificación ou información respecto de concretas cuestións que se debatan neste órgano e técnicos en prevención alleos á empresa, sempre que así o solicite algunha das representacións no comité.

3. O comité de seguridade e saúde reunirase trimestralmente e sempre que o solicite algunha das representacións deste. O comité adoptará as súas propias normas de funcionamento.

4. Capacidade diminuída. Todos aqueles traballadores que, por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común de longa duración, con redución das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupar postos máis aptos na empresa en relación ás súas condicións, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

5. O/s delegado/s de prevención poderán ser designados de entre os traballadores, esta designación correspóndelle aos representantes dos traballadores ou aos propios traballadores e a aceptación do designado.

En todo caso, o/s delegado/s de prevención terán un crédito horario igual aos representantes dos traballadores. No caso de que coincida que o delegado de prevención sexa representante dos traballadores, este crédito horario será de 4 horas a maiores das que correspondan pola representación dos traballadores.

Capítulo VI

Dereitos sindicais

Artigo 26º.-Delegados de persoal e membros do comité de empresa.

Os delegados de persoal ou membros de comité de empresa terán un crédito horario mensual de 16 horas cada un.

Os membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán dereito á cesión das horas retribuídas como crédito horario de que dispoñen para o exercicio das súas funcións, nun ou varios destes, sen superar o máximo de 32 horas por persoa e mes.

Artigo 27º.-Seccións sindicais.

1. Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa ou centro de traballo:

a) Constituír seccións sindicais de conformidade co establecido nos estatutos do sindicato.

b) Realizar xuntanzas, tras notificación ao empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, fóra das horas de traballo e sen perturbar a actividade normal na empresa.

c) Recibir a información que lle remita o seu sindicato.

2. As seccións sindicais dos sindicatos máis representativos na empresa e dos que teñan representación nos comités de empresa ou conten con delegados de persoal terán os seguintes dereitos:

a) Coa finalidade de facilitar a difusión daqueles avisos que poidan interesar aos afiliados ao sindicato e aos traballadores en xeral, a empresa porá á súa disposición un taboleiro de anuncios que se deberá situar no centro de traballo e en lugar onde se garanta un axeitado acceso a este dos traballadores.

b) Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa poña á disposición do comité de empresa, estando obrigados os delegados sindicais a gardar segredo profesional naquelas materias en que legalmente proceda.

c) A asistir ás xuntanzas dos comités de empresa e dos órganos internos da empresa en materia de seguridade e hixiene, con voz pero sen voto.

d) Ser escoitados pola empresa previamente á adopción de medidas de carácter colectivo que afecten os traballadores en xeral e os afiliados ao seu sindicato en particular e especialmente nos despedimentos e sancións destes últimos.

Disposición adicional

Única.-Normativa supletoria.

No non recollido neste convenio colectivo haberá que aterse ao disposto no convenio de siderometal de Lugo, ordenanza laboral de siderometal e demais lexislación aplicable.

ANEXO

Táboa salarial 2005

Vestas Nacelles Spain, S.A.U.

CategoríasEquivalenteS. baseComplemento* ComplementoPagasTotal

SupervisorXefe de taller695,2760,7415,661.512,0214.500,00

Axudante proceso 1ªOf. advo. 1ª679,0656,8513,051.471,8213.565,00

Axudante proceso 2ªAuxiliar advo.641,0251,8710,721.385,7812.380,00

Axudante proceso 3ªAuxiliar628,4951,2410,871.359,4612.235,00

ContableOf. advo. 1ª679,0656,8513,051.471,8213.565,00

AdministrativoAux. advo.641,0251,8710,721.385,7812.380,00

SecretariaTelefonista659,6553,4011,081.426,1012.753,00

Instalador mec. E eléc. of. 1ªProfesional oficio 1ª679,0656,8513,051.471,8213.565,00

Instalador mec. E eléc. of. 2ªProfesional oficio 2ª651,2754,1012,141.410,7412.910,00

Instalador mec. E eléc. of. 3ªProfesional oficio 3ª637,6151,8210,911.378,8612.380,00

CategoríasEquivalenteS. baseComplemento* ComplementoPagasTotal

Operario mto. of. 1ªProfesional oficio 1ª679,0656,8513,051.471,8213.565,00

Operario mto. of. 2ªProfesional oficio 2ª651,2754,1012,141.410,7412.910,00

Operario mto. of. 3ªProfesional oficio 3ª637,6151,8210,911.378,8612.380,00

Operario mto. PeónPeón632,7350,9410,341.367,3412.157,00

Almaceneiro of. 1ªAlmaceneiro668,4754,0911,181.445,1212.910,00

Almaceneiro of. 2ªMozo espec. almacén641,0251,8710,721.385,7812.380,00

Almaceneiro of. 3ªAuxiliar628,4951,2410,871.359,4612.235,00

* O complemento de asistencia, co fin de que coincida cos 250 días, percibirase nos días de exceso de xornada ao igual ca o 24 e 31 de decembro.

S.B.A.*= salario bruto anual mínimo para as categorías aquí reflectidas nas que se recolle os conceptos retributivos seguintes: salario base, complemento asistencia e complemento compensación.

Aplicando a días laborais, incluídos sábados.

* Desprazamentos a parque: (aplicado o incremento do 3,50%).

Horas parque normais: 3,20 euros ata un máximo de 8 horas por día e traballador.

O tempo a considerar é desde a saída da fábrica ata o regreso á fábrica, excluíndo 1,5 horas para a comida se é un día completo.

O aloxamento (xantar por conta do traballador), se fose necesario, será por conta da empresa. O coche será por conta da empresa ou ben pagarase os quilómetros ao prezo de 0,18 euros.