DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 06 de outubro de 2005 Páx. 16.397

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 512/2005, do 29 de setembro, polo que se modifican os estatutos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Publicados os decretos 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Xunta de Galicia e 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, faise preciso modificar os estatutos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para o que, e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da comunidade autónoma, e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de setembro de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar os artigos 17º e 23º dos estatutos da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, aprobados polo Decreto 377/1991, do 19 de setembro, que quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 17º.-O Consello de Administración.

1. O Consello de Administración estará integrado por un mínimo de 5 e un máximo de 7 conselleiros, que serán nomeados pola Xunta Xeral.

2. Será presidente do Consello de Administración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo o conselleiro competente en materia de turismo.

3. O secretario do Consello de Administración será o director xeral de Turismo, e en defecto da súa asistencia, asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade.

Artigo 23º

1. Por proposta do presidente, o Consello de Administración poderá nomear un ou varios conselleiros delegados coas facultades que se determinen no correspondente acordo. Do mesmo xeito, poderá constituír comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais.

2. Os comités e as comisións serán presididas polo presidente e, no seu defecto, polo conselleiro de maior idade.

3. As actas que, se é o caso, se levanten serán autorizadas polo secretario do consello».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de setembro de dous mil cinco.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda