DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 11 de novembro de 2005 Páx. 18.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 554/2005, do 27 de outubro, de aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 211/2005, do 3 de agosto).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos no momento da entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela no prazo dun ano.

En cumprimento da devandita disposición o Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia acordou na asemblea xeral ordinaria celebrada o 16 de marzo de 2002 aprobar a modificación e adaptación dos estatutos á lei galega. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Doutores e

Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de

Galicia

O Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia é unha institución de profundo arraigamento e avoengo en Galicia. Desde a súa creación vén desenvolvendo as súas funcións co máis alto sentido profesional, na defensa da mellor ordenación e funcionamento das profesións que pola súa titulación e dedicación ao mundo do ensino constitúen o marco das súas competencias. Esa ordenación da profesión debúllase nunha serie de funcións e competencias, que pola súa complexidade fan do colexio unha peza fundamental na vida educativa, cultural e social de Galicia.

Nace o colexio no ano 1915, baixo a vixencia do Real decreto do 23 de outubro de 1913, que modificaba sensiblemente o Regulamento orgánico dos colexios do 26 de decembro de 1906, e ordenaba dun xeito moi específico a organización e funcionamento destas corporacións de dereito público. Será, non obstante, desde 1926 cando acadará o seu máximo esplendor, tomando iniciativas a prol da profesión, da formación educativa e da atención aos seus colexiados, que foron relevantes e altamente apreciadas pola comunidade galega e, dun xeito especial, pola súa comunidade educativa.

Algunhas das súas iniciativas tiveron unha gran repercusión nos medios educativos e profesionais. Por exemplo, o proxecto de Regulamento dos colexios oficiais de facultativos docentes, que o colexio aprobou na súa Xunta Xeral dos días 5 e 8 de maio de 1932, formado por 173 artigos; e profusamente difundidos por todo o territorio do Estado español, mereceu unha grande atención e puxo de relevo os problemas que o colexio, cos demais colexios, quería resolver a prol dun mellor funcionamento da profesión educativa.

O 28 de maio de 1933 celebrou en Santiago a súa I Asemblea Rexional, en que se acordou crear unha bolsa de traballo profesional, para que os establecementos do ensino privado puidesen solicitar profesores de acordo coas características da función demandada, e, ao mesmo tempo, para que os colexiados que quixesen exercer o ensino privado puidesen contar coa facilidade e coas posibilidades que o mer

cado ofrecía. Para o intercambio e unión entre todos os colexiados de Galicia, acordouse a creación dun boletín científico-profesional, ao que podían achegar a súa cooperación as facultades de Ciencias e Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela.

Tivo o colexio de Santiago un papel moi relevante na creación das bases para a formación duns estatutos xerais dos colexios de doutores e licenciados. En novembro de 1932, por exemplo, na asemblea celebrada en Madrid, quedaron postas as liñas mestras desa aspiración, sendo moi eloxiada a participación galega naquelas interesantes xornadas. O deputado primeiro do colexio de Santiago, o doutor Mariano Álvarez Zurimendi, foi elixido presidente da asemblea, e o colexiado, sr. Pérez Millán levou a ponencia sobre a formación dos estatutos, tomando para isto como base o Regulamento do colexio de Santiago. Con estas actuacións abríase a canle para que os poderes públicos puidesen dar unha organización axeitada a estas profesións de carácter docente, cousa que viñan demandando dos interesados desde había algún tempo.

Persiste esta vocación de ordenación profesional, como pode verse no articulado dos presentes estatutos, nos cales se regulan as funcións, obxectivos e competencias con moito detalle. As relacións coas distintas administracións, as relacións intercolexiais, todo o que sirva para fomentar a mellor ordenación da profesión, evitar o intrusismo, elevar a calidade do ensino e das actividades que as normas lle poidan reservar, quedan previstas con detalle nos presentes estatutos. Esa vocación educativa e pedagóxica persiste na actualidade, pero hai unha serie de posibilidades de que os títulos se estendan a outras actividades subsumibles dentro do ámbito propio do colexio.

Aínda que algunhas actividades amparadas polos seus respectivos títulos académicos acadaron a súa propia organización corporativa, segue a ser extenso o seu ámbito profesional. A diversidade profesional, ademais, que a sociedade moderna vai creando, a medida que van xurdindo novas profesións e novas formas de organización social, cultural e económica, algúns dos títulos que tradicionalmente se vinculaban exclusivamente a actividades pedagóxicas, van estendéndose a outras actividades que, se é o caso, requiren a colexiación como requisito imprescindible para o seu desenvolvemento. As novas formas de acción derivadas da Unión Europea, e as derivadas de relacións internacionais diversas, completan ese marco de acción, sen que se poida prever de momento o alcance da incidencia na ordenación e funcionamento das actividades que a titulación marco do colexio require.

Por todo isto e, en cumprimento do previsto na disposición transitoria da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, é a hora de adaptar os estatutos ás novas circunstancias. Aquela vocación territorial galega que o colexio tivo sempre está agora amparada pola organización auto

nómica, de xeito que ao abeiro do Estatuto de autonomía para Galicia e, dun xeito concreto, pola Lei de colexios que desenvolve o réxime autonómico en materia de organización corporativa, pode cumprir os seus fins, de xeito máis eficaz e axustado á realidade da vida galega.

Os presentes estatutos aplican e desenvolven os principios xurídicos enunciados pola Constitución, non só regulando as peculiaridades específicas do colexio, senón, tamén, organizándose e actuando conforme unha estrutura interna e un funcionamento democráticos, como a lei fundamental determina. Ao seu abeiro, o Estatuto de autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, e outras disposicións reguladoras das transferencias e demais aspectos, permitiría acadar para Galicia unha lei específica de colexios profesionais, que agora serve de marco legal ao colexio para a súa adaptación ás novas circunstancias. A Lei de colexios profesionais do Estado, reguladora das normas básicas, así como as normas emanadas da Unión Europea que correspondan, completan o marco legal en que o colexio está chamado a cumprir coa súa característica eficacia os seus fins, as súas funcións e as súas competencias, tal como se regula dun xeito específico nas

disposicións estatutarias que a asemblea xeral do colexio aproba.

Por todo iso, a Xunta Xeral do colexio, en asemblea celebrada o día 16 de marzo de 2002, aprobou as normas estatutarias que a continuación se describen:

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1º

O Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade Autónoma de Galicia é unha corporación de dereito público que, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que, dentro dunha organización democrática, desenvolve de conformidade e ao abeiro da Constitución, do Estatuto de autonomía para Galicia e da demais lexislación vixente en materia de colexios profesionais, sexa esta estatal, autonómica ou europea, así como polo disposto nos presentes estatutos e nas normas e acordos que, dentro da súa competencia, poida ditar.

Artigo 2º

O ámbito territorial do colexio é o propio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo se define no Estatuto de autonomía para Galicia.

Artigo 3º

O ámbito profesional do colexio esténdese á actividade docente, sen prexuízo das derivadas dos títulos das actuais facultades e escolas superiores e universitarias que carezan de colexio profesional para poder exercer a súa actividade profesional en Galicia. Así, formarán parte deste colexio os titulados seguintes:

-Os licenciados e/ou doutorados en: matemáticas, pedagoxía, filoloxías, filosofía, historia e historia da

arte, así como aqueles títulos homologados a estes, e que figuran no Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro, sobre homologación dos títulos aos do catálogo de títulos universitarios oficiais, creado polo Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro (BOE do 17 de novembro).

-Os licenciados e/ou doutorados que posúan un título declarado equivalente aos anteriores expedido no territorio da Unión Europea, logo dos requisitos de validez e recoñecemento profesional que estableza a lexislación vixente.

-Os titulados das novas carreiras desagregadas das indicadas no parágrafo primeiro así como os titulados das actuais facultades e escolas superiores e universitarias que carezan de colexio profesional para poder exercer a súa actividade profesional en Galicia.

-Os titulados que, en posesión de titulos universitarios de licenciado e/ou doutor e/ou grao e/ou posgrao teñan a súa actividade principal no sector da educación.

Artigo 4º

De acordo co disposto na lexislación autonómica galega, non poderá crearse ningún outro colexio da mesma profesión, sen prexuízo das excepcións que se especifican na sección terceira da vixente Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º

O colexio gozará de autonomía para o desenvolvemento dos seus fins e competencias para elaborar e aprobar os seus propios estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico, así como para a xestión, administración, alleamento ou transmisión do seu patrimonio, dereitos, obrigas e bens e todos os actos de disposición xurídica, sen máis limitacións que as previstas no marco da lei. Para tal efecto formará e aprobará os seus orzamentos, repartirá as cargas colexiais mediante cotas e achegas económicas necesarias e recadará e distribuirá estas segundo o seu orzamento e necesidades.

Artigo 6º

O colexio ten a súa sede en Santiago de Compostela. O seu enderezo fíxase para todos os efectos na Rúa Nova, número 44-1º esquerda, sen prexuízo de que, por decisión da Xunta de Goberno se poida trasladar a calquera outro dentro do termo municipal da sede corporativa.

Artigo 7º

O galego e o castelán serán linguas oficiais do colexio, de conformidade co establecido na Constitución e no Estatuto de autonomía para Galicia.

Artigo 8º

O colexio manterá o tratamento oficial de ilustre e poderá fixar, cambiar ou reformar os seus selos e emblemas, logotipos e demais signos de identi

ficación e recoñecemento público da imaxe institucional, quedando facultada a Xunta de Goberno para deseñalos e aprobalos, así como proceder á súa inscrición ou rexistro, cando proceda.

TÍTULO I

Fins, obxectivos e competencias do colexio

Artígo 9º.-Fins e obxectivos

Son fins esenciais do colexio ordenar o exercicio da profesión, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, sen prexuízo da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia por razón da relación funcionarial, e ademais os seguintes:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión.

b) Promover a constante mellora da calidade das prestacións profesionais dos colexiados, a través da formación e do perfeccionamento destes.

c) Cooperar na mellora dos estudos que levan á obtención dos títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas leis.

Artigo 10º.-Funcións.

Son competencias propias do colexio, co fin de acadar as finalidades expresadas no artigo anterior, as seguintes:

a) Ordenar con normas propias a actividade dos colexiados, velando pola ética e dignidade deles e pola conciliación dos seus intereses co interese social e os dereitos dos usuarios, así como defender os colexiados no exercicio dos dereitos que legalmente lles correspondan para o desenvolvemento das súas funcións profesionais ou con ocasión delas.

b) Garantir unha organización colexial eficaz, democrática, co funcionamento correcto da Xunta de Goberno e as delegacións, comisións, seccións e grupos de traballo, se é o caso, que actuarán dentro do campo das delegacións explícitas e do asesoramento.

c) Exercer a representación e defensa da profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, entendida segundo se especifica no artigo 3º destes estatutos, incluíndo as súas funcións profesionais diante da Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para seren parte en todos os litixios que afecten os intereses profesionais e coa posibilidade de exercer o dereito de petición, de conformidade coa lei, e de impulsar todas as reformas lexislativas que consideren xustas en defensa da profesión.

d) Adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal, dentro do ámbito da profesión, levando a cabo todas as actuacións que sexan necesarias.

e) Colaborar cos directores de centros de ensino privado, para asegurar o cumprimento dos requisitos do exercicio profesional: titulación e colexiación. Para iso solicitarán, durante o primeiro trimestre de cada curso, o cadro de profesores do centro, co número respectivo de colexiación, a materia que imparten e o horario.

f) Exercer a facultade disciplinaria sobre os profesionais colexiados nos termos establecidos na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios da Comunidade Autónoma de Galicia e no réxime disciplinario destes estatutos.

g) Establecer baremos de honorarios orientativos para o exercicio da profesión, respectando a normativa sobre a defensa da competencia e publicidade.

h) Encargarse do cobramento das recepcións e remuneracións ou honorarios profesionais por petición dos colexiados, nos casos en que o colexio cree os servizos oportunos para iso.

i) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as contas e liquidacións orzamentarias.

j) Administrar a economía colexial, repartir equitativamente as cargas, mediante a fixación de cotas e achegas económicas necesarias, e recadalas e distribuílas segundo o orzamento e as necesidades.

k) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo toda competencia desleal entre eles e intervindo como mediador de conciliación ou de arbitraxe nos conflitos que se susciten entren eles por motivos profesionais, logo de solicitude dos interesados.

1) Visar os traballos profesionais dos colexiados, de conformidade co que estableza a normativa vixente. Quedarán excluídos do visado os honorarios e o resto de condicións contractuais, que son de libre acordo entre as partes.

m) Emitir informe sobre os proxectos das normas da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan afectar os profesionais colexiados ou que se refiran aos fins e funcións a eles encomendados.

n) Participar nos órganos consultivos da comunidade autónoma, cando así o estableza a normativa vixente, así como estar representado nos órganos de participación das universidades de acordo cos seus estatutos.

ñ) Colaborar coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos estudos e da preparación destes. Para iso tomar parte, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración dos plans de estudos e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

o) Organizar cursos dirixidos á formación e perfeccionamento profesional dos colexiados, en especial á formación do profesorado, así como facilitar a formación de posgrao dos colexiados, directamente ou colaborando coas universidades e outras institucións públicas, privadas, nacionais ou internacionais.

p) Ser oído nos plans de estudo dos niveis educativos nos cales se exerce a profesión, cando así o dispoña a normativa aplicable.

q) Ser oído na elaboración dos criterios de selección do profesorado de novo ingreso no ensino, cando legalmente estea previsto.

r) Establecer con outros colexios ou entidades legalmente recoñecidas servizos comúns de índole cultural, social, económica ou administrativa, especialmente aqueles que permitan alcanzar ou facer efectivas as competencias colexiais de control do exercicio da profesión e loitar contra o intrusismo.

s) Tratar de conseguir para os colexiados o máximo nivel de traballo e crear bolsas de colocación profesional.

t) Organizar sistemas asistenciais, de previsión de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles no exercicio profesional, todo iso segundo as normas legais de aplicación, xa sexa directamente, xa sexa por medio de acordos ou convenios con outras entidades.

u) Cantas outras competencias redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ao cumprimento das finalidades colexiais.

TÍTULO II

Das relacións coas administracións públicas

Artigo 11º

O colexio relacionarase coa consellería competente en materia de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia relativa á condición de colexios profesionais, e con respecto ao contido da profesión educativa, coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou, se é o caso, coas que sexan competentes ao respecto, de conformidade co disposto no artigo 6 da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Nas súas relacións coa Administración central do Estado relacionarase a través do Consello Xeral de Colexios do Estado e do Ministerio de Educación e Ciencia, nas materias que legalmente lle sexan asignadas.

Artigo 12º

O colexio emitirá informe, nos termos que a lexislación autonómica determine, sobre os proxectos das normas da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan afectar os profesionais colexiados ou que se refiran aos fins e funcións a eles encomendados. Nos mesmos termos, colaborará coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos estudos e da preparación deles. Para iso tomará parte, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración dos plans de estudos e preparará a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

Así mesmo, participará nos órganos consultivos da comunidade autónoma e estará representado nos órganos de participación das universidades de acordo cos seus estatutos, cando así as normas o establezan.

Cando así o expresen as normas vixentes, deberá ser oído na formación dos programas de estudo dos niveis educativos en que se exerce a profesión, así como na elaboración dos criterios de selección do profesorado de novo ingreso no ensino.

Artigo 13º

O colexio exercerá as competencias que o correspondente órgano da Administración lle delegue, para o que deberá o acto de delegación estar autorizado por unha lei ou un regulamento. Mediante o oportuno convenio coa Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizar actividades de carácter material, técnico ou de servizos da súa propia competencia, de acordo co previsto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas.

O colexio poderá subscribir convenios de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos servizos profesionais dos colexiados.

Artigo 14º

Corresponderanlle, ademais, de conformidade co disposto nos artigos 8, 9 e 10 da sección 2ª do capítulo II, da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónima de Galicia, todos e cada un dos fins e das funcións que neles se describen, así como os que no ámbito estatal lle puidesen delegar ou establecer as relacións que se describen no artigo anterior para efectos do réxime autonómico. Corresponderalle, ademais, no cumprimento dos fins que lle son propios, o exercicio das competencias administrativas que a Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia lle recoñece na sección 1ª do capítulo II.

Artigo 15º

Como colexio profesional único no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma galega, asume e desenvolverá, en materia da súa competencia, as funcións que se describen no artigo 26 da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, mentres que se manteña a devandita situación.

TÍTULO III

Da condición dos membros do colexio

Capítulo I

Requisitos para a incorporación ao colexio

Artigo 16º.-Da condición de colexiado.

Poderán ser membros deste colexio os posuidores das titulacións ás que se refire no artigo 3º dos presentes estatutos. Así mesmo, para o exercicio das profesións no territorio da Comunidade Autónoma

de Galicia, os seus titulares deberán darse de alta no colexio, coa excepción dos profesionais vinculados coa Administración mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral. Será obrigatoria, non obstante, a colexiación para o exercicio da actividades privada.

O número de membros que se poden incorporar ao colexio é ilimitado, e serán admitidos todos os que o soliciten, sempre e cando reúnan as condicións regulamentarias.

Artigo 17º.-Requisitos para a colexiación.

1. Para darse de alta no colexio, o solicitante deberá ser maior de idade.

2. Quen obtivese a titulación exixida polo artigo 3º destes estatutos e solicite a incorporación por primeira vez, deberá presentar o correspondente título académico ou ben a certificación de ter aboados os seus dereitos de expedición, coa obriga de presentalo no prazo de dous anos co fin de rexistralo no colexio.

3. Se o solicitante xa está colexiado noutro colexio oficial de doutores e licenciados en filosofía e letras e en ciencias do Estado español, o requisito anterior será substituído pola oportuna certificación acreditativa da súa condición colexial, xunto coa solicitude de alta.

4. A solicitude de inscrición realizarase persoalmente no colexio oficial. A persoa solicitante estará obrigada a pagar os gastos e cotas de incorporación que estableza o colexio.

Artigo 18º.-Altas, denegacións e recursos.

1. A Xunta de Goberno practicará as comprobacións pertinentes antes de resolver as solicitudes de colexiación.

2. A colexiación só se poderá denegar por non acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17º ou por ter sido ditada sentenza firme, sen posterior rehabilitación, que condene a persoa solicitante á inhabilitación para o exercicio profesional.

3. Se a solicitude de colexiación non reúne os requisitos legalmente establecidos, requirirase a persoa interesada para que emende os problemas no prazo de dez días.

Artigo 19º.-Traslados e baixas.

O traslado desde o colexio da Comunidade Autónoma de Galicia a outro do territorio do Estado efectuarase cumprindo a regulamentación que sexa concertada por todos os colexios dentro do marco institucional do Consello Xeral do Estado.

Artigo 20º.-Reingresos.

1. O/a doutor/a, licenciado/a ou titulado/a de grao ou posgrao que, tendo causado baixa no colexio da Comunidade Autónoma de Galicia, queira volver a integrarse nel, deberá aterse ao disposto no artigo 17º destes estatutos.

O solicitante deberá aboar, se procede, o importe das mensualidades non pagadas ata un máximo de seis. Se quere conservar o seu anterior número de colexiado, deberá aboar todas as cotas mensuais entre a data de baixa e a de reincorporación.

Capítulo II

Causas da perda da condición de colexiado

Artigo 21º

A condición de colexiado perderase por calquera dos seguintes motivos:

a) Por petición propia, agás se están obrigados a permanecer colexiados para exercer a profesión no Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade Autónoma de Galicia por ter o seu domicilio profesional único ou principal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Por non pagar as cotas regulamentarias nun período dun ano, a non ser que estean obrigados a estaren colexiados para exerceren a súa profesión. Neste caso, o colexio iniciará os correspondentes expedientes administrativos e xurídicos para normalizar a situación. A perda da condición de colexiado comportará a perda da condición e os dereitos de mutualista

c) Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para o exercicio profesional.

d) En ningún caso poderá causar baixa, se a súa condición de docente non funcionario o obriga a estar colexiado.

TÍTULO IV

Dereitos e deberes dos colexiados

Capítulo I

Dos dereitos dos colexiados

Artigo 22º

O colexiado gozará dos seguintes dereitos:

a) Conservar a súa condición colexial, exceptuando os casos aos que fai referencia o artigo 21º destes estatutos.

b) Encontrar no exercicio profesional, ou con motivo del, a defensa por parte do colexio ante as autoridades, entidades ou particulares.

c) Obter o apoio da Xunta de Goberno para as súas xustas reclamacións relativas ao exercicio profesional, co fin de ser representado pola Xunta de Goberno, se for necesario e se o caso o permitise, e por petición dos interesados, nos expedientes que se lle sigan.

d) Tomar parte, con sufraxio activo ou pasivo, en todas as eleccións que realice o colexio, de acordo coas normas correspondentes. Todos os colexiados poden participar con voz e voto na Xunta Xeral do Colexio.

e) Utilizar os locais do colexio para reunións e actos de carácter profesional ou colexial, sempre e cando teña o permiso da Xunta de Goberno.

f) Formar parte das comisións e seccións que constitúa a Xunta de Goberno.

g) Gozar de todos os servizos e actividades que organice o colexio.

h) Recibir información sobre o funcionamento do colexio non só a través dos medios publicitarios, senón tamén cando o solicite por escrito ou persoalmente.

i) Integrarse nas actividades e os servizos comúns de interese colexial que se poidan crear.

j ) Aspirar ás axudas, premios e honores previstos nestes estatutos.

k) Participar nas xuntas de goberno, xuntas xerais e seccións e nas eleccións que convoque o colexio.

Artigo 23º.-Dereitos de petición, suxestións e queixas.

Ademais dos dereitos enumerados no artigo anterior, os colexiados terán os seguintes, que deberán exercer por conduto regulamentario:

1. De presentación de suxestións á Xunta de Goberno sobre actividades do colexio oficial.

2. De petición de melloras profesionais de tipo xeral. As peticións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno ou elevadas ao Consello Xeral de Colexios cun informe no prazo de quince días, se son urxentes, ou de trinta días, se non o son.

3. De queixa:

a) Contra os defectos de tramitación e, en xeral, os que supoñan a paralización dos prazos sinalados preceptivamente ou a omisión de tramitación, que poidan ser emendados antes da resolución definitiva do asunto.

b) Contra as medidas de todo tipo que consideren prexudiciais para a profesión en xeral, ou lesivas para os seus dereitos persoais, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera recurso que consideren pertinente.

A queixa elevaráselle ao órgano que se considere responsable da infracción ou falta, segundo o Regulamento de réxime interior. A resolución que se adopte seralle notificada ao interesado no prazo dun mes, que se calculará a partir da formulación da queixa. Contra ela non será procedente ningún recurso, sen prexuízo de que se aleguen os motivos da queixa ao se utilizaren, se procede, os recursos contra a principal resolución.

4. Toda proposición de suxestión ou queixa, subscrita como mínimo polo 2 por 100 dos colexiados, deberá ser tramitado, aínda que a Xunta de Goberno non estea de acordo co seu contido, e deberá ser levada á Xunta Xeral. Se naquel momento o número de colexiados non chegase a 500, a porcentaxe antes mencionada deberá ser do 5 por 100. Se faltasen

máis de dous meses para convocar Xunta Xeral ordinaria e se se tratase dunha cuestión urxente ou implicase censura á Xunta de Goberno, esta deberá convocar Xunta Xeral extraordinaria no prazo de trinta días lectivos.

Capítulo II

Deberes dos colexiados

Artigo 24º

Os colexiados asumirán coa condición de tal os deberes de:

a) Exercer as súas funcións profesionais con ética e competencia, asumindo e respectando o código deontolóxico da profesión.

b) Interesarse polas actividades e os problemas colexiais, así como polo mellor cumprimento das obrigas estatutarias.

c) Presentar oportunamente as declaracións profesionais referentes ao modo que teñen os colexiados de profesionalizar as súas titulacións, e o resto de documentos que lles sexan requiridos preceptivamente. A declaración profesional consistirá concretamente en informar o colexio da profesión que se exerce.

d) Comunicar ao colexio, no prazo de quince días, os cambios de domicilio ou veciñanza.

e) Comunicar ao colexio os casos de intromisión ou corrupción profesional que coñezan.

f) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas e obrigas económicas que correspondan.

g) Cumprir leal e dilixentemente os cargos para os que fosen elixidos e as comisións que o colexio lles confiasen e eles aceptasen.

h) Cumprir os acordos e resolucións da Xunta de Goberno sen prexuízo dos recursos que considere oportuno interpoñer.

i) Actualizar a súa formación, reciclando coñecementos e metodoloxías, para así poder exercer a profesión de modo que se proxecte como un servizo aos demais.

TÍTULO V

Dos órganos de goberno do colexio

Capítulo I

A composición do goberno colexial

Artigo 25º

Os órganos colexiados do colexio son a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno, e o/a decano/a, como órgano unipersoal de representación da corporación.

A Xunta Xeral é o órgano supremo do colexio e os seus acordos adoptados estatutariamente obrigan os colexiados.

A Xunta de Goberno é o órgano de xestión do colexio e os seus membros deben ter a residencia no territorio do colexio e seren elixidos segundo o que prevén os presentes estatutos.

O/a decano/a é o órgano unipersoal de representación do colexio.

Sección primeira

Da Xunta Xeral

Artigo 26º.-Composición.

Poden participar con voz e voto nas xuntas xerais do colexio todos os seus colexiados que estean na plenitude dos seus dereitos.

Artigo 27º.-Atribucións.

1. Correspóndelle á Xunta Xeral:

a) Elaborar, aprobar e modificar os estatutos do colexio, de acordo coas leis vixentes que lle sexan de aplicación.

b) Aprobar as contas xerais de ingresos e gastos do ano anterior, e do período correspondente a cada Xunta de Goberno cando se produza a súa renovación, logo do informe dos censores.

c) Aprobar os orzamentos ordinarios ou extraordinarios, que deberán ter sido expostos como mínimo durante os quince días anteriores ao da Xunta Xeral correspondente.

d) Decidir sobre as propostas de investimento de bens colexiais.

e) Adoptar acordos sobre as xestións da Xunta de Goberno.

f) Adoptar os acordos sobre as cuestións que, por iniciativa da Xunta de Goberno, figuren na orde do día.

g) Coñecer as proposicións ás que fai referencia o número 4 do artigo 23º e tomar o acordo que proceda.

h) Considerar os informes das delegacións, comisións e equipos de traballo, se o manda a Xunta de Goberno ou o solicitan os colexiados.

2. Se a maioría dos presentes non aproba a xestión da Xunta de Goberno, esta deberá convocar Xunta Xeral extraordinaria no termo de trinta días hábiles para ratificar ou non este acordo. No caso de nova reprobación da xestión da Xunta de Goberno, esta deberá dimitir e cesar nas súas funcións.

Artigo 28º.-Sesións.

1. A Xunta Xeral pódese reunir con carácter ordinario ou extraordinario.

2. A Xunta Xeral ordinaria celebrarase anualmente, como moi tarde a finais do primeiro trimestre do ano. A extraordinaria convocarase cando a Xunta de Goberno o crea conveniente ou segundo o caso previsto no artigo 23.4º destes estatutos.

3. A convocatoria da Xunta Xeral ordinaria será expedida con quince días de anticipación, como mínimo, e a das extraordinarias con oito días, como mínimo.

4. A convocatoria da Xunta Xeral efectuarase por medio de citación persoal por escrito a cada colexiado, coa correspondente orde do día. Sobre as cuestións que non figuren nela non se poderá tomar ningún acordo.

5. A orde do día da Xunta Xeral debe conter obrigatoriamente as alíneas b), c) e e) enunciadas no número 1 do artigo 27º, ademais do punto h), se é o caso, do mesmo número e artigo. A orde do día da Xunta Xeral extraordinaria convocada de acordo co número 4 do artigo 23º deberá incluír os puntos exixidos polos peticionarios. En todo caso, a Xunta de Goberno pode incluír, por iniciativa propia, ditames e proposicións que someterá á consideración da Xunta Xeral.

6. No local, o día e a hora prefixados publicamente constituirase a Xunta Xeral, xa sexa en primeira convocatoria, coa asistencia da maioría absoluta de colexiados, xa sexa en segunda convocatoria, trinta minutos máis tarde, cun número calquera de asistentes.

7. Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría e serán obrigatorios para todos os colexiados, agás que estes estatutos ou unha norma superior determine outra cousa.

Artigo 29º.-Acta.

A Xunta Xeral elixirá tres interventores, que no termo de dez días hábiles, de acordo co decano e o secretario aprobarán as actas e os acordos converteranse entón en executivos.

Sección segunda

Da Xunta de Goberno

Artigo 30º

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno a dirección e a administración do colexio, a responsabilidade do mellor cumprimento no seu propio ámbito de todas as competencias e funcións que se lle atribúen ao colexio na normativa legal vixente e todos os acordos que adopte estatutariamente a Xunta Xeral de colexiados.

A Xunta de Goberno estará integrada por: un decano, dous vicedecanos, un secretario, un vicesecretario, un tesoureiro, un interventor e catro vogais.

2. Os membros da Xunta de Goberno deben ter residencia legal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 31º.-Atribucións dos membros da Xunta de Goberno.

1. O/a decano/a: exercerá a representación da Xunta de Goberno e, polo tanto, a do colexio. Estará facultado para redactar poderes, autorizará coa súa sinatura a execución ou o cumprimento dos acordos, convocará e presidirá as xuntas xerais e as sesións da Xunta de Goberno, e fixará a orde do día de todas elas. En caso de enfermidade, ausencia ou imposibilidade con carácter temporal, será substi

tuído polo vicedecano de maior idade e, se iso non fose posible, polo outro vicedecano.

2. Os/as vicedecanos/as, se é o caso, exercerán aquelas funcións que dentro da orde colexial lle teña delegado a Xunta de Goberno ou o/a decano/a, e substituirano, na orde sinalada no punto anterior, en caso de enfermidade, ausencia ou imposibilidade.

Se quedasen vacantes os cargos de decano e vicedecanos, exercería as funcións destes o membro da Xunta de Goberno que sexa elixido polos seus compoñentes.

3. O/a secretario/a: correspóndelle recibir e tramitar as solicitudes e comunicacións, dando conta de iso a quen corresponda; dirixirá as oficinas; dará validez coa súa sinatura e o visto e prace do/a decano/a, se é necesario, aos acordos e certificacións: custodiará o selo, os libros e a documentación do colexio. Será ademais, o xefe/a do persoal administrativo e subalterno.

4. O/a vicesecretario/a, se é o caso, exercerá as funcións que lle teña delegado a Xunta de Goberno ou o/a secretario/a.

5. O/a tesoureiro/a recadará e custodiará os recursos do colexio; pagará os libramentos que expida o/a decano/a, logo de notificación ao/á interventor/a; formulará mensualmente a conta de ingresos e gastos do mes anterior e, anualmente, a do exercicio económico; redactará os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno deba presentar á aprobación da Xunta Xeral; ingresará e retirará diñeiro das contas correntes conxuntamente co/a decano/a, e levará o inventario minucioso dos bens do colexio, dos cales será o administrador.

6. O/a interventor/a, se é o caso, tomará nota das entradas e saídas de bens e de todos os libramentos que expida o/a decano/a e presentará cada mes á Xunta de Goberno o resumo das contas para que se faga cargo del o/a tesoureiro/a. Procederá analogamente respecto á mutualidade, no caso de que se manteña a xestión da mutualidade desde o colexio.

7. Os/as vogais terán as funcións específicas delegadas pola Xunta de Goberno.

En caso de ausencia ou enfermidade dalgún membro con funcións específicas, estas serán encomendadas a outros que determine a Xunta de Goberno, por proposta do/a decano/a.

Artigo 32º

A Xunta de Goberno reunirase mensualmente en período lectivo e nas ocasións en que sexa convocada polo/a decano/a, porque o crea necesario ou por petición dun terzo dos membros da xunta. Só se poderán tomar acordos válidos sobre as cuestións que figuren na orde do día.

Os acordos adoptaranse por maioría, agás cando os presentes estatutos ou unha norma legal determinen outra cousa, e serán inmediatamente executivos, sen prexuízo da aprobación da acta na seguinte xunta.

Tamén se poderán tratar outros asuntos non incluídos na orde do día, sempre que estea presente a totalidade dos membros da Xunta de Goberno e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

As faltas de asistencia ás reunións da xunta serán sancionadas de acordo co que dispón o artigo 39º destes estatutos.

Potestativamente, a Xunta de Goberno poderá invitar ás súas sesións, en calidade de asesores sen voto, as persoas que considere conveniente.

Artigo 33º.-Baixas e substitucións.

1. Será causa de baixa na Xunta de Goberno:

a) Defunción.

b) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

c) Renuncia por forza maior.

d) Traslado de residencia fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Resolución condenatoria firme recaída en expediente disciplinario por falta grave ou moi grave.

f) Baixa como colexiado/a.

g) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas e seis descontinuas, igualmente non xustificadas, ás reunións da Xunta de Goberno.

h) Por dimisión aceptada pola Xunta de Goberno.

2. Cando se produzan as vacantes de máis da metade dos cargos, iniciarase un novo proceso electoral.

Sección terceira

Da forma de elección dos órganos de goberno e

da remoción por medio da moción de censura e

da cuestión de confianza

Artigo 34º

A forma de elección dos órganos de goberno e o procedemento de remoción dos órganos de goberno por medio da moción de censura pola Xunta Xeral, así como a cuestión de confianza, efectuaranse de conformidade co disposto nos anexos I e II destes estatutos, sendo parte integrante deles.

TÍTULO V

Réxime económico-financeiro

Artigo 35º.-Capacidade xurídica e patrimonial.

O colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial. As súas actividades realizaranse sen ánimo de lucro.

Artigo 36º.-Ingresos.

1. Serán recursos económicos do colexio:

a) As cotas percibidas por calquera concepto.

b) Os dereitos por expedición de documentos, legalización de sinaturas, laudos e ditames.

c) Os dereitos por expedición de impresos, actas e certificacións.

d) Os beneficios que lle reporten as súas edicións.

e) Os donativos que reciba.

f) Os xuros do capital, pensións e beneficios de todo tipo que poidan producir os bens que constitúen o seu patrimonio.

g) Calquera outro ingreso que se poida obter.

2. O colexio fixará as cotas tanto ordinarias como extraordinarias dos seus colexiados, de acordo coas competencias da Xunta Xeral.

Artigo 37º.-Censores.

1. Haberá anualmente dous censores e dous suplentes, que terán á súa disposición, desde quince días antes da Xunta Xeral que deba aprobalas, as contas do exercicio liquidado, os xustificantes de ingresos e gastos, ordes de pagamento correspondentes e, se procede, os acordos determinantes. Tamén procederá a actuación dos censores sempre que se produza a renovación, total ou parcial, dos órganos directivos do colexio. Todo isto sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

2. Os/as censores/as presentarán o seu informe anual e, se é o caso, o correspondente ao período de goberno da última Xunta de Goberno, á Xunta Xeral e por escrito.

3. Os/as censores/as serán designados por sorteo cun mecanismo establecido e publicado pola Xunta de Goberno. O cargo de censor é incompatible co de membro actual da Xunta de Goberno e con telo sido anteriormente.

TÍTULO VII

Réxime de distincións e premios

Artigo 38º.-Premios e honores.

1. O colexio poderá outorgar os premios de colexiado/a distinguido/a e colexiado/a de honor a aqueles/as colexiados/as que se fixesen merecedores/as deles polo seu labor ao servizo da cultura, a educación, a investigación científica, a divulgación e a creación literaria e artística.

Mentres dure o seu mandato, os membros da Xunta de Goberno non poderán presentarse nin ser propostos para ningún premio ou honor, organizado polo colexio.

2. O colexio poderá propoñer colexiados/as para premios e honores que concedan outras entidades.

3. A Xunta de Goberno poderá nomear membro de honor a persoas, entidades ou asociacións que polos seus merecementos científicos, técnicos ou profesionais, sexa cal sexa a súa titulación, teñan contribuído ao desenvolvemento da educación, das profesións derivadas dos títulos universitarios que facultan para ingresar no colexio e dos servizos prestados a el.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario

Artigo 39º.-Faltas.

1. A Xunta de Goberno poderá impoñer sancións aos/ás colexiados/as, logo da instrución de expediente disciplinario, cando a súa conduta se aparte dos seus deberes profesionais e dos derivados do respecto necesario para cos/coas compañeiros/as de acordo co establecido nestes estatutos.

2. Serán faltas leves aquelas que revelen neglixencia pouco acusada no cumprimento dos deberes que lle corresponden ao/á colexiado/a.

3. Serán consideradas faltas graves:

a) A falta leve cometida despois de ter sido sancionado/a en tres ocasións por faltas leves iguais.

b) A falta leve despois de ter sido sancionado/a catro veces por diferentes faltas leves.

c) A falsidade da realidade en declaracións profesionais referentes ao modo que teñen os /as colexiados/as de profesionalizar as súas titulacións.

d) A sinatura de actas de cualificación non acabadas de cubrir ou que inclúan alumnos/as que no curso escolar non estivesen baixo o control docente efectivo do signatario.

e) Os malos tratos a alumnos/as ou a compañeiros/as.

f) O incumprimento ou abandono de funcións propias do cargo con prexuízo claro para a profesión.

4. Serán consideradas faltas moi graves aquelas cuxa comisión sexa incompatible coa deontoloxía profesional, é dicir, os actos que se dirixen contra os dereitos básicos consagrados na Constitución, de alumnos/as, pais/nais de familia ou titores/as dos/das alumnos/as ou calquera outro individuo sobre o que se proxecte a acción profesional. En todo caso, será moi grave a falta cometida despois dunha segunda sanción de seis meses ou máis de suspensión.

Artigo 40º.-Sancións e prescricións.

1. As faltas leves prescribirán aos seis meses despois de seren cometidas; as graves, ao cabo de dous anos, e as moi graves, ao cabo de tres anos.

2. As faltas leves poderán ser sancionadas cunha simple reprensión privada ou ben cunha advertencia por oficio e nota no seu expediente persoal. Ao cabo de seis meses da última anotación de falta leve no seu expediente, anularanse as anotacións por faltas leves que consten nel.

3. As faltas graves sinaladas nas alíneas d) e e) do artigo anterior, cando sexan públicas e notorias, poderán ser sancionadas con reprensión pública e con suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por unha duración non superior a un ano. A reprensión pública consistirá nun comunicado de repulsa, asinado pola Xunta de Goberno nos mesmos medios en que fosen divulgadas as devanditas infraccións.

4. As faltas moi graves serán sancionadas coa suspensión dos dereitos colexiais e/ou profesionais por un tempo superior a un ano e inferior a cinco anos.

5. A suspensión á que se refiren os puntos 3 e 4 non afectará en ningún caso os dereitos adquiridos como mutualista.

Artigo 41º.-Garantías.

1. Sen citación e audiencia previa do interesado non se poderá acordar ningún tipo de sanción.

2. No caso de supostas faltas graves ou moi graves, tramitarase expediente disciplinario. O/a decano/a, de acordo coa Xunta de Goberno, designará un instrutor do expediente e respectaranse en todo momento os principios do dereito administrativo, especialmente polo que se refire á audiencia das partes implicadas e á resolución final, que deberá conter por escrito a motivación.

3. Se o presunto infractor fose membro da Xunta de Goberno, non tomará parte nas deliberacións nin votacións da Xunta de Goberno sobre o seu caso.

Artigo 42º.-Recursos.

Toda sanción será susceptible de recurso, de acordo co que se establece no título seguinte.

TÍTULO IX

Réxime xurídico dos actos do colexio e

dos recursos contra eles

Artigo 43º.-Normas xerais e recursos.

A Comisión de Recursos é o órgano encargado da resolución dos recursos que, conforme as leis, poidan interpoñerse contra actos do colexio. Esta comisión non estará sometida a instrucións xerárquicas do órgano de goberno do colexio e respectará na súa actuación os principios, garantías e prazos que a lei lles recoñece aos cidadáns e aos interesados en todo procedemento administrativo.

A Comisión de Recursos estará composta por catro membros do colexio con polo menos cinco anos de colexiación elixidos cada dous anos, na Xunta Xeral. Para este efecto a Xunta de Goberno convocará a elección dos seus membros na convocatoria correspondente da Xunta Xeral; os candidatos deberán presentar a súa candidatura persoalmente cunha semana de antelación á celebración da Xunta Xeral. No caso de non haber candidatos procederase a formar unha Comisión de Recursos de idade.

2. Os actos colexiais, en todo aquilo que non provexan especificamente os presentes estatutos, quedan suxeitos á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Contra os actos e resolucións da Xunta de Goberno do colexio poderá interporse recurso ante a Comisión de Recursos. O prazo para a interposición do recurso será dun mes. Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso, sen que se dite a resolución, poderase entender esgotada a vía admi

nistrativa. Os actos da Xunta Xeral esgotarán directamente a vía administrativa.

4. Contra os actos que esgoten a vía administrativa de acordo co disposto no punto anterior poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados e tribunais desa orde xurisdicional, de acordo co disposto na súa lei reguladora e, con carácter previo e potestativo, recurso de reposición ante o propio órgano que ditase o acto.

5. O recurso extraordinario de revisión pódese interpoñer de conformidade co que dispón o artigo 118 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

6. O réxime xurídico dos actos presuntos do colexio será o establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

TÍTULO X

Do persoal do colexio

Artigo 44º.-Persoal administrativo e subalterno.

O colexio terá o persoal de oficina e subalterno necesario, e as súas remuneracións figurarán no capítulo de gastos do orzamento.

TÍTULO XI

O Regulamento de réxime interior

Artigo 45º

O colexio poderá aprobar normas de réxime interior, que non poderán contradicir o disposto nos presentes estatutos. As normas de réxime interior serán aprobadas pola Xunta de Goberno, debendo darllas a coñecer á Xunta Xeral, e estarán vixentes mentres que a Xunta Xeral non decida outra cousa sobre a súa vixencia. A mesma Xunta de Goberno estará facultada para reformar as vixentes, seguindo o mesmo procedemento de aprobación.

TÍTULO XII

Reforma e modificación dos estatutos

Artigo 46º

A reforma dos presentes estatutos poderá efectuarse por proposta da Xunta de Goberno, ou por iniciativa do quince por cento dos colexiados en solicitude por escrito ou mediante proposta na Xunta Xeral, aínda que terá logo que ser aprobada na Xunta Xeral extraordinaria e dedicada exclusivamente a este obxecto.

TÍTULO XIII

Disolución do colexio e o destino dos bens

Artigo 47º.-Trámite de disolución.

1. A disolución do colexio terá lugar cando sexa decretada por lei.

2. Por cesación dos seus fins e logo de acordo dunha Xunta Xeral extraordinaria. O acordo de disolución comunicarase ao departamento ou consellería correspondente do goberno da comunidade autónoma para a súa posterior aprobación.

Artigo 48º.-Destino dos bens.

O patrimonio destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. Ao activo restante daráselle o destino que teña acordado a Xunta Xeral extraordinaria que acordou a disolución.

Disposición transitoria

Os profesionais que, na data de publicación dos presentes estatutos, estivesen colexiados no Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade Autónoma de Galicia, a pesar de que as súas titulacións respectivas non fosen das enumeradas no artigo 3º destes estatutos, poderán permanecer no colexio. Esta mesma posibilidade concederáselles aos colexiados que se vexan afectados pola segregación dalgunha das titulacións que dan acceso a este colexio, nos termos que estableza a lei que cree o novo colexio segregado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas desde a entrada en vigor dos presentes estatutos, as disposicións de igual ou menor rango que se opoñan a el, así como todas aquelas que puidesen estar en contradición con eles. Para manter o seu valor os acordos e disposicións vixentes, deberán adaptarse a estes estatutos.

ANEXO I

Procedemento para a elección dos membros da Xunta

de Goberno e demais cargos electivos

Artigo 1º.-Convocatoria.

1. Cada catro anos terán lugar eleccións ordinarias para renovar todos os cargos da Xunta de Goberno do colexio.

2. A convocatoria de eleccións realizarase con dous meses de antelación, como mínimo, respecto á data de celebración, e conterá un calendario detallado de todo o proceso electoral, e remitirase a dita convocatoria a todos e cada un dos colexiados.

3. A convocatoria de eleccións realizaraa a Xunta de Goberno do colexio.

Artigo 2º.-Electores.

1. Poderán ser electores todos/as os/as colexiados/as salvo que estean suspendidos no exercicio dos seus dereitos colexiais de acordo co artigo 40º destes estatutos.

2. Durante os trinta días anteriores á data electoral o colexio exporá a lista dos seus membros con dereito a voto.

3. Durante os primeiros oito días de exposición das listas, os colexiados poderán presentar reclamacións, que terán que ser resoltas pola Xunta de Goberno no prazo dos oito días seguintes.

Artigo 3º.-Elixibles.

1. Poderán ser candidatos/as todos/as aqueles/as colexiados/as que, tendo a condición de electores/as, non estean incapacitados/as por prohibición legal ou estatutaria, que cumprisen polo menos un ano de colexiación na data da convocatoria e que teñan, como mínimo, un ano de residencia legal dentro do ámbito territorial do colexio.

2. Dentro dos vinte días naturais seguintes á convocatoria electoral, poderanse presentar no colexio as propostas de candidatos, subscritas polo interesado ou ben por dez colexiados con dereito a voto. Durante os tres días hábiles posteriores o colexio deberá expoñer, publicamente, a lista de candidatos propostos co fin de que, no termo dos cinco días posteriores, poidan ser obxecto de xustitificada impugnación polo elector ou electores que o crean procedente, ou ben poidan retirarse os candidatos que o desexen. A Xunta de Goberno resolverá estas reclamacións no prazo de catro días.

3. En caso de presentarse como candidatos ou candidatas membros da Xunta de Goberno, estes non poderán intervir na resolución das reclamacións nin en ningún outro aspecto do proceso electoral. Se o/a secretario/a se presentase á reelección, o/a vicesecretario/a asumirá as súas funcións no proceso electoral e, se este tamén se presentase á reelección, farao unha vogal da Xunta de Goberno designado/a por ela. Se toda a Xunta de Goberno se presentase á reelección, resolverá as reclamacións unha mesa de idade formada por tres colexiados/as, elixido/as por sorteo (con tres suplentes) despois de dividir a listaxe de colexiados en tres partes pola orde de número de colexiación.

4. Na data xa anunciada pola convocatoria de eleccións, a Xunta de Goberno proclamará en sesión pública as listas oficiais de candidatos.

Artigo 4º.-Mesas electorais.

1. As mesas electorais estarán constituídas por un/ha presidente/a, un/ha secretario/a e un/ha vogal designados/as pola Xunta de Goberno; o/a presidente/a deberá ser membro desta, salvo que se presente a reelección.

2. A Xunta de Goberno poderá constituír unha soa mesa electoral ou tamén outras mesas na mesma ou noutras poboacións. No momento de facer públicas as listas de electores débese facer constar a mesa á que cada un deles debe ir votar.

3. A mesa electoral débese constituír media hora antes de comezar as eleccións.

4. Cada candidatura ou candidato/a ten dereito a nomear dous interventores por cada mesa electoral; teñen que ser electores. A designación de interventores debe ser comunicada á Xunta de Goberno vinte e catro horas antes da constitución da mesa correspondente.

Artigo 5º.-Formas e orde da elección.

O dereito electoral poderase exercer:

a) Persoalmente, unha vez comprobada a identidade e a condición de elector. O voto irá dentro dun sobre branco para garantir o segredo. Na convocatoria electoral especificaranse as características das papeletas e os sobres.

b) Por correo certificado, da seguinte forma: o elector introducirá a papeleta de votación dentro dun sobre branco sen ningunha anotación nin sinal e, unha vez pechado, deberá metelo dentro doutro sobre coa fotocopia do DNI; e dirixirao ao decano/a do colexio, indicando Eleccións; e no reverso exterior do sobre fará constar o nome, o domicilio e o seu número de colexiado/a, e asinará no reverso de maneira que a sinatura cruce a solapa.

Os sobres téñense que ter recibido no colexio vinte e catro horas antes da elección. A custodia dos votos por correo correspóndelle ao secretario da Xunta de Goberno, que os deberá entregar á mesa electoral no momento de iniciar a votación. Unha vez finalizada a votación persoal, abriranse os sobres recibidos por correo e introduciranse na urna os sobres en branco que conteñan, despois de ter comprobado a identidade do elector. En caso de que este xa votase persoalmente, inutilizarase o voto por correo.

c) Mediante entrega persoal en sobre pechado coas mesmas condicións que na alínea b) no rexistro oficial do colexio, de igual modo con vinte e catro horas de antelación á data de celebración das votacións.

Artigo 6º.-O escrutinio e actas da elección.

1. Unha vez finalizada a elección, realizarase o escrutinio en acto público.

2. En todas as papeletas electorais consideraranse nulos os nomes ilexibles, os que non determinen claramente a que candidato apoian e os das persoas que non sexan candidatas para aquel cargo, sen que todo iso afecte á validez dos outros nomes da papeleta.

3. Unha vez finalizado o escrutinio, levantarase a acta correspondente por duplicado, que deberá ser asinada polos compoñentes da mesa e polos interventores, sen prexuízo dos recursos que consideren oportuno presentar. Unha copia quedará exposta no lugar da votación e farase cargo da outra o/a secretario/a do colexio.

4. Se a votación se realizase en máis dunha poboación, o quinto día hábil seguinte celebraráse sesión pública no local e hora xa determinados pola convocatoria da elección, e a Xunta de Goberno, á vista das cifras totais de votos válidos, levantará a acta correspondente e fará públicos os resultados electorais e proclamará os candidatos elixidos.

Artigo 7º.-Reclamacións e aprobación da elección.

As reclamacións relacionadas coa celebración das eleccións deberán presentarse no termo de cinco

días seguintes ao da celebración das eleccións, á Xunta de Goberno, que resolverá nun prazo non superior a quince días e proclamará os candidatos definitivamente elixidos. Todo iso, sen prexuízo da posibilidade de interposición dos correspondentes recursos ante a Comisión de Recursos do colexio.

Artigo 8º.-Posesión.

1. No termo de quince días despois da proclamación dos candidatos elixidos, estes deberán tomar posesión.

2. Se a toma de posesión non for posible no prazo indicado por causa xustificada, a xunta establecerá unha nova data límite despois de falar cos candidatos elixidos.

3. A toma de posesión dos novos membros da Xunta de Goberno débese comunicar, no termo de dez días desde que esta se produza, á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se comunicará no mesmo prazo ao Consello Xeral de colexios.

ANEXO II

Procedemento para a remoción dos órganos de

goberno por medio da moción de censura pola

Xunta Xeral e a cuestión de confianza

Capítulo I

Da moción de censura

Artigo 1º

A Xunta Xeral poderá exixir responsabilidade pola actividade do/a decano/a do colexio mediante a aprobación dunha moción censura.

Artigo 2º

Presentarase mediante un simple escrito, en que conste de maneira sucinta a intención de formular a moción de censura. Neste escrito deberá solicitarse a celebración da Xunta Xeral, precisando para isto que se subscriba, polo menos, por unha quinta parte dos membros que compoñan a Corporación.

Artigo 3º

No mesmo escrito de presentación da moción de censura, será necesario incluír o nome do candidato que se propón nesa moción de censura. Poderá presentarse máis dunha moción de censura, que se regulará polo disposto nas normas anteriores.

Os escritos das mocións de censura rexistraranse no libro rexistro do colexio, dándoselles o seu correspondente número de entrada e hora en que se recibe, e, de non existir, constarán nunha relación en que conste o selo do colexio e a sinatura do secretario, que servirá para a regulación das intervencións no debate correspondente.

Artigo 4º

A moción de censura poderá ser votada despois de cinco días da súa presentación, podendo presentarse, dentro dese prazo, mocións alternativas.

Artigo 5º

Se a moción de censura fose rexeitada, os seus asinantes non poderán subscribir ningunha outra dentro do mandato do/a decano/a.

Artigo 6º

Se a moción de censura fose aprobada pola Xunta Xeral, por maioría absoluta, o/a decano/a e a Xunta de Goberno cesarán, e o candidato incluído ocupará o cargo nos mesmos termos.

Capítulo II

Da cuestión de confianza

Artigo 7º

O/a decano/a, oída a Xunta de Goberno, poderá presentar ante a Xunta Xeral a cuestión de confianza sobre a súa política e actuación. Non se poderá votar ata pasadas vinte e catro horas da súa presentación, e a confianza entenderase outorgada por maioría simple. Se a Xunta Xeral negase a súa confianza, o/a decano/a entenderase cesado e, en consecuencia, procederase a unha nova elección, conforme co establecido no anexo I destes estatutos.