DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 03 de novembro de 2005 Páx. 17.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2005, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo para a empresa Agua de Fontenova, S.A.U., Verín (Ourense).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Agua de Fontenova, S.A.U., Verín (Ourense), código de convenio nº 3200022, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais o día 19 de maio de 2005, subscrito con data do 12 de maio de 2005, pola dirección da empresa Agua de Fontenova, S.A.U., en representación da parte económica, e o delegado de persoal no seo da dita empresa, pertencente á central sindical Comisións Obreiras (CC.OO.), en representación da parte social, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación

provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 25 de maio de 2005.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para la empresa Agua de Fontenova, S.A.U. Verín (Ourense)

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións incluídas neste convenio regularán desde a súa entrada en vigor, a súa vixencia, as relacións laborais que neste se establezan entre a empresa Agua de Fontenova, S.A.U. e o persoal desta.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado por este convenio o persoal da empresa incluído no artigo 1º, agás as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será de 12 meses, comezando os seus efectos económicos o día 1 de xaneiro de 2005 e rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2005.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se non fose denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, ao remate da súa vixencia. Permanecerá vixente o texto ata a sinatura dun novo.

As condicións de denuncia serán as que determina o artigo 89 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

O incremento de salarios para o 2005 será do 3% que se aboará da forma seguinte:

a) A empresa aumentará un 3% sobre todos os conceptos retributivos, que fará efectivo a partir da data da sinatura deste convenio, aboando os atrasos con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro de 2005.

b) A representación legal dos/as traballadores/as acepta estudar para o futuro que o incremento establecido no parágrafo anterior se poida condicionar á produtividade da empresa.

No caso de que o IPC oficial de 2005, ao 31 de decembro de 2005, fose superior ao 2,5% (dous con cinco por cento), revisaranse os salarios na súa diferenza e actualizaranse as táboas salariais do 2005, aboándolles aos operarios os atrasos correspondentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As melloras resultantes deste convenio serán compensadas e adsorbidas ata onde chegue o cómputo anual, con aqueloutras que puidesen establecerse por disposición legal ou que se tiveran establecidas pola empresa, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolver as dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio, constitúese unha comisión mixta composta polos/as vogais que interviron na negociación e elaboración do convenio.

Clasificación do persoal

Artigo 6º.-Novas categorías.

Por disposicións legais obrigatorias e por necesidades das empresas, faise necesario crear e definir novas categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que con título facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o produtor experto en análises e traballo de laboratorio que sen título facultativo leva a cabo as devanditas función ou como auxiliar do técnico titulado.

-Capataz: é o produtor que ten ao seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servizo.

-Peón: é o operario que executa os labores que para realizalos se require predominantemente esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa ningunha. Esta categoría só poderá aplicarse ao persoal contratado por temporada para carga e descarga, e non ao ingresado como fixo de cadro de persoal, como operario de embotellamento.

Xornada de traballo e vacacións

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo establécese en trinta e nove horas semanais de luns a venres.

A xornada de traballo máxima legal para o 2005 será de 1.770 horas/anuais, distribuídas de luns a venres en cómputo semanal de trinta e nove horas, cos días máximos anuais que resulten.

O persoal de distribución e repartición, mentres estea adscrito a estes traballos, poderá ser excluído da xornada normal, sempre que de común acordo coa empresa se fixen as compensación económicas para posibles variacións de xornada, tendo en conta as especiais características que presente a distribución e a repartición.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións anuais consistirán no goce de 30 días naturais. O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado neste convenio. Todo o persoal poderá gozar dun período de 15 días de vacacións durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Atenderase sempre á produción e á consideración da dirección, non podendo gozar máis de 4 produtores as vacacións á vez, resultando un total de 8 produtores por cada mes sinalado.

Todos os traballadores da empresa terán dereito anualmente a 2 (dous) días libres de permiso retribuído para asuntos propios, debendo comunicarlle á empresa con dous días de antelación. Para efectos do cómputo dos días laborais, declárase o martes de Antroido como non laborable.

Retribucións

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución convida constará de:

-Salario base.

-Complementos salariais.

Os/as traballadores/as que teñan que acudir ao médico especialista da Seguridade Social terán dereito ao percibimento do seu salario, polo tempo que dure o dito desprazamento.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade que consistirá en trienios ao 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Gratificación de carencia e incentivos.

Establécese o pagamento da gratificación de carencia de incentivos, como prima de produtividade e asistencia.

A gratificación de carencia e incentivos consistirá no percibo por cada traballador individualmente e por día efectivamente traballado, das cantidades que constan na táboa de salarios deste convenio por este concepto.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á produción non podendo ser menores, en cómputo anual, aos establecidos neste convenio como gratificación de carencia e incentivos.

Os devanditos sistemas de remuneración por rendemento representará como actividade normal de traballo a de 100 unidades do sistema centesimal ou 60 puntos Bedaux. A actividade óptima estará valorada en 140 unidades centesimais ou 80 puntos Bedaux.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en 3 pagas extraordinarias, de 1 mensualidade de salario base máis antigüidade cada unha, pagadoiras o 18 de marzo, o 18 de xullo e o 18 de decembro, respectivamente.

Artigo 15º.-Xubilación.

Todo/a traballador/a afectado/a por este convenio poderá solicitar a xubilación aos 64 anos de idade, de conformidade co establecido no Acordo Nacional de Emprego, e no Real decreto do 20 de agosto de 1981.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

Ao cesar o traballador na empresa por xubilación concederáselle unha indemnización do seu salario base máis antigúidade en proporción aos seus anos de servizo na empresa de acordo coa seguinte escala:

De 5 a 10 anos: dúas mensualidades.

De 10 anos e un día a 15 anos: seis mensualidades.

De 15 anos e un día a 25 anos: nove mensualidades.

De 25 anos e un día en adiante: unha anualidade.

Artigo 17º.-Gratificacion de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese unha gratificación para os que exerzan as ditas funcións, consistentes no 10% do salario base.

Artigo 18º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, aos 6 anos de exercer as ditas funcións na empresa deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 19º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado por este convenio que cubra as seguintes continxencias e coas seguintes indemnizacións.

-Morte por accidente: 12.020,24 euros.

-Invalidez permanente total: 12.020,24 euros.

-Morte por calquera outra causa: 9.015,18 euros.

Os/as beneficiarios/as deste seguro serán o/a traballador/a asegurado/a ou o/a cónxuxe viúvo/a e, se é o caso, os dereito habentes do/a asegurado/a. O prazo para concertar este seguro será de 30 días a partir da publicación no BOP e en calquera caso a partir dos tres meses da alta na empresa.

Artigo 20º.-Gratificación por matrimonio.

Todos os traballadores cunha antigüidade de polo menos tres anos na empresa terán dereito cando casen a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 21º.-Incapacidade temporal.

Cando un/ha traballador/a se atope en situación de IT percibirá o 100% do salario a partir da 2ª semana consecutiva en que se atope na devandita situación.

Artigo 22º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio realizaranse horas extraordinarias de carácter normal, no entanto poderán realizarse as horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estrutural.

Consideraranse horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior as traballadas e empregadas na reparación de sinistro ou as que se realicen para prevelos, e horas estruturais, as que con carácter extraordinario e esporádico, se efectúen no seo da empresa para cubrir a realización dun traballo que

non foi posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial, previstas na lei.

Enviarase á Delegación Provincial de Traballo un informe mensual da realización e motivos destas horas, e será realizado conxuntamente polos delegados e a dirección da empresa.

O incumprimento dos pactos deste artigo, así como todo o referente ao artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e Real decreto lei 1958, do 20 de agosto, considaráse unha falta grave para os efectos do disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa tras a comunicación escrita ao traballador, procederá ao desconto na folla de salarios da cota sindical correspondente, e ingresaraa na conta bancaria que se fará constar no escrito por petición do traballador e que corresponde á central sindical á cal está afiliado/a. A dita central sindical deberá cumprir os requisitos establecidos na Lei orgánica de liberdade sindical.

No escrito de solicitude deberán constar claramente os datos do/a traballador/a, a cantidade para descontar, o número de conta na que se debe ingresar e a sinatura de autorización.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

O comité de empresa ou delegado de persoal deberán ser informados de calquera sanción imposta a un traballador antes de serlle notificada por escrito a el, estando presente, en todo caso, no momento de serlle notificada.

A empresa estará obrigada a entregarlles aos representantes a copia de cada contrato feito durante a vixencia deste convenio. En caso de que non o fixese e incumprise algunha cláusula contractual, esta pasará a ser indefinido.

Así mesmo, a empresa entregará trimestralmente o informe sobre a situación económico-financeira, mercado, vendas, futuro e conta de resultados de anos anteriores, tal e como prevé a Lei 8/1980 e Lei 11/1985, considerándose falta moi grave o incumprimento das ditas normas, e do estipulado neste artigo.

Artigo 25º.-Compromiso de contratación indefinida.

Todo/a traballador/a que leve na empresa 12 meses ininterrompidos de contrato, pasará a ser indefinido.

Artigo 26º.-Licenzas retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licenzas retribuídas de 3 días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos e irmáns, segundo establece o artigo 37 do Estatuto dos traballadores.Así mesmo, terán dereito a unha licenza retribuída dun día por falecemento de familiares de segundo grao e sobriños.

Igualmente terán dereito a un día en caso de voda dun fillo cando esta sexa en día laborable, ou en emprazamento distinto á provincia de Ourense. Tamén poderán asistir a consulta médica da Seguridade Social en Verín para acompañar a menores de 12 anos, debendo entregarlle á empresa o xustificante médico correspondente.

Artigo 27º.-Seguridade e hixiene.

Constituirase o comité de saúde laboral conforme determina e obriga a Lei de prevención de riscos laborais. A empresa promoverá cursos de prevención de riscos laborais, ben con mutuas, ben a través de cursos sectoriais, para que todos/as os/as traballadores/as adquiran formación na saúde laboral que serán impartidos conforme a lei, durante as xornadas laborais por técnicos especializados ou entidades regradas.

Cláusula derradeira

En todo o que non estea previsto neste convenio haberá que aterse ao disposto na Regulamentación de establecementos balnearios do 3 de xuño de 1959 e na Lei 8/1980, do 10 de marzo.

Este convenio é asinado pola empresa Agua de Fontenova, S.A.U. e o representante dos/as traballadores/as no seo da devandita empresa, pertencente á central sindical Comisiones Obreras (CC.OO.). Todas as partes con capacidade legal suficiente segundo o Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Verín, 12 de maio de 2005.

Táboa salarial para 2005

Agua de Fontenova S.A.U.Suba 3%

Persoal técnicoS. basePCI

* Persoal técnico
Licenciados/as titulados/as super1.055,08 A---
Técnicos/as titulados/as909,81 A---
Peritos e asimilados/as909,81 A---

* Non titulados
Encargado/a xeral909,81 A---
Encargado/a de sección851,69 A---

* Persoal administrativo
Xefe/a de primeira880,54 A11,63 A
Xefe/a de 2ª contable-caixeiro/a629,05 A11,63 A
Oficial de 1ª629,05 A11,63 A
Oficial de 2ª629,05 A7,74 A
Auxiliar629,05 A5,40 A

* Persoal mercantil
Delegado de vendas893,50 A7,24 A
Xefe de vendas909,81 A---
Inspector/a de vendas629,05 A8,67 A

* Persoal obreiro
Capataz629,05 A8,67 A
Operario/a de embotellamento629,05 A5,40 A
AprendizS.M.I. A5,40 A
Oficios varios
Oficial de 1ª629,05 A8,67 A
Condutor/a-repartidor/a629,05 A8,67 A
Oficial de 2ª629,05 A7,74 A
Oficial de 3ª629,05 A7,74 A
Axudante629,05 A5,40 A
Condutor/a629,05 A5,40 A
Laborante629,05 A5,40 A

* Persoal subalterno
Peón591,96 A5,40 A
Almacenista591,96 A5,40 A
Ordenanza-cobrador/a591,96 A5,40 A

Persoal técnicoS. basePCI

Ordenanza591,96 A5,40 A
Vixiante591,96 A5,40 A
Porteiro/a e conserxe591,96 A5,40 A
Telefonista591,96 A5,40 A
Xardiñeiro/a591,96 A5,40 A
Limpador/a591,96 A5,40 A

Nota: esta tabóa salarial está actualizada o 12-5-2005 coa suba do 3%.