DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 16 de novembro de 2005 Páx. 18.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2005, da Dirección Xeral da División de Recursos Económicos, pola que se establecen as normas de procedemento de revisión de tarifas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde.

Promulgada a orde da Consellería de Sanidade do 21 de setembro de 2005, pola que se fixan as tarifas máximas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde e se actualizan os prezos dos concertos vixentes (publicada no DOG nº 201, do día 19 de outubro), co obxecto de darlle cumprimento e de conformidade co establecido no segundo parágrafo da disposición derradeira primeira, esta división

ACORDA:

Primeiro.-Ditar as seguintes instrucións de procedemento:

1ª Con independencia do procedemento de revisión previsto no artigo 3º da referida Orde do 21 de setembro de 2005, os directores provinciais do Servizo Galego de Saúde, no prazo máximo dun mes a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, formularán unha nota dilixencia (anexo I) por cada concerto vixente na súa provincia.

Para estes efectos enténdese por nota dilixencia o documento mediante o que a dirección provincial lle notifica á empresa concertada a revisión das condicións económicas do concerto subscrito en aplicación da orde da Consellería de Sanidade.

Na nota dilixencia farase constar cada unha das prestacións ou servizos que a empresa teña validamente concertados, as tarifas do ano 2004, a contía do incremento que se vai aplicar, o prezo resultante e a data de efectividade, é dicir, a data a partir da cal se adquira o dereito ao incremento.

A data de efectividade da revisión das condicións económicas para os concertos vixentes a 1 de xaneiro de 2004 será o 1 de xaneiro de 2005.

Para os concertos subscritos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2004, a aplicación da revisión das tarifas será desde o transcurso dun ano desde a súa formalización, agás que nas súas estipulacións se recolla doutro xeito.

Non se revisarán as tarifas das autorizacións de uso temporais nas cales a tarifa aplicable será a que expresamente sexa aceptada pola empresa para o período da súa vixencia.

Tanto o incremento como a tarifa resultante non poderán superar os máximos establecidos na orde da Consellería de Sanidade.

2ª O contido da nota dilixencia, xunto coa fotocopia da orde da Consellería de Sanidade, comunicarase de xeito que poida quedar constancia ao representante legal da empresa concertada outorgándolle un prazo de vinte días para presentar por escrito a súa conformidade ou desconformidade pola revisión provisionalmente efectuada.

3ª Se transcorrido o prazo de vinte días a dirección provincial non recibise ningunha notificación ou se recibise escrito de conformidade da empresa concertada, o director provincial remitirá a nota dilixencia, sen asinar, á Intervención Territorial Delegada para a súa preceptiva fiscalización.

Intervida favorablemente, o director provincial emitirá resolución (anexo II) elevando a definitiva a revisión proposta. Esta resolución, acompañada dun exemplar da nota dilixencia, realizarase por quintuplicado. Un exemplar permanecerá na dirección provincial anexionándose ao concerto vixente, outro comunicarase á empresa concertada de xeito que poida quedar constancia. Os tres exemplares restantes remitiranse á Secretaría Xeral, á Intervención Territorial Delegada e á Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento da División de Recursos Económicos.

4ª Comunicada a resolución a todas as partes afectadas e sen prexuízo dos recursos que ao respecto poidan formularse, a dirección provincial efectuará as liquidacións dos atrasos correspondentes, se procede, e tramitará as sucesivas facturacións coas novas tarifas.

5ª Se durante o prazo de vinte días se recibise escrito de desconformidade por parte da empresa concertada, a dirección provincial elevará o expediente á División de Recursos Económicos (Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento) para a resolución que proceda.

6ª Se as tarifas fixadas pola resolución da dirección provincial non fosen as correctas, pola División de Recursos Económicos aplicaranse as correccións oportunas. Quedará en suspenso a resolución emitida e iniciarase un novo proceso de revisión das condicións económicas nas que se inclúan as correccións efectuadas.

A nova nota dilixencia comunicarase ao representante legal da empresa concertada seguindo o proceso descrito anteriormente. A nova resolución anulará a anteriormente ditada.

7ª Nos supostos nos que non se produza incremento de tarifas, seguirase o mesmo procedemento indicado anteriormente, para os efectos de notificar á empresa as tarifas máximas vixentes para o ano 2005. Neste caso, na nota dilixencia (anexo I), na columna Incremento 2005, deberá figurar importe 0.

8ª Respecto ao sinalado no artigo 4º da Orde do 21 de setembro de 2005, pola que se fixan as tarifas

máximas aplicables á prestación de asistencia sanitaria concertada polo Servizo Galego de Saúde e se actualizan os prezos dos concertos vixentes, no que se delega nas direccións provinciais do Sergas a competencia para asinar determinados concertos individuais, as direccións provinciais deberán remitir á Subdirección Xeral de Orzamentos e Aprovisionamento da División de Recursos Económicos, trimestralmente, unha relación dos distintos tipos

de concertos, pacientes, empresa concertada e importe.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2005.

Ana Fernández Pulpeiro

Directora xeral da División de

Recursos Económicos