DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 11 de novembro de 2005 Páx. 18.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2005, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Ribeira.

Visto o expediente do convenio colectivo da Confraría de Pescadores de Ribeira, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-5-2005, complementado o día 5-10-2005 e subscrito pola parte económica pola Confraría de Pescadores de Ribeira e pola parte social, pola delegada de persoal o día 22-4-2005, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o depósito do citado acordo no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 10 de outubro de 2005.

María Debén Alfonso

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da Confraría

de Pescadores de Ribeira

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo aplicarase a todos os traballadores non funcionarios da entidade Confraría de Pescadores de Ribeira, independentemente da súa categoría profesional.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A vixencia será de 1 ano, contando desde o 1º de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2005. Durante a súa vixencia, non poderá ser afectado por ningún convenio de ámbito distinto.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial é o da Confraría de Ribeira, que abarca o concello de Ribeira (A Coruña).

Artigo 4º.-Denuncia e prórroga.

Chegado o final da súa vixencia, este convenio colectivo prorrogarase tacitamente ano por ano, a

non ser que medie unha denuncia coa antelación mínima dun mes por calquera das partes.

Artigo 5º.-Retribucións salariais.

As retribucións salariais por categoría e mes son as que se especifican nas táboas salariais anexas.

Artigo 6º.-Complemento de antigüidade.

O complemento de antigüidade establécese en trienios retribuídos ao 7% sobre do salario base que corresponda a cada categoría profesional.

Fíxase no 21 % a porcentaxe máxima para percibir en concepto de antigüidade.

Aqueles traballadores que na actualide perciban unha porcentaxe superior manteráselles o dereito como condición máis beneficiosa, pero non xerarán dereito a novos trienios.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Todos os traballadores e traballadoras da empresa terán dereito a dúas gratificacións extraordinarias ao ano, que se chamarán de Nadal e verán.

Cada unha das gratificacións extraordinarias será igual a unha mensualidade de salario base máis o complemento persoal de antigüidade; aboaranse antes do 15 de xullo para a do verán e 15 de decembro para a do Nadal.

Os traballadores que cesen no transcurso do semestre recibirán a parte proporcional que corresponda en función dos días de permanencia dentro do semestre na empresa.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais e 1.800 horas de traballo efectivo anuais.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todos os traballadores e traballadoras gozarán dun período de 30 días naturais, retribuídas a salario real.

O patrón maior elaborará, de mutuo acordo co delegado sindical, un calendario de vacacións anual, antes do 31 de marzo de cada ano, que se expoñerá no taboleiro de anuncios.

Artigo 10º.-Complemento de perigosidade.

Establécese un complemento de perigosidade para os gardas xurados consistente nun 14% sobre do salario base mensual, sempre que desenvolvan o seu labor en xornada nocturna.

Artigo 11º.-Complemento de frío.

Para os traballadores que presten servizo en cámaras frigoríficas e de conxelación, establécese un complemento consistente no 14% sobre do seu salario base.

Artigo 12º.-Licenzas retribuídas.

Os traballadores e traballadoras terán dereito a licenzas retribuídas nos seguintes casos:

a) Casamento do/a traballador/a: 16 días naturais.

b) Nacemento de fillo/filla: 3 días.

c) Morte do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos, e demais familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días. Se se precisase por tales causas facer un desprazamento, o total da licenza sería de 5 días naturais.

d) Para acudir ao médico con fillos ou fillas menores de idade, polo tempo necesario e coa debida xustificación.

e) Acudir á consulta médica do interesado ou interesada, polo tempo imprescindible, sempre con xustificante médico.

Artigo 13º.-Percepcións en situación de incapacidade temporal.

Os traballadores e traballadoras en situación de incapacidade temporal motivada por enfermidade ou accidente laboral, percibirán unha retribución igual ao 100% das percepcións a que teñan dereito en situación de activo. O dereito a percibir o complemento ata o 100% terá unha duración máxima de 5 meses.

A partir do sexto mes as traballadoras e traballadores terán dereito a percibir as prestacións que lles corresponden pola normativa da Seguridade Social.

Artigo 14º.-Seguridade e hixiene no traballo.

A empresa está obrigada a adoptar todas as medidas de seguridade e hixiene no traballo que legalmente están establecidas.

Os traballadores e traballadoras gozarán dos seguintes dereitos:

Persoal administrativo que se despraza a realizar os cobros na lonxa.-Dereito a utilizalo coche da confraria para o seu desprazamento diario da confraría á lonxa, sempre que se transporten cartos.

Persoal que traballe ante pantallas de ordenador.-Dereito a unha revisión médica anual, en especial co oculista.

Persoal da lonxa.-Terán dereito a un uniforme, consistente en chaqueta e pantalón co emblema Confraría de Pescadores de Ribeira e un distintivo co nome do poxador.

Persoal que traballe en cámaras de frío e conxelación.-Terán dereito a que se lles facilite a roupa de abrigo e calzado, para mitigar no posible os efectos negativos das baixas temperaturas.

Artigo 15º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, vixilancia e arbitraxe. Quedará constituída polo patrón maior en representación da empresa, e mais o delegado sindical, en representación dos traballadores e traballadoras.

Artigo 16º.-Solución extraxudicial de conflitos.

Ante calquera discrepancia na interpretación do convenio colectivo, acórdase someter tales dicrepancias a unha mediación do AGA.

Lexislación supletoria.

En todo o non establecido neste convenio será de aplicación a lexislación laboral xeral e, en especial, o Estatuto dos traballadores.

Táboa salarial 2005

Categoría profesionalSalario base mensual

Xerente lonxa1.462,04

Xefe lonxeiro1.115,04

Lonxeiro935,00

Auxiliar lonxeiro735,00

Lonxeiro a 1/2 xornada468,00

Responsable de envases935,00

Auxiliar de envases735,00

Secretaria de dirección1.115,00

Administrativo935,00

Auxiliar administrativo735,00

Limpeza 1/2 xornada335,00

Garda xurado1.076,96

Carreteiro frigorífico1.076,96

Xefe de taller1.482,45