DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 05 de outubro de 2005 Páx. 16.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 27 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias da Consellería de Cultura e Deporte.

O artigo 4.1º do Decreto 136/2005, do 26 de maio, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dispón que á Secretaría Xeral lle corresponden as competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan encomendadas por delegación do titular da consellería.

A actividade administrativa da Consellería de Cultura e Deporte supón unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería e no director xeral para o Deporte, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, 72.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegación de competencias.

Delégase no secretario xeral o despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á titular da consellería, nos termos previstos nos artigos seguintes.

Artigo 2º.-Administración de persoal.

Delégase no secretario xeral o exercicio das facultades que lle corresponden á conselleira en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais disposicións en vigor.

Así mesmo, delégase no secretario xeral a designación das comisións de servizo, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Cultura e Deporte.

Artigo 3º.-Xestión financeira, orzamentaria e patrimonial.

1. Delégase no secretario xeral a autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da Consellería de Cultura e Deporte, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos, agás os que se deleguen expresamente noutros órganos.

Delégase tamén no secretario xeral o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe ao titular da consellería.

2. Delégase no director xeral para o Deporte a autorización e disposición dos gastos do seu centro directivo dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos relativos a elas.

Artigo 4º.-Contratación.

1. Deléganse no secretario xeral as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente, agás as que se deleguen expresamente noutros órganos.

2. Deléganse no director xeral para o Deporte as funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas á titular da consellería, en temas de deportes cuxas partidas orzamentarias estean recollidas dentro dese centro directivo.

Artigo 5º.-Recursos administrativos.

Delégase no secretario xeral o exercicio das competencias seguintes:

a) A resolución dos recursos de alzada e extraordinario de revisión e as reclamacións previas á vía civil ou laboral, cando a facultade de resolución corresponda á titular da consellería, así como a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa.

b) A admisión a trámite e resolución das solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992.

c) A resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial atribuídos á titular da consellería.

Artigo 6º.-Subvencións.

Delégase no secretario xeral a competencia para resolver os procedementos de concesión de axudas e subvencións e, se é o caso, acordar o seu reintegro, así como a incoación de procedementos sanciona

dores e imposicións de sancións tipificadas como leves e graves no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 7º.-Réxime xurídico das delegacións.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde, farán constar expresamente esta circunstancia, e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

2. En calquera momento, a conselleira poderá reclamar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde serán exercidas temporalmente polos directores xerais, seguindo a orde de prelación establecida polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

4. Enténdese comprendido na delegación no secretario xeral o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogadas a Orde do 15 de decembro de 1997 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; a Resolución do 13 de decembro de 2002, pola que se delega nos delegados provinciais o exercicio de determinadas competencias en materia de protección do patrimonio cultural; e a Resolución do 25 de abril de 2003, pola que se delega no xerente do Centro Galego de Arte Contemporánea a sinatura de actos administrativos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2005.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte