DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 538/2005, do 6 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade de treitos das estradas autonómicas PO-407 (treito: límite concello-PO-510) e PO-411 (treito: PO-510 a PO-407).

O 30 de abril de 2004 o concello de Salceda de Caselas aprobou a solicitude de cambio de titularidade de treitos das estradas autonómicas PO-407 e PO-411. O obxectivo do concello é levar a cabo unha ordenación xeral do tráfico no núcleo urbano.

En xullo de 2004 a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda informou positivamente estimando adecuado o cambio de titula

ridade da PO-411 (treito entre a PO-510 e a PO-407) e da PO-407, ampliando a proposta e comprendendo o treito: límite concello ata a PO-510, susceptible de cesión ao concello por estar incluída no anexo II do Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, facendo referencia a aquelas susceptibles de ser transferidas por non dar continuidade a itinerarios ou ser treitos antigos de estradas nas que se fixeron variantes de trazado. Finalmente a proposta foi aceptada polo concello.

O artigo 54 da Lei 4/1997, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que «as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos concellos respectivos».

Os treitos da PO-407 (treito: límite concello ata a PO-510) e a PO-411 (treito entre a PO-510 e a PO-407, previsto transferir, concorren as seguintes características: son treitos dunha estrada da que se construiu unha variante de trazado. Neles concorren elementos que denotan o seu carácter urbano ao estar beiradas de edificacións nunha parte importante do seu trazado e a existencia dunha alternativa viaria clara: estrada PO-510.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e, logo de deliberación da Xunta de Galicia, en reunión do día seis de outubro de dous mil cinco,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do concello de Salceda de Caselas dos treitos da PO-407 (treito: límite concello ata a PO-510) e a PO-411 (treito entre a PO-510 e a PO-407), sitos no termo municipal de Salceda de Caselas.

Artigo 2º

As estradas incorporaranse á relación de estradas de titularidade do concello de Salceda de Caselas como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Artigo 3º

Correspóndelle ao concello de Salceda de Caselas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Artigo 4º

A entrega das vías formalizarase, durante os dous meses seguintes á publicación deste decreto no Dia

rio Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes