DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 10 de outubro de 2005 Páx. 16.493

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 518/2005, do 6 de outubro, polo que se amplía o prazo establecido no Decreto 223/2005, do 16 de xuño, para a constitución do Xurado de Expropiación de Galicia.

Mediante o Decreto 223/2005, do 16 de xuño, aprobouse o Regulamento de organización e funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a administración expropiante sexa a comunidade autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

No devandito decreto estableceuse, na súa disposición adicional, que o Xurado de Expropiación de Galicia asumiría a súa competencia a partir da súa constitución, que tería lugar no prazo de dous meses contados desde a súa publicación, a cal se produciu o pasado día 9 de agosto de 2005.

Tendo en conta o inminente vencemento do dito prazo e considerando que a entrada en funcionamento do órgano exixe a realización dunha serie de trámites que, por mor dos cambios na estrutura organizativa que se está a realizar na Administración autonómica, están aínda en execución, faise necesario a ampliación do prazo establecido no Decreto 223/2005, do 16 de xuño, para a constitución do Xurado de Expropiación de Galicia.

Por todo o exposto, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de outubro de dous mil cinco

DISPOÑO:

Artigo único.-O prazo establecido na disposición adicional do Decreto 223/2005, do 16 de xuño, para

a constitución do Xurado de Expropiación de Galicia, amplíase en seis meses contados desde a publicación deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes