DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de novembro de 2005 pola que se convocan axudas para a realización de rutas literarias durante o ano 2006.

As rutas literarias cumpren unha función importante ao facilitarlles aos alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ao seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ao coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Ademais coincidindo no ano 2006, co quincuaxésimo aniversario da concesión do Premio Nobel de Literaruta a Juan Ramón Jiménez, o programa rutas literarias, vai ofrecer para a campaña do curso 2005/2006 aos alumnos e profesores participantes, a posibilidade de percorreren unha ruta específica relacionada co devandito autor.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Ciencia e co fin de permitirlles aos alumnos galegos de educación secundaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 96 axudas (3 grupos de rutas literarias e 1 da ruta da vida e obra de Juan Ramón Jiménez) destinadas a alumnos que no momento de formularen a solicitude estean cursando 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros ordinarios da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das rutas literarias.

2. As rutas literarias levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 28 de febreiro e o 31 de maio de 2006.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de entre vinte e vinte e catro (20 e 24), aos que acompañarán dous (2) profesores/as do seu centro, ou centros, preferiblemente o/a titor/a correspondente, que se responsabilizarán para todos os efectos da adecuada participación do grupo na actividade.

Segundo.

Cada grupo percorrerá unha das rutas relacionadas no anexo I, ao longo dunha semana, iniciándose o seu percorrido segundo as instrucións que no seu día a coordinación desta comunidade autónoma determine.

Terceiro.

As axudas ás que se refire esta orde comprenderán:

a) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

b) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ao percorrido de cada ruta.

c) A cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.

Para o desprazamento desde a localidade do centro participante ata a cabeceira de ruta poderanse solicitar axudas para cada grupo participante (composto por 20 a 24 alumnos e 2 profesores-acompañantes), nos que se incluirán os gastos de preparación e desenvolvemento da actividade, segundo o módulo de distancia en quilometros (ida e volta), entre a localidade do centro e a cabeceira do itinerario:

Menos de 500 quilómetros: ata un máximo de 1.560 A.

Entre 501 e 1.000 quilómetros: ata un máximo de 2.340 A.

Entre 1.001 e 1.500 quilómetros: ata un máximo de 2.860 A.

Entre 1.501 e 2.000 quilómetros: ata un máximo de 3.458 A.

Entre 2.001 e 2.500 quilómetros: ata un máximo de 4.212 A.

Máis de 2.500 quilómetros: ata un máximo de 4.992 A.

Cuarto.

Os/as profesores/as acompañantes, que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ao grupo de alumnos/as, disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares aos indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das rutas literarias.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de traballo, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.

Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ao modelo establecido no anexo II desta orde, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa).

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitante e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro ou centros e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do Consello Escolar do centro, ou centros, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa, no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o décimo quinto día hábil, contado a partir do mesmo día da súa publicación no DOG.

2. As solicitudes poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, directamente ou a través das dependencias estabrecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros docentes nos se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4º da devandita lei.

No caso de optar por presentar as súas solicitudes nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos, antes de ser certificada.

Sétimo.

Na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida pola subdirectora xeral de Centros, ou persoa en quen delegue e integrada, en calidade de vogais, por:

-Dous directores de centros de educación secundaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-O coordinador de rutas literarias en Galicia.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da dirección xeral.

Todos eles serán designados pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Oitavo.

A comisión reuniranse no prazo máximo de quince días hábiles, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas, tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situada o centro, ou centros docentes, co fin de darlles preferencia aos alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, aos procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro, ou centros participaron nesta actividade nos anos anteriores, co fin de posibilitar a participación dos centros que non o fixeron.

Noveno.

O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 3 meses, contado a partir da data de publicación no DOG desta convocatoria; considerándose desestimadas, de non quedar resolta a convocatoria no prazo sinalado neste parágrafo.

Contra a resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderase interpoñer recurso de alzada, perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación e Ciencia, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de rutas literarias; por iso, os centros participantes, a través dos profesores/as acompañantes coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ao percorrido da ruta e nun prazo máximo dun mes desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar triplicado, cunha extensión non superior a 15 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.

A memoria de avaliación á que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da ruta literaria, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe no que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación aos obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da ruta literaria, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos, o contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación

e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CATÁLOGO DE RUTAS

* Ruta de Castela-A Mancha.

-Itinerario: Ruta do Quixote.

-Resumo de contidos: Alcázar de San Juan. Argamasilla de Alba: Cueva Medrano e igrexa, Tomelloso: bombo e museo do carro; Villarta de San Juan: ponte romana; Puerto Lapice: Venta El Quijote. Campo de Criptana: Cerro de los Molinos e ermida da Virxe de Criptana; El Toboso: palacio de Dulcinea, biblioteca cervantina e igrexa; Belmonte: castelo e colexiata; Villaescusa de Haro; percorrido urbano. Almagro; Corral de Comedias, Convento de Dominicos, Palacio de Valdeparaíso...; Calatrava la Nueva: castelo, convento e paisaxes. La Solana: fábrica de fouciños La Pajarita; San Carlos del Valle: praza e igrexa; Villanueva de los Infantes: percorrido pola cidade e monumentos máis importantes. Encoro de Peñarroya: curso alto do Guadiana; Ruidera: lagoas, cova de Montesinos, castelo de Rochafrida.

Aloxamento: Hotel Convento de Santa Clara, praza de Santa Clara, 1-Alcázar de San Juan (Ciudad Real).

* Ruta de Andalucía.

-Itinerario: Vida e Obra de Juan Ramón Jiménez.

Resumo de contidos: Moguer: paseo literario e obradoiro sobre os recordos da infancia de Juan Ramón Jiménez. Puerto de Sta. María, visita ao colexio internado no que estivo o autor, Fundación Rafael Alberti e paseo pola localidade. Sevilla, paseo literario e visita ao Ateneo. Moguer: visita á casa museo Zenobia e obradoiro literario. A Rábida-Moguer: Universidade Internacional de Andalucía e mosteiro; Fundación Juan Ramón Jiménez: obradoiro literario.

Aloxamento: instalación juvenil de Mazagón. Cuesta de la Barca, s/n, 21130 Mazagón (Huelva).

* Ruta de Madrid.

-Itinerario: Alcalá de Henares e Madrid: Vida e Obra de Cervantes.

-Resumo de contidos: Madrid: itinerario polo barrio dos Literatos (Cervantes; Lope de Vega, Calderón de la Barca). Itinerario literario por Alcalá de Henares (a novela picaresca). Itinerario histórico-artístico polo Madrid dos Austrias (Cervantes, Lopez de Vega, Calderón de la Barca). Museo del Prado e Madrid dos Borbóns. Itinerario histórico-artístico por Alcalá de Henares. Visita ao Mosteiro do Escorial ou ruta Literaria do Marqúes de Santillana.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares, estrada de Colmenar Viejo, km 12,800, Madrid.

* Ruta de Murcia.

-Itinerario: o 98 e o 27 na rexión de Murcia.

Resumo de contidos: Murcia Jorge Guillén, Federico García Lorca e Miguel Hernández. Visita á catedral. Archena: Vicente Medina. Yecla: Azorín e Castelo Puche; itinerario literario pola cidade (museo, igrexa e subida ao castelo). Cartagena: Antonio Oliver e Carmen Conde. Itinerario pola cidade (Museo dos autores, teatro romano e porto). La Unión: María Cegarra: visita ao Museo Minero. Lorca Heliodoro Puche. Itinerario literario pola cidade, percorrendo os lugares máis característicos do autor: curso de vela e piragüa no Mar Menor. Los Urrutias. Subida ao monte Carmolí. Percorrido no barco polo Mar Menor (Isla de la Perdiguera). Curso de vela e piragüa.

Aloxamento: Centro de Alto Rendemento Infanta Cristina. Avda. Mario Ballester, 2. Los Alcázares (Murcia).

ANEXO IV

Obxectivos xerais.

1. Descrición do programa. O programa Rutas Literarias é un recurso educativo, pensado para alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, que pretende complementar a formación que se imparta na aula por medio da realización dunha ruta literaria. Con el, á vez que se potencia e consolida o hábito lector da poboación escolar, posibilítase que se coñeza e aprecie a riqueza cultural, natural e lingüística do noso territorio.

2. Obxectivos. Serán obxectivos prioritarios, entre outros:

Suscitar nos alumnos unha actitude de aprendizaxe permanente, tanto dentro como fóra da aula.

Desenvolver o hábito lector como fonte de aprendizaxe, coñecemento e desenvolvemento persoal.

Coñecer os aspectos básicos da diversidade cultural, natural e social co fin de poder valoralos e respectalos.

Apreciar e gozar co pracer que proporciona a lectura e a posibilidade de recreala vivencialmente.

Fomentar a convivencia entre os diferentes grupos que comparten a actividade e o traballo en equipo.

3. Aspectos de deseño e metodoloxía. O programa desevólvese seguindo unha ruta literaria que xira arredor dun libro, personaxe e/ou autor relevante e que se traballará previamente nos centros polos alumnos. Isto dará a pauta para coñecer in situ os lugares que serviron de inspiración ou guiaron a narración lida; ou ben os lugares e cidades das comunidades visitadas relacionadas cos autores e persoeiros sobre os que se afondou, así como outras riquezas culturais, sociais e naturais que caracterizan a comunidade.