DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Xoves, 17 de novembro de 2005 Páx. 18.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 2 de novembro de 2005 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal que conforma o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio dunha disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

A Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, somete a réxime de autorización polo órgano competente da Comunidade Autónoma, todas as actividades de valorización e eliminación de todo tipo de residuos, e ademais para os residuos perigosos, as de recollida, almacenamento e transporte, cando se realice asumindo o transportista a titularidade do residuo. A realización do resto de actividades está sometida a réxime de notificación previa á Administración autonómica ambiental, que deberá rexistrar debidamente estas actividades, e iso sen prexuízo de que as comunidades autónomas sometan estas actividades a réxime de autorización.

A Administración autonómica galega procedeu a través do decreto 298/2000, do 7 de decembro, á regulación das actividades de produción e xestión de residuos e a creación do Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia, decreto que resultou derrogado polo Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico de produción e xestión de residuos e o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Así mesmo, a citada lei prevé que, para a consecución dos obxectivos de redución, reutilización, reciclaxe e valorización, así como para promover as tecnoloxías menos contaminantes na eliminación de residuos, as administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, poidan establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivación.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a creación do ficheiro automatizado de datos de carácter persoal albergados nos servidores da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que conformarán o Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, se exixe para as disposicións de creación de ficheiros, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso do ficheiro.

Os datos de carácter persoal, rexistrados no ficheiro automatizado da Consellería de Medio Ambiente e

Desenvolvemento Sostible, creado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que se ater ao disposto na normativa vixente respecto desta materia.

Artigo 5º.-Órgano responsable do ficheiro.

Será responsable do ficheiro o órgano que figura no anexo. Así mesmo, no anexo enumerarase a unidade ante a que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Medidas de seguridade.

As medidas de seguridade do ficheiro están especificadas no correspondente documento de seguridade en función do nivel en que estes se clasifiquen.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que aterse, ademais, ao disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2005.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Ficheiro da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Ficheiro: Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: rexistro con información real dos produtores e xestores de residuos en Galicia, que permita o control e seguimento dos procedementos administrativos relacionados.

b) Medidas de seguridade: nivel básico.

c) Estrutura básica: base de datos.

d) Tipo de datos:

-Datos de carácter identificativo da persoa física ou xurídica inscrita: CIF, nome ou razón social, enderezo, teléfono, fax, número de autorización ou inscrición.

-Datos de carácter identificativo do/a representante legal: DNI, nome e apelidos, enderezo, teléfono, fax, correo electrónico.

-Datos de carácter identificativo da persoa encargada da actividade de produción ou xestión: DNI, nome e apelidos, enderezo, teléfono, fax, correo electrónico.

-Datos relativos á actividade: actividade de produción ou xestión que realiza; procesos de produción ou xestión, tipo e capacidade nominal das instalacións;

tipo, cantidade e destino dos residuos que van producir ou xestionar; zona de cobertura ou área territorial á que circunscribe a súa actividade.

-Outros datos: data de autorización e prazo desta; modalidade e contía da fianza; número e contía da póliza do seguro de responsabilidade civil; datos relativos á tarxeta de transporte de cada vehículo; datos relativos á formación profesional segundo modelo oficial ADR dos condutores; número da póliza de seguro en vigor de cada vehículo.

e) Órgano responsable do ficheiro: a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia.

f) Persoas e/ou colectivos afectados: persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades de produción ou xestión de residuos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que figuran no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita na rúa San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

h) Procedemento de recollida de datos: os datos persoais, técnicos e empresariais correspondentes a cada interesado obteranse a partir da solicitude de inscrición ou da notificación da actividade.

i) Cesión de datos: con fins estatísticos, cederanse os datos a organismos ambientais e organismos oficiais cando o autorice a normativa vixente.