DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.645

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral ditado ao abeiro do previsto no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo -AGA-, para a solución das discrepancias referidas ás sancións impostas en expedientes disciplinarios a dous traballadores, así como ao réxime disciplinario en normativa específica para a empresa Arriva Noroeste, S.L., así como aclaración a el, ditada o 2 de novembro de 2005.

Visto o texto do laudo arbitral do 19 de outubro de 2005 ditado ao abeiro do establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo -AGA-, para solucionar o conflito xurdido entre a representación social e a representación da empresa Arriva Noroeste, S.L., en relación coas san

cións impostas en expedientes disciplinarios a dous traballadores, así como ao réxime disciplinario en normativa específica para a empresa, e da aclaración a el ditada o 2 de novembro de 2005, e en cumprimento do artigo 2.f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, en relación co artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito laudo arbitral no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2005.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso arbitral do 19 de outubro de 2005, conforme o artigo 20 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) no conflito que afecta a empresa Arriva Noroeste, S.L. dirime a cuestión resolvendo a situación de litixio conforme este laudo baseándose no seguinte:

Antecedentes:

En data 18 de outubro constituíuse a mesa de conciliación e mediación, en procedemento de solución extraxudicial de conflitos (AGA), cos representantes dos traballadores e da empresa Arriva Noroeste, S.L. Foi designado mediador o árbitro que subscribe este laudo. Despois de dúas longas sesións non foi posible que as partes concertasen unha solución ao conflito. En data 19 de outubro as partes, ante o desacordo insalvable, dispoñen poñer fin ao conflito colectivo formulado na empresa e á folga convocada, sometendo as súas diferenzas ao procedemento de arbitraxe prevista no artigo 20.2º letra a do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA) nomeando árbitro o mediador designado, que dirimiría as cuestións referidas ás sancións impostas en expedientes disciplinarios aos traballadores José Abelardo Ramil Hermida e Francisco Jesús Mella Miranda.

Ante as partes asinantes do devandito compromiso, dun lado, en representación dos traballadores, Antonio Fraga Pérez, Miguel Angel Reboiras Casais, José Luis García Vázquez, Ángel Maceiras Maceiras, José Antonio Villalba González, Luis Carmuega Chorén, José Varela López, membros do comité de folga,

Xesús Pastoriza Santamarina (CIG), Eladio Romero Ares (UGT-Galicia), Ramiro Otero Rodríguez (SN de CC.OO. de Galicia), Mario Díaz Bustamante (CUT), como asesores, e pola representación empresarial, Timothy Routledge, Rafael Sánchez Sostre, Francisco Javier Gilda Rodríguez.

O árbitro designado comunica que o sometemento do litixio, causa do conflito colectivo e folga, a arbitraxe, pon fin ao devandito conflito, engadindo que a base do laudo arbitral que se emitiría estaría sobre a base da proposta de traballo que o mediador fixo ás partes na sesión do 18 de outubro e que tiña os seguintes puntos articuladores desta resolución arbitral:

1. Substitución das sancións de despedimento impostas aos dous traballadores antes referidos, así como modificación da simple postura de readmisión requirida polos representantes sociais.

2. Introdución no réxime disciplinario da empresa da figura específica dos supostos de alteración de documentos ou partes de traballo ou outros mecanismos de control de tempo de condución/traballo.

3. Estas condutas irregulares terían a sanción máxima do noso ordenamento laboral.

Procedemento:

1. Neste procedemento o árbitro considera perfectamente garantidos os principios de audiencia, contradición e igualdade, dadas as dúas sesións previas ao acto arbitral, nas que as partes puideron explicar ante o árbitro diferenzas e motivos destas, alegando o que coidaban pertinente, con contradición entre partes.

2. O conflito colectivo presentado na empresa baseábase nunha serie de incidencias acontecidas na empresa nos meses seguintes á sinatura dun pacto de data 11 de marzo de 2004 subscrito entre as partes. Unha serie de desencontros provocaron unha folga de dous días a finais de decembro do pasado ano, desencontros que afectaban a varios temas do réxime interno e disposición e organización do traballo. No mes de agosto procedeuse ao despedimento de varios traballadores, elemento este, a xuízo das partes, decisivo para a solución do conflito colectivo, definitivamente exteriorizado pola folga convocada en setembro e con carácter completo e indefinido ao longo das últimas semanas. O mediador, agora árbitro, expuxo ás partes, dada a antinomía radical entre o despedimento por unha parte e a simple readmisión por outra, a necesidade de establecer unha liña de traballo que recollese os seguintes puntos e por estas consideracións:

-Necesidade de equilibrar, baseándose na solución colectiva dun conflito que afecta de xeito tan decisivo a práctica totalidade dos traballadores da empresa e moi dilatado no tempo, non aceptando nin a pretensión empresarial, nin a dos representante dos traballadores.

-Necesidade de que condutas irregulares de alteración de mecanismos de control de tempos de traballo/horarios que afecten aos pasaxeiros, a outros traballadores ou ao propio traballador condutor sexan tipificadas como falta moi grave, sancionándose na forma máxima no noso ordenamento disciplinario laboral.

-Para estes efectos o acordo ou laudo que puxese fin ao conflito colectivo formulado disporía, co carácter vinculante que lle estable para os acordos que poñen fin aos conflitos colectivos ou para os laudos arbitrais, a complementación do vixente convenio colectivo sectorial de aplicación á empresa, coa introdución da conduta irregular tipificada dentro das faltas moi graves, a introdución do incremento da suspensión de emprego e soldo previsto para as faltas moi graves desde 30 a 90 días, e a previsión do despedimento para as mesmas.

-Estas consideracións foron as comunicadas ás partes unha vez asinada a acta de compromiso arbitral ao que se fixo anterior referencia.

3. O árbitro actuante considera que este conflito que ten orixes complexas, e no que é necesario o establecemento dunha interlocución entre as partes nunha temática variada, tal como as mesmas puxeron de manifesto nas sesións de mediación, debe resolverse baseándose nas anteriores premisas, é dicir, substitución das sancións impostas, sinalización como infracción moi grave da manipulación ou alteración de mecanismos de control do tempo de traballo/horarios, desenvolvemento do réxime disciplinario aplicable especificamente na empresa e compromiso de interlocución co reinicio da mesa de acordos e traballo consecuencia do pacto do 11 de marzo de 2004, vital para o bo devir social da empresa.

4. Baseándose en todo o anterior cumpridos os principios de garantías do procedemento, resolvo as cuestións formuladas no conflito colectivo na empresa Arriva Noroeste, S.L. ditando o seguinte laudo conforme ao artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de conflitos colectivos de traballo, publicado non DOG do 4 de marzo de 1995, que ten a seguinte parte dispositiva:

a) Modifícase a sanción de despedimento imposta aos traballadores José Abelardo Ramil Hermida e Francisco Jesús Mella Miranda substituíndoa pola de suspensión de emprego e soldo de 90 días.

b) A alteración ou manipulación de partes de traballo e alteración ou manipulación de mecanismos de control/tacógrafos constitúe falta moi grave sancionable sempre en grao máximo.

c) O réxime disciplinario e sancións da empresa, constituído polo anexo 2 do convenio colectivo provincial para o sector de transporte de viaxeiros en autobús empresas da provincia da Coruña, BOP do 1 de agosto de 2005, convenio colectivo de aplicación, vese complementado e desenvolvido pola seguinte cláusula normativa de aplicación específica

na empresa: son consideradas faltas moi graves as alteracións ou manipulacións dos partes de traballo ou mecanismos de control/tacógrafos imputables aos traballadores, que serán sancionadas, no caso en que se puxese en perigo a seguridade dos viaxeiros ou dos propios traballadores, con despedimento.

d) Na empresa as faltas moi graves distintas da referida no punto anterior poderán ser sancionadas con suspensión de emprego e soldo desde 21 a 90 días, ou con despedimento.

e) Retomarase a concertación social na empresa en mesa disposta para tal efecto con compromiso negocial recíproco.

Este laudo poderá ser recorrido ante a xurisdición social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (AGA).

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2005. O árbitro.

ANEXO

(Aclaración laudo)

En relación cos escritos remitidos ao Consello Galego de Relacións Laborais por parte de Xesús Mª Pastoriza Santamarina, voceiro do comité de folga e Rafael Sánchez Sostre en nome da empresa, no conflito seguido en Arriva Noroeste, S.L. no que se ditou laudo por parte de quen subscribe cúmpreme ditar as seguintes aclaracións con base no seguinte:

1. A representación da parte social solicita aclaración sobre o ámbito temporal do laudo ditado. A representación empresarial solicita que o laudo fixe súa propia eficacia temporal.

2. O escrito da representación empresarial no seu quinto parágrafo efectúa unha consideración subxectiva sobre o devengo de salarios de tramitación entendéndose por parte do árbitro que non atinxe aclaración algunha sobre tales consideracións.

3. A vixencia temporal do laudo manterase ata que sexa substituído por disposición posterior acordada por aquelas partes que teñan lexitimación e capacidade negocial a tal efecto. É dicir, o establecer a parte dispositiva do laudo norma de aplicación colectiva, está será substituída pola posterior disposición que, obviamente, entenda do réxime disciplinario afectado polo laudo. Esta norma colectiva poderá ser ou ben de ámbito funcional/territorial ou ben a través de disposición, convenio ou pacto, a nivel de empresa.

Co anterior enténdese aclarada a dúbida sobre o ámbito temporal do laudo ditado en data dezanove de outubro de 2005, debéndose engadir esta aclaración ao texto do mesmo.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2005. José Mª Casas de Ron, o árbitro.