DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 16 de novembro de 2005 Páx. 18.350

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2005, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 12 de agosto de 2005, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Oribio, nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo), promovido por Fergo Galicia Vento, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2005.

Anxo R. Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá ditar, para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor, co obxecto

de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese ao proxecto do Parque Eólico Oribio tal e como vén descrito no estudo de impacto ambiental, e que consiste na instalación e explotación dun parque eólico de 39 MW de potencia total nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo), constituído por 20 aeroxeradores Gamesa G-87 de 2.000 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

643.5004.732.000

648.0004.732.000

648.0004.730.400

643.5004.730.400

Tense previsto executar o devandito parque en dúas fases, a primeira de 13 aeroxeradores (do A-1 ao A-13) e 25 MW de potencia total (para o que se limitará a potencia do aeroxerador A-13 a 1 MW) e a segunda, con 14 MW de potencia total, composta polos aeroxeradores numerados do R-1 ao R-7.

A localización dos aeroxeradores e infraestrutura asociada ao parque eólico será a que se recolle no plano situación do futuro parque cos xacementos arqueolóxicos próximos do estudo de impacto arqueolóxico, coas modificacións de posición dos aeroxeradores A-1, A-2 e A-12 (así como o acceso a este último) reflectidas no plano

Planta xeral. Plano P 04.1 do documento Parque Eólico Serra de Oribio. Anexo ao proxecto de execución. Febreiro 2005.

Así mesmo, se co motivo do procedemento de autorización substantiva da 2ª fase de execución do parque resultase necesario introducir algunha modificación significativa nas infraestruturas ou instalacións da dita fase respecto do establecido na presente DIA será preciso, para os efectos ambientais, o informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

2. Condicións xerais.

2.1. Protección da atmosfera.

Co fin de minimizar a emisión de po á atmosfera, ademais da rega de superficies e demais medidas previstas no estudo ambiental, os camións de transporte de terras e outros materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou protección similar.

2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

1. Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga (cruzamentos de vías, gabias de cableado...), así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización do organismo de bacía competente, neste caso a Confederación Hidrográfica do Norte, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

2. Non se afectarán ou serán repostas na súa totalidade as instalacións ou servizos de abastecemento de auga, saneamento ou calquera outro amparado pola lexislación hidráulica que poidan atoparse na área de influencia das obras.

3. Evitarase modificar o actual réxime hidrolóxico da zona, permitindo a libre circulación das augas, polo que nas vías de acceso deberán preverse tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo, dimensionándoas de xeito que se evite o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

A achega das augas destas drenaxes cara á rede hidrográfica deberá ser gradual, instalando dispositivos protectores e/ou de disipación de enerxía nas súas saídas e nos puntos onde a auga das cunetas se incorpore ao terreo, co fin de evitar fenómenos erosivos, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas aos cursos naturais.

Tanto na fase de obras como na de funcionamento realizarase un control do correcto funcionamento dos ditos dispositivos, así como das condicións de incorporación das augas de drenaxe á rede natural, téndose que adoptar as medidas correctoras oportunas no caso de producirse os citados fenómenos. Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento hidrolóxico proposto no estudo ambiental.

4. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de xeito que co motivo das obras non diminúa respecto da existente antes do inicio destas. Para tal fin, tanto na fase de obras como ao final destas ata que se constate ausencia de afeccións, levarase a cabo o plan de control proposto no estudo de impacto ambiental.

2.3. Protección do solo.

1. Levarase a cabo un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización das infraes

truturas e instalacións proxectadas, que se axustará ao establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

2. A circulación de vehículos e maquinaria no parque, tanto na fase de obra como na de funcionamento, restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.

3. No caso de realizar voaduras, disporanse os medios necesarios (redes, lonas...) para evitar a proxección de fragmentos de rocha ao contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

4. Con carácter xeral, non se efectuarán préstamos na zona, salvo xustificación previa. Nese caso, seleccionaranse zonas que xa vaian ser afectadas polas obras ou, no seu defecto, lugares carentes de valores ambientais ou paisaxísticos relevantes. En todo caso, os préstamos deberán ter a súa procedencia debidamente acreditada e os ocos serán restaurados ao finalizar a obra.

5. Se se producise deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente debido aos labores de construción do parque, deberá restituírse a súa calidade aos niveis previos ao inicio das obras.

2.4. Protección da fauna e vexetación.

2.4.1. Sobre a fauna.

1. Para levar a cabo os labores de corta e roza de vexetación escolleranse datas fóra das épocas de nidificación e cría da fauna máis sensible a este tipo de actuacións, que se determinarán en función do inventario faunístico incluído no estudo ambiental, implementando en todo caso as medidas necesarias para non alterar a fauna.

2. No caso de que nas vías de acceso sexa preciso instalar pasos canadenses para impedir o paso de gando, deberán adoptarse medidas que posibiliten o escape dos pequenos vertebrados que poidan caer ao foxo, que poderán consistir, sen prexuízo doutras igualmente efectivas, nunha rampla de subida ou facer o foxo cun ou os dous laterais abertos.

3. Respecto á avifauna e aos morcegos, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determinar a existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores. Para tal fin, levaranse a cabo os plans de seguimento de avifauna e quirópteros propostos no estudo de impacto ambiental.

2.4.2. Sobre a vexetación.

1. No caso de que sexa precisa a corta de árbores, previamente terá que realizarse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

2. Na xestión da biomasa vexetal eliminada primarase a súa valorización, evitando a queima destes restos, que, de ser o caso, terá que contar coa preceptiva autorización. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, procederase á súa trituración e esparexemento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ao solo, diminuír o risco de incendios forestais e evitar a aparición de enfermidades ou pragas.

2.5. Protección do patrimonio cultural.

1. No que respecta á protección dos elementos do patrimonio cultural, estarase ao disposto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tanto no relativo á localización final de infraestruturas e instalacións como ás medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, as de control e seguimento arqueolóxico e calquera outra que se vaia adoptar ao longo das fases de planeamento, de execución de obra e de restitución de terreos, en todo o ámbito do parque eólico.

2.6. Sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Na realización do control e seguimento ambiental terase en conta que:

-Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

-Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un/s responsable/s do control deste, notificándolle o seu nomeamento ao órgano substantivo.

3. Condicións específicas.

3.1. Sobre a integración paisaxística.

1. Co fin de compensar a incidencia visual do parque eólico, adoptaranse as medidas compensatorias propostas polo promotor e consensuadas coa Dirección Xeral de Turismo, destacando as relativas ao pintado das torres dos aeroxeradores con motivos do Camiño de Santiago, implantación de pantallas vexetais naqueles puntos onde teña lugar o impacto visual da obra proxectada e adecuación dunha sala como aula didáctica da enerxía eólica, entre outras.

Tal e como se sinala no escrito do promotor relativo a estas medidas, levaranse a cabo durante a execución do parque e deberán estar rematadas como máximo 6 meses despois da emisión da acta de posta en marcha do parque.

A implantación das pantallas vexetais, que estarán conformadas por especies autóctonas presentes na zona ou pertencentes á súa serie climática de vexetación, deberá realizarse simultaneamente ao comezo das obras.

No caso de que algunha das árbores que conforman as pantallas non prendese ou deixase de cumprir a súa función, terá que ser substituída por outra inmediatamente, asegurando a súa efectividade. Polo tanto, ao longo da fase de obras, a implantación desta medida será obxecto de especial seguimento, comprobando a súa funcionalidade, tanto nesta fase como logo na de funcionamento.

En calquera caso, todo o relativo ao desenvolvemento e aplicación das ditas medidas deberá estar consensuado e supervisado pola Dirección Xeral de Turismo.

2. Levaranse a cabo medidas que maximicen a integración paisaxística da subestación transformadora e do edificio de control. A súa tipoloxía construtiva harmonizará coa tradicional da zona e a cor da pintura de exteriores será acorde co contorno e de acabado mate. Así mesmo, preveranse barreiras vexetais que potencien a súa integración no contorno.

3. Se na zona existisen afloramentos rochosos con interese xeomorfolóxico ou paisaxístico, deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras.

4. Todas as superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais e de instalacións de obra...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal.

Para tal fin, levaranse a cabo as actuacións propostas no plan de restauración e revexetación incluído no tomo II do estudo de impacto ambiental, coas seguintes consideracións:

-As especies que se van empregar na revexetación deberán corresponderse coas presentes actualmente na zona.

-As plataformas de montaxe deberán ser revexetadas na súa totalidade, podéndose deixar un camiño de acceso á porta do aeroxerador para os vehículos de mantemento.

-Ao finalizar as obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estrutura auxiliar, procedendo á restauración da zona afectada, do mesmo xeito que nas restantes zonas recollidas no plan de restauración.

-No caso de que como consecuencia da execución da rede viaria do parque quede algún camiño ou sendeiro morto que non vaia dar ningún servizo na fase de funcionamento, salvo xustificación en contra deberase reintegrar na paisaxe, revexetándoo en toda a súa extensión.

3.2. Sobre os hábitats naturais.

1. Tendo en conta que o parque eólico proxéctase no espazo denominado Ancares-Courel, declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, e incluído na lista de lugares de importancia comunitaria LIC aprobada pola decisión da comisión do 7 de decembro de 2004, prestarase especial atención en non comprometer a persistencia dos hábitats naturais de interese comunitario presentes no polígono do parque, basicamente breixeiras secas europeas, asegurando o seu mantemento ou res

tablecemento nun estado de conservación favorable, tal como se establece na Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres.

Para tal fin, ademais das medidas propostas no estudo de impacto ambiental, teranse en conta as seguintes:

-Co fin de reducir a ocupación ao mínimo imprescindible, o largo da plataforma das vías non superará os 6 m, salvo que sexa imprescindible nalgún tramo puntual por razóns de seguridade ou por motivos técnicos (sobrelargo en curvas para facilitar o xiro da maquinaria de transporte ou montaxe).

-A dirección de obra disporá dos planos de distribución dos hábitats presentes e será informada en todo momento das condicións para a súa protección. Así mesmo, estas zonas deberán ser balizadas previamente ao inicio das obras para evitar posibles afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria fóra das zonas de actuación previstas.

-En calquera caso, deberá corrixirse a afección prevista mediante a adopción dunha medida compensatoria consistente en achegar igual ou maior superficie que a afectada polo proxecto, polo tanto igual ou maior que 67.098 m. A parcela que se propoña deberá gardar ademais os seguintes requisitos:

* Debe estar fóra do LIC pero contigua a este, co fin de compensar a superficie afectada polo proxecto.

* Debe ser unha parcela en couto redondo.

* Os hábitats que sustente deben compensar a superficie dos hábitats afectados, ou ben establecer as condicións para a súa adecuada implantación.

Todo o relativo ao desenvolvemento da dita medida deberá estar consensuado e supervisado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

3.3. Fase previa ao inicio das obras.

1. Levarase a cabo a campaña preoperacional relativa ao plan de control da calidade das augas, de acordo co previsto no correspondente anexo do estudo ambiental. Os resultados da dita campaña incorporaranse aos informes de seguimento ambiental, tanto os de obra como os de funcionamento, se é o caso, para comparalos cos datos obtidos en cada período de seguimento.

2. O promotor deberá depositar un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe do aval, que deberá fixar o órgano substantivo, o 1% do orzamento do proxecto. A dita proposta poderá ser revisada se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata (que inclúa xustificación de medicións, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais e orzamento total de execución material) dos labores de restauración asociados á fase de obras que teña en conta o sinalado no punto 3.1.4 e que recolla ademais a implantación das pantallas vexetais ás que se fai referencia nos puntos 3.1.1 e 3.1.2.

Para a fase de desmantelamento e abandono do parque proponse que o órgano substantivo considere a necesidade ou non de fixar un aval que garanta a dita fase e, de considerar que non, substituílo por outros mecanismos acordados co promotor, todo iso no ámbito das competencias que posúe para fixar a contía do aval segundo o citado Decreto 455/1996.

3.4. Fases de planeamento e obra.

1. En relación co plan de seguimento do nivel de ruído proposto no estudo ambiental, nesta fase considérase suficiente efectuar unha medición en cada punto de control cando se estean executando obras preto del, e non con carácter trimestral en todos os puntos como se indica no plan presentado.

Nos resultados das medicións para presentar nos informes de seguimento ambiental deberá figurar, sen detrimento dos percentís L90, L50 e L10, o parámetro Leq.

2. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, con carácter trimestral durante a execución das obras, un informe de obras co seguinte contido mínimo:

a) Cronograma de obras actualizado, con todas as actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ao total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, control da calidade das augas e da rede de drenaxe, seguimento de avifauna e de quirópteros.

c) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os resultados dos controis efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras, correctoras e compensatorias, incidencias e/ou imprevistos acontecidos, labores de restauración efectuados, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a todos os aspectos recollidos nela.

d) Informe de avance da obra, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a todos os compoñentes do proxecto. Xuntaráselle de reportaxe fotográfica (con indicación da data e hora nas fotografías e plano de puntos de toma) e plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución de cada actividade concreta.

3.5. Ao final da fase de obras.

1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 da DIA, no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos, o promotor presentará perante o órgano substantivo un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final do parque tras a finalización destas, así como resumo do seguimento ambiental efectuado

ao longo das obras e das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do estudo ambiental e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, xestión de residuos de obra, etcétera. Descrición detallada do estado final da área afectada en relación a todos os aspectos recollidos no estudo ambiental e no condicionado da declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas en que se implantaron os aeroxeradores, subestación e edificio de control, estado das vías, cunetas e drenaxes, gabias do cableado, estado de limpeza da área (en especial da zona destinada a instalacións de obra), zonas onde se efectuaron medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de todas as instalacións e infraestruturas do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras, correctoras e/ou compensatorias.

3.6. Fase de funcionamento.

1. Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental ao que se refire o punto 2.6 desta DIA, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un informe de seguimento ambiental con periodicidade semestral durante os dous primeiros anos de funcionamento do parque e anual os seguintes. O dito informe incluirá, como mínimo, o seguinte contido:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe e, se é o caso, da calidade das augas.

c) Resultados dos plans de seguimento de avifauna e quirópteros.

d) Informe, xunto con reportaxe fotográfica, no que se describan con detalle os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, cunetas, plataformas de montaxe, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudo ambiental e todos aqueles que deriven desta DIA, así como a eficacia e evolución das medidas protectoras, correctoras e compensatorias adoptadas. Nas fotografías indicarase a data e hora, xunto cun plano de localización.

Á vista dos resultados que se obteñan durante os dous primeiros anos de seguimento ou ben por solicitude motivada do promotor, poderase modificar o contido ou a frecuencia dos controis e informes que se van realizar en anos posteriores.

3.7. Fase previa ao abandono.

No prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, o promotor remitiralle ao órgano substantivo un documento técnico onde se deta

llen todas as actuacións necesarias para desmantelar o parque e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, contemplando, con carácter xeral, a desmontaxe e retirada dos aeroxeradores e subestación, restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque, restitución de terreos e servizos afectados e revexetación das zonas alteradas pola desmontaxe. Xunto con esta documentación presentarase o cronograma estimado das ditas actuacións.

3.8. Fase de abandono.

Ao longo da fase de desmantelamento e abandono do parque eólico, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo as actuacións previstas polo promotor en cumprimento do sinalado no punto anterior.

3.9. Fase posterior ao abandono.

Co obxecto de efectuar o seguimento e vixilancia ambiental, o promotor remitiralle ao órgano substantivo, no prazo de dous (2) meses contados desde o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto do Parque Eólico Oribio, promovido pola empresa Fergo Galicia Vento, S.L., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 20 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada, que se vai instalar nos concellos de Samos e Triacastela (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

Por cuestións de limitación da potencia anual que se vai instalar, o promotor dividiu o proxecto en dúas fases, a primeira de 13 aeroxeradores e 25 MW de potencia total (para o que se fai necesario limitar a potencia dun dos aeroxeradores a 1 MW) e a segunda con 7 aeroxeradores e 14 MW de potencia instalada.

As características básicas do proxecto, considerando as dúas fases, son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 20.

* Modelo: Gamesa G-87.

* Potencia nominal unitaria: 2.000 kW.

* Potencia total instalada: 39 MW.

* Altura de torre: 78 m.

* Diámetro de rotor: 86,6 m.

O proxecto recolle, así mesmo, a construción dunha subestación transformadora 20/132 kV cun edificio de control anexo, que albergará os equipos de control e mando, a sala de celas eléctricas, un almacén, os vestiarios e un aseo dotado de fosa séptica para a depuración de augas residuais. A liña de evacuación da

enerxía producida no parque, a 132 kV, será obxecto de proxecto e estudo ambiental independentes, tal e como se sinala no estudo de impacto ambiental.

A obra civil inclúe a execución duns 4.100 m de vías de acceso e servizo aos aeroxeradores e o acondicionamento duns 2.780 m de camiños existentes, cun largo de rodadura de 8 m e dotados de cunetas e drenaxes transversais para a recollida e evacuación de augas pluviais. Nestas vías habilitaranse pasos canadenses cando sexa necesario. Así mesmo, escavaranse uns 7.350 m de gabias para soterrar o cableado de media tensión e de comunicacións que interconectará os aeroxeradores coa subestación transformadora e o edificio de control do parque.

Segundo a documentación avaliada, a vexetación na área de implantación do parque está composta maiormente por breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterráneas endémicas con aliaga, aparecendo en menor medida vexetación pioneira sobre substratos silíceos, bidueirais e outras formacións arboradas con pradairos, cancereixos e freixos.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas na documentación avaliada

No punto de medidas protectoras e correctoras do estudo ambiental inclúense basicamente as seguintes:

Boas prácticas xerais de obra: na fase de obras adoptaranse unha serie de medidas preventivas para afectar o menos posible á calidade do aire, auga e solos da zona:

-Mecánica preventiva da maquinaria para evitar derrames de aceites ou combustibles.

-Realización de operacións de limpeza e mantemento da maquinaria en talleres, estacións de servizo ou lugares convenientemente acondicionados (coa superficie impermeabilizada) onde os residuos ou verteduras sexan convenientemente xestionados.

-Limitación das operacións de carga e descarga de materiais, escavacións e movementos de terra aos períodos nos que a velocidade do vento sexa inferior a 10 km/h.

-Rega das superficies sen xeración de vertedura líquida, para minimizar a dispersión de po e partículas.

-Redución de produtos de combustión mediante mantemento técnico da maquinaria.

Plan de xestión de verteduras e residuos: todos os residuos xerados durante as obras ou na fase de mantemento serán xestionados e almacenados axeitadamente primando, por esta orde, a minimización, a reutilización ou reciclaxe e a vertedura. Plan de xestión de aceites usados.

Outras medidas:

-A auga que se empregue para as regas e lavados de rodas terá a mellor calidade posible.

-Estudo da intervención sobre a vexetación para a apertura de accesos e vías. Minimizarase ao máximo posible a corta de árbores. Criterios de manexo da vexetación. Retirada de vexetación mediante roza.

-Asistencia técnica ambiental e arqueolóxica na fase de planeamento.

-Cando se produzan achádegos de restos históricos de calquera tipo, interromperanse as obras e se lle comunicaráselles ao director de obra, non debendo reiniciar a obra sen previa autorización.

-Restauración das superficies afectadas.

-Evitar sempre a afección directa a leitos, prestando especial atención ás obras que se desenvolvan cerca destes.

-Cumprimento das medidas de protección do solo para evitar erosións e contaminacións das augas.

-Xestionar adecuadamente os residuos sólidos e perigosos e as augas residuais.

-Preservación da vexetación de ribeira.

-Non se acumulará terra nin refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume dos cursos fluviais, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorregas, chuvias ou cheas do caudal.

-Evitarase a fabricación de formigón na propia obra, co obxecto de diminuír o risco de contaminación das aguas. Así mesmo, evitaranse verteduras derivadas da súa utilización.

-Non se extraerá auga dos regatos para as obras ou abastecemento.

-Calquera alteración ou afección nas zonas de servidume dos cursos de auga precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

-Xestión de sobrantes de terras.

-Minimizarase o movemento de terras ao máximo.

-As dimensións das plataformas de montaxe, vías e cunetas non superarán as mínimas requiridas.

-Achega gradual da auga das drenaxes á rede hídrica, empregando trampas de sedimentos que se limparán con asiduidade, sobre todo na fase de obras.

-En noiros con pendente acusada empregaranse mallas antiescorrega.

-As tarefas de mantemento da maquinaria móbil durante a fase de obras realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derramas accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, seleccionaranse zonas para a realización destas tarefas, afastadas do cursos de auga e protexendo o solo con materiais impermeables.

-As augas residuais xeradas no edificio de control levaranse a unha fosa séptica.

-Medidas anticolisión de avifauna e quirópteros. Seguimento de colisións.

-Reposición e/ou indemnización de danos, tanto na fase de obras como na de funcionamento.

-Calendario de actuacións acorde coas medidas correctoras.

-Balizamento previo dos elementos que se van protexer.

-Posta a terra de aeroxeradores e subestación.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos, drenaxes, aves, revexetación...).

As medidas protectoras e correctoras relativas á protección dos elementos do Patrimonio Cultural recóllense na memoria de avaliación do impacto arqueolóxico, que se presenta como separata ao estudo de impacto ambiental.