DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 06 de outubro de 2005 Páx. 16.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 513/2005, do 22 de setembro, polo que se modifica o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 302/2001, que regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, dedica o seu capítulo IV a regular o procedemento de autorización dos parques eólicos e o capítulo VII a regular o procedemento para o recoñecemento da utilidade pública destas instalacións.

Ata o momento vense exixindo que a solicitude de recoñecemento en concreto da utilidade pública dun parque eólico se presente ao mesmo tempo que a solicitude de autorización da instalación. Porén a práctica demostra que esta exixencia dota de excesiva rixidez o procedemento.

En efecto, aínda que resulta posible que o promotor identifique desde o inicio da tramitación do parque eólico as afeccións e as servidumes que se precisará impoñer, tamén o é que a expropiación forzosa se configura como vía á que acudir no caso de falta de acordos voluntarios cos titulares dos bens e dereitos afectados.

Desta forma, condicionar o recurso á expropiación forzosa a que esta sexa instada desde o principio da tramitación do expediente, non só pode resultar contrario ao espírito de procurar preferentemente acordos voluntarios, senón que pode obrigar as empresas interesadas a iniciar preventivamente os trámites de expropiación, para evitar pechar o acceso a ese trámite en caso de falta de acordo, dando lugar a prolixas tramitacións que poden resultar innecesarias.

De acordo co anterior resulta aconsellable modificar este aspecto do Decreto 302/2001 e en consonancia co principio xeral que rexe para o resto de instalacións eléctricas permitir que o recoñecemento en concreto da utilidade pública se solicite con posterioridade á iniciación do procedemento

conducente á obtención da autorización administrativa.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 302/2001.

Modifícase o segundo parágrafo do punto 1º do artigo 27 do Decreto 302/2001 que queda redactado da seguinte forma:

«Para o dito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación».

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria