DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 24 de novembro de 2005 Páx. 18.819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Unión Cristalera Portaglas, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Unión Cristalera Portaglas, S.L. (código de convenio nº 8200102), que se subscribiu con data do 8 de xullo de 2005, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2005.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo da Unión Cristalera

Portaglas, S.L. para os dentros de

Santiago de Compostela e Pontevedra

Capítulo I

Disposicións xerais

Sección primeira

Obxecto

Artigo 1º

Este convenio ten por obxecto rexer as condicións de traballo entre a empresa Unión Cristalera Portaglás, S.L. e o persoal incluído no ámbito desta, de acordo co disposto no artigo seguinte.

Sección segunda

Ámbito de aplicación

Artigo 2º.-Persoal.

Este convenio afecta a todos os traballadores que prestan servizos en Unión Cristalera, S.A. con exclusión do persoal pertencente ás categorías denominadas Cadro e EAPs.

Artigo 3º.-Territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación no centro de traballo que na actualidade ten Unión Cristalera Portaglás, S.L. nas cidade de Santiago de Compostela e Pontevedra.

Artigo 4º.-Temporal.

Este convenio terá unha duración de 3 anos, comezando a súa vixencia, para todos os efectos, o día 1 de xaneiro de 2005 e rematando o día 31 de decembro de 2007.

O 1 de xaneiro do ano 2008 considérase expresamente denunciado este convenio, mesmo cando non houbese comunicación escrita entre as partes, comezando a continuación as deliberacións dun novo convenio. Igualmente, entenderase prorrogado este convenio ata que non se aprobe un novo acordo.

Sección terceira

Compensación, absorción e vinculación

á totalidade

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

No suposto de que durante o prazo de vixencia deste convenio se acordasen, por disposición legal, condicións que total ou parcialmente afectasen ás contidas nel, aplicaranse, en canto a absorción e compensación, as normas de carácter xeral actualmente vixentes, ou as que se diten no sucesivo, efectuándose en calquera caso o cómputo global anual para determinar as absorcións e compensacións que procedan.

Artigo 6º.-Garantía persoal.

No caso de existir algún traballador ou grupos de traballadores que tivesen recoñecidas condicións tales que, examinadas no seu conxunto, resultasen superiores ás que para o persoal desta categoría profesional se establecen neste convenio, respectaranse as ditas condicións con carácter estritamente persoal e soamente para aqueles a quen persoalmente afecten.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

Ambas as partes conveñen expresamente en que as normas fixadas neste convenio serán aplicables mentres teñan vixencia todas e cada unha delas, sen prexuízo do establecido en canto a revisión das condicións económicas.

Se algunha ou algunha das normas pactadas fosen alteradas por disposicións legais ou ao ser rexistrado o convenio pola autoridade laboral, considerarase causa de revisión, a menos que as partes, de común acordo, renuncien expresamente a esa revisión.

Non se considerará alteración incluída para os efectos do establecido no parágrafo precedente o establecemento de novos salarios mínimos legais. Para a súa aplicación observarase o que dispoña a norma legal correspondente en canto aos mecanismos de absorción e compensación ou ao xa sinalado no artigo 5º do convenio, se non houbese disposición específica.

Artigo 8º.-Dereito supletorio.

Ambas as partes acordan, como dereito supletorio, para evitar baleiros normativos, remitirse ao disposto no Convenio Nacional do Vidro e da Cerámica para aquelas cuestións non reguladas neste convenio, ou no Estatuto dos traballadores e demais disposicións de carácter xeral.

Sección cuarta

Comisión paritaria

Artigo 9º.-Constitución.

Queda constituída a comisión paritaria do convenio, como órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do seu cumprimento.

Artigo 10º.-Composición.

A comisión estará composta por 2 representantes da empresa e 2 representantes dos traballadores, por cada unha das partes asinantes deste convenio, que asumirán as condicións de vixilancia deste.

Artigo 11º.-Designación e substitución de vogais.

Os vogais da comisión, nomeados por cada unha das representacións, serán designados na epígrafe acta final.

As substitucións produciranse, por decisión de cada representación no seu ámbito, informando a outra representación, cando se leven a efecto.

Artigo 12º.-Reunións e acordos.

A comisión paritaria reunirase, unha vez cada trimestre, e excepcionalmente se for necesario, por solicitude dunha das partes, por escrito e sinalando os puntos que se vaian tratar.

A fixación da data da reunión efectuarase dentro dos 15 días naturais contados a partir da data en que a parte receptora avise da recepción da petición.

Os acordos da comisión paritaria quedarán recollidos nunha acta e terán carácter vinculante. No caso de desacordo, recolleranse, así mesmo en acta, os termos e as posicións das partes, usando estas das atribucións que crean que as asiste en dereito.

Capítulo II

Organización do traballo

Sección primeira

Organización

Artigo 13º.-Facultade de organización.

A organización do traballo é facultade da dirección da empresa, con suxeición ao disposto na lexislación vixente. A este respecto, a dirección levará a cabo diversas accións, asegurando a información e a participación dos traballadores e dos representantes dos traballadores, co obxectivo de obter os mellores niveis de calidade, produtividade, seguridade e saúde laboral, mediante a utilización máis axeitada dos recursos.

Artigo 14º.-Contratación.

As modalidades de contratación básicas, para persoal de novo ingreso, serán as que legalmente se establezan, adecuándose á necesidade que o xustifique, informando previamente os representantes dos traballadores.

A modalidade de contratos de posta á disposición realizarase para resolver necesidades conxunturais e nos termos que legalmente están definidos e coas condicións xerais establecidas legalmente en cada momento.

Artigo 15º.-Traballos de categoría superior e inferior.

a) Traballos de categoría superior.

Nos casos de perentoria necesidade e por prazo que non exceda os tres meses, o persoal incluído no ámbito deste convenio poderá ser destinado a ocupar un posto de cualificación superior, percibindo, mentres se encontre nesta situación, a remuneración correspondente á función que efectivamen

te desempeña. Este cambio seralle comunicado ao traballador por escrito.

Desaparecidas as causas que motivaron a necesidade, o traballador volverá ao seu posto de orixe coa retribución asignada a este e sen dereito a consolidar a categoría do posto que ocupou transitoriamente, facéndoo constar no seu expediente persoal.

Se o prazo de ocupación do posto de superior categoría excedese os tres meses de forma ininterrompida, de seis meses de forma alterna durante un ano, ou de doce tamén de forma alterna durante tres anos, adquirirase automaticamente a categoría do posto superior desempeñado.

O disposto neste artigo non será de aplicación nos casos de substitución por incapacidade laboral transitoria, permisos ou vacacións. Nestes últimos supostos, a substitución comprenderá todo o tempo que duren as circunstancias que a motivasen, sen que outorgue dereito á consolidación do posto, pero si á percepción da diferenza económica e a que isto conste no expediente persoal.

Exceptúanse de todo o anteriormente disposto, os traballos de categoría superior que o traballador realice, de acordo coa empresa, co fin de prepararse para a súa promoción ou ascenso. Igualmente se exceptúan os casos de substitución por servizo militar e excedencia forzosa, pero nestes casos, adquirirase prioridade absoluta para cubrir a primeira vacante da categoría en que se exerceu a substitución.

b) Traballos de categoría inferior.

A empresa, por necesidades perentorias, transitorias ou imprevisibles, poderá destinar un traballador a realizar misións de cualificación inferior á que teña recoñecida e este non se poderá negar a efectuar o traballo encomendado, sempre que iso non prexudique notoriamente a súa formación profesional e non haxa outra persoa de categoría correspondente ao traballo que se deba realizar. O traballador seguirá percibindo o salario e demais emolumentos que, pola súa cualificación e función anterior lle correspondan, de conformidade co disposto na letra anterior.

Artigo 16º.-Traslados.

En caso de traslado dun traballador a outro centro de traballo que supoña cambio de residencia, precisarase a previa negociación e a voluntaria aceptación do traballador afectado, baixo a supervisión dos representantes dos traballadores, se así o solicita o interesado.

Artigo 17º.-Readmisión de despedidos.

A empresa comprométese a readmitir, con todos os seus dereitos, os traballadores sobre os que recaia sentenza de despedimento improcedente ou nulo, agás que existan razóns suficientes a xuízo da dirección e dos representantes dos traballadores.

Os representantes dos traballadores serán informados das sancións que se lle poidan impor ao persoal incluído neste convenio.

Capítulo III

Formación

Artigo 18º.-Formación.

Ambas as representacións consideran totalmente necesaria a formación e o perfeccionamento profesional de todo o persoal da empresa para a adaptación ás innovacións tecnolóxicas, mantemento da competencia profesional e persoal e, por iso, acordan:

A dirección presentaralles aos representantes dos traballadores o plan de formación que se vaia realizar, no cal constarán as necesidades de formación requiridas, baseándose nos diagnósticos das necesidades realizados polos xefes das áreas de traballo e pola propia dirección, tendo en conta as suxestións que poidan achegar os representantes dos traballadores e relacionadas coas nosas actividades.

Anualmente, presentaránselles aos representantes dos traballadores, os resultados e a información sobre a realización das accións de formación, incidencias, etc., para análise conxunta.

As accións de formación serán programadas preferentemente, se for posible, durante o tempo de traballo.

A asistencia a accións de formación, programadas pola dirección, que impliquen unha relación directa co correcto desenvolvemento das diferentes actividades, para a aplicación de procedementos de calidade ou para a recepción e coñecementos de normas ou medidas de prevención de riscos, será necesario que o traballador as realice para asegurar o correcto desenvolvemento das súas funcións e a actualización naquela formación.

Procurarase a asistencia de todos aqueles traballadores que, tendo interese en participar en determinados cursos, reúnan os coñecementos básicos requiridos para inicialos.

A contribución ao propio perfeccionamento mediante a asistencia a accións de formación dentro das horas de traballo, será por conta da empresa. Polas realizadas despois da xornada, o/a traballador/a percibirá como complemento de axuda á formación, a cantidade que figura no anexo I.

As accións de formación baseadas en peticións persoais, se se consideran de interese para a empresa, serán tratadas segundo o establecido nas normas de axuda de estudos para o persoal.

Os gastos de formación (profesorado, material, viaxes e estadías) serán financiados con cargo ao orzamento de formación. A empresa poderá solicitar axudas para a formación, e nestes casos, os representantes dos traballadores emitirán informe favorable, cando o procedemento así o requira.

Capítulo IV

Sección primeira

Xornada de traballo

Artigo 19º.-Xornada actual e traballo efectivo.

A xornada de traballo, durante os anos 2005, 2006 e 2007, para todo o persoal incluído no ámbito deste convenio, será de: 1.762 horas anuais, de traballo efectivo en 2005 e 2006, e de 1.756 horas no ano 2007.

Enténdese por traballo efectivo as horas de presenza e actividade no lugar de traballo, provistos da roupa de seguridade, sen que as liñas de produción sexan paradas para efectuar cambios de quenda. Non serán computados como de traballo efectivo os períodos de vacacións.

Artigo 20º.-Modalidades de horario.

Respectando o cómputo de número total de horas de traballo efectivo anual, a dirección de cada centro, cos representantes dos traballadores, establecerá os horarios nos que se recolla a distribución das horas anuais, segundo sexa a xornada normal ou a quendas.

Aceptado o principio de fixación de xornada continuada e durante os períodos en que esta se realice, a dirección da sociedade, tras acordo cos representantes dos traballadores, determinará aqueles servizos nos que excepcionalmente non se poida realizar esta xornada.

Xornada normal.

O persoal que non traballa a quendas, traballará de luns a venres en xornada partida, distribuíndose esta de modo que se asegure a máis eficaz atención aos clientes. A xornada continuada será de dous meses, os comprendidos entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, mantendo a distribución horaria diaria actual nesta xornada.

Os colocadores que realicen o seu traballo en obras, adaptarán o seu horario en operacións concretas que así o requiran, o mesmo na xornada de verán ca no resto do ano. Os vendedores, durante a xornada continuada, adaptarán o seu horario á especial xestión que teñen encomendada, cando esta así o requira.

Quendas.

Para o persoal que traballe a quendas, establecerase cada ano o calendario, conxuntamente cos delegados do persoal, tendo en conta o modelo base presentado pola dirección, as peculiaridades do centro e a marcha prevista das instalacións. Fíxase un descanso de quince minutos, que se computará como tempo de traballo efectivo, e o seu desfrute realizarase de forma gradual nas dúas horas e media centrais.

Este persoal continuará prestando servizo en quendas de oito horas diarias de duración, conforme a distribución que resulte do calendario de quendas que se acorde. Por necesidades conxunturais de cumprimento pedidos, consolidación carteira e atención a clientes, a dirección poderá establecer unha ampliación de quendas de luns a venres, informando os delegados de persoal e con avisos de 48 horas mínimo aos traballadores afectados. Primeiro resolverase con voluntarios e, se non os houbese, rotativamente.

Cando un traballador a xornada normal pase temporalmente a substituír outro traballador a quenda, ou viceversa, regularizarase a diferenza de horas de traballo que poida producirse.

Sección segunda

Vacacións

Artigo 21º.-Vacacións.

O período de vacacións anuais para todo o persoal afectado polo convenio será de 23 días laborables.

A consideración de día laborable estará determinada polo calendario que para cada modalidade de horario se establecese previamente, calquera que sexa o número de horas/día que o integren.

Sempre que o permitan as necesidades do servizo, o traballador poderá fraccionar as súas vacacións tantas veces como o desexe.

O persoal de novo ingreso desfrutará, antes do 31 de decembro do ano do seu ingreso, da parte proporcional que lle corresponda, polos meses comprendidos entre a data do seu ingreso e o 31 de decembro, computándose a fracción de mes como mes completo.

En cada centro de traballo, a dirección exporá no taboleiro de anuncios, antes do día 30 de abril, o programa de vacacións que desfrutarán todos os traballadores. Este programa confeccionarase de común acordo, entre a dirección do centro e os representantes dos traballadores. Se algún traballador, por circunstancias especiais, propuxese unha variación dentro da programación que lle afecta, a dirección trataría de resolver a necesidade satisfactoriamente, coa menor repercusión para o conxunto.

Establécese como período preferente para o desfrute das vacacións o comprendido entre o 15 de xuño e o 14 de setembro.

As persoas afectadas por este convenio poderán ter dous días máis de vacacións ao ano, se desfrutasen o 50% ou máis da totalidade que corresponde ao ano, fóra do período preferente indicado anteriormente, por necesidades do traballo a requirimento da dirección.

No caso de que un traballador, estando de vacacións sexa dado de baixa por IT, non lle será computado, para os efectos de vacacións, o tempo que permaneza nesta situación, continuando aquelas ao ser dado de alta, sempre dentro do ano natural e de acordo coas necesidades de programación do traballo e cumprimento do programa xeral de vacacións no centro de traballo ao que pertence.

Artigo 22º.-Permisos retribuídos.

A empresa concederalle ao persoal, logo de aviso e xustificación, permiso con soldo e sen descontalo das súas vacacións regulamentarias, nos casos seguintes:

1º Matrimonio: 16 días naturais.

2º Parto de esposa ou compañeira: 3 días laborables, segundo o calendario laboral.

3º Enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, compañeiro/a, de fillos, pais, avós, irmáns e netos, tanto consanguíneos como afíns: 3 días naturais. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 5 días.

4º Cumprimento de deberes públicos inescusables, xustificando a causa que os orixina. Entenderase que son deberes públicos inescusables aqueles que deriven de mandato de autoridade, que fagan imprescindible acudir a unha citación.

5º Os delegados do persoal terán dereito ás dispoñibilidades horarias reguladas para exercer a súa

función como representantes dos traballadores, nas condicións establecidas polas disposicións legais.

6º Por falecemento de parentes consanguíneos de 3º e 4º grao, a empresa concederá permiso polo tempo imprescindible para acudir ao enterro, sempre e cando sexa na cidade onde reside o traballador.

Capítulo V

Estrutura da remuneración

Artigo 23º.-Disposicións xerais.

Establécense as seguintes definicións sobre a estrutura de remuneración que se fixan neste artigo.

1º As retribucións que se fixan neste convenio son todas elas brutas.

2º Aqueles traballadores que o soliciten poderán cobrar anticipos semanais data un 90% do salario devengado nesa semana.

3º A clasificación do persoal afectado por este convenio colectivo recolle os grupos e categorías profesionais que a seguir se detallan:

Técnicos e administrativosOperarios

Aux. administrativoPeón ordinario

Oficial 2ªPeón especialista

Oficial 1ªOficial 3ª

Xefe de 2ªOficial 2ª

Xefe de 1ªOficial 1ª

Capataz

Artigo 24º.-Conceptos remuneración.

A remuneración do persoal afectado por este convenio está integrada polos conceptos de:

* Salario convenio.

* Complementos.

-Complemento persoal.

-Complemento hora noite quendas.

* Variable anual por r. explotación/PNV. (Anexo II/I).

* Variable anual por índices cumprimento e seguridade. (Anexo II/II).

Todos os traballadores incluídos neste convenio percibirán os salarios que devenguen por períodos mensuais.

O pagamento destes efectuarase o derradeiro día laborable do mes, a través de entidades de crédito.

Para ter tempo suficiente para confeccionar a nómina, dentro da data sinalada, os conceptos retribuídos variables computaranse do 16 do mes anterior ao 15 do mes actual, aboándose completos os conceptos fixos e regularizándose o mes seguinte as diferenzas que poidan xurdir desde o día 16 a finais do mes, como consecuencia de ausencias, baixas por enfermidade, accidente, etc.

Artigo 25º.-Retribución salarial mensual.

Os importes para cada unha das categorías son os que figuran no anexo I.

Artigo 26º.-Gratificacións regulamentarias.

As gratificacións regulamentarias de xuño e Nadal aboaranse a razón das cantidades que para cada categoría profesional se sinalan no anexo I, incre

mentadas coas cantidades que puidesen corresponder por complemento persoal, complemento indemnización gastos cambio xornada, complemento persoal e outras que a título persoal puidese ter o traballador.

O ano enténdese dividido en dous semestres naturais. Ao primeiro corresponde a gratificación de xuño e ao segundo a de Nadal. Os traballadores que causen baixa ou alta na empresa durante o ano percibirán a parte proporcional correspondente ao tempo efectivamente traballado durante o semestre que se considere.

As gratificacións aboaranse como datas máximas o 30 xuño e o 20 decembro, respectivamente.

Artigo 27º.-Complementos persoais.

1º Gratificación persoal.

Este complemento persoal, non absorbible nin compensable, percibirase en 14 pagas, e actualizarase cada ano en función do incremento que experimenten as táboas salariais.

2º Complemento persoal.

O persoal que teña asignadas cantidades por este concepto percibiraas a título persoal, e incrementaranse segundo o que en cada convenio colectivo se acorde e será absorbido, total ou parcialmente, con ocasión dos cambios de categoría que o afecten. Devengarase en 14 pagas.

Artigo 28º.-Horas extraordinarias.

Ambas as partes acordan a conveniencia de reducir ao mínimo indispensable as horas extraordinarias, con base nos seguintes criterios:

1º Realización das exixidas para reparar sinistros ou danos extraordinarios.

2º As necesarias para cubrir circunstancias de carácter estrutural derivadas da natureza da actividade de que se trate, de conformidade co disposto no Real decreto 46/1984 e disposicións complementarias sobre cotización ou as que se poidan promulgar en relación con este tema.

3º A prestación da hora extraordinaria será retribuída co importe ptas.brutas/hora, recollida no anexo I, calquera que sexa a categoría que teña quen a realice.

4º A hora extraordinaria tamén se poderá compensar por un tempo equivalente de descanso, en lugar de ser retribuída economicamente. Neste caso, poñeranse de acordo a dirección e o traballador respecto ao número delas que se compensarán e a data do descanso que, en ningún caso, se poderá engadir ao período de vacacións pactado.

5º No suposto de que o valor pactado sexa inferior ao que correspondería legalmente, a diferenza está compensada no salario global anual.

Artigo 29º.-Complemento hora noite quendas.

Establécense as cantidades por hora traballada durante quendas de noite, desde as 22.00 horas ás 6.00 horas, que figuran no anexo I.

Artigo 30º.-Retribución en vacacións.

O importe que se percibirá durante o período de desfrute de vacacións será da mesma contía que

se estivese en activo, con exclusión do valor de horas extraordinarias, traballos a obra feita, gratificacións regulamentarias, complemento hora noite quendas e complemento de transporte, se o tiver.

Artigo 31º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou aos sindicatos que teñan a representación a que se refire este punto, os centros descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación, remitiralle á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente ou cartilla de aforro a que deba ser transferida a correspondente cantidade. A empresa efectuará estas detraccións, agás indicación en contrario.

A dirección da empresa entregaralle copia da transferencia á representación sindical na empresa, se a houber.

Capítulo VI

Incrementos salariais e cláusulas de revisión

Condicións de aplicación para 2005.

En 2005 serán aplicados, segundo se indica nas epígrafes e artigos correspondentes, os valores que figuran no texto e anexos, consecuencia dos acordos acadados para a sinatura do convenio.

Efectuarase a revisión do salario convenio (anexo I), do complemento indemnización gastos cambio xornada e do complemento persoal, con carácter retroactivo desde o 1-1-2006 pola diferenza entre o IPC real de 2006 e o IPC previsto para este ano. Aboamento da diferenza no mes de xaneiro do ano 2006 e revisión das táboas na diferenza tanto positiva como negativa entre o IPC real e o IPC previsto de 2005, antes da aplicación do incremento para o ano 2006.

Condicións de aplicación para 2006.

Aplicación do IPC previsto polo Goberno para o ano 2006, a todos os conceptos contidos no anexo I deste convenio e ao complemento persoal.

Efectuarase a revisión do salario convenio (anexo I), do complemento indemnización gastos cambio xornada e do complemento persoal, con carácter retroactivo desde o 1-1-2007 pola diferenza entre o IPC real de 2007 e o IPC previsto para este ano. Aboamento da diferenza no mes de xaneiro do ano 2007 e revisión das táboas na diferenza tanto positiva como negativa entre o IPC real e o IPC previsto de 2006, antes da aplicación incremento para o ano 2007.

Condicións de aplicación para 2007.

Aplicación do IPC previsto polo Goberno para o ano 2007, a todos os conceptos contidos no anexo I deste convenio e ao complemento persoal.

Efectuarase a revisión do salario convenio (anexo I), do complemento indemnización gastos cambio xornada e do complemento persoal, con carácter retroactivo desde o 1-1-2007 pola diferenza

entre o IPC real de 2007 e o IPC previsto para este ano. Aboamento da diferenza no mes de xaneiro do ano 2008 e revisión das táboas na diferenza tanto positiva como negativa entre o IPC real e o IPC previsto de 2007.

Capítulo VII

Contrato de substitución

Principios xerais.

1. O contrato de substitución só será aplicable a actividades non amortizables definidas pola empresa. Haberán de esgotarse previamente as posibilidades de substitución internas do centro antes de recorrer á contratación exterior. Non obstante, poderá estudarse a súa aplicación a outras situacións, se as circunstancias nalgún centro o fan posible.

2. A proposta da xubilación parcial para a posterior aplicación do contrato de substitución poderá formularse tanto polo traballador (sempre e cando reúna as condicións establecidas na lei para acceder á xubilación parcial) como pola empresa, sendo imprescindible o acordo de ambas as partes para a materialización dela.

Criterios para facer efectiva a súa implantación.

a) Xubilación parcial.

Os traballadores que accedan á xubilación parcial en aplicación deste acordo sobre a aplicación do contrato de substitución farano no 85% da xornada anual pactada en cada momento no convenio colectivo en vigor.

b) Contrato a tempo parcial do traballador xubilado parcialmente (traballador substituído).

Concertarase polo 15% da xornada restante anual pactada en cada momento no convenio colectivo en vigor.

A prestación laboral da xornada correspondente ao ano en que se produza a xubilación parcial se acumulará nun só período que se prestará, de forma consecutiva, desde a data de inicio da relación laboral a tempo parcial, ata completar o número de xornadas correspondentes. Durante o mesmo, o traballador substituído colaborará nos procesos de formación do traballador substituto.

Para os anos sucesivos ata a xubilación total do traballador, a prestación laboral do 15% da xornada pactada no convenio colectivo vixente en cada momento, dos traballadores xubilados parcialmente en aplicación deste acordo, realizarase mediante a prestación de xornadas diarias completas, conforme os calendarios dos respectivos centros de traballo, que poderán acumularse nun ou varios períodos distribuídos ao longo do ano.

A fixación do período ou períodos de prestación realizarase en función das necesidades da empresa, producidas por: vacacións, permisos retribuídos, licenzas, absentismo, períodos punta de produción, etc., sendo comunicados cunha antelación mínima de 45 días ao traballador. Se ao finalizar o ano natural, non se producisen as circunstancias precisas para completar a prestación correspondente ao ano,

o resto da prestación laboral non realizada polo traballador terá a consideración de permiso retribuído, sen posibilidade de acumulación para anos sucesivos.

Non obstante o anterior, o pagamento das retribucións correspondentes a esta prestación laboral a tempo parcial, distribuirase ao longo de todo ano, aboándose no mesmo número de pagas que se aboe ao personal a tempo completo na empresa.

c) Contrato de substitución para substituír o traballador xubilado parcialmente (traballador substituto).

O contrato de substitución realizarase a tempo completo na súa modalidade de duración determinada, concertándose polo tempo que falte ao traballador substituído para alcanzar a idade ordinaria de xubilación.

O contrato de substitución transformarase en indefinido, sempre que persista o carácter no amortizable das actividades desenvolvidas polo traballador substituído, e se produza algunha das seguintes situacións:

-A xubilación total do traballador substituído, aínda que se produza antes da idade ordinaria de xubilación.

-O falecemento, a invalidez permanente absoluta ou total do traballador substituído, antes de cumprir a idade ordinaria de xubilación.

O traballador substituto ingresará dentro do mesmo grupo profesional que o traballador substituído. O seu ingreso producirase coa categoría de peón ordinario se as súas actividades para desenvolver se encontran dentro do grupo profesional de operarios, ou coa categoría de auxiliar administrativo se as súas actividades para desenvolver se encontran comprendidas dentro do grupo profesional de técnicos administrativos.

d) Garantías económicas para o persoal que se acolla ao contrato de substitución.

A remuneración dos traballadores con contrato a tempo parcial xubilados parcialmente (traballador substituído), serán as seguintes:

O 15% das remuneracións mínimas garantidas nas táboas.

O 15% dos complementos persoais que o traballador teña recoñecidos no momento da xubilación parcial.

Os complementos por modalidade de traballo serán os que realmente correspondan ao traballo realizado polo traballador durante a prestación a tempo parcial; non podendo ser inferiores, en ningún caso, ao 15% das teoricamente percibidas por estes conceptos durante os doce meses anteriores á data da xubilación parcial, conforme a situación do traballador nese momento.

Manterá o dereito á percepción completa das vantaxes sociais, do convenio colectivo, conforme os requisitos alí establecidos para ter dereito á súa percepción. Con excepción feita das establecidas para a incapacidade temporal, que se establecerán en proporción á xornada de traballo do contrato a tempo parcial.

Cláusula resolutoria.

No caso que durante a vixencia deste acordo, se producisen modificacións nas disposicións legais ou regulamentarias que regulan a xubilación parcial e o contrato de substitución, que afectasen ao contido do pactado, e antes da resolución do acordo, as partes reuniríanse para analizar o alcance das modificacións producidas, e estudar a posibilidade de adaptar este acordo á nova regulación.

Prestacións sociais.

I. Incapacidade temporal.

Cando un traballador sexa dado de baixa como consecuencia de enfermidade común ou accidente non laboral pola Seguridade Social, logo de confirmación desta baixa polo médico da empresa, aboarase un complemento tal que sumado coas prestacións que para estas continxencias outorga a Seguridade Social, lle garanta ao traballador a percepción do 90% do salario mensual que figura na columna que lle sexa aplicable do anexo I máis o complemento persoal, se o tivese.

Todo isto a partir do décimo sexto día consecutivo da baixa.

A empresa concederá un complemento que, sumado á indemnización legal por enfermidade, aboada pola Seguridade Social, lle garanta ao traballador enfermo a percepción do 100% do salario convenio máis o complemento persoal, nos casos de internamento en centros hospitalarios e mentres dure este, logo de xustificación de tal internamento, así como o tempo mínimo de recuperación que, como consecuencia do internamento, certifique o médico especialista correspondente e soamente durante este tempo mínimo.

No suposto de que a baixa sexa debida a accidente laboral, o complemento que se aboará garantirá a percepción do 100%, a partir do primeiro día de baixa e afectará aos conceptos retributivos arriba indicados. Nas gratificacións regulamentarias percibirase o 90% do importe destas, na data do seu vencemento, nos casos de enfermidade común ou accidente non laboral e do 100% cando se trate de accidente laboral.

II. Axuda de estudos.

Acórdase establecer unha cantidade bruta anual durante a vixencia deste convenio, que se destinará a axuda de estudos dos fillos do persoal desta empresa. Do importe da axuda de estudos deducirase o IRPF que corresponda en cada caso. O importe figura no anexo I do convenio.

O reparto desta axuda farase conforme as normas que se xuntan como anexo III deste convenio.

III. Seguro de vida e invalidez.

Establécese un seguro de vida e invalidez para os traballadores aos que afecta este convenio, conforme as normas que se detallan a continuación:

O seguro de vida que a empresa estableceu ten por obxecto garantirlles un capital aos traballadores que cumpran as condicións máis adiante citadas:

a) Ben, no caso de falecemento.

b) Ou ben, no caso de invalidez permanente absoluta.

O capital aboaráselles aos beneficiarios designados polo asegurado, no caso de falecemento deste, ou ao propio asegurado, no caso de invalidez permanente absoluta, axustándose ao disposto na Orde ministerial do 12-8-1981 (BOE do 5 de setembro).

Traballadores asegurados.

A) Beneficiaranse das garantías establecidas:

1º Os traballadores de alta na empresa, en activo ou en situación de proposta de invalidez, ata que remate a anualidade na que cumpran os 65 anos.

2º Os traballadores do cadro xubilados anticipadamente, entre os sesenta e os sesenta e cinco anos de idade, ata que remate a anualidade en que cumpran sesenta e cinco anos.

3º Os traballadores do cadro que, de común acordo coa empresa, ao cumpriren os sesenta e cinco anos, sigan en activo, terán garantido o risco de falecemento, como máximo, ata o 31 de decembro do ano correspondente ao setenta aniversario de cada asegurado.

B) Traballadores excluídos das garantías.

Traballadores que estean cumprindo o servizo militar ou en situación de excedencia.

Duración das garantías.

a) Comezo das garantías. As garantías terán efecto:

-A partir da data de comezo do prazo de duración deste convenio colectivo para os traballadores que se atopen no cadro de persoal na citada data.

-A partir do primeiro día do mes seguinte de ser dado dalta na empresa.

b) Cesamento das garantías. O mesmo día do cesamento para os asegurados que causen baixa temporal (licenzas ou excedencias) ou definitiva na empresa, salvo no caso previsto no nº 2 da epígrafe Traballadores Asegurados.

Capital asegurado.

O importe do capital garantido para cada asegurado é igual ao produto do capital base polo coeficiente familiar.

O capital base correspondente é o que se recolle no anexo I.

Coeficiente familiar.

Segundo a situación familiar dos asegurados, establécense os seguintes coeficientes que se aplicarán sobre o capital base que corresponda segundo a súa categoría:

-Persoal interino, eventual ou en período de proba: 100%.

-Para asegurados solteiros ou viúvos sen fillos: 100%.

-Para asegurados casados: 120%.

-Para asegurados viúvos ou solteiros con fillos menores de 18 anos ou maiores incapacitados: 120%.

-Por cada fillo menor de 18 anos ou maior incapacitado, incrementarase o capital base en: 20%.

Riscos garantidos.

Garántense todos os casos de falecemento, baixo as únicas reservas seguintes:

-A garantía só ten efecto no caso de suicidio dun asegurado, cando se produza, polo menos, dous anos despois da súa entrada no seguro.

-Non está garantido o risco de morte a consecuencia de viaxes en avión, non efectuados en liñas comerciais aéreas de transporte común, carreiras de automóbiles e de calquera outro vehículo de motor. Respecto á cobertura do risco de invalidez permanente absoluta, os riscos excluídos son os sinalados na orde do Ministerio de Facenda do 12 de agosto de 1981.

Beneficiarios.

Os beneficiarios serán os seguintes:

O cónxuxe supervivente; no seu defecto, os fillos do matrimonio; a falta destes, o pai e a nai ou o supervivente de ambos os dous. En defecto das persoas antes indicadas, os habentes dereito lexítimos do traballador.

De forma excepcional e cando exista unha causa que o xustifique, poderá establecerse unha atribución beneficiaria distinta, pero estas excepcións deberán ser comunicadas expresamente para cada caso particular. Nestes casos, o interesado formalizará e entregaralle á empresa a solicitude de cambio de beneficiario.

Disposicións varias.

No caso de invalidez permanente absoluta, aboarase o capital garantido cando ao asegurado lle sobreveña unha incapacidade física ou mental que o poña, antes da idade de sesenta e cinco anos, na imposibilidade permanente definitiva de exercer calquera traballo remunerado. Desde a mesma data que se aboase o capital estipulado, o asegurado deixará de estar garantido para o caso de falecemento.

IV. Xubilación.

Institúese un premio de xubilación, que o traballador percibirá dunha soa vez no momento de se producir aquela, consistente no importe dunha mensualidade de salario convenio máis o complemento persoal, se o tiver, para aqueles traballadores con máis de 10 anos de antigüidade, e de dúas mensualidades de salario convenio máis complemento persoal, se o tiver, para os que no momento da xubilación tivesen máis de 20 anos de antigüidade.

V. Disposición derradeira.

A comisión deliberadora fai constar expresamente que o conxunto de normas contidas neste convenio colectivo substitúe integramente aquelas polas que se viña rexendo en todos os seus aspectos a relación laboral do persoal a quen afecta, incluído neste convenio colectivo, acordado entre Unión Cristalera Portaglas, S.L. e o seu persoal dos centros de Santiago de Compostela e Pontevedra.

ANEXO I

Retribución salario convenio persoal empregado

2005

Categorías

Retribución

salarial

mensual

Retribución

salarial

12 meses

Gratificación

regulamentaria

2 meses

Total anual

Xefe 1ª1.283,223115.398,67762.566,446317.965,1239

Xefe 2ª1.211,676914.540,12312.423,353816.963,4769

Oficial 1ª1.130,789113.569,46912.261,578215.831,0473

Del. 2ª/viaxante1.072,976612.875,71972.145,953315.021,6730

Oficial 2ª1.011,166412.133,99712.022,332914.156,3300

Auxil. administ.958,883511.506,60141.917,766913.424,3683

Retribución salario convenio persoal operario

2005

Categorías

Retribución

salarial

mensual

Retribución

salarial

12 meses

Gratificación

regulamentaria

2 meses

Total anual

Capataz1.040,132912.481,59492.080,265814.561,8608

Oficial de 1ª1.001,081412.012,97702.002,162814.015,1399

Oficial 2ª966,631611.599,57981.933,263313.532,8431

Oficial 3ª943,422111.321,06541.886,844213.207,9096

P. especializado929,635411.155,62441.859,270713.014,8951

P. ordinario907,566810.890,80101.815,133512.705,9345

Complemento axuda á formación: 5,4146 A/hora.

Hora extraordinaria: 9,2901 A/hora.

Axuda estudos fillos traballadores: 3.029,1010 A.

Seguro vida. Capital base: 4.808,0968 A.

Complemento hora noite quendas: 1,8614 A/hora.

ANEXO II

Retribución variable de sociedade e complemento

especial obxectivos anual

1. O límite establecerase para cada ano de vixencia do convenio en función do orzamento do ano sendo o obxectivo para o ano 2005 o 5,42% de R.E. s/ P.N.V. antes ao devengo da retribución variable.

2. Fórmula:

Importes que se pagarán dunha soa vez,

cada ano con resultados dentro da

escala limiares

Limiares de resultados

De sociedade

2005

2006

2007

5,42 a 6,09451 A--

6,10 a 8,09511 A--

8,10 a 10,59752 A--

10,60 en diante902 A--

O cálculo para a determinación da citada porcentaxe farase mediante a seguinte fórmula:

R.E. real ano de sociedade

Incentivo Resultados (I.R.)= x100

P.N.V. real ano de sociedade

Para anos sucesivos, a retribución variable será establecida en función dos resultados xerais da sociedade Unión Cristalera Portaglas, S.L. (50%) e en función dos resultados do centro de traballo (50% restante.) Os obxectivos serán fixados, para os anos 2006 e 2007, en función dos orzamentos elaborados e aprobados pola dirección xeral para a sociedade no seu conxunto e para cada centro de traballo.

Retribución variable relacionada con I.C. e IF1 de sociedade.

Aboarase en función das horas traballadas no ano e do valor que resulta de:

V= 30,05 (I.C. real/I.C. obxectivo)+30,05 (IF1 obxectivo/I.F1 real), acoutada de modo que o valor máximo aplicable sexa:

V= 30,05 (I.C. real/I.C. obxectivo)+30,05 (IF1 obxectivo/I.F1 real)= 69,12 A brutos ano.

E sempre que, cada coeficiente obtido para cada índice resulte maior ou igual que 0,95, o que dará lugar, neste segundo caso, a un valor mínimo aplicable de: 57,10 A brutos ano.

Coeficientes inferiores a 0,95 para calquera dos dous indicadores farán inaplicable este concepto retributivo.

ANEXO III

Normas para a distribución da axuda a estudos.

1º A axuda de estudos beneficiará exclusivamente os fillos dos traballadores acredores a iso, segundo os artigos que seguen. Exclúense expresamente os irmáns dos traballadores ou outros familiares de calquera grao.

2º A contía global que se vai repartir anualmente será a establecida en todo momento por convenio entre empresa e traballadores.

3º Terá dereito a recibir a axuda de estudos todo o persoal de Unión Cristalera Portaglas, S.L. (de Santiago de Compostela e Pontevedra) con fillos -tanto naturais como lexítimos, adoptados legalmente ou baixo tutela legal, e incluso os habidos en anteriores nupcias, sempre que estean baixo a tutela do declarante- e que ademais reúna as condicións seguintes:

a) Que o pai ou titor o solicite expresamente, cada ano, en impreso que facilitarán oportunamente os representantes dos traballadores.

b) Que realicen cursos de titulación recoñecidos polo Estado ou estudos de capacitación profesional de duración igual ou superior a un ano escolar, sen límite mínimo nin máximo de idade.

c) Que os estudos se realicen en centros localizados en territorio español, tanto públicos como privados.

d) Os fillos subnormais de calquera idade, tanto que vivan cos pais como que permanezan en centros especiais, pero sempre e cando estean a cargo do solicitante.

4º Non terán dereito a recibir a axuda a estudos os que incumpran o establecido no artigo 3º anterior e ademais:

a) O persoal expresamente excluído do ámbito do convenio colectivo.

b) Os fillos dos traballadores que, aínda cando estuden, teñan un traballo fixo remunerado como mínimo co salario mínimo interprofesional.

5º Calquera caso non previsto por estas normas será resolto polos delegados de persoal.

6º Cada fillo con dereito a iso devengará a axuda a estudos unha soa vez anualmente, é dicir, no caso de que o pai e nai traballen en UCP Santiago de Compostela e Pontevedra non poderán presentar dúas solicitudes, senón conxuntamente unha soa solicitude.

7º Os impresos que se faciliten para formalizar a solicitude serán cubertos polo solicitante con todos os datos que se pidan, poñendo sempre a data de entrega e sinatura. Os datos relativos aos estudos referiranse sempre aos do último ano escolar finalizado, non ao que se haberá de cursar.

8º O prazo para solicitar a axuda a estudos abrirase o 15 de maio e pecharase o 31 de maio. Non se admitirán, por ningún motivo, solicitudes que cheguen aos representantes despois da data de peche.

9º Os representantes do centro de traballo exporán unha nota no taboleiro de anuncios, abrindo o prazo de solicitude e facendo constar expresamente a data de peche.

10º Unha vez pechado o prazo, os representantes remitirán as solicitudes ao delegado de persoal encargado de tramitalos en primeira instancia e establecerán unha relación de todos los solicitantes, fillos acredores de axuda, nivel de estudos e coeficiente que corresponda a cada fillo; esta relación deberá exporse no taboleiro de anuncios entre o 5 e o 10 de xuño como máximo.

11º Á vista dos datos que se indican no artigo anterior, calquera traballador poderá formular as reclamacións que considere oportunas.

12º O 11 de xuño seguinte día hábil, reuniranse os delegados de persoal para tramitar definitivamente todas as solicitudes, resolver as reclamacións que houbera e calquera outra incidencia, así como determinar as cantidades que corresponden a cada solicitante en función da suma de coeficientes asignados e a cantidade global que se vai repartir segundo convenio, que se exporá a continuación segundo se especifica no artigo 10º anterior, co coeficiente definitivo que corresponde a cada fillo e a cantidade que deberá percibir.

13º A empresa liquidará o importe que corresponda a cada solicitante, comprobados os termos de aplicación destas normas e validará a relación definitiva para o seu aboamento na nómina do mes de agosto.

14º Non existe limitación da axuda a estudos que corresponda a cada solicitante polo número de fillos acredores a iso. A única limitación na contía de cada axuda vén dada pola cantidade global que se vai repartir, número total de fillos de todos os traballadores solicitantes e nivel de estudos.

15º Para a concesión da axuda non se terán en conta as notas obtidas no curso, sendo indiferentes, para estes efectos, os suspensos ou non aptitude dos estudantes.

16º Os coeficientes para calcular o que corresponde a cada estudante acredor da axuda serán, segundo o seu nivel de estudos, os seguintes:

NivelCoeficiente

Preescolar e párvulos1.00

EXB de 1º a 4º ano incluído1.50

EXB de 5º a 8º ano incluído2.00

BUP, COU e escolas profesionais2.50

Estudos superiores3.00

Subnormais5.00

17º Aplicaranse os ditos coeficientes como segue:

a) A cada estudante, segundo o seu nivel de estudos que figure na súa solicitude, asignaráselle o coeficiente que corresponda.

b) Sumaranse todos os coeficientes asignados, dando unha cifra variable cada ano, que loxicamente ha de ser así polas distintas circunstancias que se darán cada ano nas solicitudes.

c) A cantidade anual que se vai repartir pactada no convenio dividirase entre a suma dos coeficientes obtida segundo se indica na letra b) resultando así a cantidade que corresponde ao coeficiente 1.00 precisamente para ese ano que se calcula.

d) Basta multiplicar esta cantidade base obtida segundo se indica na letra c) polo coeficiente que corresponda para que resulte o que devengará cada fillo.

e) Á súa vez, súmanse as cantidades devengadas por cada fillo, resultando o total que percibirá cada traballador solicitante.

f) A suma de todos os totais percibidos polos traballadores ha de ser necesariamente o pactado en convenio.

18º Os delegados de persoal estudarán os casos nos que se apreciou incorrección dos datos facilitados polo solicitante. Se se probase algún falseamento intencionado de datos poderanse adoptar sancións, incluso ata a suspensión indefinida da axuda.

Disposición adicional

Procedemento voluntario de solución de conflitos.

Ámbas as partes acordan incluír nesta disposición adicional o seguinte texto:

1. Adhesión.

As partes asinantes deste convenio colectivo acordan adherirse, de maneira incondicional, á totalidade do Acordo sobre solución extraxudicial de conflitos laborais publicado no BOE do 29 de xaneiro de 2005 (ASEC).

2. Procedementos.

Os procedementos para a solución de conflitos colectivos son:

a) Intervención previa e preceptiva da comisión mixta.

b) A mediación.

c) A arbitraxe.

3. Órganos e ámbitos.

Será o organismo creado no ámbito da comunidade autónoma o que entenda e tramite os procedementos de mediación e arbitraxe.

A eficacia e a tramitación dos citados procedementos rexerase polo establecido nas normas e nos regulamentos de funcionamento dos distintos organismos.