DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.116

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 12 de xullo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castro Caldelas (Ourense) na zona do Toural. (Expediente: OU-04013).

1. O municipio de Castro Caldelas conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (desde agora PXOM) aprobado definitivamente o 19 de maio de 1999.

2. A modificación que se informa ten por obxecto intercambiar a cualificación dunha zona verde a dotacional e, á súa vez, outra dotacional a zona verde, de tal xeito que, tendo ambas as dúas zonas unhas características semellantes, manteñen as mesmas superficies que as que actualmente determina o dito PXOM. A modificación ten por finalidade posibilitar a construción do futuro cuartel da garda civil nuns terreos cedidos polo concello para albergar a dita edificación.

3. De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1.g) da vixente Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 252 e 254, do 31 de decembro de 2002 e de 2004, respectivamente) (desde agora Louga), as alteracións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que, consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, sen prexuízo de que tamén deban cumprir as demais condicións e trámites que para o efecto prevé a dita lei en razón ás pretensións que conteñan. Nese aspecto, cómpre ter en conta, entre outros, os seguintes particulares:

a) Terminada a fase de elaboración da modificación, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello someteu o expediente a informe preceptivo (artigo 85.1º da Louga) da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, emitíndose o 29 de xullo de 2004 con sinalamento de observacións, e que se ten por cumprimentado co contido actual do expediente aprobado provisionalmente.

b) Deseguido, o Pleno da Corporación, en sesión do 18 de setembro de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación que, posteriormente foi sometida a información pública polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados nos xornais La Región e La Voz de Galicia, os días 18 e 19 de outubro dese ano, así como no nº 202 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao citado día 18 de outubro, sen que fosen presentadas alegacións, e logo aprobada provisionalmente polo Pleno do concello na súa sesión do 27 de novembro de 2004.

c) Así mesmo, atópanse no expediente os informes favorables da arquitecta asesora e do secretario

municipais, emitidos o 9 e 13 de setembro de 2004, respectivamente.

d) A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 9 de xuño de 2005, emitiu informe favorable da modificación para os efectos do disposto no artigo 94.4º da Louga.

4. De conformidade co disposto nos artigos 89, 93 e 94.4º da Louga, as atribucións para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento que comporten unha alteración das zonas verdes ou espazos libres públicos, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, como anteriormente se recolle, para o caso que nos ocupa foi emitido na súa sesión do 9 de xuño de 2005.

Por canto antecede, e en consonancia co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, así como por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data, dispoño :

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o expediente da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castro Caldelas (Ourense) na zona do Toural que fora aprobado provisionalmente polo concello de razón o 27 de novembro de 2004.

Artigo 2º

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modificación aprobada definitivamente no correspondente BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda