DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Martes, 25 de outubro de 2005 Páx. 17.179

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de xullo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual 04-06 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Barco de Valdeorras (Ourense). (Expediente OU-04008-06).

1. O planeamento urbanístico vixente no municipio do Barco de Valdeorras (Ourense) é o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 27 de xuño de 2003 (desde agora PXOM).

2. A modificación tramitada ten por obxecto a ampliación dos camiños situados na zona de expansión do núcleo de Entona, que pasan dos actuais 8 m a ter un largo de 10 e 12 m no primeiro e último tramo, respectivamente.

3. De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1.g) da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (DOG nº 252 e 254, do 31 de decembro de 2002 e de 2004, respectivamente) (desde agora LOUGA), as alteracións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación. Nese aspecto, cómpre ter en conta, entre outros, os seguintes particulares:

a) Rematada a fase de elaboración da modificación, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello someteu o expediente a informe preceptivo (artigo 85.1º da LOUGA) da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitíndose o 29 de abril de 2004 en sentido favorable.

b) Deseguido, o Pleno da Corporación, en sesión do 3 de xuño de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios inseridos nos xornais La Voz de Galicia, os días 11 e 12 de xuño de igual ano, e La Región, os días 18 e 19 de iguais mes e ano, así como no número 128 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 5 de xullo do repetido ano e logo aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello na súa sesión do 2 de setembro de 2004.

c) Así mesmo, constan no expediente os informes favorables do arquitecto e secretario municipais emitidos o 31 de agosto de 2004.

4. De conformidade co disposto nos artigos 89 e 93 da LOUGA, as atribucións para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En mérito do dito anteriormente, e en consonancia co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual 04-06 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Barco de Valdeorras (Ourense) que fora aprobada provisionalmente polo concello de razón o 2 de setembro de 2004.

Artigo 2º

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenacion urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente no correspondente BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda