DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 16 de novembro de 2005 Páx. 18.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Alonarti Envases, S.A.U.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Alonarti Envases, S.A.U., con número de código

3602992, que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 1-8-2005, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 20-5-2005. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 7 de outubro de 2005.

Pedro Borrajo Rivas

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Alonarti Envases, S.A.U.

Artigo 1º.-Partes asinantes e ámbito.

As partes asinantes deste convenio colectivo, pola parte económica, a representación da empresa Alonarti Envases, S.A.U. (centro de Vigo) e pola parte social o comité de Alonarti Envases, S.A.U. (centro de Vigo).

Este convenio concértase entre a representación económica e social da empresa referenciada e será de aplicación a todo o persoal do seu centro de traballo de Vigo.

Artigo 2º.-Vixencia.

A vixencia do presente convenio establécese desde o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2005. Calquera que sexa a data da súa sinatura ou publicación no Diario Oficial de Galicia, os efectos económicos retrotraeranse en todo caso ao 1 de xaneiro de 2005.

Este convenio prorrogarase por un ano máis, salvo denuncia dalgunha das partes cun mes de antelación ao fin da súa vixencia. Denunciado o convenio, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 3º.-Normas supletorias.

Serán as de carácter xeral.

Artigo 4º.-Dereitos adquiridos.

Este convenio garante como mínimo as condicións existentes, aplicándose sobre eles os beneficios del.

Respectaranse os dereitos adquiridos e condicións máis beneficiosas que están establecidas na empresa á entrada en vigor do presente convenio.

Artigo 5º.-Xornada e vacacións.

A xornada anual será de 1.768 horas de traballo efectivo e as vacacións anuais en 30 días ininterrompidos. A xornada diaria efectiva será de 8 horas de traballo.

Os días establecidos como descanso ou vacacións, serán retribuídos como tempo efectivo de traballo.

Artigo 6º.-Xornada nocturna.

Establécese un complemento de nocturnidade, como complemento de posto de traballo para os traballadores que presten os seus servizos na quenda de noite, consistente, para o ano 2005, nun 20% sobre o salario base que corresponda en cada caso e por noite efectivamente traballada.

Malia o anterior, recoñécese o dereito adquirido de maneira expresa e a favor dos traballadores fixos de cadro de persoal á entrada en vigor do convenio para 1997 de que a referida porcentaxe sexa un 25% en lugar do 20% de 2005. Tamén se recoñece o dereito adquirido aos mesmos traballadores que, estando normalmente prestando os seus servizos en quenda de día e temporalmente pasen, a requirimento da empresa, á quenda de noite, a percibir, ademais do complemento mencionado, os seguintes complementos por noite efectivamente traballada: para dúas semanas consecutivas ou menos de traballo en quenda de noite: 20,666 A por noite efectivamente traballada. Para máis de dúas semanas consecutivas de traballo na quenda de noite: 18,715 A por noite efectivamente traballada. Nestas circunstancias, o pase á quenda de noite será voluntario.

O pase dun destes traballadores fixos de quenda de día, co dereito adquirido descrito, a fixos da quenda de noite, exixirá o previo acordo do interesado coa empresa respecto das condicións de remuneración do seu traballo como fixo da quenda de noite.

Artigo 7º.-Salario.

O importe do salario base, para o ano 2005, será o que figura nas táboas anexas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal percibirá dúas pagas extraordinarias, unha no mes de xullo pagadoira na primeira quincena e outra en decembro pagadoira do 15 ao 18, cuxo importe será o de 30 días de salario base, máis, se é o caso, a antigüidade que corresponda.

Artigo 9º.-Beneficios.

Todo o persoal percibirá unha gratificación anual que se devengará semestralmente, do 15 ao 20 dos meses de xaneiro e xullo. En xaneiro a correspondente ao segundo semestre do ano anterior e en xullo, a do primeiro semestre do ano en curso. Consistirá no 10% sobre o salario base, sobre a antigüidade, se é o caso, e sobre as dúas pagas extras efectivamente percibidas.

Artigo 10º.-Accidente laboral.

As baixas por accidente laboral non darán lugar á perda da paga de beneficios, a cal se percibirá como se se traballase.

Ademais para os accidentes que dean lugar a IT, ocorridos dentro do recinto da empresa ou durante as horas en que estea prestando servizo ás empresa, completarase a prestación da Seguridade Social por accidente laboral ata o 100% da base reguladora a partir do 4º día de baixa inclusive. En caso de hospitalización dos 4 primeiros días, completarase ao 100% a prestación desde o primeiro día. Para este complemento a cargo da empresa, establécese un límite de duración de 18 meses desde o inicio da baixa, coincidindo co período máximo de IT establecido na lei.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servizo consistente no 5% do salario base, por cada quinquenio cumprido na empresa, ata un máximo de cinco quinquenios.

Estes comezarán a computarse desde a data de ingreso na empresa, e o seu importe percibirase desde o primeiro día do trimestre natural en que se cumpra o seu vencemento.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Tenderase á supresión das horas extras que non veñan impostas por causas de forza maior ou que teñan o carácter de estruturais. Enténdese por horas extra estruturais:

a) As que veñan exixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.

b) As necesarias por pedidos imprevistos ou períodos punta de produción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estrutural derivadas da natureza da actividade de que se trate. As de mantemento, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente.

Terán a consideración de horas extra festivas aquelas que se realicen en sábado ou nos días festivos declarados legalmente, e retribuiranse na contía establecida na táboa anexa ao presente convenio.

En todas as horas extras retribuídas que se realicen cada día, o traballador percibirá, ademais do valor da hora extra pactado en convenio e co obxecto de axudar a todos os gastos en que puidese incorrer

o traballador como consecuencia da realización das ditas horas, os seguintes complementos:

-Ata 4 horas: 3,310 A/ hora.

-Máis de 4 horas: 13,247 A/ día.

Se as horas extras se realizan entre as 22.00 horas e as 6.00 horas do día seguinte, ademais do complemento anterior, o traballador percibirá o valor da hora extra pactado na táboa incrementado un 25% en concepto de nocturnidade.

O importe das horas extraordinarias será o que figura na táboa anexa.

Artigo 13º.-Falecemento dun traballador.

En caso de falecemento dun traballador, a empresa aboaralle ao seu cónxuxe, no seu defecto aos fillos e no seu defecto aos pais, nesa orde e sempre que dependan economicamente do traballador falecido, as cantidades que se relacionan segundo as seguintes causas:

a) Se o falecemento é debido a enfermidade ou accidente non laboral: 3.630 A.

b) Se o falecemento é debido a accidente laboral: 6.264 A.

Artigo 14º.-Categorías profesionais.

Substitúese a categoría de aprendiz menor de 18 anos pola de aprendiz, cos salarios que figuran na táboa anexa.

Os especialistas de 2ª serán promovidos á categoría de especialistas de 1ª como máximo aos 6 meses de antigüidade na empresa.

Os porteiros e serenos equipáranse como mínimo a especialistas de 1ª en categoría e retribución.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá os seus traballadores da roupa necesarias para o exercicio do seu labor; non poderá ser inferior a dous xogos de roupa ao ano.

Artigo 16º.-Complemento de asistencia e puntualidade.

Calcularase como o 10% do salario base, para o ano 2005.

Computarase por períodos semanais e terá dereito a el o persoal que non cometese máis dunha falta de asistencia ou puntualidade durante o devandito período e atinxirá días traballados máis domingos e festivos.

Malia o exposto no parágrafo anterior, este complemento percibirase igualmente nos seguintes supostos:

a) Cando o traballador se ausente para cumprir funcións de carácter sindical.

b) Durante os períodos regulamentarios de vacacións.

c) Cando o traballador se ausente por causas de citacións xudiciais ou gobernativas ou para asistir

a algún exame por estudos oficiais, mesmo o obrigatorio para obter o permiso de conducir e para a obtención ou renovación do DNI.

d) Durante os días traballados na semana en que se produza a baixa ou o alta, orixinados por causa de accidente laboral.

e) Por asistencia á consulta médica.

f) Durante os días en que o traballador estea ausente con permiso por causa de morte dos pais, cónxuxe, fillos, avós, netos e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

g) Durante o permiso motivado por parto de esposa, intervención cirúrxica ou enfermidade grave dos familiares comprendidos na alínea f).

Artigo 17º. -Traballos tóxicos, penosos e perigosos.

Os traballadores que viñesen prestando servizos para as empresa o 1 de xaneiro de 1996 e que, conforme a artigo 60 da ordenanza laboral para a industria metal gráfica, viñan percibindo o complemento de traballos tóxicos, penosos e perigosos na contía establecida no anterior convenio, conservarán o devandito dereito a pesar da derrogación da ordenanza, percibindo o complemento na contía do ano anterior, incrementada coa mesma porcentaxe pactada para a táboa salarial do convenio.

Artigo 18º.-Incapacidade permanente parcial.

Cando ao traballador lle sexa declarada unha incapacidade permanente parcial para a súa profesión habitual, a empresa terá a obriga de admitilo e proporcionarlle traballo que non lle supoña diminución na súa remuneración, a cal haberá de manterse na contía íntegra que lle corresponda, segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Todos os traballadores terán dereito a percibir por cada fillo escolarizado a cantidade de 20,541 A mensuais, durante os doce meses do ano, e na idade de 3 a 24 anos, logo de xustificación.

Artigo 20º.-Axuda a minusválidos.

Os traballadores con fillos beneficiarios da prestación de minusvalidez da Seguridade Social percibirán por parte da empresa unha axuda de 144,321 A mensuais.

Artigo 21º.-Xubilacións.

Os traballadores que se xubilen entre os 60 e 65 anos, percibirán da empresa as cantidades segundo se detallan na seguinte escala:

Aos 60 anos: 6.425 A.

Aos 61 anos: 5.570 A.

Aos 62 anos: 4.880 A.

Aos 63 anos: 4.190 A.

Aos 64 anos: 3.660 A.

Aos 65 anos: 3.130 A.

Aos 65 anos establécese unha marxe máxima de tres meses cumprida a idade, para devengar o premio.

En caso de xubilación parcial, a empresa aboará as cantidades anteriores segundo a idade e en proporción á porcentaxe de xubilación en cada caso.

Artigo 22º.-Baixas por incapacidade permanente absoluta.

Os traballadores que causen baixas por incapacidade permanente, no grao de absoluta, por proposta da comisión técnica cualificadora provincial ou central da Seguridade Social, percibirán por parte da empresa 3.630 A por unha soa vez, calquera que sexa a súa idade.

Artigo 23º.-Ausencias retribuídas.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificándoo, poderá faltar ou ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo que a continuación se expón:

a) Durante tres días, que poderán ampliarse ata dous más, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para efectos de:

Nos casos de parto de esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe, fillos, pai ou nai, netos, avós e irmáns. En caso de convivencia co traballador, calquera persoa.

b) Durante un día por traslado do seu domicilio habitual.

c) Un día natural en caso de matrimonio de fillos, irmáns ou pais.

d) O tempo necesario para o cumprimento de funcións de carácter sindical, nos casos representativos e non excedendo de 40 horas laborais ao mes.

e) As nais con fillos menores de nove meses terán unha redución dunha hora na xornada laboral, a cal será retribuída pola empresa.

f) A empresa aboará un permiso retribuído en 15 días naturais, en caso de matrimonio.

g) Acórdase que a empresa concederá permiso para as saídas ao médico de cabeceira da Seguridade Social, debidamente xustificadas, e serán retribuídas ata 20 horas ao ano. O traballador procurará, na medida do posible, asistir ás ditas citas en horas de non traballo.

Nos parentescos enténdese tanto nos graos de consanguinidade como de afinidade.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Incrementarase, para 2005, no 3% sobre o que estivo en vigor en ano anterior.

Artigo 25º.-Maternidade.

As traballadoras en período de xestación poderán solicitar o cambio parcial ou temporal de posto de traballo, sempre que a xuízo do médico de empresa

e do seu xinecólogo, o posto que desempeña lle proporcione dificultades anormais.

A empresa complementará á traballadora desde a súa baixa por maternidade ao 100% da súa base reguladora durante 16 semanas.

Artigo 26º.-Funcións do comité de empresa.

De acordo co convido nas leis, os comités terán facultades para intervir en materia de:

a) Negociación colectiva.

b) Seguridade e hixiene.

c) Expedientes de regulación de emprego.

d) Folga.

e) Ser informados trimestralmente pola empresa, acerca da situación e marcha xeral dela.

E serán informados do mesmo modo, en materia de:

a) Mobilidade do persoal.

b) Imposición de sancións e despedimentos.

c) Evolución do emprego e horas extras.

A empresa facilitarán un local para o funcionamento dos comités, dotado de arquivos para a súa documentación e máquina de escribir. Para a reprodución de circulares ao persoal, procurarán facilitarlles o seu servizo de multicopista compatibilizándoo co traballo normal das oficinas.

Artigo 27º.-Asembleas.

Poderán ter lugar dentro dos locais da empresa, fóra de horas de traballo, cando o soliciten á empresa o comité ou o 20% dos traballadores, polo menos con 48 horas de anticipación á súa celebración.

Mentres non se destine a outro fin, o local que cederá a empresa será o mesmo utilizado ata agora.

Artigo 28º.-Cota sindical.

A empresa descontarán aos traballadores afiliados aos sindicatos con representación do 10% de delegados no comité e que pertenzan a centrais de ámbito nacional, de nacionalidade ou rexión, a cota sindical logo de conformidade do interesado por escrito.

Os mencionados escritos dos traballadores terán unha vixencia mínima dun ano, salvo comunicación en contrario do interesado.

Artigo 29º.-Seccións sindicais.

Terán as seguintes garantías:

a) No suposto de medidas disciplinarias contra calquera afiliado, a empresa xunto ao escrito de sanción ao interesado, entregarán copia para a súa sección sindical.

b) Poderán difundir libremente as publicacións da súa central, cobrar cotas e afiliar, sen máis limitacións que a non obstaculización da produción.

c) As seccións sindicais con a representación mencionada no presente artigo poderán realizar asembleas, fóra de horas de traballo, nos locais da empresa, logo de llo solicitar.

d) As seccións sindicais de empresa que cumpran o 10% disporán para o conxunto dos seus afiliados de ata un máximo de 7 días anuais de licenza non retribuída, para asistencia a cursos, congresos, etc., dunha central.

A licenza requirirá notificación á empresa cunha semana de antelación.

e) A empresa virá obrigada a conceder a excedencia polo tempo necesario para os traballadores que ocupen un cargo sindical con carácter polo menos provincial.

Artigo 30º.-Revisión salarial.

No caso de que o Indice de Prezos ao Consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística, rexistrase o 31 de decembro de 2005 un incremento respecto ao 31 de decembro de 2004 superior ao 2,5% (dos con cinco por cento), efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente a dita circunstancia. Esta diferenza así calculada aplicarase sobre aqueles meses en que o seu IPC acumulado desde 1-1-2005 supere a porcentaxe de referencia fixada do 2,5%.

Artigo 31º.-Comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria integrada por tres representantes dos traballadores e tres representantes da empresa. Será presidida pola persoa que a mesma comisión designe por ambas as partes, podendo actuar a comisión sen presidente, se así se acordase.

Será función principal da comisión paritaria interpretar as cláusulas do convenio pronunciando unha arbitraxe nas cuestións controvertidas que se lle formulen.

Vigo, 20 de maio de 2005.

Pola empresa:

Javier Freitas.

Juan Ferradáns.

Polos traballadores:

Dolores Miguéns Castro.

Vanessa Díaz Mariño.

Alberto González Docampo.

Antonio Piñeiro Pérez.