DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Luns, 07 de novembro de 2005 Páx. 17.770

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de outubro de 2005 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

Pola orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade da Coruña.

De acordo co artigo 7.2º da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, establécese que son membros natos do Consello Social, o reitor da universidade, o secretario xeral e o xerente da universidade. No segundo parágrafo dese artigo dise que, así mesmo, serán membros do Consello Social un profesor, un estudante e un representante do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos.

O artigo 24.3º dos estatutos da universidade da Coruña establece que os representantes do Consello de Goberno no Consello Social perderán a súa condición no caso de perderen a condición de membros do Consello de Goberno.

Segundo o artigo 10.2º da dita Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, as vacantes deberán ser cubertos pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de 3 meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O 27 de setembro de 2005, o secretario do Consello Social da Universidade da Coruña comunica que, por acordo do Consello de Goberno da universidade do 21 de setembro de 2005 foi elixido o profesor Luis Fernando Barral Losada membro do Consello Social, en substitución do profesor Anxo Ramón Calvo Silvosa.

O 11 de outubro de 2005 o secretario do Consello Social da Universidade da Coruña comunica novas variacións na composición deste por cesamento do xerente da universidade Rafael Couto Lestao (acordada por resolución reitoral do 29 de setembro de 2005), nomeamento do novo xerente da universidade Manuel Galdo Pérez (por resolución reitoral do 29 de setembro de 2005) e por renuncia de María Dolores Rodríguez Amoroso como representante do Consello de Goberno (sector de estudantes) no Consello Social.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Nomear a Luis Fernando Barral Losada como membro do Consello Social da Universidade da Coruña, en representación do Consello de Goberno, representante do sector de profesores, en substitución do profesor Anxo Ramón Calvo Silvosa.

Artigo 2º

Nomear a Manuel Galdo Pérez, xerente da universidade, como membro nato do Consello Social da Universidade da Coruña en substitución de Rafael Couto Lestao.

Artigo 3º

Facer público o cesamento por renuncia de María Dolores Rodríguez Amoroso como representante do Consello de Goberno (sector de estudantes) no Consello Social.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2005.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria