DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 18 de outubro de 2005 Páx. 16.762

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Pola súa vez, o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, fixa a estrutura orgánica dos seus departamentos. No que atinxe a Consellería de Traballo, procede o desenvolvemento da súa estrutura orgánica básica ata o nivel de xefatura de servizo, distribuíndo as funcións que ten asignadas de xeito que permita o seu exercicio coa máxima eficacia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Traballo, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Traballo é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española, o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais, seguridade e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social, sen prexuízo das competencias doutras consellerías nestas materias.

Artigo 2º

1. A Consellería de Traballo, para o cumprimento das súas funcións, contará coa seguinte estrutura orgánica:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

IV. A Dirección Xeral de Formación e Colocación.

V. A Dirección Xeral de Relacións Laborais.

VI. As delegacións provinciais.

2. Queda adscrito á Consellería de Traballo o Consello Galego de Relacións Laborais, creado pola Lei 7/1988, do 12 de xullo.

1. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter desempeña e exerce as atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría Xeral.

Artigo 4º

Un.-A Secretaría Xeral exercerá as funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con todas as unidades e servizos dependentes da Consellería de Traballo, así como as que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación do titular da consellería.

Dous.-A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas funcións, estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

Con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as funcións de prestarlle asistencia ao secretario xeral en cantos asuntos lle encomende, así como a súa suplencia en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

É a unidade encargada de elaborar o borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, a xestión da contratación administrativa e económica e as funcións relativas aos sistemas ou procesos informáticos da consellería.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento, así como a proposta e xestión das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos.

-A elaboración das instrucións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica.

-Levar o inventario de bens mobles e inmobles adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

-Xestionar os asuntos xerais, tales como mantemento de instalacións, vehículos adscritos á consellería, control do material de oficina e calquera outra función relativa á xestión económica e orzamentaria.

1.2. Servizo de Contratación e Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión dos expedientes de contratación que sexan competencia da consellería.

-Seguimento e control da execución de todos os contratos.

-O desenvolvemento das funcións de supervisión dos proxectos respecto das obras que realice a consellería.

1.3. Servizo de Informática.

Corresponderanlle, sen prexuízo das competencias que en materia informática ten atribuídas a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o exercicio das seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecanizar os sistemas de información da consellería.

-Estudo, seguimento, informe e proposta sobre plans xerais de informatización, así como a súa coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico.

-Xestionar as bases de datos, redes e sistemas informáticos.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal, con especial referencia á implantación, revisión e auditoría dos documentos de seguridade exixibles no eido xeral da consellería.

-Calquera outra función relativa a sistemas ou procesos informáticos da consellería.

2. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

É a unidade encargada da coordinación dos servizos de carácter xeral, xestión de persoal da consellería, a dirección e coordinación dos asuntos de réxime interno, organización do rexistro xeral, velar polo sistema de xestión dos procedementos administrativos, así como a coordinación dos estudos e publicacións da consellería e outros asuntos que lle atribúa o secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Persoal.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes administrativos relativos ao persoal funcionario e laboral dependente da consellería, a súa custodia e arquivo.

-A xestión e tramitación da nómina.

-A elaboración e actualización da relación de postos de traballo do persoal funcionario e laboral da consellería.

-A tramitación dos expedientes de incompatibilidade do persoal da consellería.

-Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral da consellería e do seu arquivo.

-Control da asistencia e puntualidade.

-A tramitación das reclamacións e recursos en materia de persoal e a tramitación de expedientes disciplinarios.

2.2. Servizo de Estudos e Publicacións.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A organización e a xestión dos fondos documentais e bibliográficos da consellería.

-A coordinación das publicacións e as funcións relativas ao plan de publicacións da consellería.

-A información xeral e difusión das publicacións da consellería en soporte papel, telemático e audiovisual.

-A coordinación das aplicacións estatísticas da consellería.

-A elaboración de memorias, estudos e informes.

3. Servizo Técnico Xurídico.

Baixo a dependencia directa do secretario xeral, corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral, a elaboración das compilacións e a proposta de refundicións das normas emanadas da consellería.

-O estudo, preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

-A tramitación dos expedientes sobre bens demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da consellería.

-O exercicio das funcións que a consellería teña encomendadas en relación coas fundacións de interese galego sobre as que lle corresponda exercer o protectorado.

-O estudo, tramitación e formulación de propostas de resolución de recursos ou reclamacións interpostas contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería e, en xeral, a elaboración de estudos e informes que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo secretario xeral.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos ditados polos órganos da consellería.

Tres.-Integradas organicamente na Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existen as seguintes unidades administrativas:

1. Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 5º

Un.-Correspóndelle o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de fomento do emprego nas empresas e nas entidades de eco

nomía social, así como no eido da colaboración coas administracións e institucións públicas e con entidades sen ánimo de lucro. Así mesmo, levará a cabo a programación, seguimento, control e, se é o caso, a xestión das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

Respecto dos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral, corresponderalle coordinar a súa xestión, supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Correspóndelle tamén a elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Promoción do Emprego estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores.

Levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación e control dos programas de fomento do emprego correspondentes á incentivación da contratación por conta allea e o apoio ao autoemprego, ao emprego en entidades de economía social e nas iniciativas empresariais no ámbito local e rural, aos programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade en coordinación co departamento competente en materia de igualdade e benestar, así como das accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego e a elaboración das estatísticas correspondentes.

1.1. Servizo de Programación e Xestión.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas e accións para o fomento da contratación por conta allea, a coordinación dos labores de difusión, formación e información correspondentes aos programas e daqueloutras actividades que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

1.2. Servizo de Apoio a Emprendedores.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas e accións de apoio a emprendedores, ao emprego en entidades de economía social e á iniciativa empresarial no ámbito local e rural, a coordinación dos labores de difusión, formación e información, asesoramento a emprendedores e empresas familiares e Pemes e daqueloutros que se lle asignen dentro da súa área funcional, así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2. Subdirección Xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación.

Levará a cabo as funcións de programación, coordinación, execución, seguimento, propostas e avaliación, control e, se é o caso, a xestión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, dos de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutros programas de cooperación competencia da dirección xeral. Exercerá, así mesmo, esas funcións en relación coas accións correspondentes ao seu ámbito competencial recollidas nos plans de emprego.

2.1. Servizo de Xestión de Escolas Obradoiro.

A este servizo corresponderalle a xestión técnica dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, a elaboración de estatísticas relativas aos mesmos e a execución, control e avaliación, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

2.2. Servizo de Programas de Cooperación.

A este servizo corresponderalle a xestión técnica dos programas de promoción do emprego no ámbito local e daqueloutras accións e programas de cooperación competencia da subdirección xeral; así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

3. Servizo de Administración e Xestión.

A este servizo corresponderalle a planificación, coordinación e seguimento da xestión económica da dirección xeral e a administración dos programas de xestión centralizada e, especialmente, dos experimentais que xurdan nos plans de emprego e que sexan da competencia dela; así como a elaboración de estatísticas relativas a eles e a execución, seguimento contable e xustificación das partidas orzamentarias correspondentes.

IV. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 6º

Un.-Corresponderalle a esta dirección xeral o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación ocupacional e formación continua e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral, así como a estatística, a análise e a prospectiva do mercado de traballo. Así mesmo, exercerá as funcións de execución relativas ao cumprimento das obrigas de empresarios e traballadores e, se é o caso, a potestade sancionadora nas materias relativas ao emprego e desemprego.

Desenvolverá tamén as competencias que lle correspondan a esta consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou a acreditación parcial acumulable correspondente. Así mesmo, desenvolverá e aplicará as competencias da consellería para a execución do procedemento establecido para a avaliación e acreditación das competencias da poboación activa de Galicia.

Correspóndelle a elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Formación e Colocación estrutúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Formación Ocupacional e Continua.

Levará a cabo as funcións de planificación, programación, seguimento e avaliación das accións de formación ocupacional e formación continua, o mantemento do censo de centros colaboradores e a xestión administrativa dos programas de formación ocupacional e continua, así como o seguimento da inserción laboral resultante delas.

Para o desenvolvemento das ditas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

1.1. Servizo de Planificación de Formación Ocupacional e Continua.

A este servizo corresponderalle a xestión técnica da planificación, programación, avaliación e seguimento das accións de formación ocupacional e formación continua, así como da inserción laboral resultante delas.

1.2. Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional e Continua.

Corresponderalle a este servizo a xestión administrativa dos programas de formación ocupacional e formación continua, execución orzamentaria, seguimento contable e xustificación, así como a elaboración das diferentes estatísticas de formación ocupacional e continua.

2. Subdirección Xeral de Colocación.

Asumirá as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas a inserción e rexistro dos demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures (European Employment Services).

Así mesmo, corresponderalle a xestión dos programas de orientación laboral e os de apoio e asistencia na busca de emprego.

A Subdirección Xeral de Colocación estrutúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Xestión e Coordinación.

Baixo a dependencia directa do director xeral, a este servizo corresponderalle a coordinación da actividade e o soporte técnico da rede de intermediación no mercado de traballo, o seguimento dos convenios establecidos cos centros asociados, o control de calidade da actividade de inserción que desenvolverán e a avaliación da calidade das infraestruturas exixidas para a súa inclusión na rede de intermediación e atribución de funcionalidades aos ditos centros de acordo coa tipoloxía establecida.

2.2. Servizo de Administración Informática.

No ámbito das materias competencia da dirección xeral corresponderalle a administración dos sistemas de información, a supervisión dos soportes técnicos e mantemento das aplicacións, elaboración das estatísticas e informes de resultados da xestión, sen prexuízo das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2.3. Servizo de Orientación Laboral.

A este servizo corresponderalle a xestión dos programas de axuda á busca de emprego, de mellora de emprego ou de reciclaxe profesional, así como os relativos ao asesoramento e orientación profesional e laboral, análise e información do mercado de traballo, a súa evolución e a adecuación entre a oferta formativa e a demanda laboral.

3. Subdirección Xeral das Cualificacións.

Desenvolverá as funcións necesarias para garantir a implantación efectiva do Sistema Nacional de Cualificacións en Galicia, asi como dos procesos de estudo das cualificacións, tanto para a súa determinación como para o seu seguimento, establecendo os sistemas de interrelación e cooperación cos organismos, departamentos e axentes sociais implicados no mundo produtivo e formativo. Coordinación dos distintos departamentos competentes en materia de formación profesional, co fin de promover a integración efectiva dos tres subsistemas e entre estes e o mundo sociolaboral que lle serve de marco de referencia.

Dándolle cumprimento ao Plan Galego de Formación Profesional, elaborará cantos estudos, informes e plans de actividades lle sexan requiridos polo Consello Galego de Formación Profesional.

Así mesmo, asumirá as funcións recollidas no Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea o Instituto Galego das Cualificacións.

A Subdirección Xeral das Cualificacións estrutúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Observatorio Ocupacional.

A este servizo corresponderanlle as seguintes funcións: a análise permanente das necesidades de cualificación dos distintos colectivos de xeito que sirva de marco de referencia para a elaboración e articulación das ofertas normativas dos tres subsistemas de formación profesional e para a súa actualización permanente. Realizará o seguimento da evolución das cualificacións a través do Observatorio Ocupacional, que ten encomendadas as funcións de recoller, analizar e proporcionar información sobre as estruturas ocupacionais e a súa evolución para adaptar as cualificacións profesionais ás necesidades do mercado de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2. Servizo de Deseño e Acreditación das Cualificacións.

A este servizo corresponderalle a participación na confección do Repertorio Nacional das Cualificacións, así como na súa actualización permanente, elaborando propostas para o catálogo de cualificacións profesionais de acordo cos resultados dos estudos realizados no tecido empresarial galego e participará na determinación de criterios para definir os requisitos e as características que deben reunir as cualificacións profesionais para seren incorporadas ao Sistema Nacional das Cualificacións Profesionais.

Regulará os métodos básicos que deben observarse na avaliación da competencia e o procedemento para a concesión de acreditacións polo organismo competente e determinará correspondencias e validacións dentro dos principios, bases e directrices fixados polo Instituto Nacional de Cualificacións.

Proporá métodos e instrumentos de acreditación da cualificación.

Realizará as tarefas necesarias para o establecemento dun marco de referencia da programación xeral de todos os subsistemas de formación e apoiará a tarefa normativa e de regulamentación realizada polos órganos competentes da Comunidade Autónoma.

V. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 7º

Un.-Correspóndelle á Dirección Xeral de Relacións Laborais a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, seguridade e saúde laboral, cooperativas e entidades de economía social, sen prexuízo das funcións relativas á promoción de emprego en entidades de economía social e das competencias atribuídas a outras consellerías.

Así mesmo, correspóndelle ao titular da dirección xeral, no ámbito das competencias da dirección xeral, o coñecemento e a resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas polos delegados provinciais no seu respectivo ámbito territorial de conformidade co establecido no artigo 6 do Decreto 211/2003, do 3 de abril.

Dous.-Para o desenvolvemento das súas funcións, estrutúrase nas unidades que a seguir se relacionan e que terán atribuídas as seguintes funcións:

1. Subdirección Xeral de Traballo.

Correspóndelle:

-A promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral, así como a modulación das relacións cos axentes sociais.

-A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

1.1. Servizo de Relacións Laborais.

Correspóndelle:

-A instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de regulación de emprego, e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

-A xestión e tramitación das axudas equivalentes ás xubilacións anticipadas e outras análogas a traballadores en empresas en crise non suxeitas a plans de reconversión.

-A tramitación e proposta de resolución dos expedientes sancionadores por infraccións laborais da competencia da dirección xeral.

-O depósito, rexistro e publicación de convenios colectivos, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

-Depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

-Execución e coordinación das funcións que lle corresponden á autoridade laboral en materia de eleccións sindicais.

-A recepción, seguimento e coordinación das declaracións de folgas e peches patronais.

-A xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

-A autorización administrativa e o rexistro das empresas de traballo temporal.

-A xestión das subvencións a centrais sindicais.

-Elaboración de estatísticas de relacións laborais.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

2. Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde Laboral.

Á Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde Laboral correspóndelle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe á Consellería de Innovación e Industria no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

Correspóndelle a coordinación das actuacións dos centros provinciais de seguridade e saúde laboral, de acordo coas políticas establecidas para a prevención de riscos laborais.

Tamén lle corresponde a elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu programa de gasto, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará co seguinte servizo:

2.1. Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.

A esta unidade corresponderalle:

-A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións a entidades formativas, para impartir cursos de niveis intermedio e superior de prevención de riscos laborais.

-A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos e auditorías de prevención.

-Elaboración de estatísticas sobre accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

-Xestión e seguimento de programas comunitarios en materia de prevención de riscos laborais.

-Execución do orzamento de gasto asignado ao programa de seguridade e saúde laboral.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

3. Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

Á Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social correspóndelle a promoción, coordinación, desenvolvemento, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de cooperativas e outras empresas de economía social, así como as relacións coas súas entidades representativas, sen prexuízo das competencias doutras consellerías en materia de cooperativas.

Correspóndelle, ademais, a elaboración do estudo do anteproxecto de orzamento anual correspondente ao seu programa de gasto, a súa xestión, seguimento e avaliación, así como a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade:

3.1. Servizo de Cooperativas e Economía Social.

Ao cal lle corresponderá:

-A cualificación, inscrición e certificación dos actos que deben acceder ao rexistro xurídico de cooperativas central e os depósitos relativos ás asociacións de cooperativas.

-A tramitación de expedientes sancionadores por infracción da normativa cooperativa, así como de procedementos de adopción de medidas de intervención temporal e de descualificación de cooperativas.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de sociedades laborais e expedición de certificacións.

-A cualificación e inscrición no rexistro administrativo de centros especiais de emprego e expedición de certificacións.

-Información e asesoramento en materia de cooperativas e de empresas de economía social, así como o impulso das relacións inter-cooperativas.

-A coordinación dos rexistros provinciais de cooperativas.

-Planificación, xestión e control das axudas a cooperativas, sociedades laborais e as súas asociacións.

-Execución dos programas de promoción e divulgación do cooperativismo e doutras formas de economía social.

-Elaboración de estatísticas, realización e coordinación de estudos sobre cooperativas e empresas de economía social.

-O desenvolvemento e a xestión daqueloutras funcións atribuídas á autoridade laboral na normativa de cooperativas e sociedades laborais.

-Todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

VI. Delegacións provinciais.

Artigo 8º

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Traballo organízase en catro delegacións provinciais, que desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado/a do cal dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. Os delegados dependerán orgánica e funcionalmente do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da consellería.

Nos seus respectivos ámbitos territoriais, correspóndelles aos delegados provinciais o exercicio das seguintes competencias:

-As funcións establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, no Decreto 87/1987, do 15 de febreiro, e no Decreto 88/1987, do 15 de febreiro, así como calquera outra función ou atribución que a lexislación vixente lles confira ou lles sexan delegadas polo conselleiro.

-Incoar e tramitar os expedientes sancionadores derivados da comisión de infraccións administrativas no ámbito das súas competencias, a resolución daqueles que lles atribúa a normativa vixentes, e a adopción das medidas provisorias que resulten precisas con suxeición ás normas reguladoras delas.

3. As delegacións provinciais da Consellería de Traballo estarán integradas polas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servizo:

3.1. A Secretaría da delegación.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, corresponderanlle as seguintes funcións:

-Control contable, xestión e xustificación dos créditos que se lle asignen ou desconcentren.

-A coordinación administrativa do funcionamento dos servizos dependentes da delegación provincial.

-A xestión do persoal que preste servizos na delegación e nos centros dependentes.

-A habilitación do persoal da delegación e dos centros dependentes dela.

-As cuestións de réxime interior, información e atención ao cidadán, rexistro xeral, publicacións, tramitación administrativa, arquivo e inventario.

-A execución de actuacións de inspección da organización e funcionamento dos servizos administrativos da delegación.

-Prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado/a e substituílo en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

-Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servizos da delegación.

3.2. Servizo de Xestión Económica.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

-A elaboración do estudo do anteproxecto de orzamentos anual correspondente aos programas de gasto da delegación e dos centros dela dependentes.

-A coordinación e supervisión da xestión económica dos servizos da delegación e dos centros dependentes dela.

-A administración, control contable, xestión e xustificación dos créditos desconcentrados e asignados á delegación.

-A habilitación dos medios materiais.

-A tramitación dos expedientes de contratación.

3.3. Servizo de Promoción do Emprego.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Promoción do Emprego no respectivo ámbito provincial.

3.4. Servizo de Formación e Colocación.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Formación e Colocación no respectivo ámbito provincial.

3.5. Servizo de Relacións Laborais.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Relacións Laborais no respectivo ámbito provincial, en materia de relacións laborais, cooperativas e outras entidades de economía social.

3.6. Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Relacións Laborais no respectivo ámbito provincial en materia de seguridade e saúde laboral.

Artigo 9º.-Outros órganos.

Están adscritos á Consellería de Traballo, coa composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes órganos:

1. Comité Autonómico de Emprego e os comités provinciais de Emprego e Seguimento de Contratación Laboral.

2. Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e os comités provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.

3. Consello Galego de Cooperativas.

Artigo 10º.-Consello Galego de Relacións laborais.

O Consello Galego de Relacións Laborais, órgano institucional de diálogo entre os sindicatos e as asociacións empresariais e órgano consultivo asesor da Comunidade Autónoma nas materias relativas á política laboral.

Baixo a dependencia do presidente, quen terá para todos os efectos categoría de director xeral, o consello estrutúrase en:

1. Secretaría do Consello.

Con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndenlle á secretaría as funcións atribuídas no artigo 16 da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais .

Para o desempeño destas funcións e demais atribuídas ao Consello, contará coa seguinte unidade administrativa con rango de servizo:

1.1. Servizo Xurídico e de Solución de Conflictos, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

-Coordinación da elaboración dos ditames sobre proxectos normativos que sexan remitidos ao consello e dos estudos necesarios para a súa realización.

-Coordinación dos informes e estudos que sexan requiridos polo Pleno ou Comisión Permanente ou elaborados por propia iniciativa do Consello.

-Asesoramento en materia laboral dentro do marco do Consello.

-Coordinación xurídica e administrativa dos asuntos relativos ao Acordo Interprofesional Galego sobre Solución Extraxudicial de Conflitos Colectivos de Traballo-AGA que, entre outras, implica:

-Relación e comunicación cos mediadores-conciliadores e árbitros do AGA.

-Responsabilidade en canto á correcta tramitación administrativa dos distintos procedementos previstos no AGA.

-Realización das oportunas xestións en canto á facilitación dos medios materiais e persoais que sexan necesarios para xestionar o conflito.

-Desprazamento ao lugar do conflito para a realización das xestións administrativas exixidas polos distintos procedementos.

-Mantemento do sistema informático de AGA e dos seus resultados estatísticos, así como o mantemento e custodia do arquivo das distintas actuacións.

-Relación e comunicación coas organizacións asistentes do acordo e cos membros da súa comisión paritaria.

Disposición adicional

A referencia ao representante da extinta Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude contida no artigo 4.1º c) do Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, de organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas, entenderase feita ao representante da Consellería de Traballo.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, ou se suprima algunha das devanditas unidades, autorízase o conselleiro de Traballo, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Nos casos de supresións das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisoriamente, por resolución do conselleiro por proposta do secretario xeral, aos órganos regulados neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estrutura orgánica establecida neste decreto non suporá incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA