DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 29 de novembro de 2005 Páx. 18.988

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 8 de novembro de 2005 pola que se modifica a do 29 de marzo de 2005, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2005, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

A Orde do 29 de marzo de 2005, publicada no Diario Oficial de Galicia número 67, do 8 de abril de 2005, ten como obxecto a aprobación da convocatoria de subvencións destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico. No seu artigo 14º establece que as accións complementarias que se financien con cargo á convocatoria deberán executarse entre a data de resolución e o 30 de marzo de 2006. Establece, así mesmo, no seu artigo 18º que o beneficiario deberá acreditar dentro do prazo máximo dun mes tras a finalización do prazo de execución correspondente ao proxecto e, en todo caso antes do 30 de abril de 2006 a súa realización.

Agora, co fin de facilitarlles ás entidades adxudicatarias a execución e xustificación das accións complementarias e de acompañamento á formación, vanse incrementar os prazos tanto de execución como de xustificación.

Na súa virtude, consultada a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os artigos 14º e 18º.1 da Orde do 29 de marzo de 2005 pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, correspondentes ao exercicio do ano 2005, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras

para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo quedan redactados así:

Artigo 14º.-Prazo para a realización das accións.

As accións complementarias e de acompañamento á formación que se financien con cargo a esta convocatoria deberán executarse entre a data da resolución e o 30 de abril de 2006.

Artigo 18º.1.-Liquidación das subvencións.

1. O beneficiario deberá acreditar ante a Dirección Xeral de Formación e Colocación dentro do prazo máximo dun mes tras a finalización do prazo de execución correspondente ao proxecto e, en todo caso antes do 20 de maio de 2006, a súa realización cubrindo e remitindo a seguinte documentación:

a) Produtos finais íntegros.

b) Documentación xustificativa dos custos relativos á execución do proxecto aprobado e documentos normalizados facilitados para o efecto cubertos, de conformidade cos custos financiables e criterios establecidos.

c) Xustificante de ter ingresado o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo, se é o caso.

d) Acreditación da participación das entidades que colaboraron no proxecto e na súa difusión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación a ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2005.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo