DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 16 de novembro de 2005 Páx. 18.328

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2005 pola que se fai pública a delegación de funcións no presidente e no director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

A disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, creou a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto 1/1999, do 7 de outubro.

O Consello de Dirección de Agader constitúese como órgano colexiado de goberno, integrado por representantes de distintas áreas da Administración autonómica.

Co ánimo de axilizar a tramitación administrativa, o Consello de Dirección de Agader, na súa xuntanza do 10 de outubro de 2005, adoptou, entre outros, un acordo referido á delegación de determinadas funcións a favor do presidente e do director xeral de Agader.

De acordo co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede publicar o dito acordo.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Publicar o acordo do Consello de Dirección de Agader, do 10 de outubro de 2005, polo que se delegan determinadas funcións a favor do presidente e do director xeral de Agader.

O dito acordo incorpórase a esta resolución como documento anexo.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2005.

Edelmiro López Iglesias

Director xeral de Agader

ANEXO

Ao abeiro do artigo 6 j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), deléganse no presidente e no director xeral de Agader as seguintes funcións do Consello de Dirección:

I. No presidente de Agader:

1. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe superior a 900.000 euros que se deban concertar con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da axencia, en relación á función regulada no artigo 6 f) do Regulamento de Agader.

2. Acordo e formalización da contratación do persoal de alta dirección de Agader, en relación á función regulada no artigo 6 f) do Regulamento de Agader.

3. Resolución de recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Autorización previa dos gastos comprendidos entre 900.000 e 1.800.000 euros.

II. No director xeral de Agader:

1. Aprobación dos procedementos para a selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, regulada nos artigos 6 d) e 10.2º g) do Regulamento de Agader, excepto en relación aos programas de desenvolvemento rural similares aos actuais programas Leader +, Proder II e Agader cando sexan promovidos por grupos de acción local.

2. Aprobación dos procedementos para a xestión orzamentaria do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, regulada no artigo 16 do Regulamento de Agader.

3. Distribución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural entre as solicitudes de financiamento ou cofinanciamento de plans e actuacións presentados diante de Agader, regulada nos artigos 17º e 18º do Regulamento de Agader, excepto en relación aos programas de desenvolvemento rural similares aos actuais programas Leader +, Proder II e Agader cando sexan promovidos por grupos de acción local.

4. Acordo e formalización da contratación do persoal de Agader, agás a través de contratos de alta dirección, en relación á función regulada no artigo 6 f) do Regulamento de Agader.

5. Decisión sobre a participación da axencia en programas e proxectos de incidencia sobre o eido rural, en particular respecto da formalización de acordos coas entidades participantes nos ditos programas e proxectos e da concreción e periodización dos compromisos financeiros, que deberá adaptarse ás dispoñibilidades da axencia, en relación á función regulada no artigo 6 j) do Regulamento de Agader.

6. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe inferior a 900.000 euros que deba concertar Agader con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da axencia, en relación á función regulada no artigo 6 f) do Regulamento de Agader.

7. Autorización previa dos gastos inferiores a 900.000 euros.

Este acordo deixa sen efecto os acordos adoptados con anterioridade sobre delegación de funcións do consello de dirección.