DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 26 de outubro de 2005 Páx. 17.241

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PARLAMENTO DE GALICIA

ACORDO do 13 de outubro de 2005, da Mesa do Parlamento de Galicia, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

O recente proceso de modernización da Administración parlamentaria, na procura da mellora do funcionamento dos servizos da Cámara que desenvolven as funcións e apoio aos deputados, leva consigo certos cambios nos procesos administrativos e nas estruturas que os sustentan.

En concreto, un aspecto que tradicionalmente tiña un alcance meramente instrumental e de colaboración material na función parlamentaria, como era a telefonía, ten adquirido unha nova dimensión coa informatización das convocatorias dos órganos parlamentarios e co plan de progresiva implantación da sinatura electrónica na Cámara.

Xa que logo, a Mesa, na súa reunión do 13 de outubro de 2005,

DISPÓN:

Artigo único.-Servizo de Tecnoloxías da Información.

Engádeselle unha nova alínea j) ao número 1 do artigo 9 do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia, que queda redactada da seguinte maneira:

«j) A xestión e operación de todas as redes de comunicación do Parlamento, telefónicas, de datos e calquera outra que se poida crear».

Disposición derrogatoria

Única.-Supresión da alínea i) do artigo 31.

Queda derrogado o precepto contido na alínea i) do artigo 31 do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta norma entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2005.

Dolores Villarino Santiago

Presidenta do Parlamento de Galicia