DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Venres, 14 de outubro de 2005 Páx. 16.642

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

Os decretos 211/2005, do 3 de agosto e 232/2005, do 11 de agosto, estableceron a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus departamentos. A teor do establecido nos devanditos decretos, o IGVS queda agora adscrito á nova Consellería de Vivenda e Solo, departamento que, ademais das competencias que eran exercidas por aquel organismo autónomo, exercerá as relativas ao fomento e á calidade da vivenda.

O presente decreto ten por obxecto establecer a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, adecuándoa ao prescrito nos devanditos decretos e definindo as funcións dos seus órganos.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, logo do informe das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de política territorial, urbanismo, ordenación do litoral, portos, estradas, transportes e comunicacións, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Artigo 2º

1. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, baixo a superior dirección do seu titular, terá a seguinte estrutura orgánica:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Urbanismo.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

VI. As delegacións provinciais.

2. Adscríbense á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, co carácter,

cometido e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

-A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 225.1 ºd) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e no Decreto 119/1998, do 16 de abril.

-A Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía, creada polo Decreto 148/2003, do 9 de xaneiro.

-O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo, modificado polo Decreto 74/1994, do 25 de marzo, e polo Decreto 266/1998, do 24 de setembro.

3. Adscríbese, con carácter de órgano colexiado permanente, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, o Xurado de Expropiación de Galicia, creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e cuxo regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

4. Así mesmo, adscríbese á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes o ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro, e regulado polo Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que aproba o seu regulamento.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é o titular da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 4º

A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

Artigo 5º

Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades:

1. Servizo de Coordinación Técnica e Inspección.

Terá como obxectivo velar polo correcto funcionamento dos diferentes servizos e obras da consellería, tanto na súa esfera central coma periférica, informando sobre o grao de cumprimento e eficacia na súa prestación, e o adecuado emprego dos medios, tanto persoais como materiais.

Proporá, se é o caso, as medidas para a corrección das deficiencias que se observen.

2. Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O estudo e a tramitación de todos os anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

b) O estudo, a tramitación e a proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral.

3. Servizo de Apoio Técnico Administrativo.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Efectuar os estudos e informes que lle sexan encomendados polo secretario xeral, ademais do estudo, preparación e informe dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

b) A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

c) A coordinación das publicacións editadas pola consellería, así como as funcións relativas á representación desta na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario xeral.

4. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión do persoal, coordinación da confección do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control interno, así como a organización do rexistro, arquivo e demais aspectos relacionados co réxime interior.

Encargarase do sistema de informatización e proceso de datos, así como da racionalización administrativa de todos os servizos da consellería.

Contará cos seguintes servizos:

4.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

4.2. Servizo de Persoal e Réxime Interior.

4.3. Servizo de Informática.

5. A Asesoría Xurídica da consellería, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, e maila Intervención Delegada adscríbense organicamente á Secretaría Xeral con nivel orgánico de subdirección xeral. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

III. A Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Urbanismo exercerá as funcións de dirección, planificación, impulso, xestión e coordinación das competencias que, en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral, lle corresponden á consellería e, en particular, exercerá as seguintes funcións:

1. De carácter xeral:

a) A definición da política territorial e de utilización racional do solo coa finalidade de favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio, contribuír a elevar a calidade de vida e a cohesión social da poboación e protexer e potenciar o patrimonio natural e cultural, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) O exercicio das funcións que a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, lle atribúe ao director xeral competente en materia de urbanismo.

c) A elaboración de estudos e proxectos e o fomento da formación e da investigación en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral.

d) A xestión do rexistro de entidades urbanísticas colaboradoras, de acordo co disposto polo Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

e) O fomento, o seguimento e o control da actividade urbanística, sen prexuízo das competencias dos municipios.

f) A cooperación cos municipios en materia de ordenación, execución e disciplina urbanística.

g) O fomento da participación cidadá na formulación, tramitación e xestión do planeamento territorial e urbanístico.

h) A preparación, impulso e informe dos asuntos en materia de urbanismo que deban resolver os órganos urbanísticos de rango superior.

i) O apoio e asesoramento necesario á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

j) A coordinación dos servizos provinciais de urbanismo e inspección territorial e de protección do litoral.

k) A tramitación e proposta de resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

l) A tramitación administrativa dos expedientes de contratación no ámbito das súas competencias.

m) O exercicio de calquera competencia en materia de ordenación do territorio e do litoral e urbanismo que a lexislación vixente atribúa á Administración autonómica sen especificar o órgano que deba exercela.

2. En materia de ordenación do territorio e do litoral:

a) A programación, dirección e control da política de ordenación do territorio e do litoral.

b) O estudo e tramitación administrativa das directrices de ordenación do territorio; a emisión de informes preceptivos respecto dos demais instrumentos de ordenación do territorio establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, así como a elaboración e tramitación administrativa dos instrumentos de ordenación do territorio formulados por iniciativa desta dirección xeral.

c) A elaboración, tramitación e proposta de resolución do Plan sectorial de ordenación do litoral previsto pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

d) A emisión de informes preceptivos en materia de costas, nos supostos previstos polo artigo 24.2º do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

e) A execución e o mantemento da cartografía precisa para o desenvolvemento das súas competencias.

f) A realización daquelas actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de grandes equipamentos públicos que teñan por obxecto e finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

3. En materia de planificación urbanística:

a) O fomento e a coordinación do planeamento urbanístico e o seu seguimento.

b) A elaboración e tramitación das normas técnicas de planeamento e dos instrumentos de planeamento urbanístico que sexan formulados polos órganos ou entidades dependentes da Administración autonómica, en exercicio das funcións atribuídas pola Lei 9/2002, do 23 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) O estudo, a preparación e o informe dos instrumentos de planeamento urbanístico que deban aprobar os órganos urbanísticos autonómicos.

d) O arquivo da cartografía e da documentación derivada do planeamento aprobado.

4. En materia de disciplina:

a) A coordinación da inspección e vixilancia en materia de urbanismo e de protección do dominio público marítimo-terrestre.

b) A tramitación dos expedientes de reposición da legalidade urbanística e a adopción das medidas necesarias para a restauración da realidade física alterada segundo o establecido pola Lei 9/2002, do 23 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) A iniciación e tramitación administrativa dos expedientes sancionadores por infracción urbanística grave ou moi grave.

d) A resolución dos procedementos sancionadores por infracción da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, agás nos casos en que a competencia estea atribuída a outros órganos.

e) O asesoramento a outros órganos da Administración autonómica e local sobre a aplicación e interpretación da normativa vixente en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral.

f) A emisión de informes sobre recursos interpostos contra resolucións en materia de urbanismo, ordenación do territorio e protección do litoral.

g) A elaboración de proxectos e anteproxectos de disposicións normativas en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Urbanismo estrutúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Urbanismo, que xestionará as funcións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo anterior e as que lle encomende o director xeral de Urbanismo no ámbito das súas competencias.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Planificación Urbanística.

1.2 . Servizo de Ordenación do Territorio.

1.3. Servizo de Ordenación do Litoral.

1.4. Servizo de Obras e Supervisión de Proxectos.

2. Subdirección Xeral de Disciplina e Informes, que xestionará as funcións sinaladas no número 4 do artigo anterior e as que lle encomende o director xeral de Urbanismo.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Inspección Urbanística I (provincia da Coruña).

2.2. Servizo de Inspección Urbanística II (provincia de Pontevedra).

2.3. Servizo de Inspección Urbanística III (provincias de Lugo e Ourense).

2.4. Servizo de Ditames e Informes.

2.5. Servizo de Protección do Litoral.

O titular do órgano directivo poderá, por necesidades do servizo, encomendarlles aos servizos de Inspección Urbanística o estudo e a tramitación de expedientes correspondentes a un ámbito territorial distinto ao asignado anteriormente.

3. Baixo a dependencia directa do director xeral existirá o Servizo de Xestión Económica, que se encargará da xestión económica e da preparación e tramitación dos expedientes de contratación e subvencións.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

Artigo 8º

1. A Dirección Xeral de Obras Públicas é o órgano responsable de impulsar, xestionar e coordinar as políticas atribuídas á consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e construción de estradas e do uso e defensa destas e, en particular, exercerá as seguintes funcións:

a) O exercicio das funcións que a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, lle atribúe ao director xeral competente en materia de estradas.

b) A elaboración de directrices de coordinación e planificación que garantan a coherencia e funcionalidade do sistema viario da comunidade autónoma.

c) A emisión de informe nos procedementos de aprobación, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación do territorio e dos instrumentos de ordenación urbanística que afecten directamente a rede viaria de titularidade autonómica.

d) A elaboración, seguimento, supervisión, control e aprobación técnica da planificación operativa, dos plans e proxectos sectoriais, así como dos estudos informativos, de impacto ambiental, anteproxectos e proxectos en materia de estradas, incluso as actuacións relativas a redes arteriais, no ámbito das súas competencias.

e) A elaboración de propostas de normativa e instrucións técnicas e administrativas para as estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal, así como o estudo e desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.

f) O inventario, a explotación, conservación e sinalización das estradas e servizos complementarios nas zonas de dominio público, de servidume e de afección das estradas, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda en materia de patrimonio.

g) A elaboración dos plans, programas de actuacións e orzamentos e o control e axuste destes, en relación coas estradas que sexan titularidade da Comunidade Autónoma.

h) A xestión dos expedientes expropiatorios en materia de estradas en colaboración coas distintas

unidades territoriais integradas na consellería, así como a coordinación e a cooperación co ente público Portos de Galicia na tramitación dos expedientes de expropiación forzosa para a execución de obras portuarias.

i) A xestión e tramitación dos expedientes administrativos en materia de contratación no ámbito das súas competencias.

j) A xestión, coordinación e control da construción de infraestruturas e as súas incidencias.

k) A xestión de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública ou xestión directa, así como o seguimento e coordinación xeral dos procesos asociados para a construción, conservación e explotación desta ao longo do período concesional.

l) A tramitación e, se é o caso, resolución de autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo ou concesións de áreas de servizo na área de influencia das estradas de titularidade autonómica.

m) A xestión de expedientes en materia de subvencións que sexan da súa competencia.

n) A elaboración e tramitación de convenios de cooperación con entes públicos e de colaboración con particulares no marco das competencias atribuídas a este centro directivo.

o) A resolución de expedientes sancionadores en materia de estradas derivados de infraccións graves.

p) O informe, a proposta e, se é o caso, a resolución dos recursos interpostos en materia de estradas.

q) A instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

2. O director xeral de Obras Públicas é, ao mesmo tempo, delegado da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe, e, como tal, exercerá as funcións da delegación da Xunta de Galicia nas sociedades galegas concesionarias de autoestradas de peaxe, creada no Decreto 390/1996, do 31 de outubro.

Artigo 9º

Baixo a dependencia directa do director xeral de Obras Públicas existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Estradas.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competen á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de planificación, así como en materia de expropiacións e de construción, conservación e explotación das estradas.

Contará cos seguintes servizos:

1.1. Servizo de Supervisión de Proxectos.

1.2. Servizo de Proxectos e Planificación.

1.3. Servizo de Obras.

1.4. Servizo de Conservación e Explotación.

2. Subdirección Xeral de Xestión.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competan á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de xestión económico-administrativa e xestión orzamentaria e xestión de vías de alta capacidade, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes relacionados coas devanditas funcións.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Apoio Técnico.

2.2. Servizo de Xestión Económico-Administrativa.

2.3. Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade.

3. Servizo de Xestión Xurídico-Administrativa.

Corresponderalle a xestión, a coordinación e o seguimento das actuacións xurídico-administrativas da dirección xeral en materia de obras públicas, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes relacionados coas devanditas funcións.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

Artigo 10º.

A Dirección Xeral de Transportes terá as seguintes funcións:

a) A ordenación, o control e a inspección dos transportes mecánicos por estrada, ferrocarril e cable; o rexistro de empresas, vehículos, custos e tarifas; o outorgamento de autorizacións de transporte público regular de viaxeiros de uso especial ou temporal; a proposta de outorgamento de concesións de servizo público regular de viaxeiros permanente de uso xeral; a proposta de adxudicación e explotación de terminais de transportes de viaxeiros; e todas aquelas que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia.

b) O outorgamento de autorizacións para servizos discrecionais e privados de viaxeiros, mercadorías e mixtos de radio de acción autonómica, comarcal, provincial e local.

c) A programación e planificación da evolución e do desenvolvemento dos distintos tipos de transportes terrestres, mecánicos por estrada, ferrocarril ou por cable, co fin de facilitar o seu desenvolvemento equilibrado e harmónico.

d) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público, o control e supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados e a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos.

e) A planificación e coordinación da oferta intermodal de transporte na comunidade autónoma e, singularmente, dos centros integrados de transporte de mercadorías e de plataformas para as actividades de transporte e a operatividade loxística de mercadorías e, se é o caso, a súa promoción, proxección, execución e xestión.

f) A ordenación, o control e a inspección dos servizos relativos a actividades de transporte marítimo que se leven a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da comunidade autónoma, sen conexión con portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

g) O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos, non cualificados de interese xeral polo Estado.

h) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas; o estudo, elaboración e informe dos anteproxectos e proxectos de disposicións legais; e a investigación e o asesoramento ao departamento, en materia de transportes terrestres, por ferrocarril, aéreo e por cable.

i) A resolución de expedientes sancionadores en materia de transporte derivados de infraccións moi graves, mesmo aquelas que levan aparellado o precinto de vehículos ou a clausura de locais.

j) Estudos en materia de comunicacións.

k) Informe-proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

l) A tramitación dos expedientes de contratación e de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

m) A instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial no ámbito das súas competencias.

n) A aplicación e proposta de modificación, se é o caso, dos regulamentos sancionadores e de policía en materia da súa competencia.

Artigo 11º

Baixo a dependencia do director xeral de Transportes existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) A proposta de planificación e elaboración de estudos e proxectos en materia de infraestruturas de transporte.

c) O estudo e proposta de resolución en materia de concesións e autorizacións.

d) O apoio e asistencia á dirección xeral en materia de estudo, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais ou sobre materias que a propia dirección

xeral lle encomende, coordinación do transporte, asistencia na coordinación con outras administracións ou entidades en actuacións referentes ao transporte e control e avaliación da xestión encomendada á dirección xeral.

e) A coordinación da Xunta Arbitral de Transportes.

Contará coas seguintes unidades:

1.1. Servizo de Concesións.

1.2. Servizo de Programación e Actuación Económica.

1.3. Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

1.4. Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.

1.5. Servizo de Transporte Ferroviario.

2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos e os servizos provinciais, en materia de inspección e sancións.

b) A programación, control e avaliación da actuación da Inspección sobre a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras do transporte.

c) A tramitación de expedientes sancionadores nos que a resolución sexa competencia do director xeral. E a resolución de expedientes sancionadores en materia de transportes derivados de infraccións graves.

Contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Inspección.

2.2. Servizo de Informes e Recursos.

VI. As delegacións provinciais.

Artigo 12º

En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha delegación da consellería na que se integrarán todas as unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Artigo 13º

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado, que terá, ademais das competencias e funcións previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, as derivadas da desconcentración efectuada en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Do delegado provincial dependerán todos os servizos, unidades ou centros da consellería que estean no ámbito da súa competencia territorial.

Artigo 14º

Para o cumprimento das súas funcións, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con rango de servizo:

1. Secretaría.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ao

réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal, parque móbil da consellería; información ao público; elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación; a administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servizos da delegación provincial, sen prexuízo das competencias que de acordo coa Lei 9/1988, do 10 de xullo, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia, lle correspondan ao Instituto Galego de Estatística; e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

2. Servizo de Contratación.

3. Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial.

4. Servizo de Protección do Litoral, nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra.

5. Servizo de Estradas.

6. Servizo de Transportes.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias atribuídas no presente decreto ás direccións xerais en materia de contratación, considéranse conferidas sen prexuízo daquelas que foron obxecto de desconcentración nos delegados provinciais en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Segunda.-En caso de ausencia ou enfermidade do titular da Secretaría Xeral ou das direccións xerais, as competencias atribuídas neste decreto aos correspondentes centros directivos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos directores xerais seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, por proposta do secretario xeral, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

No caso de supresión de subdireccións xerais ou servizos existentes, as unidades e os postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e serán retribuídas con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a relación de postos de traballo adaptada á estrutura

orgánica establecida no presente decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do conselleiro, por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñan asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 134/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e o Decreto 162/2005, do 16 de xuño, polo que se modificou aquel; así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modifícase o artigo 15º do Decreto 158/2005, do 2 de xuño, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, que queda redactado como segue:

«Artigo 15º.-Resolución.

1. A resolución do expediente sancionador con imposición de sanción corresponderalles aos seguintes órganos en función da súa contía:

a) Ao delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ata 30.000 euros.

b) Ao director xeral de Urbanismo, desde 30.001 ata 200.000 euros.

c) Ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, desde 200.001 ata 600.000 euros.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, a partir de 600.001 euros.

2. Cando a resolución non supoña imposición de sancións, corresponderalle ao delegado provincial en todo caso.

3. Para o cálculo da sanción terase en conta, se é o caso, o valor das obras ou instalacións que constitúan o obxecto da infracción situadas en zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre».

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar normas complementarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial,

Obras Públicas e Transportes