DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 04 de outubro de 2005 Páx. 16.308

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2005 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, de creación do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a realización dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar ao colectivo voluntario de protección civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes en estrada. Terán prioridade os membros das agrupacións de voluntarios de protección civil (AVPC) que dispoñan de equipamentos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para o curso será de 27.

2. Duración e datas:

O curso terá lugar do 24 ao 28 de outubro de 2005 e cunha duración de 40 horas lectivas.

O horario será das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.30 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta en todos os seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 19 de outubro de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e co selo desta, e no caso

de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde de preferencia. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou o fax 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

No curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranoencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de vítimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación suficiente á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 02 46.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de setembro de 2005.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director xeral do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia