DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Luns, 03 de outubro de 2005 Páx. 16.258

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 29 de setembro de 2005 pola que se modifica a do 19 de setembro, sobre delegación de competencias no secretario xeral e de Relacións Institucionais e noutros órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Con data do 22 de setembro de 2005 publícase a Orde do 19 de setembro de 2005, sobre delegación de competencias no secretario xeral e de Relacións Institucionais e noutros órganos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. A necesidade de clarificar algún aspecto das competencias delegadas leva consigo a súa modificación a través desta disposición.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; o artigo 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación do punto 4 do artigo 2º da Orde do 19 de setembro de 2005, referida á delegación das competencias nos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar, no seu ámbito territorial.

Modifícase o punto 4 do artigo 2º sobre as competencias nos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar en contratación e xestión financeira e orzamentaria, redactado como a continuación se indica:

«4. Deléganse nos delegados provinciais da Igualdade e do Benestar, no seu respectivo ámbito territorial, as competencias seguintes:

a) A contratación de servizos relativos a gastos correntes así como a contratación de subministracións de bens funxibles, con cargo ao capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servizos xestionados polos órganos periféricos.

b) A tramitación e formalización dos contratos administrativos especiais que non xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica.

c) A xestión das obrigas adquiridas mediante o asinamento de contratos de xestión de servizos públicos de carácter asistencial e as xeradas pola reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais, ocupacionais e residencias, no ámbito do maior e de persoas con discapacidade.

d) En relación ás alíneas a) e c) anteriores, así como respecto dos créditos desconcentrados, a autorización e disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

e) A realización de todos os trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros e para o ingreso en escolas infantís 0-3, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento».

Artigo 2º.-Nova disposición referida ás axudas e subvencións.

Engádese a disposición adicional única referida a axudas e subvencións, redactada como a continuación se indica:

Disposición adicional

Única.-En relación ás axudas e subvencións será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2005.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA