DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 24 de novembro de 2005 Páx. 18.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2005 pola que se convocan unhas xornadas sobre a seguridade viaria a debate.

Dentro dos programas de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre a seguridade viaria a debate, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Delimitar cal debe ser o tratamento para a prevención dos accidentes de tráfico, desde unha perspectiva multidisciplinar.

-Coñecer o impacto que a sinistralidade viaria ten nos sistemas públicos de saúde.

-Saber que papel poden xogar na prevención dos accidentes os medios de comunicación social.

-Analizar os accidentes de tráfico desde o punto de vista das vítimas.

Destinatarios.

Membros das forzas e corpos de seguridade e colectivos interesados.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan nestas xornadas é de 250.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 12 de decembro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

As xornadas desenvolveranse durante os días 14 e 15 de decembro. O día 14 desenvolveranse en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h) e tarde (16.00 a 19.00 h); e o día 15 só en xornada de mañá (9.00 a 14.00 h).

Contido.

-A seguridade viaria e a xustiza.

-O papel da actividade aseguradora na seguridade viaria.

-A seguridade viaria desde a óptica das incidencias sanitarias.

-O papel dos medios de comunicación social no tratamento da información sobre seguridade viaria: a información como elemento de prevención.

-A seguridade viaria no ámbito urbano.

-As vítimas como elemento de atención fundamental na seguridade viaria.

-O Plan Estratéxico de Seguridade Viaria.

-Os plans municipais tipo de seguridade viaria.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o 13 de decembro no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41.

Lugar.

As xornadas desenvolveranse na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Certificado de asistencia.

Ao remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 14 de novembro de 2005.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia