DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 17 de novembro de 2005 Páx. 18.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2005, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa) nos seus centros de traballo en Ourense, anos 2005-2006.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa) nos seus centros de traballo en Ourense anos 2005-2006, código de convenio

número 3200232, subscrito o 21 de xuño de 2005, polos representantes da empresa, en representación da parte económica, e polos delegados de persoal, en representación da parte social, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 8 de xullo de 2005.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A.

nos seus centros de traballo en Ourense

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afectará todos os traballadores da empresa, no seu centro de traballo de rúa Seixalbo nº 20, en Ourense, calquera que sexa a súa condición nesta, excepto o xerente e o xefe de administración, que por seren cargos de confianza, acordarán as súas condicións laborais e económicas co consello de administración.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e denuncia.

Este convenio colectivo entrará en vigor a partir do día primeiro de xaneiro de 2005, para todos os efectos.

A duración deste será de dous anos contado a partir do día 1 de xaneiro de 2005 e finalizando o día 31 de decembro de 2006.

O convenio quedará denunciado automaticamente ao remate da súa vixencia. Ata que se negocie outro convenio que substitúa este, manteranse vixentes todos os artigos do actual.

Artigo 3º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de corenta horas semanais de traballo efectivo, de acordo coa vixente lei.

O horario de traballo será:

Mañá: das 8.30 ás 13.30 horas.

Tarde: das 15.30 ás 18.30 horas.

O persoal de vendas rexerase polo horario que teña establecido o comercio.

A empresa poderá establecer coas persoas de nova contratación o horario de traballo máis adecuado ás características do traballo que se vai desenvolver, co respecto á xornada semanal pactada.

En cómputo anual e global acórdase unha xornada anual de 1.792 horas efectivas do traballo.

Con anterioridade ao día 1 de xaneiro de cada ano natural, exporase o calendario laboral no que se recollerán os días laborables, non laborables e festivos.

Serán aboables e non recuperables os días 24 e 31 de decembro, que se declaran festivos neste convenio.

Artigo 4º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días ao ano para todos aqueles produtores que leven un ano na empresa. Para os que non teñan a mencionada antigüidade, desfrutarán da parte proporcional que lles corresponda, segundo o artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

As vacacións desfrutaranse preferentemente nos meses de verán (xullo e agosto), para o cal se dividirá o cadro de persoal en dúas quendas, de maneira que poidan ser atendidas todas as seccións de traballo; non obstante, se algún traballador preferise desfrutalas noutra época do ano, poderá facelo avisando con quince días de antelación á data de publicación da lista de vacacións no taboleiro de anuncios da empresa.

A lista de vacacións confeccionarase e exporase no taboleiro de anuncios da empresa, antes do día 30 de maio.

Acórdase conceder 2 días máis a aqueles que desfruten estas no primeiro e cuarto trimestre, e un día máis para os que as desfruten no segundo trimestre. Todos os traballadores da empresa terán dereito a coñecer o período das súas vacacións cunha antelación de polo menos dous meses da data de inicio.

A empresa reserva para si o dereito de poder negociar individualmente o desfrute das vacacións en dous ou máis períodos.

En caso de que o traballador se encontre nalgunha situación de IT antes de empezar o desfrute das vacacións, estas posponranse, fixándose un novo período de desfrute.

Artigo 5º.-Licenzas retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licenzas retribuídas, coa duración que a continuación se relaciona:

En caso de falecemento do cónxuxe, pais, fillos, irmáns consanguíneos ou políticos: 4 días.

En caso de enfermidade grave e hospitalización dos pais, fillos, irmáns consanguíneos ou políticos e cónxuxe: 3 días.

En caso de nacemento dun fillo: 4 días, e se fose necesario unha intervención cirúrxica: 1 día máis.

En caso de matrimonio de fillos ou irmáns consanguíneos ou políticos: 1 día, e se a voda é nunha cidade distinta á que vive: 3 días.

En caso de matrimonio do empregado: 15 días.

Por traslado de domicilio do empregado: 1 día máis.

Artigo 6º.-Permisos non retribuídos.

Todo aquel produtor cunha antigüidade de polo menos dous anos terá dereito a un permiso de ata 15 días ao ano que non serán retribuíbles, sendo condición indispensable para ter dereito a iso solicitalo cunha semana de antelación á data do permiso.

Artigo 7º.-Excedencias.

O traballador cunha antigüidade de polo menos un ano, terá dereito a que se lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria, por un período de dous anos como mínimo e cinco como máximo.

Cando o traballador se encontre na citada situación, será condición indispensable para reincorporarse ao seu posto comunicarllo el á empresa por escrito, cun mes de antelación á data de terminación da excedencia.

A empresa estará obrigada a conceder o ingreso na mesma categoría, exista ou non vacante, de maneira inmediata.

O traballador terá un prazo de quince días, contados desde a data de terminación da excedencia, para volverse incorporar ao traballo. A dita incorporación farase con todos os dereitos de antigüidade, categoría, posto de traballo e demais que tiña no momento de causar a excedencia voluntaria.

O salario será o mesmo que tería en caso de que estivese traballando durante todo o tempo de excedencia. O dito período de excedencia voluntaria non se computará para efectos de antigüidade.

Artigo 8º.-Permiso de estudos.

No referente aos mencionados permisos, haberá que aterse ao disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9.-Acción sindical.

Os traballadores terán dereito a poder realizar asembleas no seo da empresa, fóra das horas de traballo, sendo condición necesaria comunicalo á dirección con 24 horas de antelación á data da súa realización.

A empresa autorizará que ás ditas asembleas asistan representantes das centrais sindicais, ás que estivesen afiliados os traballadores.

En canto ás competencias e funcións dos delegados de empresa, haberá que aterse ao disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Roupa de traballo e equipamentos de protección individual.

A empresa entregará a cada traballador das seccións de mecánica, chapa e pintura dúas fundas ao ano, nos meses de xuño e decembro.

O persoal de recambios, xefes e mestres de taller e recepcionistas, dúas batas ao ano nas mesmas datas.

A empresa deberá proporcionarlles aos trabajadores os equipamentos de protección individual adecuados para o desempeño das súas funcións e velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos realizados, sexan necesarios.

Os traballadores deberán cumprir coas medidas de prevención de riscos laborais, e utilizar correctamente os medios e equipamentos de protección individual facilitados pola empresa, de acordo coas instrucións recibidas desta.

Artigo 11º.-Axuda escolar.

A empresa aboará a cada traballador a cantidade de 3,88 A mensuais por cada fillo que teña en idade escolar (de 4 a 18 anos) durante os meses que dure o curso académico, podendo exixir a empresa o certificado de estar matriculado no correspondente curso.

Artigo 12º.-Protección á familia.

A empresa aboaralles aos seus traballadores no mes que contraian matrimonio, a cantidade de 72,90 A.

Aqueles traballadores que tivesen un fillo deficiente mental ou incapacitado permanentemente para o traballo, percibirán a cantidade de 53,58 A mensuais por cada fillo que teña nesa situación.

Polo nacemento de cada fillo, a empresa aboará a cantidade de 72,90 A.

Artigo 13º.-Complemento de transporte.

Durante a vixencia deste convenio, a empresa aboará a cada traballador por cada mes de presenza efectiva no traballo en concepto de complemento de transporte a cantidade de 84,86 A para o ano 2005.

Para efectos da percepción deste complemento, considéranse como días de presenza efectiva no traballo, as licenzas retribuídas, os accidentes de traballo e a asistencia a cursos convocados pola empresa.

A empresa reserva para si o dereito a descontar desta cifra as faltas de asistencia que non sexan polos conceptos anteriormente citados.

Artigo 14º.-Aumentos periódicos por antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servizo, incluído o período de aprendizaxe, consistentes no aboamento de trienios na contía do 5 por cento do salario convenio correspondente á categoría en que está clasificado.

Este dereito consérvase como dereito persoal de todos os traballadores que estean en cadro de persoal no día do asinamento do convenio de 1999. Por tanto, as novas contratacións non devengarán dereito de antigüidade.

Artigo 15º.-Complemento de prestacións de IT.

Cando, por motivos de enfermidade ou accidente, o persoal pase á situación de incapacidade laboral transitoria, a empresa completará as prestacións obrigatorias ata o importe íntegro das súas retribucións e iso durante o tempo que permaneza na dita situación, sendo sempre de aplicación o artigo 131 da Lei xeral da Seguridade Social, reformada por Real decreto lei do 21-7-1992 ou normas que a substitúan.

Artigo 16º.-Gratificacións periódicas fixas.

Todos os traballadores da empresa teñen dereito a percibir as seguintes pagas extraordinarias:

No mes de marzo: 1 paga.

No mes de xuño (día 15): 1 paga.

No mes de decembro: 1 paga.

As ditas pagas serán equivalentes a unha mensualidade integrada polos seguintes conceptos:

Salario, antigüidade e mellora voluntaria.

Artigo 17º.-Axuda por xubilación.

Ao producirse a xubilación ata os 65 anos dun traballador da empresa, mesmo se esta é voluntaria, recibirá dela o importe de trece mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador perciba, menos os incentivos.

Se ao cumprir os 65 anos non lle correspondese ao traballador como pensión o 100% da base reguladora estipulada, percibirá esta axuda no momento da súa xubilación, aínda que esta se producise con máis de 65 anos de idade.

Artigo 18º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento dun traballador, a empresa queda obrigada a lles satisfacer aos seus habentes dereito o importe de doce mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, menos os incentivos.

Artigo 19º.-Axudas de custo.

Todos os traballadores que, por necesidades da empresa e por orde desta, teñan que efectuar des

prazamentos ou viaxes a zonas distintas a aquela en que radique o centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

Axudas de custoDentro da provinciaFóra da provincia

Almorzo 2,17 A 2,17 A

Comida18,15 A18,15 A

Cea18,15 A18,15 A

Pasar a noite 9,43 A

Cando o horario de traballo pase das 22.00 horas, considerarase axuda de custos completa.

Nos casos en que o traballador teña que pasar a noite fóra do seu domicilio, a empresa pagará o importe do cuarto, debendo o produtor xustificar o seu importe mediante a correspondente factura expedida polo hotel.

No caso de desprazamentos prolongados por necesidades da empresa, como asistencia a cursos de formación, fóra da provincia, establécese unha compensación de 9,43 A por cada pernoita.

Artigo 20º.-Fondo social.

A empresa concederá anualmente a fondo perdido a cantidade de 679,75 A destinados a atender os casos de carácter social relativos aos produtores desta.

Co fin de administrar eses fondos, pódese crear unha comisión e, no seu defecto, farao o comité de empresa, pero será presidida polo director ou apoderado. O sobrante de cada ano acumularase ás cantidades de anos sucesivos.

Artigo 21º.-Caixa de anticipos.

Créase un fondo de anticipos de 12.130,95 A destinados a atender as necesidades dos traballadores da empresa. Cada traballador poderá solicitar con cargo a este fondo ata un máximo de catro mensualidades do seu salario fixo. A dirección da empresa e os delegados de persoal concederán ou rexeitarán estes anticipos, que deberán ser solicitados por escrito e debidamente xustificados, sobre a base das necesidades urxentes e reais dos traballadores.

Os préstamos non serán gravados por xuros de ningún tipo, e serán reintegrados mes a mes, nun tempo máximo de 12 meses, e que poderá excepcionalmente ser prorrogado a 6 meses máis.

Non se pode conceder un anticipo sen cancelar totalmente outro anterior.

Artigo 22º.-Traballadores con capacidade diminuída.

Cando un traballador quedase diminuído das súas facultades físicas como consecuencia de enfermidade ou accidente, a empresa queda obrigada a buscarlle un posto nela, de acordo coas súas posibilidades, respectándose o salario que tivese no momento de pasar á devandita situación, e conservando o dereito aos

aumentos que afectan a categoría que tivese no momento de se producir o feito determinante da diminución da súa capacidade.

Para o persoal de vendas, dadas as especiais características do seu salario, computaranse todos os ingresos percibidos nos últimos doce meses e dividiranse por doce, sendo a cantidade resultante o salario mensual.

Artigo 23º.-Seguro de vida.

A empresa establece un seguro colectivo de vida a favor do seu persoal ata que o traballador cause baixa na compañía por calquera motivo.

O capital asegurado será de 27.045,54 A para os traballadores con postos de responsabilidade na empresa (xefes de departamento) e de 18.030,36 A para o resto do persoal.

Este seguro garante os riscos alternativos seguintes:

-Morte natural ou incapacidade permanente derivadas de enfermidade: aboamento do capital asegurado.

-Morte o incapacidade permanente derivadas de accidente: aboamento do capital asegurado máis un capital complementario de 27.045,54 A.

Adicionalmente, a empresa cubrirá mediante un seguro complementario de accidentes o persoal que, por necesidades do servizo, teña que se desprazar fóra do seu centro de traballo. O devandito seguro garantirá os riscos de falecemento e incapacidade permanente por un importe adicional de 38.182,26 A.

Os traballadores contratados a tempo parcial cunha xornada inferior ao 80% da xornada fixada neste convenio reducirán os capitais asegurados en proporción á xornada contratada.

No suposto de incapacidade permanente total, a cobertura farase efectiva no momento de causar baixa no cadro de persoal da empresa e do recoñecemento legal de tal situación.

Artigo 24º.-Ascensos.

Cando se produza unha vacante en calquera das categorías que nese momento existan, as ditas vacantes serán cubertas por un traballador da empresa, da categoría inmediatamente inferior, logo de informe de cada xefe de departamento. Para este fin créase unha comisión constituída a partes iguais pola empresa e a representación social, para determinar os merecementos de cada traballador.

Os auxiliares administrativos que leven máis de cinco anos na súa respectiva categoría deberán ser ascendidos a oficiais administrativos, se existen tales vacantes; de non ser así, asignaráselles o soldo correspondente á dita categoría.

Artigo 25º.-Cláusula de non-absorción.

Convense expresamente a non-absorción da cantidade que perciban os traballadores actualmente en concepto de mellora voluntaria.

Artigo 26º.-Táboas salariais.

As táboas salariais que rexerán durante a vixencia deste convenio serán para cada categoría laboral as que se achegan no anexo adxunto.

Artigo 27º.-Salario convenio.

Para o ano 2005, o salario convenio das distintas categorías que figuran nas táboas salariais do anexo adxunto foi incrementado nun 3% sobre o salario do ano anterior. Para o ano 2004 acórdase un incremento salarial equivalente ao IPC previsto polo Goberno para o dito ano máis un 0,5%.

Aumentaranse así mesmo todos os demais conceptos económicos nas mesmas porcentaxes, salvo para o complemento de transporte, cuxa contía será a establecida no artigo correspondente.

Artigo 28º.-Cursos de capacitación.

O tempo empregado polo persoal de taller en cursos de capacitación, recomendados pola empresa, será considerado para efectos de incentivos como tempo real traballado, aplicándose a este a media de produtividade conseguida o resto do mes.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

As horas que excedan do cómputo anual determinado no artigo 3º deste convenio terán a consideración de extraordinarias, pagándose conforme o valor actual.

Artigo 30º.-Sistema de incentivos.

Establecerase un sistema de incentivos que a empresa dará a coñecer á representación social, reservándose o dereito á súa modificación cando as condicións do mercado o aconsellen, e sempre segundo o estipulado nos artigos 64 e 41 do Real decreto lexislativo do 24 de marzo de 1995, que publica o Estatuto dos traballadores.

En vacacións aboaranse os incentivos como se estivese traballando. Para determinar o importe que deberá cobrar o persoal de servizo, calcularase a media dos tres meses anteriores.

Queda exento desta cláusula o persoal do departamento de vehículos novos e de ocasión.

Artigo 31º.-Cesamento por matrimonio.

O persoal que presta servizos na empresa e con motivo de contraer matrimonio cesa nese momento nela, terá dereito a un dote equivalente ao importe de tantas mensualidades de soldo convenio máis antigüidade, como anos de servizo teña na empresa, sen que o dito importe poida exceder de oito mensualidades.

Artigo 32º.-Xubilación.

1. Acórdase a xubilación obrigatoria sempre que se cumpran os seguintes requisitos e compensacións:

a) Que o traballador teña 65 anos.

b) Se ao cumprir os 65 anos non lle correspondese como pensión o 100% da base reguladora estipulada, poderá continuar traballando o tempo necesario ata alcanzar esa porcentaxe.

2. Como medida de fomento de emprego e de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, os traballadores con 64 anos cumpridos pódense acoller á xubilación total co 100% dos dereitos, sen aplicación do coeficiente redutor e cos beneficios que terían de ter cumprido os 65 anos, sempre que a empresa substitúa simultaneamente o traballador xubilado por unha persoa desempregada.

Será necesario, previamente ao inicio do trámite de xubilación, o acordo entre o traballador e a empresa.

Artigo 33º.-Peugeot Rápido.

Créase un novo servizo na empresa denominado Peugeot Rápido. Os dous postos de traballo necesarios para prestar este servizo terán o seguinte horario:

1. Das 8.30 ás 14.30 e das 16.30 ás 18.30 horas.

2. Das 8.30 ás 12.30 e das 14.30 ás 18.30 horas.

Artigo 34º.-Contratación.

De acordo co artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, as partes acordan a aplicación da vixencia máxima para os contratos eventuais, que se pacte no convenio do sector do comercio do metal da provincia de Ourense.

Para facilitar a xubilación dos traballadores que o desexen e que reúnan as condicións legais, e para que a empresa contrate outro traballador na parte de xornada que deixa de desenvolver o traballador xubilado parcialmente, acórdase que, para os efectos do contrato de revezamento, as categorías profesionais reflectidas nas táboas salariais se agrupan nos seguintes grupos profesionais:

Grupo profesional de persoal ocupacional:

-Xefe de departamento.

-Xefe de sección.

-Dependente maior.

-Axudante de dependente.

-Oficial 1ª especialista.

-Oficial 1ª.

-Oficial 2ª.

-Oficial 3ª.

-Mozo.

-Subalterno.

Grupo profesional de persoal de estrutura:

-Xerente.

-Xefe de departamento.

-Xefe de sección.

-Vendedores.

-Oficial administrativo.

-Auxiliar administrativo.

-Subalterno.

Artigo 35º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase en 31 de decembro do primeiro ano de vixencia do convenio colectivo un incremento respecto ao 31 de decembro do ano anterior, superior ao incremento pactado, procederase ao aboamento da diferenza con efectos a partir do mes en que o IPC superase o citado incremento pactado.

Para o segundo ano de vixencia aplicarase igualmente o establecido no parágrafo anterior, se o IPC rexistrado en 31 de decembro do segundo ano de vixencia supuxese un incremento respecto ao 31 de decembro do ano anterior, superior ao incremento salarial pactado para o segundo ano de vixencia do convenio colectivo.

Artigo 36º.-Cláusula derradeira.

Para todo o non previsto neste convenio haberá que aterse ao disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación complementaria sobre esta materia.

Artigo 37º.-Comisión paritaria.

Para estes efectos queda constituída a comisión paritaria, formada polos delegados de persoal e igual número de representación empresarial.

Artigo 38º.-Empresa de traballo temporal.

A empresa, cando contrate traballadores por medio dunha empresa de traballo temporal, garantiralles aos traballadores postos á súa disposición as melloras económicas recollidas no convenio.

Artigo 39º.-Período de proba.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

Grupo I: 6 meses.

Grupo II: 3 meses.

Grupo III: 2 meses.

Grupos IV e V: 1 mes.

Durante estes períodos, tanto o traballador como a empresa poderán proceder á resolución do contrato sen necesidade de aviso previo, debéndose notificar por escrito. O período de proba quedará interrompido sempre que se suspenda o contrato de traballo, reiniciándose a partir da data da incorporación efectiva ao traballo.

Por parte da representación social:Por parte da empresa:

Eladio Prada NovoaJesús Berruezo Martínez

Manuel Fernández MartiñáAntonio Dávila Núñez

Abel Rey LemosDarío del Pozo Vega

ANEXO

Clasificación profesional

A clasificación profesional que se establece neste convenio ten como principio fundamental a non-discriminación por razón de sexo.

O encadramento profesional deste convenio colectivo estrutúrase sobre a base de cinco grupos profesionais, aos que se asimilan as categorías profesionais, en función dos criterios de coñecementos, autonomía, responsabilidade, iniciativa, mando, complexidade e funcións que se van desenvolver.

* Grupo profesional I.

Competencias requiridas: os traballadores pertencentes a este grupo teñen a responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións ou participan na súa elaboración, así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Formación: titulación universitaria de grao superior ou medio ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa e/ou con experiencia consolidada no exercicio do seu ámbito profesional.

Comprende as seguintes categorías:

-Xerente.

-Xefe de departamento.

-Titulado superior.

-Titulado medio.

* Grupo profesional II.

Competencias requiridas: son traballadores que, con ou sen responsabilidade de mando, realizan funcións cun contido medio de actividade intelectual e de interrelación persoal, nun marco de instrucións precisas de complexidade técnica media, con autonomía dentro do proceso. Realizan funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores, nun ámbito organizativo menor.

Formación: titulación de grao medio, técnico especialista de segundo grao e/ou con experiencia dilatada no posto de traballo.

Comprende as seguintes categorías:

-Xefe de sección.

-Oficial 1ª especialista.

-Vendedor.

* Grupo profesional III.

Competencias requiridas: tarefas que se executan baixo dependencia de mandos ou profesionais de máis alta cualificación dentro da empresa, normalmente con

alto grao de supervisión, pero con certos coñecementos profesionais, cun período intermedio de adaptación.

Formación: formación básica ou media, con formación específica no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 1ª taller.

-Oficial administrativo.

-Dependente maior.

* Grupo profesional IV.

Competencias requiridas: tarefas que se executen cun alto grao de dependencia con instrucións específicas. Pode requirir esforzo físico, con coñecementos elementais e que pode necesitar un pequeno período de adaptación.

Formación: niveis básicos obrigatorios e, nalgún caso, de iniciación para tarefas de oficina, así como coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 2ª taller.

-Axudante dependente.

-Auxiliar administrativo.

* Grupo profesional V.

Competencias requiridas: tarefas que se executen cun alto grao de dependencia, con instrucións concretas, claramente establecidas, que requiran preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica nin período de adaptación.

Formación: niveis básicos de formación regrada.

Comprende as seguintes categorías:

-Oficial 3ª taller.

-Mozo.

-Subalterno.

Táboas salariais

ano 2005

CategoríasSalario (A)

Xerente923,48

Xefe de departamento845,23

Titulado superior845,23

Titulado medio739,84

Xefe de sección739,84

Oficial de 1ª especialista710,22

Oficial de 1ª taller688,48

Oficial de 2ª taller677,24

CategoríasSalario (A)

Oficial de 3ª taller665,35

Oficial administrativo711,19

Auxiliar administrativo665,35

Vendedor688,48

Dependente maior de almacén688,48

Axudante dependente almacén665,35

Mozo643,75

Subalterno643,75