DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de xullo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Quiroga (Lugo) en Rego da Silva e A Ribeira. (Expediente LU-03012).

O Concello de Quiroga conta cunhas unas normas subsidiarias de ámbito municipal aprobadas definitivamente o 21 de marzo de 1995.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación puntual.

Trata o proxecto dun cambio de cualificacións no núcleo urbano de Quiroga, cos obxectivos seguintes:

a) Obter solo urbano edificable para vivendas sociais promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo na zona de Rego da Silva no solo urbano de Quiroga.

b) Cualificación de novo equipamento en ampliación de zona verde na Ribeira situada na zona de extensión de Quiroga, na estrada LU-623.

Modificación en Rego da Silva

Trátase dunha parcela de solo urbano de 1.946 m, que actualmente ten a cualificación de dotacional coa seguinte intensidade:

-Edificabilidade: 1,5 m/m.

-Número de plantas: 4

-Ocupación: 50%.

Preténdese pasar esta parcela a uso residencial, cunha ordenanza específica de tipo aberto para vivendas sociais con catro plantas (B+3) e cun volume no que se producen recuamentos, non menores de 8 metros, respecto das rúas perimetrais e do lindeiro leste.

O resultado é a supresión desta área dotacional e o seu traslado á zona da Ribeira e un incremento da intensidade do uso residencial no solo urbano de 3.146 m.

Modificación na Ribeira.

Nesta zona existe un espazo libre de 4.200 m clasificado como solo urbano polo planeamento vixente.

Preténdese ampliar a dita zona ata 8.440 m, nuns terreos clasificados como solo urbano (1.810 m) e como solo rústico normal (8.440 m, situados na ribeira do río Quiroga). Dado que os terreos situados en solo rústico actualmente teñen a cualificación de solo rústico normal, por aplicación do artigo 32 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (desde agora Louga), pasan a ter a cualificación de solo rústico de protección de augas por atoparse dentro da zona de policía do dito río Quiroga.

Defínese nesta zona unha área de 2.374 m cualificada como equipamento e situada en solo urbano, así como un espazo de aparcadoiro público de 344 m.

Dado que se produce un incremento da intensidade residencial de 3.146 m con respecto da prevista no plan vixente, e en atención do disposto nos artigos 47.2º e 94.3º da Louga, increméntanse as dotacións públicas nas contías legalmente requiridas.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na súa sesión do 17 de decembro de 2004 e por aplicación do establecido no artigo 94.3º da Lei 9/2002, informou favorablemente a presente modificación con dúas condicións que foron cumprimentadas nos tres exemplares enviados polo concello e datados en marzo de 2005.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Louga, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxei

taranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data do 19 de decembro de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello, na súa sesión do 2 de abril de 2004, aprobou inicialmente a modificación, que posteriormente foi sometida a información pública mediante anuncios publicados nos xornais El Progreso, os días 16 e 17 e de abril de 2004, e La Voz de Galicia, os días 21 e 22 de iguais mes e ano, así como no número 90 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 11 de maio de igual ano, co resultado da fase de información pública que consta no expediente. Tras iso, foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello o 1 de outubro de 2004.

Constan, así mesmo, os informes municipais xurídico e técnico do 1 de abril e 5 de maio de 2004, respectivamente.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Aprobar definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal de Quiroga en Rego da Silva e A Ribeira que está contida no proxecto, datado en marzo de 2005, presentado polo concello de razón.

Artigo 2º.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP de Lugo.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda