DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 29 de novembro de 2005 Páx. 19.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2005 pola que se convoca o I Encontro sobre a economía e xestión dos riscos e as emerxencias.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e co Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, o I Encontro sobre a economía e xestión dos riscos e as emerxencias conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

-Analizar os custos/beneficios do investimento público/privado na prevención de riscos da vida cotiá.

-Debater os custos dos desastres naturais ou provocados polo home (incluídos os incendios forestaris), comparándoos cos custos dos sistemas de prevención e/ou dos dispositivos de resposta.

-Analizar o gasto público das comunidades autónomas e administracións públicas locais en materia de prevención e atención aos riscos e/ou desastres naturais e humanos (incendios).

-Avaliar a eficacia e eficiencia dos modelos e sistemas de protección civil e a atención ás emerxencias nas diferentes comunidades autónomas e administracións públicas locais (tipos de xestión/gasto por capítulos, funcións, intervenientes e propostas). Bombeiros.

-Función do 112 das comunidades autónomas na atención e na xestión das emerxencias (modelo de xestión, custos e clientes).

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Análise económica dos desastres en Galicia.

-Riscos extraordinarios: cobertura dos danos provocados. Funcións do consorcio de compensación de seguros.

-Tendencias futuras das grandes emerxencias na fachada atlántica galega.

-Aproximación ao gasto público en Galicia en situacións de emerxencia.

-Sistemas de protección civil e da xestión de emerxencias nas comunidades autónomas.

-O 11 M: Madrid 112 na xestión desta emerxencia. Valores económicos.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo de calquera das administracións públicas existentes en Galicia e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: o encontro convocado desenvolverase no salón de actos da Escola Galega de Administración Públicas (EGAP), sita no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela, o 16 de decembro de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 14 de decembro de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 15 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste encontro, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate do encontro, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e a data da súa realización.

8. Retransmisión por internet.

As persoas interesadas en seguir o desenvolvemento deste encontro pola internet, poden facelo a través do seguinte enderezo: egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2005.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA