DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 25 de outubro de 2005 Páx. 17.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2005, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa El Progreso de Lugo, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa El Progreso de Lugo, S.L. (código 2700272), da provincia de Lugo, asinado o día 6 de xuño de 2005, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remitir o texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 30 de xuño de 2005.

Ana Chao Vázquez

Delegada provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa

El Progreso de Lugo, S.L. (ano 2005)

Pola empresa: Blanca García Montenegro.

Polo comité: Miguel Aira López, Manuel Cordero Pérez, Elías Ferrero Engroba, Carlos Bazarra Escribano, Baltasar Higinio Fernández de la Vega, Manuel Fernández Real.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación persoal.

O presente convenio colectivo sindical terá por ámbito de aplicación a empresa El Progreso de Lugo, S.L., editora do diario El Progreso, e afecta a todo o persoal do cadro, calquera que sexa o lugar da prestación de servizos.

Quedan expresamente excluídos:

a) Os que desempeñen funcións de alto consello, alta dirección ou alto goberno.

b) Os profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servizos, así como os xestores, asesores e auditores.

c) Os corresponsais e colaboradores que teñan asinado un contrato civil coa empresa excluínte de relación laboral; os colaboradores a peza e os que non manteñan unha relación continuada coa empresa.

d) Axentes comerciais e publicitarios que traballen para El Progreso de Lugo, S.L. e con liberdade de representar a outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade.

e) O persoal pertencente a empresas concesionarias de servizos que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servizos con El Progreso de Lugo, S.L.

f) O persoal que puidese entrar, a partir de agora, ao servizo da empresa para traballar en calquera outra actividade que se puidese desenvolver á marxe da de prensa.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación temporal.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día da súa publicación no BOP de Lugo, con efectos retroactivos do día 1 de xaneiro de 2005.

O prazo da súa vixencia será dun ano e finalizará o 31 de decembro de 2005. Nesa data entenderase automaticamente denunciado, iniciándose as negociacións para a súa renovación.

Artigo 3º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa, que responderá do seu uso. Non obstante, os sistemas de racionalización, mecanización ou división do traballo que se adopten non poderán nunca prexudicar a formación profesional á que o persoal ten o dereito e o deber de completar e perfeccionar coa práctica diaria, e tampouco debe esquecerse que a eficacia e rendemento do persoal e, en definitiva, a prosperidade da empresa dependen non só da satisfacción que nace da retribución xusta, senón de que as relacións todas de traballo estean asentadas na xustiza e o ben común.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos humanos ao seu cargo, e establecerán entre si os contactos que consideren necesarios para tal fin, sendo responsables dos atrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou por neglixencia no exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Capítulo II

Programación do traballo

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada laboral será de 36 horas semanais de luns a sábado, con respecto en todo caso do descanso semanal de día e medio ininterrompido.

Non obstante o anterior, para realizar o traballo en domingo todo o persoal que non renuncie a facelo expresamente e por escrito, comprométese a traballar os domingos, facendo as quendas que estableza a empresa, de forma que quede garantida a saída do xornal os luns.

O persoal que traballe en domingo e non desexe seguir facéndoo unha vez finalizado este convenio, deberá comunicalo con 60 días de antelación á finalización do convenio. Respectaranse os contratos individuais que a empresa concerte ou puidese concertar, con obriga por parte do traballador para prestar traballo en domingo.

Artigo 5º.-Horario.

A empresa fixará os horarios dos distintos servizos, coordinándoos para o máis eficaz rendemento, e sempre con respecto ás especificacións legais, particularmente no que atinxe ao traballo nocturno.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial de toda empresa xornalística facerlles chegar aos lectores todos os seus produtos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia de cara á organización dos seus ciclos de produción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do xornal e o comezo de tiraxe serán fixados pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa, segundo as necesidades e atendendo os obxectivos expostos.

Artigo 6º.-Festas aboables.

Dada a especial característica da prensa, poderase traballar naquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables. Tal traballo poderá ser compensado economicamente ou ser aumentado no período de vacacións de desfrute persoal, a decisión da empresa, con excepción dos días: Venres Santo, 24 e 31 de decembro.

Artigo 7º.-Vacacións.

Trinta días naturais ininterrompidos para os traballadores a xornada completa, e proporcionais ao período de tempo traballado en caso de ser inferior ao ano.

As vacacións desfrutaranse entre os meses de maio e outubro, ambos os dous inclusive, sempre que o permitan as necesidades produtivas, organizativas e de coordinación entre as diferentes seccións ou servizos da empresa, atendendo no posible as preferencias do persoal.

Nas quendas de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia a que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

O período de desfrute de vacacións poderá fraccionarse de mutuo acordo entre o traballador e a empresa.

En todo caso, é facultade da empresa determinar anualmente o número de traballadores que poderá saír simultaneamente de vacacións dentro de cada sección ou servizo.

Capítulo III

Retribucións

Artigo 8º.-Conceptos retributivos e revisión salarial.

-Salario:

a) Salario ordinario e fixo: enténdese por tal a totalidade de remuneracións que con tal carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, e está constituído pola suma do salario base e o complemento convenio, con independencia daqueles complementos de percepción conxuntural en razón das condicións exteriores intrínsecas da función que se realice.

b) Salario base: é o que, formando parte do salario ordinario e fixo de cada traballador, será fixado por categorías segundo táboas anexas ao presente convenio. Sobre el xirarán os complementos salariais seguintes: antigüidade, nocturnidade e libre disposición.

c) Complemento convenio: é aquel complemento non afecto a gratificacións, constituído con obxecto de que o salario ordinario e fixo de cada traballador alcance os mínimos pactados en convenio para as diferentes categorías profesionais. É absorbible. Quedará reflectido segundo táboas anexas a este convenio.

-Complementos persoais:

a) Antigüidade: dous trienios ao 5% e quinquenios sucesivos ao 5%, calculados sobre o salario base e anos de servizo na empresa.

b) Complemento de titulación: aboaráselle ao persoal de redacción que, con categoría de redactor ou superior, estea en posesión de titulación de xornalista debidamente homologada pola Administración pública competente na materia, con respecto en todo caso aos dereitos adquiridos na materia. A súa contía para o ano 2005 será de 71,46 A/mes.

-Complementos de posto de traballo:

a) Complemento de libre disposición: establécese en contía mínima do 35% sobre o salario base, e aplicaráselles aos traballadores que, tras pacto coa empresa, ademais do cometido profesional específico que teñen asignado, estean á libre disposición da dirección en todo momento para cubrir as necesidades do servizo de carácter eventual. Determínase expresamente o seu carácter de non consolidable.

O pacto de libre disposición quedará sen efecto logo de denuncia por escrito por calquera de ambas as partes.

b) Complemento de nocturnidade: a retribución do traballo que legalmente teña a consideración de nocturno establécese no 25% sobre o salario base. O seu carácter é de non consolidable.

c) Complemento de rúa: os redactores que habitual e diariamente realicen a súa xornada nas tarefas profesionais denominadas de rúa percibirán un complemento de 107,18 A/mes en concepto de gastos de representación, durante o ano 2005. Este complemento non se percibirá en caso de ILT ou xubilación, ten o carácter de non consolidable e non se computará para efectos de pagas e horas extraordinarias ou festas aboables.

-Días festivos aboables:

Incremento do 50% segundo o seguinte módulo:

Salario mensual (sal. base, antig., nocturn.; compl. conv.)x12=X+50%

360

-Horas extraordinarias:

Dadas as características da actividade da empresa, cando sexa necesaria a realización de horas extraordinarias, estas aboaranse cun incremento do 75% sobre o salario que corresponda a cada hora ordinaria, segundo a seguinte fórmula: cálculo hora ordinaria: soldo anual total (soldo base anual+antigüidade anual+pagas extraordinarias+complemento convenio anual+, de ser o caso, complemento nocturnidade anual) dividido entre o número de horas anuais traballadas.

Número de horas anuais traballadas=días laborablesx6.

-Pagas extraordinarias:

Aboaranse catro pagas extraordinarias: xullo, decembro, outubro e beneficios.

A contía das dúas primeiras será dunha mensualidade de salario base, complemento convenio, antigüidade, complemento de nocturnidade e complemento de libre disposición.

A paga de outubro ten carácter lineal e a súa contía fíxase en 578,14 A para 2005, para o persoal de xornada completa. O resto dos traballadores percibirán a parte proporcional correspondente á xornada.

A paga de beneficios aboarase no mes de febreiro. O seu importe consistirá no 8% sobre o salario ordinario, antigüidade, nocturnidade, libre disposición e titulación, percibido polo traballador nas doce mensualidades ordinarias do ano anterior e pagas extras de xullo e decembro.

-Revisión salarial.

Para o ano 2005, ano de vixencia deste convenio, isto é, para o período 1 de xaneiro a 31 de decembro de 2005, a retribución salarial e demais conceptos económicos incrementaranse segundo o IPC previsto (2%) con cláusula de revisión no caso de que o IPC oficial ao termo do ano supere o previsto máis un 0,25%. Así mesmo, para o ano 2005 establécese un transvase de 6 A de complemento convenio ao salario base, de tal forma que o primeiro se reducirá nesa suma, e o salario base incrementarase en igual contía.

Artigo 9º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase mediante domiciliación bancaria nunha ou máis contas que para o efecto designará cada traballador, así como a entrega das nóminas no posto de traballo por parte do responsable deste.

Todo o persoal da empresa que ao día da data estea percibindo a súa retribución salarial mediante talón bancario, poderá percibir as súas retribucións en metálico, na oficina bancaria ou de aforro que designe a empresa para tal fin.

Capítulo IV

Outros beneficios

Artigo 10º.-Xubilación.

Sen prexuízo de disposición legal sobre a materia, establécese a xubilación obrigatoria para todo o persoal que, con 65 anos cumpridos, teña cuberta a cotización necesaria para acadar o 100% da base reguladora para efectos da pensión da Seguridade Social.

Artigo 11º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se encontre en situación de baixa por ILT será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa, a partir do primeiro día desta, cunha cantidade que, sumada á prestación da Seguridade Social polo dito concepto, alcance o 100% do seu salario mensual fixo e continuo.

Artigo 12º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa contratará un seguro para todo o persoal desta, cunha garantía principal de 18.000 A, excepto no caso de que se declare o traballador en situación de incapacidade permanente total de enfermidade común, cuxa contía será a que se sinala na epígrafe da póliza. As condicións da póliza deberán ser as seguintes.

a) Falecemento: calquera que sexa a causa deste e lugar en que ocorra, a aseguradora pagará aos beneficiarios do asegurado falecido o capital garantido sobre a súa vida, sempre que siga pertencendo ao colectivo asegurado e de acordo coa O.M. de Fachenda do 24 de xaneiro de 1977, sen máis excepción que a morte por suicidio dentro do primeiro ano de vixencia da inclusión no grupo asegurado.

b) Incapacidade permanente absoluta: establécese un seguro complementario que garanta o pagamento do capital asegurado na garantía principal, no suposto de que o asegurado resulte declarado en situación de IP absoluta.

Para os efectos deste seguro enténdese por IP absoluta a situación física irreversible, provocada por accidente ou enfermidade, orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante de tal inaptitude deste, para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

Para os efectos deste seguro, enténdese por accidente toda lesión corporal debida á acción directa dun acontecemento exterior, súbito e violento, alleo á vontade do asegurado e que cause o seu falecemento dentro dun ano a partir da data en que sufriu tal lesión.

c) Dobre capital por morte accidental: por esta garantía o asegurador pagará un capital adicional e igual ao do seguro principal, no suposto de que o asegurado faleza a causa dun accidente.

d) Incapacidade permanente total derivada de enfermidade común: o traballador que cunha antigüidade mínima de dez anos na empresa sexa declarado en situación de incapacidade permanente total derivada de enfermidade común, por resolución firme, percibirá unha indemnización consistente no importe dunha mensualidade de salario base, máis o complemento de antigüidade, complemento de convenio e complemento nocturno, nas contías que percibise o traballador nese momento. Esta indemnización incrementarase tantas veces como períodos completos de cinco anos de servizo, que excedan dos dez iniciais.

Quedan excluídos dos beneficios deste artigo todos os traballadores que cumpran ou teñan cumpridos os 65 anos.

A nova contía pactada para seguro de vida e accidentes entrará en vigor ao mes seguinte da publicación deste convenio.

Artigo 13º.-Complementos por nupcialidade e natalidade.

Durante a vixencia deste convenio os traballadores que casen percibirán un complemento de nupcialidade de 175 A por unha soa vez.

Así mesmo, establécese un complemento de natalidade consistente na contía de 175 A para o período de vixencia do convenio.

Artigo 14º.-Bolsa de vacacións.

Establécese unha axuda por este concepto para paliar as vantaxes que poidan derivar do desfrute de vacacións nuns determinados meses de 2005.

Así, os traballadores que desfruten as súas vacacións nos meses de xaneiro, febreiro, marzo e novembro percibirán no momento destas unha gratificación de 117,63 A para o ano 2005. Se fosen os meses de abril, maio, outubro e decembro 80,16 A para o ano 2005 e se fosen de xuño ou setembro, 56,63 A para o ano 2005.

O persoal de repartición percibirá, calquera que fose o mes de desfrute das vacacións, a cantidade de 52,28 A para o ano 2005.

Capítulo V

Permisos

Artigo 15º.-Permisos retribuídos.

Ademais das condicións e supostos recollidos no Estatuto dos traballadores, todo o persoal terá dereito a 3 días anuais para asuntos propios que serán retribuídos. Estes días non se poderán acumular a vacacións, poderanse desfrutar sempre que o traballador poida ser substituído por un compañeiro e que non causen problemas na actividade da empresa.

A ausencia referida deberá ser avisada con antelación razoable, debendo en todo caso ser xustificada.

Artigo 16º.-Permisos non retribuídos.

Por razóns de estudo, todo traballador terá dereito a un permiso non retribuído por un período máximo dun mes ao ano, logo de informe do comité de empresa, sempre que se poidan manter os índices de produtividade e por parte do traballador se demostre o aproveitamento académico para o seu desfrute.

Igualmente o persoal terá dereito a un día anual de permiso non retribuído para asuntos propios nos termos e condicións previstas no artigo anterior.

Capítulo VI

Mobilidade funcional, xeográfica e modificación

das condicións de traballo

Artigo 17º

En materias de mobilidade funcional, xeográfica ou de modificación de condicións de traballo, aplicarase o legalmente previsto no Estatuto dos traballadores ou norma legal que o substitúa ou complemente.

Capítulo VII

Dereitos sindicais

Artigo 18º.-Dereitos sindicais.

Sen prexuízo de que nesta materia se observe o legalmente disposto no Estatuto dos traballadores, existirá un taboleiro de anuncios no cal o comité de empresa poderá inserir comunicacións; para este efecto dirixirán copia desta, previamente, á dirección da empresa ou do centro de traballo.

Capítulo VIII

Seguridade e hixiene

Artigo 19º.-Saúde no traballo.

A empresa proporcionará os informes que lle solicite o comité de empresa sobre as condicións do ambiente laboral.

Nos termos legalmente previstos, todo traballador nocturno terá dereito a ser trasladado a un posto de traballo diúrno cando se detecten problemas de saúde como consecuencia directa da realización do traballo nocturno.

Artigo 20º.-Revisión médica.

A empresa comprométese a lles xestionar aos traballadores, a través do Gabinete Provincial de Seguridade e Hixiene ou mutua patronal, se é o caso, as revisións médicas adecuadas aos riscos propios do seu posto de traballo, incluíndo un exame oftalmolóxico adecuado antes da súa adscrición a un posto de traballo con pantalla de visualización, ou unha vez xa adscrito, no suposto de que se queixasen de problemas visuais derivados dese traballo en pantalla. Os recoñecementos médicos que se practiquen serán específicos, e adecuaranse ás materias primas, aditivos ou postos de traballo que se manipulen ou utilicen no centro de traballo.

Todo traballador antes do seu ingreso na empresa será sometido a un exame médico xeral que determine a súa aptitude psicofísica para o desempeño do posto de traballo que vaia cubrir.

Os empregados que, a consecuencia do seu traballo, necesiten adquirir por prescrición facultativa mecanismos correctores da visión, poderán solicitar da empresa unha axuda económica graciable, ata un máximo de 75 A/anuais.

A empresa subscribirá coa entidade que corresponda un contrato de vixilancia da saúde dos traballadores.

Artigo 21º.-Rotulación de produtos químicos.

A empresa deberá ter rotulados aqueles produtos químicos que se utilicen no proceso produtivo, co fin de que os traballadores que os manipulen poidan coñecelos, sempre e cando tales produtos non viñesen rotulados xa da fábrica.

Capítulo IX

Cuestións varias

Artigo 22º

a) Os traballadores que leven vinte anos de permanencia continuada na empresa percibirán un pre

mio dunha mensualidade do seu salario real, outra igual aos trinta e outra da mesma contía aos corenta anos.

Ademais aqueles traballadores que polo menos teñan unha antigüidade de dez anos de servizos prestados na empresa, percibirán, cando cumpran a idade de 64 anos e continúen prestando servizos, un premio de constancia en contía única.

A contía deste premio será o importe dun mes de salario base, máis antigüidade, complemento de convenio e complemento nocturno; incrementarase tantas veces como períodos completos de cinco anos de servizos excedan dos dez iniciais.

b) Respectarase a tradición en materia de roupa de traballo.

Artigo 23º.-Concorrencia.

Os métodos de produción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa son datos exclusivos desta e non poden ser divulgados ou facilitados a terceiros. En consecuencia, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os traballadores non poderán colaborar noutros medios, axencias ou empresa que teñan actividades concorrentes ou competitivas coas propias de El Progreso de Lugo, S.L., de non mediar autorización escrita desta.

Artigo 24º.-Comisión interpretativa do convenio.

Estará formada por catro membros: dous polos traballadores e dous pola empresa.

Os dous representantes dos traballadores serán designados polo comité de empresa, entre os traballadores desta. En caso necesario poderán estar presentes asesores por ambas as partes.

Capítulo X

Clasificación profesional

Artigo 25º

Establécense na empresa os seguintes grupos profesionais:

-Redacción.

-Administración.

-Comercial.

-Informática.

-Talleres/oficios varios.

Dentro de cada grupo profesional establécense as seguintes categorías:

-Redacción:

a) Redactor xefe.

b) Xefe de sección.

c) Redactor.

d) Axudante de redacción.

e) Auxiliar.

-Administración:

a) Xefe de sección.

b) Xefe de negociado.

c) Oficial de primeira.

d) Oficial de segunda.

e) Auxiliar.

f) Secretaria.

-Comercial:

a) Xefe de sección.

b) Xefe de negociado.

c) Promotor de vendas.

d) Oficial de primeira.

e) Oficial de segunda.

f) Auxiliar.

-Informática:

a) Supervisor de informática.

b) Auxiliar.

-Talleres/oficios varios:

a) Xefe de sección.

b) Oficial de primeira preferente.

c) Oficial de primeira.

d) Oficial de segunda.

e) Oficial de terceira.

f) Corrector.

g) Atendedor.

h) Peón.

i) Subalterno.

j) Repartidor.

Artigo 26º

Considéranse polivalentes entre si os grupos profesionais de administración e comercial.

Considéranse polivalentes entre si todas as categorías de auxiliar, independentemente do grupo no que estean integradas.

Establécese a polivalencia entre as categorías de talleres/oficios varios, con aqueloutras dos diversos grupos que lles poidan ser afíns por razón dos cometidos que se realicen ou medios de traballo que se empreguen.

Artigo 27º

A inclusión no organigrama da empresa das categorías que se deixan descritas non supón obriga para a empresa de telas cubertas necesariamente.

A definición de categorías realízase en anexo ao presente convenio.

Artigo 28º.-Faltas e sancións.

-Réxime disciplinario.

I. Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección das empresas de acordo coa regulación de faltas e sancións que se especifica nos puntos seguintes.

II. Toda falta cometida por un traballador clasificarase atendendo á súa índole e circunstancias que concorran en leves, graves e moi graves.

III. A enumeración das faltas que a continuación se sinalan faise sen unha pretensión exhaustiva, polo que poderán ser sancionadas polas direccións das empresas calquera infracción da normativa laboral vixente ou incumprimento contractual, mesmo no caso de non estar tipificadas neste convenio.

1. Consideraranse como faltas leves:

A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a vinte minutos.

A inasistencia inxustificada ao traballo dun día durante o período dun mes.

A non comunicación coa antelación previa debida da inasistencia ao traballo por causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que iso non causase risco á integridade das persoas ou das cousas, en cuxo caso poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

Os descoidos na conservación do material, mobiliario, vestiario ou útiles que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioracións leves deste.

A embriaguez non habitual no traballo.

2. Consideraranse como faltas graves:

A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata sesenta minutos.

A inasistencia inxustificada ao traballo de dous a catro días durante o período dun mes.

O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do previsto na letra d do número 3.

A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída ao traballo.

A desobediencia ás ordes e instrucións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causaren avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas, en cuxo caso serán consideradas como faltas moi graves.

A falta de comunicación á empresa das deterioracións ou anormalidades observadas nos útiles, ferramentas, vehículos e obras ao seu cargo, cando diso derivase un prexuízo grave á empresa.

A realización sen o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado o para usos alleos aos do traballo encomendado, incluso fóra da xornada laboral.

O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

A embriaguez habitual no traballo.

A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afectar o proceso produtivo ou a prestación do servizo e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

As ofensas de palabra proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

3. Consideraranse como faltas moi graves:

A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano debidamente advertida.

A inasistencia inxustificada ao traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro as dependencias da empresa.

A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para a empresa.

A embriaguez habitual ou toxicomanía si repercute negativamente no traballo.

A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

A diminución voluntaria e continuada no rendemento do trabalo normal ou pactado.

O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

O acoso sexual.

A reiterada non-utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

As derivadas dos puntos 1.d) e 2.l) e m) deste artigo.

A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ao momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, mesmo de distinta natureza, durante o período dun ano.

-Réxime de sancións.

I. Corresponde á dirección da empresa a facultade de impoñer as sancións nos termos contidos neste convenio. As sancións máximas que poderán impoñerse en cada caso atendendo á gravidade das faltas cometidas serán as seguintes:

Por falta leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo ata tres días.

Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de catro a quince días.

Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días.

Rescisión do contrato con perda de todos os seus dereitos na empresa.

Para a imposición das sancións seguiranse os trámites previstos na lexislación xeral.

II. Sen prexuízo do estipulado anteriormente, os representantes dos traballadores poderán emitir informe nos casos de faltas graves ou moi graves e leves cando a sanción leve aparellada suspensión de emprego e soldo.

-Prescrición.

As faltas enunciadas neste convenio colectivo prescribirán:

As leves aos dez días da súa comisión.

As graves aos vinte días.

As moi graves aos sesenta días da súa comisión e, en todo caso, aos seis meses de cometerse.

-Disposicións derradeiras.

Primeira.-Delegados: aqueles traballadores das delegacións que, ademais do seu cometido específico, periodístico, administrativo ou comercial, desempeñan a representación da empresa, terán mentres tanto a denominación de delegado, percibindo por iso un complemento retributivo variable.

Tanto a condición de delegado, como o complemento que o retribúe, teñen carácter de non consolidable.

Segunda.-Cláusula de revisión salarial. Para o ano 2005: no suposto de que o IPC (índice de prezos ao consumo) establecido polo INE ao 31 de decembro de 2005 supere a porcentaxe do 2%, a empresa aboará a cada traballador a diferenza que exceda da dita porcentaxe.

ANEXO

* Grupo de redacción.

Busca, localiza, crea, redacta e elabora a información literaria ou gráfica do xornal.

-Redactor xefe: é o profesional que realiza todas as funcións propias do redactor e ademais, coordina a edición e a redacción literaria, informativa e gráfica, con responsabilidade ante o director; e estará facultado para lle asignar os traballos ao persoal de redacción.

-Xefe de sección: trátase do profesional que asume, baixo a dependencia directa da dirección do xornal, o mando e a responsabilidade dun sector de actividade previamente asignado pola dirección, tendo ao seu cargo un número de redactores, axudantes e auxiliares por determinar en cada caso, e realiza todos os labores propios dun redactor, e ademais, supervisa e coordina o traballo, a produción e a calidade destes.

-Redactor: é o profesional que realiza as tarefas inherentes á función de xornalista, efectuando traballos de tipo basicamente intelectual, utilizando aqueles medios propios e adecuados para tales traballos.

-Axudante de redacción: é o persoal que con certa iniciativa no seu cometido axuda á redacción tanto no exterior e interior, en todos os campos da sección.

-Axudante/auxiliar: é o persoal que auxilia a redacción tanto no exterior como no interior.

* Grupo de administración.

Quedan comprendidos no concepto xeral de persoal administrativo de oficinas, cantos, posuíndo coñecementos de mecánica administrativa, técnicos e contables, realicen habitualmente e principalmente aquelas funcións xerais recoñecidas polo costume como propias do persoal de oficina e despachos.

-Xefe de sección: comprende esta categoría o persoal que asume, baixo dependencia directa da dirección xeral, o mando e responsabilidade dun sector de actividade de tipo burocrático, tendo ás súas ordes e baixo a súa dirección o persoal deste grupo profesional.

-Xefe de negociado: inclúese nesta categoría o persoal que asume o mando e responsabilidade dun ou varios servizos en que se subdividen as actividades da sección, podendo ter persoal ás súas ordes.

-Oficial de primeira: son aqueles empregados cun servizo determinado ao seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade, con ou sen empregados ás súas ordes, executen, baixo a dependencia dun xefe, funcións administrativas. Terán esta consideración os que realicen algunhas das seguintes funcións: caixeiro de cobro e pagamento sen sinatura nin fianza; formula, calcula e estende as facturas en complexidade na súa formulación e cálculo; formulación e realización de estatísticas nas que interveñan cálculos de importancia; redacción de asentos contables; recapitulación de operacións de diarios múltiples; formulación de asentos en libros de contas correntes; redacción de correspondencia con iniciativa propia en asuntos que excedan en importancia os de mero trámite; verificación sen auxilio nin revisión dun superior das liquidacións e cálculos das nóminas de salarios ou haberes e seguros sociais.

-Oficial de segunda: son os empregados que con certa iniciativa efectúan operacións secundarias de estatística e contabilidade ou coadxuvantes destas, manexo de arquivos ou ficheiros, correspondencia sinxela e demais traballos similares.

-Auxiliar: considéranse como tales aqueles que realicen funcións auxiliares.

-Secretaria: ás ordes directas do persoal de alta dirección, auxilia a este en toda clase de tarefas administrativas e comunicación, con responsabilidades e iniciativa.

* Grupo de comercial.

A súa función consiste na captación, xestión e procesamento de publicidade e demais recursos económicos para a empresa, tales como venda de exemplares, etc.

-Xefe de negociado: inclúese nesta categoría o persoal que asume o mando e responsabilidade dun dos servizos en que se subdividen as actividades da sección.

-Promotor de vendas: é o persoal que ten como función a captación e xestión de publicidade e demais recursos económicos na rúa, principalmente.

-Oficial de primeira: é o persoal que, cun servizo determinado ao seu cargo, o desempeña con iniciativa e responsabilidade dentro da sección.

-Oficial de segunda: é o empregado que con certa iniciativa efectúa traballos dentro da sección.

-Auxiliares: considéranse como tales aqueles que realizan funcións auxiliares.

* Grupo de informática.

-Supervisor de informática: a súa función consiste en analizar, programar e manter os servizos informáticos da empresa.

-Auxiliares: considéranse como tales aqueles que realizan funcións auxiliares.

* Grupo de talleres/oficios varios.

Este colectivo está formado por persoal que con coñecementos de cada un deles realiza funcións de fotocomposición, montaxe, fotomecánica, corrección, impresión, peche e mantemento.

-Xefe de sección: baixo a dependencia directa da dirección da empresa, asume o mando e responsabilidade dun sector da actividade, podendo ter persoal ao seu cargo.

-Corrector: é o encargado das correccións ortográficas e tipográficas dos orixinais.

-Atendedor: é o operario que atende co orixinal á vista a lectura que realizan os correctores.

-Oficial de primeira preferente: é o persoal que ten ao seu cargo un servizo determinado nunha das seccións, desempeñándoo con iniciativa e responsabilidade, tendo ganada a súa distinción de preferente conforme a antiga ordenanza laboral do traballo en prensa.

-Oficial de primeira: é o persoal que ten ao seu cargo un servizo determinado nunha das seccións, desempeñándoo con iniciativa e responsabilidade.

-Oficial de segunda: é o persoal que ten ao seu cargo un servizo determinado nunha das seccións, desempeñándoo con certa iniciativa.

-Oficial de terceira: aquel persoal que ten como cometido auxiliar os anteriores.

-Peón: é o operario que executa traballos para os cales non se require ningunha preparación nin coñecemento teórico-práctico de ningunha clase.

-Subalterno: é o que realiza funcións que, sen seren propias de obreiros nin de administrativos, son as intermedias entre as inherentes a uns e outros co fin de facilitar o labor dos empregados e elementos directivos.

-Repartidor: é o que efectúa os encargos de entregar a domicilio as subscricións das publicacións.

-Persoal de aprendizaxe: segundo o Estatuto dos traballadores.

Táboa salarial (ano 2005)

CategoríasSalario

base

Complemento

convenio

Total

mensual

-Redacción:
Redactor xefe910,56436,551.347,12
Redactor xefe de sección875,38349,141.224,53
Redactor832,71195,061.027,76
Axudante de redacción736,14165,09901,23
Auxiliar650,22156,80807,02

-Administración:
Xefe de sección835,62248,041.083,65
Xefe de negociado793,96250,101.044,05
Oficial de primeira750,06211,04961,10
Oficial de segunda688,10155,26843,36
Auxiliar650,22156,80807,02
Secretaria736,97180,49917,46

-Comercial:
Xefe de sección835,62248,041.083,65
Xefe de negociado793,96250,101.044,05
Promotor de vendas750,06211,04961,10
Oficial de primeira750,06211,04961,10
Oficial de segunda688,10155,26843,36
Auxiliar650,22156,80807,02

CategoríasSalario

base

Complemento

convenio

Total

mensual

-Informática:
Supervisor informática784,41180,06964,47
Auxiliar650,22156,80807,02

-Talleres/oficios varios:
Xefe de sección786,75119,09905,85
Oficial primeira preferente734,96143,64878,60
Oficial primeira713,46132,92846,38
Oficial de segunda687,26139,85827,11
Oficial de terceira649,36141,41790,77
Corrector771,17111,75882,92
Atendedor687,23139,87827,10
Peón619,72154,49774,21
Subalterno619,72154,49774,21
Repartidor (2 horas)249,3916,70266,09