DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Mércores, 19 de outubro de 2005 Páx. 16.884

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2005, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo da empresa Inversiones Deportivas Orensanas, S.A., para os anos 2005 e 2006.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Inversiones Deportivas Orensanas, S.A. (código de convenio número 3200833), para os anos 2005 e 2006, subscrito en representación da parte económica, polo representante da empresa e pola parte social, polo delegado de persoal e a central sindical Comisións Obreiras o 18 de abril de 2005, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (UMAC).

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 21 de abril de 2005.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa

Inversiones Deportivas Orensanas, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Afectará a todo o persoal do grupo de empresas Inversiones Deportivas Ourensanas, S.A., sempre e cando non lle sexa de aplicación outro convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A duración deste convenio será desde o 1-1-2005 ata o 31-12-2006. Os efectos económicos serán desde o 1 de xaneiro de 2005. Todo isto con independencia do seu rexistro pola autoridade laboral e publicación no BOP.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ao non o denunciar calquera das partes con antelación mínima de tres meses respecto á data da súa terminación, entendéndose como denuncia válida a efectuada por escrito certificado segundo o previsto no Estatuto dos traballadores. A negociación deste efectuarase ao mes seguinte do seu vencemento.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Por seren condicións mínimas as establecidas neste convenio, deberán respectarse as que veñan gozando os traballadores ou as que pudiesen ser incrementadas por disposición legal, regulamentaria ou costume. Cando resultan máis beneficiosas para o traballador, respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan deste convenio, manténdose estritamente ad personam.

Capítulo II

Xornadas, horarios, horas extras, descansos

diarios, semanais e vacacións

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada máxima de traballo para o persoal para este convenio será de 40 horas semanais. O persoal a xornada continuada terá unha xornada de 37,5 horas semanais. Na xornada continuada computarase a media hora de comida como xornada efectivamente traballada.

Artigo 5º.-Horarios.

A elaboración e fixación de horarios de traballo será de común acordo entre a empresa e os traballadores, a través dos seus delegados de persoal ou comités de empresa.

a) Os devanditos cadros horarios deberán estar expostos en lugar visible, debendo estes sinalar a hora de entrada e saída, descanso diario e semanal e horarios das quendas.

b) Os cadros horarios deberán estar permanentemente expostos en sitios visibles no centro de traballo.

c) Tales cadros horarios teñen que estar de conformidade co establecido no artigo 4 deste convenio, en canto a xornada máxima.

d) Os empresarios virán obrigados a fixarlles un horario especial aos traballadores que realicen cursos de formación profesional, para os efectos de que sexa posible asistir aos citados cursos.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada de traballo aboarase cun incremento do 100% sobre o salario que corresponda a cada hora de traballo individual, de acordo coa táboa de salarios anexa ao presente convenio.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 2 ao día, 15 ao mes e 80 ao ano, así como as limitacións impostas para o efecto pola lexislación en cada momento.

Artigo 7º.-Descanso diario.

Entre a terminación dunha xornada e o comezo doutra deberá existir un intervalo como mínimo de 12 horas.

Artigo 8º.-Descanso semanal.

Os traballadores terán dereito a un descanso semanal mínimo de día e medio ininterrompido, e ateranse para o seu goce ao establecido na lexislación vixente.

Artigo 9º.-Festas aboables e non recuperables.

Se por necesidade do servizo e logo de acordo entre o traballdor e a empresa se traballase en día festivo, aboarase da seguinte forma:

a) Se o traballador opta por que se lle compense economicamente o día traballado, deberá percibir o 150% do salario correspondente ao devandito día.

b) Se opta polo descanso compensatorio, terá dereito a día e medio ininterrompido, dentro da mesma semana en que coincida o devandito día.

c) O traballador, ao que o seu descanso semanal lle coincida festivo, terá dereito a outro día de descanso na mesma semana. Para todos os efectos o día 29 de xullo, 24 e 31 de decembro considéranse festivos.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións para o persoal afectado por este convenio será de 30 días naturais ininterrompidos.

Durante as vacacións o traballador percibirá con cargo á empresa o salario real correspondente á súa categoría profesional. Os traballadores que na data determinada para o seu goce das vacacións non completasen o ano de servizo na empresa ratearase polo tempo traballado. Durante as vacacións anuais, o traballador percibirá con cargo á empresa o salario correspondente á súa categoría profesional, sendo estas retribuídas a salario real.

En cada empresa elaborarase un cadro de vacacións conforme establece a lexislación vixente, é dicir: nos tres primeiros meses do ano, no que se exporá o período de vacacións para gozar por cada traballador, ou grupo de traballadores, intentando que sexan rotativas.

Capítulo III

Enfermidade, licenzas, excedencias

e servizo militar

Artigo 11º.-Enfermidade.

No caso de enfermidade do traballador, a empresa está obrigada a satisfacer o complemento necesario

para que, computando o que perciba con cargo á Seguridade Social, por prestación económica de IT alcance o 100% do salario establecido neste convenio.

A empresa reserva para si o dereito a recorrer ante a inspección médica para verificar a autenticidade de calquera baixa por IT.

Artigo 12º.-Licenzas.

As empresas afectadas por este convenio concederán as licenzas retributivas que soliciten os traballadores tras o aviso e xustificación e polas causas e prazos que a continuación se consignan:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por falecemento de fillos: cinco días naturais.

c) Por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade: tres días naturais. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días naturais.

d) Por asistencia a exames, o tempo necesario requirido por estes quedando o traballador obrigado a xustificar tal circunstancia e duración daqueles.

e) Por traslado de domicilio habitual: dous días naturais.

Artigo 13º.-Excedencia.

Establécese a situación de excedencia voluntaria para o persoal afectado por este convenio, sendo preciso para gozar tal beneficio levar ao servizo da empresa máis de dous anos. A permanencia na situación de excedencia á que se refire o parágrafo anterior, non poderá ser inferior a tres meses, nin superior a cinco anos, concedéndose esta por unha soa vez.

Causarase baixa na empresa, definitivamente, no caso de que finalizada a excedencia non solicite o traballador o reingreso por escrito cun mes de antelación ao vencemento desta.

No caso de solicitar o reingreso das excedencias de igual categoría profesional, terá preferencia o que teña maior antigüidade na empresa. O traballador en excedencia non se poderá ocupar en ningún centro de traballo que desenvolva a súa actividade en iguais ou similares características ás da súa profesión.

Durante o período de excedencia non percibirá soldo ningún.

Artigo 14º.-Servizo militar.

Os traballadores durante o servizo militar terán reservado o seu posto de traballo entendéndose esta reserva ata os dous meses do seu licenciamento. Os traballadores que no momento da súa incorporación ás filas leven dous anos de servizos na empresa, percibirán a gratificación extraordinaria que lles corresponda aboar despois da súa incorporación, xa sexa o mes de xullo ou decembro.

Artigo 15º.-Axuda por xubilación.

Todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar á situación de invalidez permanente, con máis de 5 anos de servizos, percibirá desta o equivalente ás seguintes cantidades:

Aos 5 anos de servizo na empresa: dúas mensualidades.

Aos 10 anos de servizo na empresa: seis mensualidades.

Estas gratificacións percibiranas tanto o home como a muller, segundo o caso se o traballador falecese antes de se xubilar e xa cumpridos os 55 anos, ou levase dez anos de servizo initerrompidos na empresa, no momento da súa morte e no seu lugar os orfos de menos de 18 anos ou de máis se están incapacitados para o traballo.

Artigo 16º.-Códigos de condutas.

As relacións laborais na empresa discorrerán en todo momento polo camiño da igualdade, mutuo respecto e diálogo. O traballador obedecerá as ordes que lle correspondan á súa específica categoría profesional dentro do seu horario de traballo, salvo aqueles casos que fosen excepción.

Artigo 17º.-Ascensos.

Os ascensos de categoría profesional produciranse tendo en conta a formación e a antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 18º.-Cesamentos, prazos e aviso previo.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente dos seus servizos na empresa, veranse obrigados a poñelo en coñecemento desta por escrito ou a través do delegado sindical ou comité de empresa, cumprindo un prazo de 15 días de aviso previo.

O incumprimento do traballador da obriga de avisar previamente coa mencionada antelación daralle dereito á empresa a descontar da liquidación desta o salario dun día por cada día de atraso.

Capítulo IV

Aprendizaxe

Artigo 19º.-Conceptos.

Os traballadores en calidade de aprendizaxe ligados á empresa, en virtude do contrato especial, polo cal esta á vez que utiliza o traballo do que aprende, obrígase a ensinarlle o oficio correspondente.

A aprendizaxe, que será sempre retribuída, dará lugar a un contrato especial que se rexerá, tanto no seu contido como na súa forma, e nas obrigas respectivas de cada unha das partes, respectivamente, ademais de polo regulado nas disposicións legais, polas seguintes condicións:

a) O número de horas de traballo á semana non poderá ser superior a 35 horas repetidas en 7 diarias durante 5 días.

b) Non poderán realizar horas extraordinarias.

c) A xornada de traballo non poderá comezar antes das 9.00 da mañá, nin terminar despois das 22.00 horas, polo que non poderán realizar traballo nocturno.

d) A xornada de traballo será continuada con interrupción de 30 minutos á comida.

e) As tarefas encargadas a estes traballadores serán exclusivamente as pertinentes á categoría profesional para a que se están preparando.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 20º.-Retribucións.

As retribucións de persoal afecto por este convenio serán as da táboa de salarios anexo.

Serán de obrigado cumprimiento para todos os traballadores afectados polo convenio con independencia da súa modalidade de contratación, incluídas aquelas contratacións que expresamente sexan realizadas a través das empresas de traballo temporal, as cales e para o persoal afectado por este convenio deberán fixar estes salarios no documento contractual que formalicen coas empresas.

Artigo 21º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase dentro da xornada laboral.

Artigo 22º.-Anticipos.

O traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do seu salario sen que poidan exceder do 80% do salario ao que ten dereito a percibir.

Artigo 23º.-Recibos de salarios.

Todas as empresas afectadas polo este convenio quedarán obrigadas a entregarlles aos seus traballadores no momento de aboarlle os seus salarios un recibo (do modelo oficial) en que consten con toda claridade os seguintes datos:

a) Os datos da empresa e os profesionais do traballador.

b) O período de tempo que se paga, a cantidade total e real en euros gañados polo traballador, con especificación de todos e cada un dos conceptos polos que se cobra.

Os recibos de salarios téñense que referir a meses naturais concretos. Se a empresa paga por semanas, quincenas ou calquera outro período inferior ao mes, estas cantidades consignaranse como anticipos.

Artigo 24º.-Salario base.

O salario bruto base anual para os traballadores/as afectados/as por este convenio desde a súa vixencia, a partir do 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2006, será a da táboa salarial anexa, que representa unha suba salarial do 3,7% para os traballadores/as que ata o inicio da vixencia tiñan un salario inferior a 600 A e do 3,2% para aqueles que o salario lles é superior a 600 A, excepto a categoría do xerente.

Para o ano 2006 e desde o 1 de xaneiro, aplicarase unha suba salarial equivalente ao IPC oficial o 31 de decembro de 2005 máis o 0,5% para aqueles traballadores/as con salario inferior á 600 A, e do IPC oficial para os que teñan un salario superior a 600 A.

Artigo 25º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servizo consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5% sobre o salario base.

Artigo 26º.-Complementos de posto de traballo.

O traballador que desempeñe unha praza de categoría superior, percibirá o salario correspondente á mencionada categoría. Se o desempeño de tal actividade fose continuado durante tres meses ou alterno durante seis, o traballador consolidará o salario correspondente á citada categoría, tras a reclamación ante a empresa. Se por exixencia no traballo, sempre con carácter transitorio urxente e non reiterativo, se destinase a un traballador a tarefas pertencentes a categorías profesionais ás que non estea adscrito, conservará a retribución correspondente á súa categoría. En todo caso respectarase a orde xerárquica profesional para adscribir o traballador de categoría inferior, sempre e cando non constitúa represalias, discriminación, tratos vexatorios ou ofensivos.

Artigo 27º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento e aumentos periódicos por ano de servizo.

Estas pagas serán aboadas: a paga do verán, antes do 20 de xullo, a paga de Nadal antes do 20 de decembro e a paga de beneficios antes do 21 de marzo.

O importe das referidas gratificacións seá rateado en proporción ao tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Artigo 28º.-Complementos en especie.

Todo o persoal que antes desta data teña dereito a este complemento seguirá gozándoo.

Artigo 29º.-Gratificación de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10.00 horas da noite e as 6.00 da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno, en todo ou en parte, pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada, como mínimo, nun 25% sobre o salario base.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

Anualmente as empresas subministrarán como mínimo a todos os seus traballadores un uniforme completo, sempre que se lles exixa a súa utilización.

Artigo 31º.-Contratación.

En prol de contribuír a darlle estabilidade ao emprego, as partes asinantes deste convenio comprométense a fomentar a contratación indefinida, como norma xeral baseándose nas novas modalidades de contratación.

Non obstante, ao ser este un sector cunha problemática específica, propoñemos os seguintes modelos de contratación:

a) Contratos de formación. O contrato terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio ou dun posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderanse realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos, cunha duración mínima de 6 meses e prorrogables ata un máximo de 3 anos.

O período de formación será do 15% da xornada máxima prevista no convenio, que poderá ser impartida dunha soa vez ao inicio do contrato.

O salario de contratación destes traballadores será igual ao 75%, 85% e 95% do salario base da categoría para o que son contratados, durante o primeiro, segundo e terceiro ano, respectivamente, da vixencia do contrato. A aplicación deste salario será para os contratos formalizados a partir da entrada en vigor deste convenio ou da súa publicación no BOP.

b) Cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o exixiran, aínda tratándose de actividade normal da empresa, os contratos de traballo concertados de acordo co establecido no artigo 15, LB do Estatuto dos traballadores e os artigos I.B e 3 do Real decreto 2546/1994, terán unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Poderán acollerse ao disposto nesta disposición tanto nos contratos pactados desde a publicación deste convenio como aqueles que estean xa en vigor na data de xubilación do presente convenio e aínda non esgotaron a súa duración.

De formalizarse por tempo inferior ao citado de 13 meses e medio, poderán facerse prórrogas ata completar a totalidade do tempo de 13 meses e medio.

Disposición adicional

Única.-Comisión mixta.

Constitúese unha comisión mixta paritaria formada por dous representantes da parte social e dous da parte empresarial, así como os asesores que as partes xulguen oportuno, que terán voz pero non voto.

Serán funcións desta comisión:

a) Interpretación do convenio.

b) Arbítrase das cuestións e problemas do convenio sometidos á súa consideración por calquera das partes.

c) Intervención nos conflitos colectivos.

d) Vixilancia e cumprimento do pactado.

ANEXO

Táboa salarial

CategoríasEuros

Xerente1916,37

Monitor de tenis1315,71

Recepcionista 181007,75

Recepcionista 28599,66

Monitor pis. ximn.847,10

Monitor muscular719,12

CategoríasEuros

Oficial 18683,20

Mantemento645,52

Monitor Ae.599,66

Celador584,94

Encargado867,91

Encargado xeral928,80

Cociñeiro749,70

Camareiro727,73