DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 8 de novembro de 2005 pola que se convoca o IV Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, está a impulsar actividades mediante as que se intenta divulgar e facilitar a comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e ao amparo do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sua reunión do 14 de marzo de 2002, a Consellería de Innovación e Industria convoca a

cuarta edición dos Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación. O galardón ten como finalidade estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica e na investigación e no desenvolvemento.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxectivo.

Convócase a cuarta edición dos Premios de Xornalismo Científico Galicia Innovación, para xornalistas que traballan para medios da Comunidade Autónoma de Galicia. Este premio está destinado a estimular a produción de textos xornalísticos especializados en materia científica.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Os premios aos que se refire o artigo primeiro estarán dotados con 5.000 euros para o primeiro traballo galardoado e 2.300 euros para o segundo. Os gastos relativos á acción desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 10.02.432A.480.0 dos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2006. Aos premios aplicaráselle a correspondente retención fiscal.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Poderán participar na presente convocatoria todos os profesionais do xornalismo que traballen para medios de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os concursantes deberán presentar un traballo xornalístico de contido científico (preferentemente sobre temas de investigación e desenvolvemento) de calquera xénero informativo publicado ou emitido polos medios de comunicación galegos, xa sexan en soporte escrito, audiovisual ou electrónico. Os traballos poderán ser presentados a título individual ou en equipo e terán que estar publicados no período que comprende do 1 de abril de 2005 ao 31 de marzo de 2006.

3. O prazo de presentación de traballos será desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no DOG ao 31 de marzo de 2006.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial PSS-07 que se publica como anexo á presente orde e que está á disposición dos interesados/as na internet no enderezo: http://www.dxid.org. Presentaranse dirixidas ao director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes realizadas no modelo oficial que acompaña esta orde a modo de anexo deberán ir acompañadas, inescusablemente, da seguinte documentación:

a) Currículum vitae do candidato ou candidatos por sextuplicado.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI/NIF) do candidato ou candidatos.

c) Certificado da empresa de comunicación galega que acredite que o solicitante ou solicitantes presta/n os seus servizos nesta, como xornalista/s.

d) Exemplar do traballo por sextuplicado. Se se trata dun traballo en prensa escrita, terá que achegarse un exemplar orixinal da publicación na que fose difundido e seis copias. No caso de ser un traballo audiovisual, o audio (en formato CD) ou de vídeo (en formato DVD ou VHS) (seis copias) deberá recoller o espazo ou programa completo no que fose difundido. Por último, se se trata dun traballo en formato electrónico, débese achegar un CD no que se recolla un basculado de pantalla da páxina ou páxinas web onde apareza e seis copias impresas. En todos os casos debe quedar constancia de que o traballo foi difundido no prazo indicado.

Artigo 5º.-Composición e funcións do xurado.

1. Os traballos presentados e que se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por cinco membros:

-Dous en representación da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria.

-Un en representación da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos da Xunta de Galicia.

-O decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

-O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación designará entre os ditos membros o presidente e o secretario do xurado.

2. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retirar os traballos non premiados nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse nun acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 8º

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá, á súa libre elección, divulgar os proxectos premiados, sen que isto supoña cesión ou limitación ningunha nos dereitos de propiedade do autor sobre estes.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos os actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación desta convocatoria, ditándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A participación na convocatoria supón a aceptación de todas as súas bases.

Segunda.-A presente convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ao abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, polo que se regula a tramitación anticipada de gastos, tendo en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito adecuado e suficiente nas aplicacións orzamentarias citadas dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2005.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria