DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 30 de novembro de 2005 Páx. 19.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 556/2005, do 24 de novembro, polo que se acorda o sometemento a arbitraxe dos conflitos que poidan derivar da participación da Consellería do Medio Rural no proxecto de cooperación Agrointec da Iniciativa Comunitaria Interreg-III-B-Suroeste.

A Comisión Europea aprobou o Programa de Iniciativa Comunitaria Interreg III-B Suroeste Europeo na Decisión C(2001) 2769, do 20 de novembro, cofinanciada polo Feder.

O Comité de Programación da Iniciativa Comunitaria Interreg III-B Suroeste Europeo reunido en Santander o día 4 de decembro de 2002 aprobou

o proxecto titulado Promocion de empresas de innovación e tecnoloxía agroalimentaria e creación dunha rede de coñecemento tecnolóxico agroalimentario no suroeste de Europa (Agrointec), presentado polo Instituto de Emprego e Desenvolvemento Tecnolóxico de Cádiz, en calidade de coordinador do proxecto.

A Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural forma parte do proxecto como socio, igual que a Asociación de Fruticultores de Extremadura, a Fundación Agropecuaria de Navarra, a Agencia de Desenvolvemento do Vale do Ave, S.A., o Conseil General de 1'Herault, o Instituto Tecnológico Agroalimentario de Extremadura-Intaex, a Oficina da Innovaçao, S.A.-BIC Minho e Agropolis.

Para a xestión do proxecto é necesario asinar un convenio de colaboración entre socios. No citado convenio existe unha cláusula de sometemento a arbitraxe das disputas que poidan existir como consecuencia do desenvolvemento das actividades do proxecto.

A Admistración autonómica de Galicia debe adaptarse neste caso ao disposto no artigo 22.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que exixe a forma de decreto aprobado acordado pola Xunta de Galicia para someter a arbitraxe as contendas que xurdan sobre os dereitos da facenda da Comunidade Autónoma.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de novembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Acórdase o sometemento a arbitraxe de cantas cuestións relativas aos dereitos da facenda da comunidade autónoma poidan xurdir en relación co proxecto de cooperación Agrointec en que participa a Consellería do Medio Rural.

2. A arbitraxe será realizada por unha comisión de arbitraxe creada para o efecto polos órganos de xestión do programa.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de novembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural