DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 25 de outubro de 2005 Páx. 17.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 18 de xullo de 2005 de aprobación definitiva do proxecto de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón (A Coruña) para a construción dun aparcadoiro subterráneo. (Expediente AC-04046).

O Concello de Padrón conta co Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 27-7-1994.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto de modificación.

O obxecto deste proxecto de modificación puntual é a cualificación dunha zona como praza cívica con aparcadoiro no subsolo, en parte dos terreos que

o plan vixente cualifica como equipamento socio-cultural, sanitario e deportivo.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 15-2-2005, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello o 28 de abril de 2005 acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no DOG do 18 de maio de 2005, co resultado da fase exposición pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 30 de xuño de 2005.

Revisado o documento da modificación para posibilitar a construción dun aparcadoiro subterráneo, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002, procede sinalar que foron emendadas as observacións contidas no anterior informe desta consellería.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e proteccion do medio rural de Galicia, e por proposta da Direccion Xeral de Urbanismo, desta misma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Padrón (A Coruña) para a construción dun aparcadoiro subterráneo, que fora aprobado provisionalmente polo concello o 30 de xuño de 2005.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e

46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda