DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 04 de outubro de 2005 Páx. 16.303

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de setembro de 2005 sobre delegación de competencias no secretario xeral de Comunicación.

A actividade administrativa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral de Comunicación, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral de comunicación as seguintes competencias:

a) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da Secretaría Xeral de Comunicación, así como o seu compromiso e liquidación, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos, agás respecto dos créditos do capítulo I.

b) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ao titular da consellería pola lexislación vixente en relación cos servizos da Secretaría Xeral de Comunicación.

c) A subscrición, modificación e prórroga dos convenios de colaboración con outras administracións públicas ou entes de dereito público, así como os particulares que outorgue esta consellería en temas relacionados coa comunicación.

d) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Secretaría Xeral de Comunicación.

e) Dispoñer canto concirne o réxime interno da Secretaría Xeral de Comunicación cando non sexa competencia do conselleiro, da Secretaría Xeral da consellería ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten e mais os convenios que se realicen facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e considéranse ditadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2005.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza