DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 14 de outubro de 2005 Páx. 16.648

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 520/2005, do 29 de setembro, polo que se asigna á Dirección Xeral de Desenvolvemento Comarcal o exercicio das funcións en materia de planificación, coordinación e seguimento do Plan de Desenvolvemento Comarcal.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 do mesmo mes, fixou a dos seus departamentos, entre eles a da Consellería do Medio Rural.

A Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal regula o funcionamento dos distintos órganos con competencias no Plan de Desenvolvemento Comarcal, distinguindo uns de planificación e coordinación e outros de xestión e promoción. O artigo 25 desta norma xurídica recolle entre estes últimos as fundacións para o desenvolvemento das comarcas.

Cómpre, xa que logo, asignar as funcións en materia de desenvolvemento e planificación comarcal a un dos órganos superiores da Consellería do Medio Rural.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural terá asignadas as funcións en materia de planificación, coordinación e seguimento do Plan de Desenvolvemento Comarcal, entendéndose referidas ao devandito órgano as indicacións á extinta Dirección Xeral de Desenvolvemento Comarcal, contidas na normativa reguladora de desenvolvemento comarcal.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, vinte e nove de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural