DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 24 de outubro de 2005 Páx. 17.114

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de xuño de 2005 pola que se outorga a aprobación definitiva ao proxecto de modificación puntual das NSP para establecer novas aliñacións na rúa A Pena e ordenar volumes nas parcelas situadas no seu encontro coa rúa José Salgado, no núcleo urbano do concello de Caldas de Reis. (Expediente PO-04031).

O Concello de Caldas de Reis conta con normas subsidiarias de Planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola CPU con data do 5-7-1995.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación.

O obxecto do presente proxecto é un cambio nas aliñacións dunha banda da rúa A Pena, para evitar un estreitamento dela, producido pola construción de edificios de vivendas non axustadas á aliñación oficial.

O obxecto da modificación dá cumprimento ao artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 29-3-2005, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do concello o 29-4-2005 acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no Diario Oficial de Galicia do 6-5-2005, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do concello o 10-6-2005.

Revisado o documento relativo á modificación puntual das NSP para establecer aliñacións na rúa A Pena e ordenar volumes nas parcelas situadas no seu encontro coa rúa José Salgado, no núcleo urbano, e analizados os aspectos sinalados no artigo 85.7º da Lei 9/2002 LOUG, procede sinalar que, no que se refire ás competencias desta consellería, non se atopan impedimentos para a modificación que se pretende.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data, dispoño:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das NSP para establecer novas aliñacións na rúa A Pena e ordenar volumes nas parcelas situadas no seu encontro coa rúa José Salgado, no núcleo urbano do concello de Caldas de Reis.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2005.

Alberto Nuñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda