DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 29 de novembro de 2005 Páx. 18.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de novembro de 2005 pola que se resolve a concesión de premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para os alumnos que remataron os seus estudos universitarios no ano 2005, nas universidades do sistema universitario de Galicia.

A Orde do 3 de maio de 2005 (DOG do 20 de maio) convocaba os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para alumnos universitarios que rematen os estudos no ano 2005 nas universidades do sistema universitario de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 8 das bases da convocatoria, desde o día 11 ata o día 21 de outubro de 2005, expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos perante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Rematado este prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, atendendo a proposta elaborada pola citada comisión, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlles os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia aos alumnos universitarios que remataron os seus estudos no ano 2005 e que se relacionan no anexo I da presente orde. Os alumnos premiados recibirán unha contribución en metálico de 2.404 euros.

Artigo 2º

As solicitudes que figuran relacionadas no anexo II desta orde e que foron admitidas para participar neste concurso, debe entenderse que quedan denegadas polas causas que nel se sinalan.

Artigo 3º

O incumprimento total ou parcial por parte dos beneficiarios de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria do 3 de maio de 2005, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da la Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 4º

Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria