DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 29 de novembro de 2005 Páx. 18.989

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cycsa y Eyssa-UTE Vigo (ORA).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Cycsa y Eyssa-UTE Vigo (ORA), con nº de código 3602102, que tivo entrada no rexistro único do edi

ficio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 31-8-2005, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, o 21-6-2005. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que se atopa nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Disponer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de outubro de 2005.

Pedro Borrajo Rivas

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Construcciones y Contratas, S.A. y Estacionamientos y Servicios, S.A. (UTE Vigo), para o seu persoal adscrito aos servizos da Ordenanza e Regulación de Aparcamentos (ORA) da cidade de Vigo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación; persoal, funcional e territorial.

Este convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal adscrito aos servizos de Ordenanza e Regulación de Aparcamento (ORA), que a empresa Construcciones y Contratas, S.A. e Estacionamientos y servizos, S.A. (UTE Vigo) ten concertados co concello de Vigo.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

Este convenio colectivo terá unha duración de catro anos e estenderase do 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2008.

O convenio colectivo entrará en vigor o día da sinatura do acordo (22 de marzo de 2005), excepto os conceptos económicos, que terán efecto desde o día 1 de xaneiro de 2005, incrementaranse todos os artigos que teñan valoración económica, na mesma porcentaxe que se aplique nas táboas salariais.

Se non mediase denuncia anticipada do convenio, este quedará prorrogado automaticamente por períodos anuais en todos os seus termos, salvo no salarial que sufrirá un aumento equivalente, en todos os conceptos pactados, ao IPC real do ano anterior máis un punto.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán todas as existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou a orixe destas.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro, por disposicións legais de xeral aplicación, só poderán afectar as condicións pactadas neste convenio, cando consideradas as novas retribucións en cómputo anual, sexan superiores ás aquí pactadas. En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, subsistindo este convenio nos seus propios termos e sen modificación ningunha nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Garantías ad personam e dereitos adquiridos.

Respectaranse as condicións superiores pactadas a título persoal que estean establecidas ao entrar en vigor este convenio e que, con carácter global, excedan del en cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de resolver aquelas cuestións que puidesen referirse á interpretación ou aplicación do presente convenio, queda constituída unha comisión paritaria, composta por tres representantes da parte empresarial, e tres representantes pola parte social, que deberán reunirse nas 48 horas seguintes á convocatoria de calquera das partes.

As súas funcións serán as seguintes:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas do convenio.

b) Vixilancia e cumprimento do pactado.

c) Estudo, valoración e aplicación das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio e que poidan afectar o seu contido.

As partes conveñen en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflitos puidesen orixinarse como consecuencia da interpretación do presente convenio, co obxecto de que esta emita informe no prazo máximo de 48 horas contadas a partir do seguinte a aquel en que se lle solicitase, antes de interpor reclamación ante os organismos correspondentes.

As reunións da comisión paritaria non descontarán do crédito de horas sindicais cando fosen convocadas pola empresa, nin nas dúas primeiras reunións convocadas pola parte social.

Artigo 7º.-Resolución extraxudicial de conflitos de traballo.

As partes asinantes deste convenio colectivo acordan acollerse, no referente aos conflitos colectivos, aos procedementos de conciliación, mediación e arbitraxe recollidos no AGA.

Artigo 8º.-Cambio de titularidade da empresa e subrogación dos servizos.

Co fin de regular a estabilidade no emprego dos traballadores desta actividade, cando a actual empresa perda a adxudicación dos servizos contratados, a nova sociedade adxudicataria ou entidade que se faga cargo estará obrigada a subrogarse nos contratos dos traballadores adscritos a estes servizos, calquera que sexa a modalidade de contratación deles.

A nova sociedade adxudicataria ou a entidade que se faga cargo estará obrigada a cumprir o convenio colectivo en vigor e expresamente a respectar todos os dereitos económicos e laborais dos traballadores, recoñecendo expresamente os representantes legais destes.

Artigo 9º.-Lexislación supletoria.

Para todo o non previsto neste convenio colectivo e con carácter supletorio, aplicarase o disposto no convenio xeral de ámbito nacional para o sector de regulación do estacionamento limitado de vehículos na vía pública, mediante control horario e cumprimento das ordenanzas de aparcamento, e o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Condicións de traballo

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo efectivo regularase segundo o establecido no convenio nacional, sendo o seu equivalente anual:

-Para o ano 2005, un total de 1.733 horas.

-Para o ano 2006, un total de 1.731 horas.

A distribución da xornada estará supeditada en cada momento, ás necesidades do servizo e aos cambios que nel poidan producirse, en función do contrato entre a empresa e o concello de Vigo.

Os excesos de horas semanais que se produzan, como consecuencia do expresado no parágrafo anterior, compensaranse con días de descanso entre semana. Cando o día de descanso coincida con festivo correrá a quenda sen efectuar esta o persoal afectado, regularizándose esta situación nos quince días seguintes. Durante o período vacacional, suspéndense os descansos por exceso de xornada, de libre elección.

A xornada enténdese de traballo efectivo e comezará e rematará na zona asignada en cada momento ao vixilante, precisándose, así mesmo, que á hora de comezo e remate da xornada o traballador se encontre no seu posto de traballo.

Artigo 11º.-Noiteboa e Noitevella.

Dado o carácter de servizo público da ORA, os días 24 e 31 de decembro poderán ter a consideración de inhábiles, se así o decidise o Concello de Vigo, absorbendo neste caso as posibles reducións de xornada que estivesen pendentes.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal afecto ao presente convenio terá 31 días naturais de vacacións retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función do tempo de permanencia na empresa.

As vacacións retribuiranse considerando a cantidade que lle correspondería percibir ao traballador como se de traballo efectivo se tratase.

As vacacións colleranse en dúas quendas repartidas nos meses de xullo, agosto, garantíndose a rotación para collelas. Para tal fin confeccionarase un calendario de vacacións, logo de negociación entre a empresa e os representantes dos traballadores, que se publicará con polo menos dous meses de antelación á data prevista do seu inicio. Unha vez publicada a lista, esta non a poderá modificar ningunha das partes.

No suposto de o traballador se atopar en situación de incapacidade temporal ao comezo das súas vacacións, non perde o seu dereito a elas, pero estas reiniciaranse unha vez terminadas as correspondentes quendas vacacionais e sempre dentro do ano natural.

Artigo 13º.-Licenzas e permisos.

O traballador, logo de aviso coa antelación suficiente e posterior xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración do salario base, antigüidade e complementos de asistencia, extrasalarial e calidade, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 20 días naturais en caso de matrimonio.

b) 4 días laborables nos casos de falecemento ou enfermidade grave ou nacemento dun fillo ou enfermidade grave dun familiar ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, sendo 5 días laborables no suposto de afectar o cónxuxe ou fillos.

c) 2 días naturais por traslado do domicilio habitual.

d) 1 día natural en caso de falecemento un familiar ata 3º grao.

e) 1 día natural en caso de matrimonio de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

g) Polo tempo necesario, no suposto de citacións xudiciais como consecuencia de incidencias producidas durante o servizo e que non sexan imputables ao traballador.

h) 15 días ao ano de permiso sen soldo sempre que non entorpezan o normal desenvolvemento do servizo, e comunicación previa á empresa con 15 días de antelación.

i) Polo tempo indispensable de consulta médica nos centros dependentes da Seguridade Social ou mutuas de accidentes de traballo, debidamente xustificado.

No caso de consultas médicas privadas, estas en primeiro lugar realizaranse con cargo ao período determinado no punto j) deste artigo. Unha vez esgotado, concederase licenza polo tempo indispensable, e o traballador obrigarase a xustificala debidamente.

j) Días de libre disposición, non acumulativos:

-Ano 2005: 3 días naturais.

-Ano 2006: 3 días naturais.

-Ano 2007: 3 días naturais.

-Ano 2008: 3 días naturais.

Artigo 14º.-Excedencias.

O traballador cunha antigüidade mínima dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza unha excedencia voluntaria por un prazo de 1 ano a 5 anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde a finalización da anterior excedencia.

Así mesmo, a empresa reservaralle o posto de traballo ao traballador en excedencia, por un tempo máximo de 5 anos, tendo este último que avisar a empresa con dous meses de antelación á reincorporación a el, xa que en caso de non facelo, perderá o dereito ao seu posto de traballo dentro da empresa ou, no seu defecto, da concesionaria do servizo nese momento.

En todo o non previsto neste artigo aplicarase o establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.

Artigo 15º.-Vacantes e promoción.

Cando na empresa se produzan vacantes, se creen ou aumenten certos postos de traballo, antes de contratar persoas alleas a ela, tratarase de cubrir esas prazas con traballadores do cadro de persoal.

Traballos de superior categoría.

Por necesidades organizativas, de produción ou contratación, o traballador poderá ser destinado a ocupar un posto de superior categoría á que tivese recoñecida por prazo que non exceda os seis meses

durante un ano, ou oito meses durante dous anos, tendo dereito a percibir, mentres se atope en tal situación, a remuneración correspondente á función que desenvolve.

Transcorridos seis meses ininterrompidos ou oito alternos, entenderase creada unha vacante e convocarase concurso.

Artigo 16º.-Seguridade e saúde laboral.

Aplicarase o disposto na lexislación laboral vixente e, en especial, a Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 17º.-Recoñecemento médico.

A empresa concertará obrigatoriamente coa entidade aseguradora de accidentes de traballo, unha revisión médica anual para todos os traballadores, de carácter voluntario para estes, que se realizará fóra da xornada normal de traballo.

Artigo 18º.-Pagamento do salario.

O pagamento da nómina mensual efectuarase o último día hábil de cada mes. Cando coincida en festivo ou sábado efectuarase o día anterior. A entrega da nómina será o día anterior ao pagamento.

O comité de empresa proporá o pagamento por transferencia a través de 4 entidades bancarias.

O traballador, logo de notificación á empresa dun mes, poderá elixir calquera das catro entidades para que se lle ingrese a nómina, achegando, xunto coa solicitude, os datos relativos á súa conta bancaria.

Acórdase concederlles aos traballadores anticipos quincenais, cun importe non superior o 50% do seu salario mensual, nos días que á súa vez se porán no taboleiro de anuncios o día 11 de cada mes.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 19º.-Salario base.

O salario base do persoal afecto por este convenio será o que para cada categoría se establece na táboa salarial anexa.

O salario base devengarase por día natural.

Artigo 20º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos no ámbito deste convenio percibirán, como complemento persoal de antigüidade no servizo á empresa, un aumento periódico segundo a seguinte escala:

-Aos 2 anos cumpridos: 5%.

-Aos 4 anos cumpridos: 10%.

-Aos 6 anos cumpridos: 15%.

-Aos 8 anos cumpridos: 20%.

-Aos 13 anos cumpridos: 27%.

-Aos 18 anos cumpridos: 34%.

-Aos 23 anos cumpridos: 41%.

-Aos 28 anos cumpridos: 48%.

-Aos 33 anos cumpridos: 55%.

A porcentaxe fixada como complemento persoal de antigüidade calcularase sobre o salario base do convenio.

Artigo 21º.-Complemento de asistencia.

Establécese un complemento de asistencia para o persoal afecto por este convenio, na contía sinalada na táboa salarial anexa, que se devengará por día efectivamente traballado cun rendemento normal e correcto.

Artigo 22º.-Complemento de calidade.

Establécese un complemento de calidade para o persoal afecto por este convenio, na contía sinalada na táboa salarial anexa, que se devengará por día efectivamente traballado cun rendemento normal e correcto.

Artigo 23º.-Complemento de recadación-conservación.

Para o persoal que realice funcións de recadación, mantemento, limpeza exterior de expendedores e conservación de toda a sinalización horizontal e vertical na zona de estacionamento regulado, percibirá un complemento de 3 euros por día efectivo traballado na tarefas descritas con anterioridade.

Artigo 24.-Complemento extrasalarial.

Para suplir os gastos ocasionados polo transporte e a distancia, establécese un complemento de carácter extrasalarial, pola contía establecida na táboa salarial anexa, que se aboará por día efectivamente traballado.

Artigo 25º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias denominadas verán, Nadal e marzo, que se aboarán a razón de 30 días cada unha, de salario base máis antigüidade.

O período de devengo das pagas será o seguinte:

-Paga de verán: do 1 de xaneiro ao 30 de xuño.

-Paga de Nadal: do 1 de xullo ao 31 de decembro.

-Paga de marzo: do 1 de xaneiro ao 31 de decembro.

As datas de aboamento das pagas serán as seguintes:

-Paga de verán: antes do día 20 de xullo.

-Paga de Nadal: antes do día 21 de decembro.

-Paga de marzo: dentro do primeiro trimestre do seguinte ano.

Non se descontará das pagas extraordinarias o tempo de baixa por incapacidade temporal.

Capítulo IV

Melloras sociais

Artigo 26º.-Protección da maternidade.

Cando as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou no feto, circunstancia esta que deberá ser certificada polo médico da Seguridade Social que asista a traballadora, a empresa modificará as condicións e/ou funcións de traballo da traballadora, de forma que as condicións laborais resulten compatibles co seu estado.

Esta situación manterase ata que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ás condicións anteriores do posto de traballo ou ás funcións que desempeñaba anteriormente. Este cambio estará igualmente certificado polo médico da Seguridade Social e poderá aprazarse ata despois do período de lactación se así o considerase o mesmo médico que asista a traballadora e que certificou o risco inicial das condicións do posto de traballo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, logo de aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 27º.-Complementos por incapacidade temporal.

No caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa aboaralle ao traballador desde o primeiro día desta, a diferenza entre a prestación económica da Seguridade Social e o salario bruto mensual, que lle correspondería percibir no período de baixa, con exclusión das horas extraordinarias.

En caso de accidente de traballo, a empresa aboaralle ao traballador a partir do primeiro día da baixa, a diferenza entre a prestación económica da Seguridade Social e o salario bruto mensual, que lle correspondería percibir no período de baixa, con exclusión das horas extraordinarias.

No caso de IT con hospitalización, aboarase desde o primeiro día da hospitalización e mentres esta dure, o 100% do seu salario mensual, con exclusión das horas extraordinarias.

Artigo 28º.-Póliza de accidente.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de seguro por accidente de traballo que lles garanta ao traballador ou aos seus habentes-causa, as seguintes indemnizacións:

Falecemento por accidente laboral ou enfermidade profesional: 28.050 euros.

Incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional: 21.815 euros.

Artigo 29º.-Axuda familiar.

Os traballadores afectados por este convenio, que teñan ao seu cargo unha persoa diminuída psíquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social, e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial de 69,20 euros/mensuais.

Artigo 30º.-Axuda escolar.

Aqueles traballadores con fillos menores de 18 anos que se atopen cursando estudos oficiais e debidamente xustificado, percibirán anualmente nun só pagamento, que se realizará no mes de setembro, a cantidade de 77,91 euros brutos por fillo.

Artigo 31º.-Préstamos.

A empresa creará un fondo de 9.616,19 euros.

Deste fondo iranse concedendo logo de solicitude por escrito que visarán empresa e comité de empresa, e que se realizará no modelo que se estableza para o efecto, préstamos dunha cantidade fixa, cun importe máximo por operario de 1.000 euros. A devolución detraerase das nóminas das doce mensualidades seguintes e deberán pasar un mínimo de seis meses entre a finalización do aboamento do préstamo e a solicitude doutro novo polo mesmo traballador.

Cando se esgote a cantidade fixada, non se darán máis préstamos, ata que non se vaian reintegrando as cantidades xa entregadas.

Artigo 32º.-Xubilación anticipada.

Establécese un sistema de xubilación anticipada, voluntaria e de mutuo acordo entre a empresa e traballador conforme a seguinte escala:

Xubilación aos 60 anos: 5 mensualidades.

Xubilación aos 61 anos: 4 mensualidades.

Xubilación aos 62 anos: 3 mensualidades.

Xubilación aos 63 anos: 2 mensualidades.

Xubilación aos 64 anos: 1 mensualidade.

As mensualidades aboaranse con independencia dos anos de servizo na empresa.

Artigo 33º.-Falecemento do traballador.

En caso de falecemento por causas naturais de calquera traballador en activo, a empresa aboaralles aos habentes-causa ou persoas que con el convivan, logo de xustificación documental, a cantidade de 5 mensualidades completas (salario base, antigüidade e complemento de asistencia).

Artigo 34º.-Asistencia letrada.

Dadas as características e especiais circunstancias nas que se desenvolve o traballo de controladores do servizo, a dirección da empresa proporcionaralles a asistencia legal necesaria en caso de se dar algunha das circunstancias seguintes:

Reclamación xudicial ao controlador ou vixilante como consecuencia da súa actuación profesional.

Reclamación xudicial do controlador ou vixilante a terceiras persoas, sempre que exista agresión física e nos casos de agresión verbal, se existen probas que permitan a súa defensa en xuízo.

Todo traballador que acuda a un xulgado ou comisaría de policía no seu período de descanso ou de vacacións, sempre que sexa por motivo laboral (agás que sexa por iniciativa propia), será compensado con outro período de descanso ou vacacións equivalente ao tempo que permaneza nas ditas dependencias, logo de presentación do correspondente xustificante pola autoridade competente en cada caso.

Artigo 35º.-Roupa de traballo.

Os traballadores recibirán como dotación de vestiario e uniformidade as seguintes pezas de roupa, coa periodicidade que se detalla:

a) No momento da incorporación:

Un equipo completo segundo a tempada composto por:

Equipo de inverno:

-Dous pantalóns ou saias.

-Dúas camisas de manga longa.

-Un anorak.

-Un par de zapatos ou botas.

-Un xogo de anagramas adhesivos.

-Un par de luvas sen reposición en caso de deterioración.

-Unha viseira ou gorra.

-Pano para o pescozo.

-Dous pares de calcetíns ou medias.

Equipo de verán:

-Dous pantalóns ou saias.

-Dúas camisas de manga curta.

-Un par de zapatos ou botas.

-Dous pares de calcetíns ou medias.

-Unha camiseta de dentro branca.

b) Anualmente:

-Un pantalón ou saia de inverno.

-Un pantalón ou saia de verán.

-Dúas camisas de inverno.

-Dúas camisas de verán.

-Un par de botas ou zapatos de verán.

-Un par de botas ou zapatos de inverno.

c) Bianualmente:

-Un anorak de dúas pezas.

-Un par de luvas.

-Un chuvasqueiro.

-Un cinto.

-Un polar.

Incorpórase como dotación unha faldriqueira que se lle entregará á totalidade do cadro de persoal por unha soa vez e para as novas contratacións ao ingresar na empresa.

Cando se presente unha peza de roupa deteriorada, procederase á entrega da correspondente nova.

En caso de producirse a baixa do traballador por calquera motivo, estará obrigado a entregar a roupa que teña en existencia. Igualmente en cada entrega de roupa, salvo a entrega inicial, recollerase a peza de roupa usada correspondente.

Datas de entrega:

-Roupa de verán: 30 de abril.

-Roupa de inverno: 30 de setembro.

Capítulo V

Acción sindical

Artigo 36º.-Dereito de información.

A empresa facilitaralles aos representantes dos traballadores a información establecida con carácter xeral no artigo 64.1º do Estatuto dos traballadores referida á cidade de Vigo.

Artigo 37º.-Información do absentismo.

A empresa facilitaralles aos representantes dos traballadores unha información trimestral coincidindo coa división natural do ano en trimestres.

A información estará referida ao número de días de absentismo polos motivos de: enfermidade, accidente e faltas inxustificadas.

Artigo 38º.-Horas sindicais.

As horas investidas nas reunións dos representantes dos traballadores coa empresa serán por conta de quen convoque a reunión.

Acéptase a acumulación cuadrimestral de horas sindicais, con comunicación previa á empresa, incrementándose 5 horas cuadrimestrais para repartir entre a totalidade do comité.

Cláusula adicional.

O incremento salarial pactado para a vixencia deste convenio será:

-Ano 2005: IPC real do ano 2004 máis 0,50 puntos.

-Ano 2006: IPC real do ano 2005 máis 1 punto.

-Ano 2007: IPC real do ano 2006 máis 1 punto.

-Ano 2008: IPC real do ano 2007 máis 1 punto.

No momento de asinar e da entrada en vigor da nova concesión polo Concello de Vigo e o adxudicatario do servizo, incrementarase a táboa salarial vixente en 5,5 puntos.

ANEXO I

Táboa salarial do persoal adscrito ao servizo de Ordenanza e Regulación de Aparcadoiros (ORA) da cidade de Vigo

Vixencia: do 1 de xaneiro de 2005 ó 31 de decembro de 2005.

CategoríasSalario baseC. asistenciaC. calidadeC. extrasalarialPagas extras

Verán/Nadal/

beneficios

Total anual

28,696,1723,695,82860,7021.866,91

Oficial mantemento25,895,5712,635,82776,7017.712,89

Vixilante23,314,70- 5,82699,3013.204,49

Op. emisora23,31-6,795,82699,3013.720,72

Oficial 2ª administrativo710,05-200,37119,75710,0514.492,19

Auxiliar administrativo710,05-137,85119,75710,0513.741,95