DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 11 de novembro de 2005 Páx. 18.138

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de outubro de 2005 pola que se lle concede ao centro estranxeiro universitario adscrito á Universidade de Dublín, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia. Cesuga, S.L.-University College Dublin, autorización para a efectiva impartición do segundo curso correspondente ao título Bachelor of Architecture, conforme o sistema vixente noutro país.

Polo Decreto 74/2004, do 25 de marzo (Diario Oficial de Galicia do 13 de abril), concédeselle ao centro Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia. Cesuga, S.L.-University College Dublin, autorización para implantar os estudos correspondentes ao título Bachelor of Architecture, conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

No artigo 3 do devandito decreto indícase que a efectiva impartición do primeiro e dos sucesivos cursos dos que constan os estudos aos que se refire o artigo 1º deste decreto exixirá, antes do comezo do respectivo curso, a autorización correspondente mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para este fin, o centro deberá xustificar e especificar previamente, ante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente, así como os requisitos relativos aos espazos.

Xustificados por parte do centro estranxeiro universitario adscrito á Universidade de Dublín, Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia. Cesuga, S.L.- University College Dublin os requisitos sinalados no parágrafo anterior e logo da inspección realizada para o efecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Autorízaselle ao Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia. Cesuga, S.L.-University College Dublin, domiciliado na rúa Feáns nº 152 da Coruña, para que, ao abeiro do Decreto 74/2004, do 25 de marzo, e de acordo co convenio de compromiso académico asinado polo devandito centro e a University College Dublin, National University of Ireland, Dublin, imparta desde o curso académico 2005-2006 na cidade da Coruña, e dentro dos locais establecidos para o efecto no domicilio do centro, o segundo curso dos estudos correspondentes ao título de Bachelor of Architecture, conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de títulos superiores non homologados academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria