DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 10 de outubro de 2005 Páx. 16.481

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

A través do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Posteriormente, a través do Decreto 232/2005, do 11 de agosto, modificado polos decretos 332/2005, do 18 de agosto e 454/2005, do 1 de setembro, fixouse a estrutura orgánica dos seus departamentos. No artigo 1º da citada norma estableceuse a estrutura orgánica básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a cal se desenvolve agora a través deste decreto.

De acordo co anterior, faise necesario acomodar esta estrutura ata o nivel de xefatura de servizo, distribuíndo as funcións asignadas dun xeito racional, para así conferir a máxima eficacia no exercicio delas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de outubro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito competencial.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é o departamento da Administración autonómica ao que, ademais daquelas competencias e funcións establecidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, lle corresponde o exercicio, como propias, das competencias e funcións en materia de relacións institucionais da Xunta e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, as políticas autonómicas, de igualdade de xénero e as políticas autonómicas de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, solidariedade, voluntariado, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, na forma establecida no presente decreto.

Artigo 2º.-Estrutura básica.

1. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, para o desempeño das súas funcións, contará coa seguinte estrutura orgánica:

a) O/a vicepresidente/a.

b) A Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

c) A Secretaría Xeral da Igualdade.

d) A Secretaría Xeral do Benestar. Ao dito órgano adscríbense a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e a Dirección Xeral de Acción Social.

e) As delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar.

2. Da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar depende o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller que se adscribe á Secretaría Xeral da Igualdade.

Artigo 3º.-O/a vicepresidente/a da Igualdade e do Benestar.

O/a vicepresidente/a é a autoridade superior da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e, con tal carácter, está investido/a das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro. Ademais substituirá o presidente nos supostos previstos legalmente e exercerá as funcións que este lle delegue de conformidade co artigo 33 da referida lei.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

1. Á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, órgano superior con dependencia xerárquica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Exercer a coordinación xeral do conxunto das políticas da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a coordinación de todos os seus órganos.

b) Exercer as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con todas as unidades e servizos dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a inspección dos servizos e dos centros e organismos dependentes ou adscritos a ela, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a coordinación das publicacións editadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como as funcións relativas á xestión do programa estatístico anual do dito departamento considerada no Plan Galego de Estatística sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación do titular do departamento.

c) Se é o caso, participar nos procesos de reforma estatutaria nas accións e decisións que atinxen ás relacións institucionais coa Administración xeral do Estado e o Goberno do Estado, en coordinación con outros órganos da Administración autonómica.

d) Exercer a secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Mixta de Transferencias.

e) Exercer a secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas comisións bilaterais de cooperación entre a Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan creadas para todos os efectos.

f) O rexistro dos convenios que sexan autorizados polo Consello da Xunta de Galicia e os que outorguen os departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica.

g) Coordinar a elaboración da documentación que os departamentos da Xunta de Galicia realicen para as relacións con outras administracións públicas. De xeito especial, aquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

h) Representar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar naqueles supostos en que lle sexa encomendado polo seu titular.

i) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia naqueles foros en que sexa necesaria a súa presenza e non estea de antemán estipulado o departamento que debe asistir en razón da materia que se vai tratar, cando así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais conta coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación.

Esta unidade administrativa exercerá as funcións de xestión de persoal, réxime interno, asistencia técnico-xurídica, coordinación do sistema de xestión de procedementos administrativos e outras de contido administrativo que lle atribúa o secretario/a xeral e de Relacións Institucionais, así como a súa suplencia en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Persoal e Réxime Interno.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A ordenación e o control da xestión de todo o persoal da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo da competencia doutros órganos e unidades e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

b) A formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo de todo o persoal funcionario e laboral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

c) O mantemento e actualización da base de datos de persoal funcionario e laboral e a organización, custodia e o arquivo dos seus expedientes.

d) A xestión dos plans de formación do persoal que presta os seus servizos no ámbito da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

e) A xestión e a tramitación da nómina de persoal adscrito aos servizos centrais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

f) O cumprimento das obrigas da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en materia de Seguridade Social e dereitos pasivos.

g) O estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos en materia orzamentaria do capítulo I da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a elaboración das propostas de modificación de crédito.

h) O control da asistencia e puntualidade do persoal do departamento.

i) A coordinación das secretarías das delegacións provinciais en materia de persoal.

2.1.2. Servizo Técnico Xurídico.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo e a tramitación de todos os anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados dos distintos órganos superiores e centros directivos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como levar a cabo as compilacións e propoñer as refundicións das normas emanadas desta.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cando non lles estean atribuídos a outros órganos daquela.

c) O estudo, preparación e informe dos asuntos que, logo do paso pola Comisión de Secretarios Xerais, se eleven ao Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos acordos desta.

d) A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos que o precisen ditados polos órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

e) Levar a cabo as funcións que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar teña encomendadas sobre as fundacións de interese galego sobre as cales exerza o protectorado.

f) A tramitación de expedientes sobre cuestións demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia polo secretario/a Xeral e de Relacións Institucionais.

2.1.3. Servizo de Recursos e Reclamacións de persoal.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo, a tramitación e formulación das propostas de resolución das reclamacións e recursos que se formulen en materias relativas ao persoal da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como a elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación necesaria.

b) O estudo, coordinación e formulación das propostas de resolución dos expedientes disciplinarios e de responsabilidade en materia de persoal.

c) A execución de sentenzas en materia de persoal funcionario e laboral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

2.2. Subdirección Xeral de Contratación e Control.

Esta unidade administrativa levará a cabo as seguintes funcións:

a) A confección do borrador do anteproxecto de orzamentos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o seu seguimento e control.

b) A coordinación, tramitación e xestión dos expedientes de contratación relativos a obras, xestión de servizos públicos, subministracións, consultoría e asistencias ou calquera outra figura contractual da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

c) A tramitación dos convenios de cooperación e colaboración coas entidades locais en materia de investimento.

d) A elaboración do plan de necesidades de obras e equipamentos das distintas unidades e centros da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar así como a coordinación da súa execución.

e) Calquera outra de contido administrativo que lle atribúa o secretario/a xeral e de Relacións Institucionais.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como a execución, seguimento, coordinación e o seu control.

b) A tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria, habilitación de pagamentos e adquisición, xestión e control de medios materiais para o funcionamento ordinario da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

2.2.2. Servizo de Contratación e Obras.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A coordinación e a xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cando se trate de obras, xestión de servizos públicos, subministracións, consultoría e asistencia ou calquera outra figura contractual, que non estean expresamente atribuídos a outros órganos.

b) A tramitación dos convenios de cooperación e colaboración coas entidades locais en materia de investimento.

2.2.3. Servizo de Supervisión de Proxectos.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión dos proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que realice a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

b) O seguimento das obras que realice a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e das correspondentes aos convenios de investimento coas entidades locais.

2.3. Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros.

Esta unidade administrativa exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, a coordinación da tramitación do réxime de autorizacións, control e inspección dos centros de servizos sociais competencia da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e aquelas funcións establecidas no título VI da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a referida lei no relativo á inspección e réxime sancionador, sen prexuízo das funcións encomendadas á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

b) Elaborar o plan de inspección dos programas e centros de servizos sociais das áreas sociais competencia da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e colaborar cos órganos e entidades competentes en materia de servizos sociais dos diferentes ámbitos territoriais, mediante a elaboración de informes ou a achega de datos para mellorar a regulación, planificación e xestión dos centros sociais.

c) Coordinar as funcións, en materia de inspección, coas delegacións provinciais para o desenvolvemento do plan de inspección.

d) Asegurar a calidade das prestacións mediante a verificación do cumprimento das condicións funcionais e materiais dos centros, servizos e programas de servizos sociais das áreas competencia da Vice

presidencia da Igualdade e do Benestar e propor, se é o caso, a elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas súas funcións.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Inspección nas Áreas de Familia e Muller.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais e a tramitación da autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades así como o cesamento destas dos centros de servizos sociais nas áreas sociais de infancia, menores e muller.

b) A inspección, asesoramento, seguimento e control do cumprimento dos requisitos funcionais, curriculares e materiais dos centros de servizos sociais nas anteditas áreas sociais.

c) Calquera outra función que lle atribúa o Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo á inspección e ao réxime sancionador nas anteditas áreas sociais.

2.3.2. Servizo de Inspección nas Áreas de Persoas Maiores e Persoas con Discapacidade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais e a tramitación da autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades dos centros de servizos sociais nas áreas sociais de persoas maiores e con discapacidade.

b) A inspección, asesoramento, seguimento e control do cumprimento dos requisitos funcionais, curriculares e materiais dos centros de servizos sociais nas anteditas áreas sociais e, en especial, velar polo respecto dos dereitos dos usuarios de servizos sociais previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993, e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións destes, así como propoñer a adopción das medidas necesarias para corrixir as deficiencias detectadas.

c) Calquera outra función que lle atribúa o Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo á inspección e ao réxime sancionador nas anteditas áreas sociais.

2.3.3. Servizo de Inspección nas Áreas de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes relativos ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais e

a autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades, así como o cesamento destas, dos centros de servizos sociais nas áreas sociais de servizos comunitarios e inclusión social.

b) A inspección, asesoramento, seguimento e control do cumprimento dos requisitos funcionais, curriculares e materiais dos centros de servizos sociais nas anteditas áreas sociais e, en especial, velar polo respecto dos dereitos dos usuarios de servizos sociais previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993 e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións destes, así como propoñer a adopción das medidas necesarias para corrixir as deficiencias detectadas.

c) Calquera outra función que lle atribúa o Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, no relativo á inspección e ao réxime sancionador nas anteditas áreas sociais.

2. 4. Subdirección Xeral de Análise e Desenvolvemento Institucional.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) Analizar e avaliar o rendemento do proceso de transferencias competenciais e o correspondente desenvolvemento institucional da Xunta de Galicia.

b) Preparar a documentación técnica precisa para que a Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais poida desenvolver as súas funcións no referente á negociación e traspaso de competencias.

c) Manter permanentemente actualizado un arquivo e unha base de datos que documente o proceso de implementación dos acordos co goberno central para a asunción de novas competencias.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, co nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo de Coordinación.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O rexistro dos convenios que sexan acordados polo Consello da Xunta de Galicia e os que outorguen os departamentos da Xunta de Galicia, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica.

b) Levar a cabo as tarefas que lle sexan encomendadas polo secretario xeral e de Relacións Institucionais, en relación coa coordinación da documentación que os departamentos da Xunta de Galicia elaboren para as relacións con outras administracións. De xeito especial, a coordinación da elaboración daquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

2.4.2. Servizo de Documentación.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Facer un seguimento dinámico do rendemento institucional no conxunto do Estado español e avalialo comparativamente co rendemento institucional da Xunta de Galicia respecto doutras comunidades autónomas do Estado.

b) Preparar a documentación técnica precisa para que a Secretaría Xeral e de Relacións Insitucionais poida desenvolver as súas funcións no referente á negociación e traspaso de competencias.

c) Manter permanentemente actualizado un arquivo e unha base de datos que documente o proceso de implementación dos acordos co goberno central o outras comunidades para a asunción de novas competencias.

2.5. Servizo de Informática.

Sen prexuízo das competencias que, en materia informática, teña atribuídas a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Servizo de Informática como unidade administrativa con dependencia directa da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, realizará as seguintes funcións:

a) Planificar, impulsar e mecanizar os sistemas de información da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

b) Estudo, seguimento, informe e, se é o caso, a proposta sobre plans xerais de informatización.

c) Coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico sobre os plans de informatización.

d) Xestionar as bases de datos, redes e sistemas informáticos.

e) Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

f) Calquera outra función relativa aos sistemas ou procesos informáticos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

3. Integradas organicamente na Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais con nivel orgánico de subdirección xeral, haberá as seguintes unidades administrativas:

3.1. Asesoría Xurídica, que se rexerá polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

3.2. Intervención Delegada.

Artigo 5º.-A Secretaría Xeral da Igualdade.

1. Á Secretaría Xeral da Igualdade, órgano superior con dependencia xerárquica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O deseño, coordinación, avaliación e, se é o caso, xestión das políticas da Xunta de Galicia, en materia de xénero, loita contra a discriminación por

razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e calidade da vida persoal e familiar.

b) A promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

c) A xestión das políticas autonómicas en materia de acción social, nos sectores de familia e infancia, segundo o disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, agás cando estivese legal ou regulamentariamente reservada a outro órgano ou ente da Administración autonómica e, en concreto, a xestión da política autonómica familiar en desenvolvemento do previsto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, a elaboración e seguimento dos plans integrais de apoio á familia, as competencias de mediación familiar derivadas da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o rexistro de mediadores familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

d) O estudo da realidade social, a planificación e a coordinación das entidades prestadoras de servizos sociais nos anteditos sectores, así como a cooperación con elas e, en particular, coas entidades de iniciativa social.

e) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, a Secretaría Xeral da Igualdade conta coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Corresponderanlle a esta subdirección as funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros dedicados á promoción da igualdade entre mulleres e homes, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade.

Correspóndelle a este servizo o estudo, elaboración, seguimento e avaliación dos programas orientados a promover a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra calquera tipo de discriminación por razón de sexo, en aplicación da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

2.2. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

Corresponderanlle a esta subdirección as funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros dedicados á loita contra a violencia de xénero e a atención e protección das súas vítimas, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

A este servizo corresponderanlle as funcións relativas ao estudo, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos programas destinados á defensa dos dereitos de atención e protección das vítimas da violencia de xénero.

Así mesmo, corresponderalle a xestión de todos os programas destinados a promover a igualdade de oportunidades para as vítimas da violencia de xénero.

2.3. Subdirección Xeral da Familia.

Corresponderanlle a esta subdirección as funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros relativos á conciliación da vida laboral e persoal e á protección da infancia, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Infancia e Programas Especiais.

A este servizo corresponderanlle as funcións relativas ao estudo, elaboración, implantación, seguimento e avaliación dos programas destinados á familia e á infancia, en especial os contidos no Plan Integral de Apoio á Familia; a elaboración de propostas para o desenvolvemento normativo da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, nesta materia, así como a coordinación e seguimento das institucións e as competencias de mediación familiar derivadas da Lei 4/2001, do 31 de maio, reguladora da mediación familiar, e do Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e o recoñecemento da mediación gratuíta.

3. Adscríbese á Secretaría Xeral da Igualdade o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e rexerase en canto aos seus

obxectivos, funcións, estrutura e funcionamento polo previsto na Lei galega 3/1991, do 14 de xaneiro, da súa creación, e polo Decreto 312/1999, do 11 de novembro, modificado polo Decreto 249/2002, do 18 de xullo, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller e demais normas que a desenvolvan.

Artigo 6º.-A Secretaría Xeral do Benestar.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral do Benestar como órgano superior con dependencia xerárquica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar:

a) O deseño, coordinación, avaliación e, se é o caso, a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, voluntariado, benestar social, inclusión social, servizos comunitarios, atención aos discapacitados e ás persoas maiores, así como a protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica.

b) A elaboración de propostas para a formulación da política da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en materia de servizos comunitarios e inclusión social.

c) A realización de funcións de estudo das necesidades e problemáticas sociais e a coordinación, control e xestión das prestacións sociais e económicas.

d) A avaliación da calidade e da eficacia das devanditas políticas de benestar.

2. Adscríbense á Secretaría Xeral do Benestar a Dirección Xeral de Acción Social e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, centros directivos dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O titular da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar coñecerá dos recursos de alzada contra as resolucións das anteditas direccións xerais.

2.1. Dirección Xeral de Acción Social.

A Dirección Xeral de Acción Social, órgano directivo dependente xerarquicamente do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e adscrito á Secretaría Xeral do Benestar, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de propostas para a formulación da política da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en materia de atención aos maiores e ás persoas discapacitadas. Así, realizará funcións de ordenación, coordinación, planificación e execución dos plans, equipamentos e servizos de atención especializada nas áreas de maiores e discapacitados e o asesoramento, asistencia técnica e a coordinación coas entidades prestadoras de servizos sociais nos devanditos ámbitos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores e do Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

b) Formular as propostas no seu ámbito competencial para a elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servizos Sociais, a creación e xestión dos equipamentos, programas e servizos que asuma a Administración autonómica, a implantación e seguimento dos plans de calidade que os afecten, a xestión de concertos, prestacións e axudas establecidas, a supervisión das actuacións das entidades destinadas á atención e promoción de maiores e persoas discapacitadas, a elaboración de propostas de normativa que afecten estes sectores que consideren, se é o caso, a participación dos usuarios no financiamento dos servizos de conformidade cos principios de solidariedade e redistribución, a autorización e xestión do procedemento de inclusión de entidades no programa de cheque asistencial, así como calquera outra función relativa a materias da súa competencia ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servizos sociais, sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral e de

Relacións Institucionais.

c) A protección e tutela dos menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores nos termos establecidos na lexislación específica.

d) A xestión e coordinación do funcionamento do Consello Galego de Servizos Sociais e a planificación, ordenación, coordinación, seguimento e avaliación dos servizos sociais de atención primaria sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais. Así mesmo, asesorar os concellos e outras entidades locais na creación, organización e funcionamento destes servizos e colaborar na formación permanente do seu persoal.

e) A planificación, coordinación, seguimento e control da execución dos programas de inclusión social, a formulación das propostas, no seu ámbito competencial, para a elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servizos Sociais, o asesoramento e asistencia técnica ás entidades prestadoras de servizos sociais, así como calquera outra función que lle corresponda á dirección xeral en materia da súa competencia ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servizos sociais sen prexuízo das que lle corresponden á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

f) A elaboración do estudo do anteproxecto do orzamento correspondente ao seu centro directivo, así como a súa xestión, seguimento e avaliación e a elaboración de estatísticas nas materias da súa competencia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Acción Social contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1.1. Subdirección Xeral de Maiores.

Correspóndenlle a esta subdirección xeral as seguintes funcións:

a) A coordinación e supervisión dos servizos dependentes dela, a xestión, programación, aseso

ramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, servizos e equipamentos de atención especializada ás persoas maiores sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

b) A coordinación da atención sociosanitaria no que atinxe ao ámbito das competencias da subdirección xeral.

c) A avaliación da necesidade de recursos e actuacións encamiñadas a cubrir as demandas do colectivo das persoas maiores, o fomento e a promoción de actuacións e medidas favorecedoras da plena participación dos maiores na sociedade e da mellora da súa calidade de vida, a fixación dos criterios de aplicación dos baremos para seren beneficiarios dos servizos, a proposta e xestión da creación de programas e recursos, a elaboración das propostas de ordenación e avaliación dos recursos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

2.1.1.1. Servizo de Programas para Maiores.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, a xestión, o seguimento e o control dos servizos e programas dirixidos ao sector das persoas maiores.

b) A elaboración, coordinación, seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios e concertos con entidades prestadoras de servizos sociais que atinxen ao colectivo das persoas maiores.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas en que legal ou regulamentariamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Acción Social ou a esta lle corresponda por delegación.

d) A planificación, control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores, a súa participación activa e a coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.

e) A elaboración de informes e estatísticas, así como a proposta de actuacións e normativa no ámbito das materias que atinxen ao servizo.

2.1.1.2. Servizo de Coordinación Sociosanitaria.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Actuar como unidade de coordinación dos programas sociais existentes na subdirección xeral con

outras áreas de actuación dependentes doutros órganos, así como a xestión operativa dos recursos sociais susceptibles de colaboraren con outras áreas.

b) A elaboración dos informes e estatísticas de resultados dos programas que estean en funcionamento así como as propostas que permitan mellorar os resultados das intervencións sociais, en relación coas actuacións desenvolvidas desde outras áreas.

c) A coordinación e control de xestión dos centros e servizos nas áreas sociais que lle corresponden, así como a elaboración de propostas de xestión operativa de medios humanos e recursos, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

d) O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que legal ou regulamentariamente teña atribuída competencia resolutoria da Dirección Xeral de Acción Social ou a esta lle corresponda por delegación.

e) Fixar os criterios de avaliación socioeconómica para establecer o diagnóstico sobre as necesidades dos maiores solicitantes de recursos sociais e definir criterios de seguimento dos beneficiarios que permitan avaliar a idoneidade do servizo ou axuda concedida e a mellora da súa calidade de vida.

2.1.2. Subdirección Xeral de Discapacidade.

Correspóndenlle a esta subdirección as seguintes funcións:

a) A coordinación e supervisión dos servizos dependentes dela, a xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, servizos e equipamentos de atención especializada na área de actuación de discapacidades sen prexuízo das que lle correspondan á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

b) A elaboración de programas, proxectos e servizos orientados á integración social das persoas discapacitadas, así como á promoción da accesibilidade, á rehabilitación, tratamento e á prevención das discapacidades.

c) A coordinación dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas.

d) A coordinación do funcionamento do Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1.2.1. Servizo de Programas para Persoas con Discapacidade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A preparación, xestión, seguimento e control dos servizos e programas de actuación dirixidos ás

persoas con discapacidade e a potenciación e promoción de programas e medidas para a integración social.

b) A preparación, coordinación e seguimento das actuacións e axudas establecidas.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas cales legal ou regulamentariamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Acción Social ou a esta lle corresponda por delegación.

d) O estudo de necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa no ámbito de competencia do servizo.

e) A actualización e explotación do censo de discapacitados.

2.1.2.2. Servizo de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A preparación, coordinación, seguimento e control dos convenios e convocatoria de subvencións de investimento en obras e equipamento coas entidades prestadoras de servizos sociais.

b) A coordinación e seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con discapacidade dependentes da Administración autonómica.

c) O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras, así como a proposta de actuacións e de normativa na materia competencia do servizo.

d) A promoción da divulgación, información e o estudo da accesibilidade e supresión de barreiras.

e) O asesoramento a responsables institucionais, profesionais e entidades implicadas en programas de accesibilidade e supresión de barreiras.

f) O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que legal ou regulamentariamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Acción Social ou a esta lle corresponda por delegación.

g) O apoio técnico e administrativo á Comisión Técnica de Accesibilidade e ao Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

2.1.3. Subdirección Xeral de Menores.

Corresponderanlle a esta subdirección as funcións de xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos

e centros dedicados á prestación de servizos sociais dedicados aos menores en situación de risco ou desamparo, ben de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada, así como todas as funcións derivadas da aplicación e desenvolvemento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, para a execución das medidas xudiciais nesta comunidade autónoma.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1.3.1. Servizo de Defensa do Menor.

A este servizo corresponderalle a implantación, desenvolvemento, seguimento e avaliación dos programas contidos no Plan Integral de Apoio á Familia, tanto no que atinxe á promoción e defensa dos dereitos da infancia, como nas actuacións de prevención ante situacións de risco ou de desprotección social que poidan afectar os menores; a coordinación dos equipos provinciais do menor e as propostas de desenvolvemento normativo nas materias da súa competencia, así como cantas outras lle correspondan no seu exercicio.

2.1.3.2. Servizo de Atención a Menores en Situación de Conflito Social.

A este servizo corresponderanlle cantas actuacións procedan para a execución das medidas previstas na normativa vixente e acordadas polos xulgados de menores ante a comisión de infraccións tipificadas como faltas ou delitos pola poboación menor de idade penal; a implantación, execución, seguimento e avaliación dos programas dirixidos a menores en conflito social, tanto en medio aberto como en internamento, en aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, así como cantas outras lle sexan encomendadas por razón da súa competencia.

2.1.4. Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

Correspóndenlle a esta subdirección as seguintes funcións:

a) A realización dos programas de inclusión social en relación coas problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando proxectos de traballo social personalizado ou de grupos.

b) As funcións de planificación, programación, coordinación, seguimento, avaliación e control da xestión das prestacións sociais e económicas competencia da Dirección Xeral de Acción Social nas súas áreas de actuación.

c) A xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, centros e servizos de atención primaria sen prexuízo da que lle corresponda á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, a coordinación do funcionamento do Consello Galego de Servizos Sociais e a xestión

e coordinación do funcionamento das mesas autonómica e provinciais de control e avaliación da renda de integración social de Galicia.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo.

2.1.4.1. Servizo de Inclusión Social.

Correspóndelle a este servizo a coordinación, execución e seguimento dos plans e programas de actuación da subdirección xeral, concretados no plan de inclusión social de Galicia, de equipamentos e servizos sociais e dos programas xurdidos da participación en iniciativas comunitarias dirixidas a paliar as ditas problemáticas, así como a execución dos proxectos que, se é o caso, se deriven.

2.1.4.2. Servizo de Cooperación coas Corporacións Locais.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servizos sociais de atención primaria.

b) A coordinación das actividades formativas relativas ao desenvolvemento e execución dos programas de atención primaria e o asesoramento e asistencia técnica aos concellos e outros entes locais en materia de atención primaria de servizos sociais.

c) A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servizos sociais de atención especializada nas áreas de inclusión social, dependentes das entidades locais.

d) A implantación e o seguimento do Sistema de Información dos Usuarios de Servizos Sociais (SIUSS) e do Manual para os Profesionais de Traballo, Información e Asesoramento de Servizos Sociais (Matiass).

e) A preparación, xestión, seguimento e control dos programas que regulan axudas destinadas á prestación de servizos sociais polas corporacións locais, nas materias anteriormente citadas.

2.1.4.3. Servizo de Prestacións.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión das prestacións previstas na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

b) A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

c) A preparación, xestión, seguimento e control dos programas que establecen subvencións destinadas á prestación de servizos sociais no seu ámbito competencial.

d) O estudo, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, en que legal ou regulamentariamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Acción Social ou a esta lle corresponda por delegación.

2.1.5. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servizo, con dependencia directa do/a director/a xeral de Acción Social, corresponderalle a xestión e control do pagamento das axudas e subvencións, así como a xestión da contratación administrativa para os programas e actividades xestionadas pola dirección xeral sen prexuízo do control e coordinación pola Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

2.2. Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Á Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, órgano directivo dependente xerarquicamente do vicepresidente da Igualdade e do Benestar e adscrito á Secretaría Xeral do Benestar, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión e a coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e especificamente o apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, así como o fomento da participación da xuventude na vida social. En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, sen prexuízo das competencias atribuídas á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais en materia de persoal, xestión económica e orzamentaria, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlle a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade. Así mesmo, corresponderalle o fomento das relacións e da cooperación con outras comunidades autónomas e intercambios co estranxeiro en materia de xuventude, fomento dos programas de turismo xove e promoción e organización das actuacións en materia de información e documentación para a xuventude.

b) A xestión e coordinación das actuacións da Secretaría Xeral do Benestar en materia de voluntariado, así como a elaboración e o seguimento do Plan Galego de Fomento e Promoción da Acción Voluntaria e a xestión do sistema de rexistro autonómico das entidades de acción voluntaria.

Tamén será a súa función o desenvolvemento das actuacións de promoción, investigación, asistencia e formación en materia de voluntariado e todas aquelas segundo o disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade contará coas seguintes unidades administrativas:

2.2.1. Subdirección Xeral de Programas.

Correspóndenlle a esta subdirección as seguintes funcións:

a) Promoción, difusión e seguimento de programas, actividades e a elaboración de convenios dirixidos a fomentar a colaboración coas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados en actividades dirixidas á xuventude.

b) O seguimento na xestión do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil da Rede Galega.

c) A promoción e desenvolvemento da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil en coordinación con centros de información do Estado español e das comunidades autónomas.

d) A elaboración, publicación e difusión de enquisas, estudos e informes sobre a xuventude galega.

e) A información, promoción e coordinación dos programas da Unión Europea dirixidos á xuventude.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.2.1.1. Servizo de Programas.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento e seguimento dos distintos programas e servizos dedicados á formación, información, estudos e estatísticas en materia de xuventude.

b) A promoción, difusión e seguimento dos programas e actividades dedicados á xuventude organizados polas administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados.

c) A información, promoción e coordinación dos programas europeos dedicados á xuventude.

d) A tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias da subdirección xeral.

e) A coordinación das relacións co Consello da Xuventude de Galicia.

2.2.2. Subdirección Xeral de Centros e Servizos á Xuventude.

Correspóndenlle a esta subdirección as seguintes funcións:

a) Promoción e seguimento do asociacionismo xuvenil.

b) A organización e xestión dos programas de actividades culturais de lecer e tempo libre.

c) A promoción e o fomento dos programas de turismo xove.

d) A coordinación, asistencia técnica, seguimento e avaliación dos programas de servizos e centros dedicados á xuventude.

e) O fomento e promoción de intercambios e mobilidade de mozos/as con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

f) A promoción e difusión dos distintos carnés dirixidos á xuventude.

g) O desenvolvemento das funcións propias da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre.

Para o desenvolvemento das súas funcións, contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.2.2.1. Servizo de Promoción de Actividades e Servizos.

Correspóndenlle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) O desenvolvemento, coordinación, xestión e seguimento dos programas e servizos a prol da xuventude que lle correspondan á subdirección xeral.

b) A participación na xestión e programación das actividades que se realizan en campamentos, albergues, casas e centros de xuventude.

c) A promoción e difusión de intercambios xuvenís con outras comunidades autónomas e países estranxeiros.

d) A tramitación e seguimento das axudas e subvencións relacionadas coas materias propias da subdirección xeral.

e) A promoción e xestión do Carné Xove e Carné Máis, así como a promoción e xestión dos carnés nacionais e internacionais para a xuventude.

f) A coordinación e xestión do rexistro de instalacións xuvenís.

g) As funcións de fomento e seguimento de todas as actividades relacionadas co asociacionismo xuvenil e a coordinación e xestión do censo de asociacións xuvenís.

h) A programación e ordenación de ensinanzas a través da Escola Galega de Lecer e Tempo Libre, así como a promoción das diferentes actividades formativas relacionadas cos programas e actividades xestionados pola subdirección xeral.

i) A coordinación dos servizos prestados nos albergues e residencias da nosa comunidade autónoma integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís.

2.2.3. Subdirección Xeral de Solidariedade e Participación.

Corresponderalle a esta unidade administrativa promover o voluntariado galego, fomentar e canalizar as iniciativas de asociacións, persoas voluntarias ou entidades tanto públicas como privadas e buscar solucións a necesidades que presenta este colectivo na realización das súas tarefas, así como a elaboración e seguimento do Plan Galego para a Promoción

e o Fomento da Acción Voluntaria e a xestión do rexistro de entidades de acción voluntaria.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.2.3.1. Servizo de Asociacionismo.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Coordinación dos programas e proxectos de voluntariado en áreas de interese xeral existentes na Secretaría Xeral do Benestar con outras áreas de actuación dependentes doutros departamentos e entidades públicas e privadas.

b) Xestión e organización do Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Establecer os criterios para o seguimento e control das entidades de acción voluntaria.

d) Coordinación dos centros de iniciativas de voluntariado galego nas delegacións provinciais.

e) Proporcionar información, asistencia e asesoramento técnico ás entidades locais e demais entidades públicas ou privadas interesadas no desenvolvemento de programas ou proxectos de acción voluntaria.

f) Fomentar, por iniciativa propia ou en colaboración con entidades públicas ou privadas, o desenvolvemento de actuacións de voluntariado en áreas de interese xeral en que non existan este tipo de actuacións.

g) Fomentar entre as entidades de acción voluntaria a elaboración de estudos, investigacións e estatísticas sobre o voluntariado en Galicia.

h) Planificar e colaborar con entidades, públicas e privadas, no desenvolvemento de accións ou programas educativos, formativos e culturais que faciliten a formación básica e específica do voluntariado, así como a cualificación dos xestores das entidades de acción voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de facilitar a profesionalización dos distintos axentes que actúan neste ámbito.

i) Prestar asesoramento, apoio técnico, participación e seguimento das actuacións da Comisión de Arbitraxe do Voluntariado, así como noutros órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente en materia de voluntariado.

j) Elaborar e realizar o seguimento da execución dos programas e accións previstos no Plan Galego para a Promoción e o Fomento da Acción Voluntaria por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia e entidades públicas e privadas que obteñan financiamento da Administración autonómica de Galicia.

2.2.3.2. Servizo de Solidariedade.

Correspóndelle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) Promover e fomentar a participación e solidariedade da poboación da Comunidade Autónoma de

Galicia en actuacións de voluntariado, ben directamente, ben a través das entidades legalmente constituídas para o efecto.

b) Promover, participar e cooperar con entidades ou organismos doutras comunidades autónomas, de ámbito estatal ou internacional, para actuacións do voluntariado.

c) Desenvolver campañas de difusión e sensibilización á poboación da Comunidade Autónoma de Galicia sobre os programas de acción do voluntariado.

d) Tramitar e realizar o seguimento e control dos expedientes de subscrición de convenios, concertos ou outras figuras legais de colaboración con entidades de acción voluntaria para a execución e o desenvolvemento de programas e proxectos en materia de voluntariado.

e) Promocionar os proxectos de voluntariado social en Galicia mediante a xestión da convocatoria de axudas e subvencións dirixidas a entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.

f) Elaborar e xestionar proxectos europeos de política social en relación con áreas de acción voluntaria en Galicia.

g) Confeccionar e manter o catálogo de recursos do voluntariado e creación e xestión de fondos documentais e bases de datos sobre voluntariado.

h) Elaborar propostas normativas, informes, estudos e estatísticas referentes aos programas de voluntariado.

i) Asesorar e realizar a coordinación do Consello Galego de Voluntariado, exercendo as funcións de secretariado deste.

2.2.4. Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa.

A este servizo, con dependencia directa do/a director/a xeral de Xuventude e Solidariedade, corresponderalle a xestión e control do pagamento das axudas e subvencións, así como a xestión da contratación administrativa para os programas e actividades xestionadas pola dirección xeral sen prexuízo do control e coordinación que lle corresponda á Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais.

Artigo 7º.-As delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar.

1. En cada unha das provincias da comunidade autónoma existirá unha Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de acordo co establecido no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se organiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos seus órganos territoriais.

Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado/a que, reunindo os requisitos exixidos no Decreto 244/1990, do 18 de abril, asumirá as funcións e competencias que lle atribúe o Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e a demais normativa vixente. Dependerá orgánica e funcionalmente do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo das directrices funcionais que diten os distintos centros directivos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Exercerá, así mesmo, as funcións e competencias como delegado/a provincial do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, as delegacións provinciais contarán coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo.

2.1. Secretaría da delegación.

Corresponderalle ao/a secretario/a provincial, baixo a autoridade e supervisión do delegado/a, o exercicio das funcións relativas ao réxime interior, á tramitación administrativa, xestión de persoal, a elaboración de estatísticas e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ao delegado/a, a quen substituirá nas súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade. Así mesmo, corresponderalle a coordinación e control do funcionamento de todos os servizos e centros dependentes da delegación provincial, velando polo cumprimento das instrucións impartidas polo delegado/a.

2.2. Servizo de Administración e Contratación.

Corresponderalle a este servizo a elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da delegación e a xestión dos créditos que se lle asignen, así como o desenvolvemento de todas as actuacións inherentes á contratación administrativa cando o delegado/a provincial actúe como órgano de contratación.

2.3. Servizo de Igualdade.

Desenvolverá as funcións propias da Secretaría Xeral da Igualdade nas materias da súa competencia no respectivo ámbito provincial.

2.4. Servizo de Xuventude e Solidariedade.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Secretaría Xeral do Benestar no respectivo ámbito provincial.

2.5. Servizo de Persoas Maiores, Persoas con Discapacidade e Menores.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Acción Social da Secretaría Xeral do Benestar no respectivo ámbito provincial nas áreas sociais de persoas maiores e discapacitadas así como menores.

2.6. Servizo de Prestacións.

Desenvolverá as funcións propias da Dirección Xeral de Acción Social da Secretaría Xeral do Benestar no respectivo ámbito provincial nas áreas sociais de servizos comunitarios e inclusión social.

Artigo 8º.-Órganos colexiados.

Están adscritos á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar coa composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes órganos colexiados:

-Comisión Interdepartamental de Xuventude.

-Observatorio Galego da Familia.

-Consello Galego do Voluntariado.

-Comisión Interinstitucional do Menor.

-Consello Galego das Persoas Maiores.

-Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

-Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

-A Comisión Técnica de Accesibilidade.

-Consello Galego de Servizos Sociais.

Disposición adicional

Única.-As competencias que a Lei 3/2000, do voluntariado de Galicia lle atribúe ao Servizo Galego do Voluntariado serán exercidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

Disposición transtitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das devanditas unidades, autorízase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar por proposta do secretario xeral e de Relacións Institucionais, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Nos casos de supresión das subdirección xerais ou servizos existentes as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida nesta norma. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do titular do departamento, por proposta do secretario xeral e de Relacións Institucionais, aos órganos regulados nesta norma, en función das atribucións que este teña atribuídas.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogados o Decreto 5/2005, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado así como todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o vicepresidente da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de outubro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES