DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 26 de xullo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento de Burela (Lugo) relativa á apertura dun novo vial de acceso ao porto. (Expediente LU-02001).

1. O planeamento urbanístico vixente no municipio de Burela (Lugo) son as Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas definitivamente o 22 de abril de 1988 e posteriormente modificadas puntualmente en varias ocasións (desde agora NNSS).

2. A modificación tramitada ten por obxecto incorporar ao planeamento a previsión dun novo vial de acceso ao porto de Burela, afectando a terreos costeiros e a dous sectores de solo urbanizable (E e F), con reclasificación de parte dos terreos urbanizables e a alteración da delimitación dos ditos sectores. Así mesmo, implica a redución dunha zona verde que se compensa achegando outra superficie maior que se destina a espazo libre.

3. De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1.g) da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Diario Oficial de Galicia números 252 e 254, do 31 de decembro de 2002 e de 2004, respectivamente) (desde agora LOUGA), as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, sen prexuízo de que tamén deban cumprir as demais condicións e trámites que para o efecto prevé a dita lei en razón ás pretensións que conteñan. Nese aspecto, cómpre ter en conta, entre outros, os seguintes particulares:

a) Terminada a fase de elaboración da modificación, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello someteu o expediente a informe preceptivo (artigo 41.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia) da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitíndose o 28 de febreiro de 2002 con sinalamento de observacións ao proxecto daquela presentado, e que se ten por cumprido co contido do actual documento aprobado provisionalmente.

b) De seguido, o Pleno da Corporación, en sesión do 12 de abril de 2002, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados na prensa así como no nº 95 do BOP de Lugo e no nº 85 do Diario Oficial de Galicia correspondentes ao 26 de abril e 3 de maio de 2002, respectivamente, co resultado que figura no expediente, e despois aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello na súa sesión do 22 de xullo de 2005.

c) Constan no expediente a emisión dos seguintes informes sectoriais: da Xerencia de Urbanismo e Patrimonio de FEVE, do 20 de maio de 2002; da xefa do Servizo de Usos do Litoral e o da Dirección Xeral de Recursos Mariños, ambos da Consellería de Pesca, do 24 e 27 de marzo de 2003, respectivamente; da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, do 29 de maio de 2003, e do enxeñeiro xefe da Unidade de Estradas en Lugo da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento), do 17 de xaneiro de 2005. Así mesmo, constan os informes desta consellería xa realizados, do 28 de febreiro de 2002 e do 18 de febreiro de 2003, e a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 25 de maio de 2005.

d) A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, logo dos seus informes do 18 de febreiro de 2003 e 18 de marzo de 2005, na súa sesión do 19 de xullo do ano que corre acordou emitir informe favorable do expediente para os efectos do previsto no artigo 94.4º da LOUGA.

4. De conformidade co disposto nos artigos 93º e 94.4º da LOUGA, a competencia para a aprobación definitiva das modificacións do planeamento que comporten unha alteración das zonas verdes ou espazos libres públicos, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, como anteriormente se recolle, para o caso que nos ocupa foi emitido na súa sesión do 19 de xullo de 2005.

En mérito do dito, e en consonancia co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, así como por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data, dispoño:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento de Burela (Lugo) relativa á apertura dun novo vial de acceso ao porto que fora aprobada provisionalmente polo concello de razón o 22 de xullo de 2005.

Artigo 2º

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenacion urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente no correspondente BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de

Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES