DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.625

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 xullo de 2005, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo da empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A. (Unvi, S.A.) de Ourense para os anos 2005-2006.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A. (Unvi, S.A.) de Ourense para os anos 2005-2006, código de convenio nº 3200722, subscrito con data 1 de xullo de 2005, polos representantes da empresa, en representación da parte económica, e o comité de empresa, en representación da parte social, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 13 de xullo de 2005.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación para a empresa Unidad de Vehículos Industriales, S.A. (Unvi, S.A.) e todos os seus traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Queda comprendido neste convenio todo o persoal asalariado da compañía Unvi, S.A. excepto os que exerzan funcións de alta dirección ou alto consello e as persoas ligadas por contratos mercantís ou civís.

Artigo 3º.-Duración, prórroga e denuncia.

A duración deste convenio será de dous anos, do 1-1-2005 ao 31-12-2006, e prorrogarase de ano en ano se non se denuncia con tres meses de antelación á finalización da súa vixencia, isto é, con tres meses

de antelación ao 31 de decembro de 2006. A referida denuncia deberá facerse coa comunicación a que fai referencia o artigo 89 do Estatuto dos traballadores. O texto deste convenio será de obrigado cumprimento mentres non sexa substituído por outro que no seu día se negocie.

Artigo 4º.-Garantía (ad personam).

As cantidades superiores pactadas a título persoal ou calquera outra mellora que teña establecida a empresa, serán respectadas na súa totalidade.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio poderán ser compensadas ou absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal en cómputo anual, excepto que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 6º.-Rexistro persoal.

Mantense a obriga de levar un rexistro xeral do persoal dentro da empresa. Os modelos de cotización á Seguridade Social exporanse no taboleiro de anuncios.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 1.792 horas para o ano 2005 e de 1.788 horas para o ano 2006, distribuídas a través de oito horas diarias de luns a venres. Os quince minutos de bocadillo computaranse como xornada efectiva de traballo.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais consistirán no desfrute de 30 días naturais preferentemente durante o mes de agosto.

A nómina correspondente ao período de vacacións será igual ca a dunha mensualidade normal de traballo.

O traballador en situación de IT ao comezo do período de vacacións poderá recuperar os días de vacacións nos cales se encontrara en situación de baixa por IT ata un máximo de 15 días.

A empresa queda facultada para investigar e inspeccionar a realidade da situación de baixa por IT.

O período de vacacións interromperase no suposto de que o traballador case no período de vacacións.

Artigo 9º.-Salarios.

Para o ano 2005, o incremento salarial será o 4% sobre os conceptos salario base, complemento de locomoción e antigüidade, e para o ano 2006 será o 4% sobre os mesmos conceptos, ademais nas seguintes categorías: oficial de 1ª, oficial de 2ª, oficial de 3ª, especialista, chofer de camión, almaceneiro, vixilante, técnico de organización, delineante de 2ª, auxiliar administrativo e oficial administrativo de 2ª, engadiráselle ao salario base a cantidade de 0,40 euros/día.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade establécese por quinquenios e será o 6% do salario base vixente en cada momento.

Artigo 11º.-Complemento de locomoción.

Aboarase un complemento de locomoción por día efectivamente traballado na contía de 1,15 euros, garantíndose a súa percepción, en todo caso, durante 224 días.

Artigo 12º.-Complemento de nocturnidade.

Considérase traballo nocturno o comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas da mañá.

Os traballadores que realicen parte da súa xornada no horario especificado no parágrafo anterior, percibirán un complemento de nocturnidade, cuxo importe será o 25% do salario base hora por cada hora ou a súa parte proporcional realizada entre as 22.00 e as 6.00 horas.

Non percibirán complemento de nocturnidade os traballadores que pola natureza do seu traballo, isto é, vixilantes nocturnos e serenos, fosen contratados para realizar o seu traballo especificamente en horario nocturno.

Artigo 13º.-Complemento de xefes de equipo.

Aqueles traballadores que teñan asignadas expresa e documentalmente funcións de xefe de equipo, polas cales viñan cobrando un complemento de posto de traballo que aparecía nos seus recibos de salarios baixo a rúbrica incentivos, pasarán a percibir un novo complemento de posto de traballo cuxa contía se absorberá do devandito concepto denominado incentivos na contía de 961,62 euros anuais, que se cobrará nas doce mensualidades (non nas pagas extraordinarias) e aparecerá nos recibos de salarios baixo a rúbrica complemento de xefe de equipo.

Artigo 14º.-Complemento de traballos especiais.

Aqueles traballadores que realicen traballos en que concorra de modo manifesto unha toxicidade superior ao risco normal da industria de forma continuada, percibirán un complemento tóxico na contía de 0,75 euros por hora de traballo efectiva sometidos ao devandito risco.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias pagadoiras antes do 15 de xullo e outra antes do 22 de decembro, consistentes no aboamento do salario base máis a retribución voluntaria complementaria, iguais ás correspondentes a unha mensualidade normal de traballo.

Artigo 16º.-Gastos de desprazamento.

Os gastos de desprazamento aboaraos a empresa co seu correspondente xustificante.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas horas de traballo realizadas sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

As horas extraordinarias poderán aboarse na contía en que se fixe, que en ningún caso poderá ser menor ao valor da hora ordinaria, ou compensarse por tempos equivalentes de descanso retribuído nos catro meses seguintes ao da súa realización.

A prestación de horas extraordinarias será voluntaria, salvo que a súa realización se pactase en convenio colectivo ou en contrato individual de traballo.

Artigo 18º.-Período de proba.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

-Técnicos titulados: 6 meses.

-Resto dos traballadores: 2 meses.

En todo caso o período de proba non superará o 50% da duración establecida para o contrato.

Artigo 19º.-Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral.

O contrato de duración determinada da modalidade eventual por circunstancias da produción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, regulado no artigo 15.1 b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 12 meses dentro dun período máximo de 18.

Esta duración será aplicable tanto aos novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor deste convenio como ás prorrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Artigo 20º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións que as exixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exercer a prestación laboral e pola pertenza ao grupo profesional. Na falta de definición de grupos profesionais, a mobilidade funcional poderá efectuarse entre categorías profesionais equivalentes.

Artigo 21º.-Licenzas.

O réxime de licenzas acomodarase ao disposto nos seguintes puntos:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por nacemento de fillo: 4 días naturais.

c) Por matrimonio de fillos: 2 días naturais.

d) Por morte ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, irmáns, pais políticos, avós, netos e fillos, o tempo indispensable, como mínimo 2 días naturais.

e) Por morte de irmáns políiticos, avós políticos e tíos: 2 días naturais.

f) Por morte de tíos políticos e sobriños: un día natural.

g) Por exames, o tempo necesario con xustificación.

Por maternidade da muller traballadora observarase a lexislación laboral vixente.

En caso de que o feito causante ocorrese fóra da provincia, corresponderalle un día natural máis dos previstos.

O traballador que teña ao seu cargo algún diminuído físico ou psíquico, terá dereito, con xustificación, aos necesarios períodos de ausencia ao traballo, cando se someta a técnicas de fertilización legalmente autorizadas ou de esterilización.

Para todos os efectos deste artigo, entenderase por enfermidade grave, sempre que exista necesidade de hospitalización, intervención cirúrxica, necesidade de acompañante e sempre que así sexa cualificado polo facultativo correspondente.

Para facer uso das licenzas retribuídas recollidas nas alíneas a), c), e g) deste artigo será necesario solicitar por escrito o seu desfrute con, polo menos unha semana de antelación á data do feito causante, isto é do matrimonio ou o exame, así como achegar xustificante acreditativo dese feito causante.

Para facer uso da licenza retribuída recollida na alínea b) deste artigo será necesario avisar a empresa dentro do primeiro día laborable de desfrute da licenza, e achegar xustificante dese mesmo feito ao regreso do desfrute do permiso.

No caso das licenzas retribuídas recollidas nas alíneas d), e) e f) será necesario achegar xustificante ou no seu defecto cubrir o impreso para tal efecto aprobado polo comité de empresa.

Artigo 22º.-Incapacidade temporal (IT).

O traballador en situación de IT percibirá nos 45 primeiros días da devandita situación o 100% do salario cotizable dun mes, salvo en caso de accidente laboral en que se percibirá o 100% a partir do primeiro día. O devandito complemento aboarase tamén na súa parte proporcional nas pagas extraordinarias.

A mellora de prestacións incluída no parágrafo anterior só operará cando o absentismo non supere o 4%, sen que se teñan en conta no cómputo da devandita porcentaxe os procesos de longa enfermidade e accidente laboral. Nos casos en que non entre en xogo a mellora de prestacións, operará o sinalado pola lexislación vixente.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

A empresa deberá concertar con primas íntegras ao seu cargo unha póliza de seguros que cubra as seguintes indemnizacións:

-Falecemento por causa natural, incluso enfermidade profesional: 13.522,77 euros.

-Invalidez permanente total ou absoluta por causas naturais ou por enfermidade profesional: 13.522,77 euros.

-Falecemento por accidente laboral ou común: 27.045,54 euros.

-Invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez por accidente laboral ou común: 27.045,54 euros.

Artigo 24º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ao cumprimento inescusable das normas sobre seguridade e hixiene acomodando a súa actuación ao previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 25º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria de interpretación e cumprimento do convenio, integrada polos membros do comité de empresa e os membros da dirección da empresa que interviñesen na negociación do convenio, e cuxa función será a interpretación e vixilancia do cumprimento do pactado.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará desde o primeiro día de traballo as pezas de roupa de protección e hixiene necesarias segundo a lexislación vixente.

O persoal obreiro percibirá dúas fundas ou pezas semellantes ao entrar no traballo por primeira vez e unha máis cada seis meses.

Nos postos que se necesite calzado especial por motivos de seguridade, a empresa facilitarao, e a comisión mixta fixará o número de pares que sexan necesarios no ano.

Os produtores que realicen traballos especiais, que serán definidos pola comisión mixta paritaria, recibirán unha funda máis cada catro meses. O persoal administrativo terá o mesmo dereito a roupas asimilables ás súas funcións, sempre que así o soliciten persoalmente.

As roupas de traballo recollidas neste artigo deberán ser utilizadas co coidado debido, para mantelas no mellor estado de hixiene e estética posible, debendo utilizarse, a medida que se vaian substituíndo, as novas en vez das máis antigas.

Os equipamentos de protección individual deben estar sempre nas instalacións da empresa, e deberán ser utilizados co coidado debido para mantelos no mellor estado posible.

Artigo 27º.-Excedencias.

1. Excedencia forzosa.

A excedencia forzosa concederase por designación ou elección dun cargo público ou sindical que imposibilite a asistencia ao traballo, e dará lugar ao dereito á conservación do posto de traballo e ao cómputo da antigüidade da súa vixencia. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ao do cesamento do cargo público ou sindical, perdéndose este dereito unha vez transcorrido este prazo.

2.Excedencia voluntaria.

O traballador cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco anos. Este dereito só poderá exercelo outra vez o mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

A petición de excedencia será formulada por escrito e presentada na empresa cun mes de antelación como mínimo á data en que se solicite o seu inicio, dando a empresa recibo da súa prestación. A concesión da excedencia por parte da empresa tamén se comunicará por escrito.

Polo menos cun mes de antelación á finalización do período de excedencia, o traballador debe comunicar por escrito a súa solicitude de ingreso, que será atendida pola empresa cando houbese unha vacante de igual ou similar categoría á súa.

Artigo 28º.-Xubilación.

A empresa e os traballadores poderán pactar logo da existencia de común acordo por ambas as partes, xubilacións anticipadas aos 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, e a Lei 63 e 64/1997, do 26 de decembro, debendo as empresas cubrir as devanditas vacantes cos traballadores desempregados inscritos na oficina de emprego como tales, sempre que sexan os máis idóneos.

Artigo 29º.-Xubilación parcial.

Ao abeiro do artigo 166.2º da Lei de seguridade social e do artigo 12.6º do Estatuto dos traballadores, recoñécese o dereito obxectivo dos traballadores de solicitar á empresa a xubilación parcial de acordo co establecido no R.D. 1131/2002 e demais lexislación vixente.

De acordo con esta lexislación, a dirección da empresa e o comité acordan poñer en funcionamento este sistema, para o cal establecen:

a) A persoa que desexe acollerse á xubilación parcial notificará por escrito tal decisión con polo menos 60 días de antelación á data efectiva desta.

b) A empresa procederá á contratación da persoa substituta segundo os requisitos que prevé a lexislación ao respecto, e contrato en forma.

c) A dirección da empresa e o solicitante, no prazo de 30 días negociarán a distribución ou acumulación da xornada restante, referido á parte de tempo que vai traballar o traballador xubilado parcialmente, ou a súa dispensa, segundo mellor conveña, para facer posible a realidade da xubilación parcial solicitada.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos.

A empresa comprométese a efectuar polo menos unha revisión médica anual para todos os traballadores/as, dentro da xornada laboral.

O recoñecemento consistirá como mínimo en audiometría, control da vista, análises de sangue e urina, e exploración clínica.

Estas revisións efectuaraas o gabinete técnico provincial de saúde laboral, a mutua correspondente, ou de ser o caso, a propia Seguridade Social ou calquera outra entidade habilitada para ese fin.

Artigo 31º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que por accidente de traballo, enfermidade profesional ou común de longa duración, con redución das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupar postos máis aptos en relación coas súas condicións que existan na empresa, sempre que teña aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 32º.-Subcontratación.

A empresa que subcontrata con outra a execución de obras ou servizos responderá ante os traballadores da empresa subcontratista nos termos establecidos no artigo 42 do Estatuto dos traballadores, quedando referido o límite da responsabilidade da devandita disposición ás obrigas de natureza salarial e cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 33º.-Procedemento disciplinario.

A dirección da empresa poderá sancionar as accións ou omisións culpables dos traballadores que supoñan un incumprimento contractual dos seus deberes laborais, de acordo coa gradación das faltas que se establece neste artigo.

Correspóndelle á empresa, no uso da súa facultade de dirección, impoñer sancións nos termos estipulados neste acordo.

A sanción das faltas requirirá de comunicación por escrito ao traballador, facendo constar a data e os feitos que a motivaron. Ao mesmo tempo a empresa daralles conta aos representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave e moi grave que se impoña.

Imposta a sanción, o cumprimento temporal desta poderase dilatar ata 60 días despois da data de imposición.

33.1. Gradación das faltas.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en atención á súa transcendencia ou intención en: leve, grave e moi grave.

33.2. Faltas leves.

Considéranse faltas leves as seguintes:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo de ata tres veces nun período dun mes.

b) A non asistencia ao traballo non xustificada dun día nun período dun mes.

c) Non notificar con carácter previo, ou de ser o caso, dentro das 24 horas seguintes, a non asistencia ao traballo, salvo que se probe a imposibilidade de poder facelo.

d) O abandono do servizo ou do posto de traballo sen causa xustificada por períodos breves de tempo.

e) A desatención ou falta de corrección no trato cos clientes, provedores ou compañeiros da empresa.

f) As deterioracións leves na conservación ou no mantemento dos equipos e material de traballo de que fose responsable.

g) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia do traballador que teñan incidencia na Seguridade Social ou na Administración tributaria.

h) Todas aquelas faltas que supoñan incumprimento de instrucións, ordes ou mandatos dun superior no exercicio regular das súas funcións, que non comporten prexuízo ou risco para as persoas ou as cousas.

i) A non asistencia aos cursos de formación dentro da xornada ordinaria de traballo sen a debida xustificación.

33.3. Faltas graves.

Considéranse faltas graves as seguintes:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo en máis de tres ocasións nun período dun mes.

b) A non asistencia ao traballo sen xustificar de dous a catro días, durante o período dun mes.

c) O falseamento ou omisión maliciosa dos datos que tivesen incidencia tributaria ou na Seguridade Social.

d) Entregarse a xogos ou distraccións de calquera índole durante a xornada de traballo de maneira reiterada e causando con iso un prexuízo no desenvolvemento laboral.

e) A desobediencia ás ordes ou mandatos das persoas de que se depende organicamente no exercicio regular das súas funcións, sempre que iso ocasione ou teña transcendencia grave para as persoas ou as cousas.

f) Suplantar outro traballador, alterando rexistros ou controis de entrada ou saída do traballo.

g) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, sempre que diso non derive prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

h) A realización sen consentimento previo da empresa de traballos particulares, durante a xornada de traballo, así como o emprego para usos propios ou alleos dos útiles, ferramentas, maquinaria ou vehículos da empresa, incluso fóra da xornada de traballo.

i) A reincidencia na comisión de faltas leves aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediada sanción.

j) Calquera atentado contra a liberdade sexual dos traballadores/as que se manifeste en ofensas verbais ou físicas, falta de respecto á intimidade ou dignidade das persoas.

k) A embriaguez ou estado derivado do consumo de drogas durante o traballo, se repercute negativamente no traballo ou constitúen un prexuízo ou

perigo no nivel de protección da seguridade e saúde dos traballadores no traballo.

33.4. Faltas moi graves:

Considéranse como faltas moi graves as seguintes:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo en máis de dez ocasións durante o período dun mes ou máis de vinte ao longo dun ano.

b) A non asistencia ao traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto aos compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar.

d) A simulación de enfermidade ou de accidente. Entendéndose que existe infracción laboral, cando encontrándose o traballador de baixa por calquera das causas sinaladas, realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de moi grave toda a manipulación efectuada para prolongar a baixa por accidente ou por enfermidade.

e) O abandono do servizo ou posto de traballo sen causa xustificada aínda que por pouco tempo, se como consecuencia disto se lles ocasionase un prexuízo considerable á empresa ou aos compañeiros de traballo, puxese en perigo a seguridade ou fose causa de accidente.

f) A habitual embriaguez ou estado derivado do consumo de drogas, se supón alteración nas facultades físicas ou psicolóxicas do desempeño das funcións.

g) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada confidencialidade da empresa.

h) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

i) A diminución voluntaria e continuada no rendemento de traballo normal ou pactado.

j) Os malos tratos de palabra ou de obra, a falta de respecto e consideración aos seus superiores ou aos familiares destes, así como aos seus compañeiros de traballo, provedores e clientes da empresa.

k) A reincidencia en falta grave aínda que sexa de distinta natureza, sempre que as faltas se cometan nun período de dous meses e fosen obxecto de sanción.

l) A desobediencia ás ordes ou mandatos dos seus superiores en calquera materia de traballo, se lle implicase prexuízo notorio á empresa ou aos seus compañeiros de traballo, salvo que sexan debidos a abuso de autoridade.

Terán a consideración de abuso de autoridade os actos realizados por directivos, xefes ou mandos intermedios, con infracción manifesta e deliberados

os preceptos legais e con prexuízos para o traballador.

m) Os atentados contra a liberdade sexual que se produzan aproveitándose dunha posición de superioridade laboral, ou que se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

33.5. Réxime de sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo de 1 día.

b) Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de 2 a 20 días.

c) Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de 21 a 60 días.

Despedimento.

33.6. Prescrición:

Dependendo da súa gradación, as faltas prescriben aos seguintes días:

Faltas leves: 10 días.

Faltas graves: 20 días.

Faltas moi graves: 60 días.

A prescrición das faltas sinaladas comezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión.

Disposición derradeira

Primeira.-En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no R.d. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, a Lei orgánica de liberdade sindical e as demais disposicións de aplicación.

Segunda.-As partes que asinan este convenio son a representación empresarial e o comité de empresa.

San Cibrao das Viñas, 1 de xullo de 2005.

Táboa salarial convenio 2005

CategoríaSalario base

Persoal obreiro
Oficial 1ª nivel esp.32,08
Oficial 2ª nivel esp.31,35
Oficial 1ª28,80
Oficial 2ª28,06
Oficial 3ª27,56
Especialista27,16
Peón26,95
Traball. menor 18 anos26,95

Persoal subalterno
Chofer camión28,80
Almaceneiro26,95

CategoríaSalario base

Vixilante26,95

Persoal técnico
Xefe de taller38,04
Encargado37,07
Titulado superior39,59
Titulado medio38,04
Delin. proxectista35,87
Delineante 1ª31,79
Delineante 2ª28,06
Técnico organización28,06

Persoal administrativo
Xefe administración31,79
Oficial administración 1ª31,79
Oficial administración 2ª27,75
Auxiliar administrativo27,56
Viaxante27,56
Xefe almacén31,79

Táboa salarial convenio 2006

CategoríaSalario base

Persoal obreiro
Oficial 1ª nivel esp.33,36
Oficial 2ª nivel esp.32,60
Oficial 1ª30,35
Oficial 2ª29,58
Oficial 3ª29,06
Especialista28,65
Peón28,03
Traball. menor 18 anos28,03

Persoal subalterno
Chofer camión30,35
Almaceneiro28,43
Vixilante28,43

Persoal técnico
Xefe de taller39,57
Encargado38,55
Titulado superior41,18
Titulado medio39,56
Delin. proxectista37,30
Delineante 1ª33,06
Delineante 2ª29,58
Técnico organización29,58

Persoal administrativo
Xefe administración33,06
Oficial administración 1ª33,06
Oficial administración 2ª29,26
Auxiliar administrativo29,06
Viaxante28,66
Xefe almacén33,06