DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 537/2005, do 6 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito sobrante da estrada AC-862 a prol do concello de Mañón.

En xullo de 2005 o concello de Mañón enviou á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda solicitude de autorización para levar a cabo traballos de rehabilitación na ponte metálica da ría do Barqueiro. A ponte forma parte dun sobrante da estrada AC-862 de 435 metros e que non dá continuidade a ningún itinerario posto que a ponte está fóra de servizo. En agosto de 2005 o Servizo de Estradas da Coruña informa da oportunidade de realizar un cambio de titularidade do sobrante a favor do concello de Mañón. Nese mesmo mes o concello solicita o cambio de titularidade e o Servizo de Estradas da Coruña infórmao favorablemente.

En setembro de 2005 a Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes tramitou informe estimando adecuado o cambio de titularidade do treito sobrante da estrada AC-862 de 435 metros, por non dar continuidade a ningún itinerario, servir exclusivamente aos tráficos locais e existir unha alternativa clara que si dá continuidade a un itinerario, atravesando a ría do Barqueiro; a AC-862.

O artigo 54 da Lei 4/1997, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, establece que «as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos que a circulación adquira características urbanas entregaranse aos concellos respectivos».

No treito antigo da AC-862 en Mañon, previsto transferir, concorren as seguintes características: é un treito dunha estrada da que se construiu unha variante de trazado. Non dá continuidade a ningún itinerario. Nel concorren elementos que denotan o seu carácter urbano no tocante ao tráfico que discorre pola zona. Existe unha alternativa viaria clara: a estrada AC-862.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por pro

posta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, en reunión do día seis de outubro de dous mil cinco,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do concello de Mañón do treito antigo da AC-862 en Mañón de 435 metros incluída a ponte sobre a ría do Barqueiro ata a beira situada na provincia de Lugo, que parte do p.k. 69+210 da AC-862, sito no termo municipal de Mañón.

Artigo 2º

A estrada incorporarase á relación de estradas de titularidade do concello de Mañón como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Artigo 3º

Correspóndelle ao concello de Mañón, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Artigo 4º

A entrega da vía formalizarase, durante os dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes