DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 16 de novembro de 2005 Páx. 18.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 19 de outubro de 2005 pola que se acorda a cesión en propiedade de determinados bens mobles patrimoniais adscritos a esta consellería, a diversas confrarías de pescadores de Galicia.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, no seu artigo 1, define estas como corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar, para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, atribuíndolles entre outros, segundo o artigo 3.3º c) da citada norma legal, a función de xestionar e administrar aqueles bens patrimoniais que lles sexan cedidos polas administracións públicas.

Por outra banda, e tendo en conta a suxeición das confrarías de pescadores á tutela da Administración pública galega, exercida a través desta consellería, cómpre cederlle o uso de bens mobles adscritos a este organismo, para seren destinados por estas corporacións con fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións en propiedade a favor das confrarías que se relacionan dos bens mobles seguintes:

1. Confraría de Pescadores de Caión (A Coruña): un guindastre tipo pluma de columna mariña, marca GH modelo GHE, cunha capacidade de elevación de 10 toneladas, con xiro eléctrico, das seguintes características:

-Raio de xiro: 360º.

-Lonxitude da pluma de 7 metros.

-Movemento de elevación mediante polipasto movido por motor eléctrico de 15 kW a unha velocidade de 8 metros/minuto e motor eléctrico para movemento de precisión de 2,18 kW e velocidade de 1,3 metros/minuto.

O guindastre incorpora:

-Cruceta e eslingas.

-Plataforma e escaleira.

-Mando por radio Ikusi.

-Variador de xiro.

-Ancoraxes.

Núm. de fabricación 78263.

Ano de fabricación 2005.

Ano de adquisición 2005.

Valor total: 57.360 A.

2. Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados (Pontevedra): un guindastre tipo pluma de columna mariña, marca GH modelo GHE, cunha capacidade de elevación de 10 toneladas, con xiro eléctrico, das seguintes características:

-Raio de xiro: 360º.

-Lonxitude da pluma de 7 metros.

-Movemento de elevación mediante polipasto movido por motor eléctrico de 15 kW a unha velocidade de 8 metros/minuto e motor eléctrico para movemento de precisión de 2,18 kW e velocidade de 1,3 metros/minuto.

O guindastre incorpora:

-Cruceta e eslingas.

-Plataforma e escaleira.

-Mando por radio Ikusi.

-Variador de xiro.

-Ancoraxes.

Núm. de fabricación 78261.

Ano de fabricación 2005.

Ano de adquisición 2005.

Valor total: 57.360 A.

3. Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo (Pontevedra): un guindastre tipo pluma de columna mariña, marca GH modelo GHE, cunha capacidade de elevación de 10 toneladas, con xiro eléctrico, das seguintes características:

-Raio de xiro: 360º.

-Lonxitude da pluma de 7 metros.

-Movemento de elevación mediante polipasto movido por motor eléctrico de 15 kW a unha velocidade de 8 metros/minuto e motor eléctrico para movemento de precisión de 2,18 kW e velocidade de 1,3 metros/minuto.

O guindastre incorpora:

-Cruceta e eslingas.

-Plataforma e escaleira.

-Mando por radio Ikusi.

-Variador de xiro.

-Ancoraxes.

Núm. de fabricación 78262.

Ano de fabricación 2005.

Ano de adquisición 2005.

Valor total: 57.360 A.

4. Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu (Pontevedra): un travelling marca GH modelo GH-110, das seguintes características:

Guindastre pórtico automotor sobre pneumáticos cunha capacidade de elevación de 100 toneladas; motorización diésel refrixerado por auga de 140 CV a 1.800 r.p.m.; 4 cabrestantes de elevación con oito eslingas de 300 milímetros de largo e 12 metros de lonxitude cada unha; velocidade de elevación en carga de 2 metros/minuto e en baleiro de 5 metros/minuto; velocidade de traslación variable entre os 0 e os 30 metros/minuto; equipo dotado dun guindastre de 2 toneladas situado sobre unha das vigas do pórtico.

Núm. de fabricación: 77634.

Ano de fabricación: 2004.

Ano de adquisición: 2005.

Valor total: 360.320 A.

5. Confraría de Pescadores La Pastoriza de Vilanova de Arousa (Pontevedra): un guindastre hidráulico para descarga de moluscos, marca Guerra modelo M230.20A5, das seguintes características:

-Alcance estándar horizontal: 13,7 metros.

-Capacidade de elevación: 202,6 KNm.

-Capacidade a 13,6 metros: 1.200 kg.

-Presión de traballo: 250 bar.

-Clasificación guindastre: H1-B3.

-Distribuidor proporcional Danfoss manual, 7 elementos.

-Soportes metálicos galvanizados con tubaxe en inox e flexibles 4 funcións.

-Depósito de aceite e filtros.

-Bomba de caudal variable e ensamblaxe elástica.

-Arrefriador de aceite.

-Cabina en aceiro inox para montaxe estática.

-Motor auxiliar Deutz, modelo F 6L 914 con número de bastidor 08703119.

Elementos incorporados ao guindastre:

-Rotor de xiro continuo GV6RF, número de serie: 19889.

-Cabrestante hidráulico con freo K-150FS-100, nº de serie: 00404269.

-Culler de moluscos 1000 L, número de serie: 04104005.

Núm. de bastidor: C4664.

Ano de fabricación 2005.

Ano de adquisición 2005.

Valor total: 88.500 A.

Artigo 2º

As cesións sinaladas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos tal como establecen os artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autómona de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinaranse a fins de utilidade pública ou interese social das confrarías cesionarias, concretamente, á mellora das súas condicións técnicas aos confrades e ao sector.

b) Coa cesión outorgaráselles ás confrarías de pescadores citadas a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen co fin sinalado, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

d) Serán de conta das corporacións cesionarias todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

Artigo 3º

As devanditas cesións formalizaranse mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2005.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos