DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 22 de novembro de 2005 Páx. 18.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RELUCIÓN conxunta do 25 de outubro de 2005, do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca un concurso de premios dirixido ao alumnado de escolas de arte e bacharelatos artísticos para a elaboración de carteis que teñan como tema a educación para o consumo.

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, conscientes da necesidade de formar o alumnado da Comunidade Autónoma galega, cara á adquisición dun espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e elixir de xeito libre e responsable, convocan para o ano 2005 un concurso de premios dirixidos ás escolas de arte e bacharelatos artísticos, para a elaboración de carteis sobre a educación do consumidor, invitando os participantes a reflexionar sobre as características da sociedade de consumo, utilizando como medio a creación artística.

Por todo iso,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis tendo como tema a educación para o consumo responsable de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso todos os alumnos e alumnas matriculados en escolas de arte e bacharelatos artísticos da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Concederanse tres premios de 1.000, 800 e 600 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificado respectivamente, e dous accésit de 300 euros cada un.

Terceira.-Os carteis que concursen terán unhas dimensións máximas de 50x70 centímetros, e estarán montados sobre unha base ríxida, preparados para a súa exposición. A técnica empregada será libre, e os traballos levarán impresa a lenda: educación para o consumo.

Cuarta.-O prazo de presentación dos traballos remata o día 20 de decembro de 2005.

Quinta.-Os traballos deberán presentarse nos servizos centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, xunto co modelo de solicitude que figura como anexo desta resolución, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción, dirixidos á presidenta do Instituto Galego de Consumo, xunto cun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudos, nos que consten os datos do alumno, curso e modalidade educativa que realiza.

Sexta.-Os premios que se concedan por unha contía máxima de 3.000 euros (tres mil) faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 do Instituto Galego de Consumo, na que existe crédito axeitado e suficiente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005.

Sétima.-A concesión dos premios faraa un xurado composto por:

Presidenta: a presidenta do Instituto Galego de Consumo ou persoa na que delegue.

Vicepresidente: o director xeral de formación profesional e ensinanzas especiais ou persoa na que se delegue.

Vogais:

-A/o xerente do Instituto Galego de Consumo.

-Un asesor/a docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

-A xefa de sección de educación e formación do Instituto Galego de Consumo.

-Un funcionario do Instituto Galego de Consumo que actuará como secretario con voz pero sen voto.

O xurado, de ser o caso, poderá contar co asesoramento de especialistas.

A resolución do xurado, ao abeiro do disposto nesta resolución, esgotará a vía administrativa. Contra esta resolución caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 28/1998, da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro, que consideren procedente.

Oitava.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, e poderá ser declarado baleiro calquera premio anunciado ou, de ser o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos.

Novena.-A participación no concurso supón a aceptación de todas as súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade dos traballos que resulten gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos nesta resolución haberá que aterse ao disposto no texto refundido da Lei

de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ambas na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2005.

Ana María Rúa SoutoLaura Sánchez Piñón

Presidenta do InstitutoConselleira de Educación

Galego de Consumoe Ordenación Universitaria