DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 2 de novembro de 2005 pola que se acorda a cesión en propiedade de determinados bens mobles patrimoniais adscritos á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ao Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño (Intecmar).

A Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño

de Galicia (Intecmar -ente de dereito público adscrito a esta consellería-) e o Decreto 41/2005, do 17 de febreiro, de regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, na disposición adicional segunda e no artigo 9 respectivamente establecen a adcrición ao Intecmar dos bens que estaban afectos ao Centro de Control do Medio Mariño.

De conformidade co exposto no punto primeiro da acta de entrega do Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño, asinada o 14 de xuño de 2005, adscríbense e póñense á disposición deste instituto os bens e dereitos adscritos ao Centro de Control do Medio Mariño situado no peirao de Vilaxoán, termo municipal de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), é dicir, os inmobles do centro e as súas pertenzas co fin da súa xestión e explotación no ámbito das finalidades e funcións legalmente atribuídas.

Non obstante, anteriormente á sinatura da acta de entrega pola comunidade autónoma, iniciouse a tramitación da adquisición de 2 vehículos para o Centro de Control do Medio Mariño que non foron entregados ata o 6 de xullo de 2005, data posterior á da acta, polo que, evidentemente, non se incluíron na referida acta de entrega.

Tendo en conta que para o cumprimento dos fins e funcións que a citada Lei 3/2004, do 7 de xuño, atribúe ao Intecmar, resulta imprescindible a dispoñibilidade de medios de transporte e que a adquisición dos vehículos mencionados estaba dirixida a satisfacer tal necesidade, cómpre ceder o uso destes ao Intecmar.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada por Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade dos bens mobles patrimoniais que se relacionan no anexo á presente orde ao Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño (Intecmar).

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos, tal como establecen os artigos 35 bis da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase

a fins de utilidade pública e interese social do ente de dereito público cesionario, concretamente ao exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, de aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da comunidade autónoma.

b) Coa cesión outorgarase ao Intecmar a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen ao fin sinalado, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos e deterioracións que experimentasen.

d) Serán de conta das corporacións cesionarias todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

Artigo 3º

As devanditas cesións formalizaranse mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2005.

Mª Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Cesión en propiedade de determinados bens mobles patrimoniais adscritos á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ao Instituto Tecnolóxico de Control do Medio Mariño (Intecmar).

1ª Ficha dos bens cedidos pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos:

-Marca/Modelo: Citroën Berlingo HDI 90 furgón.-Matrícula: 8091-DLZ.-Nº de bastidor: VF7GBRHYB94185110.-Ano de adquisición: 24-6-2005.-Ubicación: Intecmar.-Valor: 14.500 A.

2ª Ficha dos bens cedidos pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos:

-Marca/Modelo: Citroën C4 HDI SX.-Matrícula: 8051-DLZ.-Nº de bastidor: VF7LC9HXC74232296.-Ano de adquisición: 24-6-2005.-Ubicación: Intecmar.-Valor: 15.500 A.