DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 29 de novembro de 2005 Páx. 18.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 8 de novembro de 2005 pola que se modifica a do 19 de abril de 2005, pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2005.

A Orde do 19 de abril de 2005 ten por obxecto a aprobación da convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación continua de ámbito autonómico mediante a subscrición de contratos programa, e no seu artigo 19 establece que os plans de formación incorporados aos contratos programa que se recollen nela se poderán executar entre o día seguinte ao da publicación da orde no

Diario Oficial de Galicia e o 31 de marzo de 2006, e que deberán estar xustificados todos os gastos o 30 de abril de 2006.

Agora, co fin de facilitarlles ás entidades impartidoras a execución e xustificación das accións formativas relativas aos contratos programa, tanto sectoriais coma intersectoriais, vanse incrementar os prazos tanto de execución como de xustificación das accións formativas.

Na súa virtude, consultada a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 3º da Orde do 19 de abril de 2005 pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2005, queda redactado así:

Artigo 3º.-Prazo de execución dos plans de formación.

Os plans de formación incorporados aos contratos programa poderanse executar entre o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e o 30 de xuño de 2006, e deberán estar xustificados todos os gastos o 20 de xullo de 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación a ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2005.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo