DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 15 de novembro de 2005 Páx. 18.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2005 pola que se convoca un curso sobre delincuencia e novas tecnoloxías.

Dentro dos programas de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización dun curso sobre delincuencia e novas tecnoloxías, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

-Coñecer a normativa relacionada con esta temática.

-Analizar tecnicamente, desde a perspectiva xurídico-penal, todos os aspectos delituais neste contexto.

-Saber como operan as bandas organizadas nos distintos campos delincuenciais con uso de novas tecnoloxías e da informática e internet.

-Ver as respostas operativas das forzas e corpos de seguridade, ou das grandes empresas afectadas, diante deste tipo de ameazas.

Destinatarios: membros das forzas e corpos de seguridade, estudantes de dereito e criminoloxía e outros colectivos interesados.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas: o número de prazas que se ofertan neste curso é de 250.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 25 de novembro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario: o curso desenvolverase durante os días 29 e 30 de novembro e 1 e 2 de decembro. Os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro desenvolverase en xornada de mañá (das 9.00 ás 14.00 horas) e tarde (das 15.30 ás 19.00 horas); e o día 2 de decembro só en xornada de mañá (das 9.30 ás 14.00 horas).

Contido:

Módulo I: perspectiva xurídico-penal dos distintos tipos de delitos relacionados con esta materia.

Módulo II: situación actual dos grupos de delincuencia organizada que operan en España utilizando modernas tecnoloxías e facendo uso da internet.

Módulo III: respostas operativas das forzas e corpos de seguridade ou doutras institucións diante deste tipo de actividade delitiva.

Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase o 28 de novembro no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, ou ben poden confirmar a súa asistencia chamando ao teléfono 986 59 02 41.

Lugar: o curso desenvolverase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

Certificado de asistencia: ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Modificacións: o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de novembro de 2005.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia